1942: O ano en que se proclama o Día da Galiza Mártir(Cen Anos de Historia Cultural)O 28 de xuño de 1942 reaparece o xornal galeguista
A Nosa Terra. Como é lóxico, no exilio arxentino e editado pola Irmandade Galega de Bos Aires: no seu primeiro número reprodúcense os datos do plebiscito do Estatuto de 1936 e dase conta tamén do Manifesto de constitución das Mocidades Galegas, dirixidas por M. Pedreira, Bernardo Souto e V. Buxán Rivas. Nese ano só editaron tres números (425 a 427) pero neles colaboraron nomes como Castelao, Blanco Amor, Núñez Búa, Avelino Díaz, A. Alonso Ríos, X. Álvarez Gallego e M. da Presa, entre outros. Habituais eran os artistas Luís Seoane e Colmeiro e os poetas Antón Zapata García e "Verduguillo" (Delgado Gurriarán) cos seus poemas satíricos: en "O apóstol vaise" Santiago Apóstolo toma o camiño dos exiliados, "lonxe dos crueles,/ viles asesiños".
En lembranza do asasinato de Bóveda, a Irmandade declara o 17 de agosto o
Día dos Mártires Galegos e xa nese ano celébrase un funeral cívico no Centro Orensano no que falan Castelao e Blanco Amor, ademais de R. Aldasoro e M.Serra Moret en nome dos vascos e cataláns. Polo xornal sabemos tamén da celebración dunha gran Mostra de Arte Galego nesa institución con obras de Castelao, Maside, Castro Gil, Seoane, A. Souto, F. Ribas e Díaz Baliño, entre outros. Tamén en A Nosa Terra aparecen publicados xa dous anacos, en galego neste caso, da novela de Blanco Amor La Catedral y el Niño, que aparecerá seis anos despois. Pedro Campos propón, no mesmo xornal, declarar como
"data nazonal" de Galicia o día do Plebiscito (28 xuño) e deixar o 25 de xullo só como "festa da cultura e do esparcemento". Tamén en América van aparecer as primeiras pedras da literatura de posguerra. Nese ano aparecen en Buenos Aires un libro fundamental das nosas letras, o poemario
Jacobusland, de Emilio Pita, e tamén o ensaio
Co pensamento na patria galega, de Antonio Alonso Ríos e con prólogo de Castelao.
(Foi tamén o ano en que morreu Cándido Fernández Mazas, autor do cartel da imaxe, e no que naceron Arcadio López-Casanova e Xavier Carro. E no que Filgueira Valverde asumiu a direción do Museo de Pontevedra. E moitas máis cousas:
O artigo completo aquí)
7 comentarios:
Con permiso do dono do blog, e por se podera interesar a alguén, colgo aquí unha parte dunha conferencia -inédita- pronunciada por un amigo seu, de quen omito o nome.
XA CANTAN OS GALOS
Historia e Memoria de Alenxandre Bóveda
Unha breve aproximación
(Draft)
Non houbo galos
Prá mañá triste dos seus ollos mortos.
Salvador García Bodaño
(“No derradeiro mencer de Alexandre Bóveda”, Ao pé de cada hora, 1967)
II. Memoria
Alexandre Bóveda Iglesias foi considerado o prototipo do mártir galego, despois da súa tráxica morte o 17 de agosto de 1936, cando foi executado na estrada de Campanó, na Caeira, en Pontevedra. Froito do xuízo sumarísimo ao que fora sometido polos militares sublevados contra a democracia republicana, a súa morte, ou mellor dito: o seu asasinato, causou un fondo impacto, tanto dentro da Galicia ocupada polas tropas rebeldes, como fóra, na España aínda republicana e na diaspora.
Unha vez concluída a guerra civil española, e como non podía ser doutro xeito, será sobre todo no exilio onde se vai gardar máis explicitamente a súa memoria por parte dos republicanos exiliados e, sobre todo, dos galeguistas. En efecto, serán os galeguistas do exilio quen, con Castelao á cabeza, levarían a iniciativa para institucionalizar, a partir do ano 1942, a conmemoración do 17 de agosto como Dia da Galiza Mártir, en honor a Bóveda, en tanto que símbolo de todos os represaliados e executados durante a guerra civil. Sen embargo, todo parece indicar e digámolo a título de mera hipóstese, pois o asunto está por investigar que, ao abeiro das divisións internas entre os republicanos no exilio e logo das diferencias entre galeguistas do exilio/galeguistas do interior, a consideración de Bóveda como lugar de memoria quedou circunscrito case exclusivamente ao reducido círculo dos galeguistas, e que, unha vez morto Castelao en 1950, a súa conmemoración foi perdendo importancia no conxunto da comunidade emigrante.
En Galicia, os galeguistas do interior non podían, por mor da ditadura, celebrar publicamente ningún acto de tipo político, tan só misas, como a do Día de Galicia ou a de Rosalía, ou actividades culturais, sempre sometidos a vixilancia e, se era o caso, a represión selectiva. Ademais, a orientación "culturalista" do galeguismo do interior, que ten como punto de referencia a fundación da editorial Galaxia en 1950, implicou que se fixese máis fincapé na dimensión cultural o que, desde logo, non era pouco naquelas circunstancias que na estritamente política. Así as cousas, Alexandre Bóveda que carecía dunha faciana literaria ou artística que poidese ser reivindicada pouco a pouco foi quedando inevitablemente relegado ao esquecemento. Isto non impediu que, a título persoal, determinados galeguistas do interior lembrasen emocionados a figura de Bóveda en colaboracións da prensa da emigración. O caso máis paradigmático neste sentido foi o de Ramón Otero Pedrayo, quen en 1953 publica O libro dos amigos en Buenos Aires. Neste libro, cautamente pero con valentía, Otero rememora a súa amizade con 39 persoeiros da cultura galega xa mortos. Entre eles están Castelao bicha negra do franquismo e tamén varios dos galeguistas asesinados: Roberto Blanco Torres, Ánxel Casal, Víctor Casas e, claro está, Alexandre Bóveda. Deste último, entre outras cousas, dirá: “O seu rexo sentido do Estado facía del un home de goberno que procura casar a xustiza coa política, a orde legal coa orde moral, e asentar os deberes dos galegos nunha comprensión verdadeira do ser de Galicia”, facendo tamén velada alusión a súa tráxica morte: “… a súa fidelidade á idea xurada, servida deica o morrer con enteireza de cabaleiro e humilde católico”, e “Escribindo un piñeiral de Pontevedra bota sombras nas coartelas, deixa escuitar un pranto”.
Agora ben, as novas xeracións que se incorporan ao Novo Nacionalismo Galego a partir dos anos sesenta (PSG fundado en 1963, e UPG en 1964) acabarían rexeitando o legado dos galeguistas históricos do interior, en especial a UPG, que o faría con gran virulencia. Isto implicou que partisen cun claro déficit no coñecemento da historia do nacionalismo galeguista de preguerra, e con el do crucial papel xogado por Alexandre Bóveda durante a II República (que, como vimos, fora fundamentalísimo na configuración do PG como un partido moderno e na loita polo Estatuto de Autonomía), a pesar das sentidas e xustas catorce referencias que Castelao lle dedica en Sempre en Galiza, obra dedicada a súa memoria.
Postos a elixir un referente na historia, o escollido polo Novo Nacionalismo Galego foi, loxicamente, Castelao, porque reunía todos os requisitos axeitados. En efecto, ademais de ser un gran artista e escritor que soubera expresar xenialmente os anceios do pobo, na figura de Castelao compendiábanse varias características que o facían moi axeitado para situarse como un dos principais referentes da nova identidade e ideoloxía nacionalistas: fora representante da ala progresista, democrática e republicana do Partido Galeguista que apostara pola Fronte Popular, tivera unha activa posición antifascista durante a guerra civil, sofrira o exilio e na diáspora mantivera viva a chama das reivindicacións galeguistas ata a súa morte en 1950. Coroándoo todo, escribíu e publicou a obra Sempre en Galiza (1ª edición: 1944; 2ª edición aumentada: 1961), moi axiña cualificada como “biblia do galeguismo”. Ademais, as propias características do Sempre en Galiza cualificado con razón de texto-collage permitían doadamente extraer del os criterios para lexitimarse no pasado e para o deseño xenérico dunha nova política nacionalista de esquerdas.
Certamente, Alexandre Bóveda compartira politicamente a mesma posición que Castelao durante a II República, pero volcárase esencialmente na acción e na organización políticas, polo que, contrariamente a Castelao, non puido publicar en vida, nin tampouco deixar, un libro escrito sobre o seu pensamento. Como ía ser doutro xeito, se morreu, se o mataron aos 33 anos! Así, a obra publicada por Bóveda e á espera da exhumación completa de textos aínda hoxe inéditos foi escasa e puntual, sobre todos textos publicados e espallados ao longo das páxinas do voceiro do Partido Galeguista A Nosa Terra, entre febreiro de 1932 e xullo de 1936 (uns trinta e cinco artigos asinados co seu nome), ademais doutros sen asinar, pero que, polo xeral, tiñan unha dimensión máis política e organizativa, conxuntural e escasamente teórica, agás nos que versaba dos temas fiscais e facendísticos. En calquera caso, é obvio subliñar as dificultades para acceder ás coleccións completas de ANT durante aqueles anos.
Esta “preferencia” por Castelao no canto de Bóveda foi abrumadora por parte da UPG, o grupo máis activo e máis importante do Novo Nacionalismo Galego. Porque, en efecto, foi a UPG quen se apropiou de Castelao desde o primeiro momento: “No nome de Castelao, pedimos que a Nosa Terra sexa nosa”, dicía en 1965 no primeiro número do seu voceiro Terra e Tempo, e no número cinco, do ano 1966, incluía un texto co inequívoco título “Castelao, precursor da UPG”, que concluía coa seguinte afirmación: “Si Castelao vivise, sería membro da UPG”. Isto non impediu que escritores da súa órbita (como Manuel María, X.L. Méndez Ferrín baixo o pesudónimo Heriberto Bens ou D.X. Cabana baixo o pseudónimo de Daniel Méndez O´Donell, todos en 1971) publicasen os seus respectivos poemas en loor de Alexandre Bóveda. Pero pouco máis. A UPG nin sequera reivindicou sistematicamente, nin menos aínda celebrou, o Día da Galiza Mártir durante os anos do tardofranquismo e da transición á democracia. E iso que, á altura de 1972, publicouse a obra que aínda hoxe segue sendo fundamental para adentrarse nos principais episodios vitais e políticos de Bóveda: o libro do seu curmán Xerardo Álvarez Gallego, Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda (Buenos Aires, Edicións Nós). As políticas de conmemoración do nacionalismo radical liderado pola UPG centraríanse no Día da Patria Galega, nova denominación dada en 1974 á vella celebración galeguista do 25 de xullo, Día de Galicia, e no cabodano dun mártir propio, o de Moncho Reboiras, morto pola policía no mes de agosto de 1975.
O outro grupo do Novo Nacionalismo Galego, o PSG, sería o único que reivindicase sistematicamente, sobre todo a partir da transición á democracia, a Alexandre Bóveda como un personaxe nacionalista e progresista, recuperando a celebración do Día da Galicia Mártir, se cadra porque a figura de Castelao era xa propiedade política e simbólica da UPG e das demais organizacións nacionalistas satélites.
Por outra parte, para boa parte das elites económicas e políticas centristas que patrimonializaron a transición á democracia, Alexandre Bóveda era un personaxe incómodo nuns momentos nos que se quería facer táboa rasa do pasado. Isto púxose claramente de manifesto nun episodio ben significativo. O daquela Banco do Noroeste, encetara unha colección de libros titulada “Hombres que hicieron Galicia”, coa que agasallar os seus clientes. Ao mestre, escritor e editor Xosé Mª Álvarez Blázquez, un galeguista histórico que fora membro das Mocedades Galeguistas e emparentado con Bóveda, encargóuselle o volume correspondente a Alexandre Bóveda. Entregada a obra ao banco a finais de 1981, editouse en 1982, pero o banco decidiu, por escuras presións de diverso tipo, secuestrar a edición do libro e non distribuilo, sen dar ningunha explicación ao autor. Atado polo contrato, o libro tivo que agardar dez anos para que fose publicado.
Obviamente, non é lugar este para relatar ao por miúdo a complicada evolución do Novo Nacionalismo Galego. Tan só, aos efectos que nos ocupan, sinalar que o Día da Galicia Martir sería incorporado, pouco a pouco, ao repertorio das políticas de memoria e de conmemoración do nacionalismo desde mediados dos anos oitenta até hoxe. Por unha parte, por parte de membros do antigo PSG, quen, incorporados agora ao Bloque Nacionalista Galego (creado en 1982), incidirían en que esta pola do nacionalismo establecese a Alenxandre Bóveda tamén como un lugar de memoria nacionalista. Por outra banda, por parte do PSG-Esquerda Galega, cuxos membros procedentes do PSG farían o mesmo. Cando finalmente se reunan todas as ramas do nacionalismo no seo do BNG nos anos noventa, este desenvolverá xa, decididamente, o Día da Galiza Mártir como unha conmemoración máis do nacionalismo galego actual.
Foi xustamente, o alcalde nacionalista da cidade de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o que daría o primeiro paso para a firme consideración de Alexandre Bóveda como lugar de memoria, tratándoo de proxectalo alén da comunidade nacionalista. Primeiro coa celebración institucional do Día da Galiza Mártir, o 17 de agosto de 1999, que supuxo o primeiro recoñecemento oficial da súa cidade de adopción, despois de reiteradas negativas por parte dos anteriores gobernos municipais do PP. O seguinte paso, de gran significado político e emocional, tivo lugar o 11 de decembro de 1999, cando o Concello lle entregaba a Bóveda a Medalla de Ouro da Cidade e a distinción de Fillo Adoptivo do Concello de Pontevedra, galardóns que foron recollidos pola viúva do galeguista, Dona Amalia Álvarez Gallego, en presencia do alcalde da cidade, do presidente da recén creada Fundación Bóveda, Fernando Quintela, e de Xosé Luís Bóveda Álvarez, fillo do homenaxeado. Así mesmo, co obxecto de impulsar un coñecemento máis completo da súa vida e da súa obra, o Concello de Pontevedra acordaría declarar o 2003 como Ano de Alexandre Bóveda, no que tamén se implicaron a Fundación que leva o seu nome e outras entidades e institucións.
Deste xeito, o centenario do nacemento de Alexandre Bóveda deixou algúns froitos, como a recuperación dun arquivo coa súa voz, en colaboración co Consello da Cultura Galega, a publicación de libros e de material inédito, conferencias sobre aspectos descoñecidos da súa biografía e varios concertos homenaxe. Sen embargo, se ben se avanzou no recoñecemento social de Alexandre Bóveda, aínda queda moito por estudar da curta pero intensa vida. Ao mesmo tempo que todo o anterior, desde o grupo parlamentario do BNG no Parlamento de Galicia, presentáronse diversas iniciativas para o recoñecemento e rehabilitación de Alexandre Bóveda, que foron sistematicamente negadas pola maioría do PP, daquela partido gobernante.
O cambio na titularidade da Xunta de Galicia, produto das eleccións do ano 2005, traería consigo un novo pulo na recuperación e recoñecemento públicos de Alexandre Bóveda. Nunha primeira declaración do Consello da Xunta de Galicia, de agosto do 2005, no marco da reafirmación dunha rexeneración democrática, declarábase que esta non podía asentarse “sobre o silenzo e o esquecemento de milleiros de cidadáns” represaliados por defender os valores democráticos, o progreso e o autogoberno de Galicia, e facíase mención expresa á “contribución decisiva” de Alexandre Bóveda ao autogoberno e á propia existencia das institucións galegas, acordándose impulsar desde o Executivo galego a rehabilitación “institucional, persoal e moral” do galeguista, ao tempo que se facía fincapé na rehabilitación de todas as vítimas represaliadas durante a ditadura.
Agora ben, produto da bisoñez e da loita polo protagonismo mediático entre os dous socios de goberno (PSOE e BNG), deuse un primeiro paso en falso, que amosa como as políticas de conmemoración e a creación de lugares de memoria están case sempre intimamente unidas á pugna pola delimitación dos espazos e lugares simbólicos, ao que os historiadores teñen chamado “os usos públicos (ou políticos) da historia”. En efecto, amparándose neste acordo, en xaneiro do ano 2006 a pretensión unilateral do vicepresidente Anxo Quintana de que se declarase institucionalmente, en toda Galicia, o 17 de agosto como Día de Galiza Mártir, foi parada en seco polos seus socios socialistas, receosos dun exceso de protagonismo nacionalista, subliñando estes que se necesitaba unha “reflexión seria” por parte de todos os grupos políticos, incluído o PP, así como dun “consenso amplísimo”, se ben deixaban a porta aberta ao apoio, no Parlamento de Madrid, a unha iniciativa nacionalista para que se anulase o proceso que condeou a morte a Alexandre Bóveda, tal como xa fixeran os socialistas coa figura do Presidente da Generalitat durante a II República, Lluís Companys. Por fin, a situación entre os dous dous socios do goberno galego recompúxose coa declaración do ano 2006 polos poderes públicos galegos como Ano da Memoria.
Así as cousas, o momento politica e simbolicamente máis importante do recoñecemento e rehabilitación de Alexandre Bóveda producíuse no Congreso dos Deputados en Madrid. O deputado do BNG Francisco Rodríguez presentou unha Proposición non de Lei “relativa a Alexandre Bóveda Iglesias, víctima del régimen franquista en Galicia”, o martes 28 de febreiro de 2006. Nun texto moi ben articulado, onde se pasaba revista á dimensión histórica de Bóveda e se relataban os feitos do seu procesamento, o deputado nacionalista solicitaba a súa rehabilitación institucional, xurídica, persoal e moral, en tanto que “la memoria histórica” se expresaba “a través de este hombre ejemplar, pero que era válido para socialistas, comunistas, republicanos, anarquistas, agrarios y nacionalistas en general”. Esta dimensión, simbólica e globalmente omniabarcadora, outorgada a Bóveda como exemplo de todos os represaliados, tal como se expresaba na intervención do deputado nacionalista, foi a que motivou que o resto dos grupos parlamentarios, agás o o grupo popular, aprobasen a Proposición: 180 votos a favor, 6 en contra e 119 abstencións (estes do PP).
Na mesma liña argumental, incidindo en Bóveda como paradigma de todos os axusticiados pola represión franquista, situouse a intervención do parlamamentario galego Manuel Ceferino Díaz, que fixo fincapé nos alcaldes asasinados en 1936, socialistas e galeguistas. Do resto das intervencións parlamentarias a favor da Proposición non de Lei, destacan a dos outros deputados nacionalistas intervintes, polo elevado coñecemento que amosaron da figura de Bóveda: a do peneuvista Aitor Esteban Bravo, a de Joan Tardá i Coma do grupo de Esquerra Republicana e a de Jordi Xuclá i Costa do grupo catalán de CiU. A intervención de Julio Padilla Carballada, por parte do PP, limitouse a argumentar a súa abstención cos clásicos argumentos conservadores: non tiñan nada en contra de Alexandre Bóveda, pero eles non estarían por remover o pasado, xa que o importante sería o espírito da transición á democracia, que seica xa solventaría o tema coa Lei de Amnistía de 1976.
Con todo, chama a atención a modulación da linguaxe do propio parlamentario nacionalista, circunstancia que pon de manifesto como os “discursos da memoria” soen estar encardinados cos usos políticos do pasado. Se na presentación no Congreso acabaría incidindo nos aspectos comúns que unían a Galicia co resto de España (incluso usa o termo “España”), mes e medio antes, nunha rolda de prensa na que presentaba a batería de iniciativas parlmamentarias que ía levar a cabo, deixou moi claro varios axiomas. Primeiro, que Galicia “ten que ter a súa propia memoria histórica” e non ficar subsumida “na memoria dun ente abstracto, o Estado Español”. E segundo, que Bóveda era o responsable de que “xa na altura de 1931 houbese unha proposta política para que Galiza tivese un Estatuto de Nación”. Vemos cómo, deste xeito, o parlamentario nacionalista proxecta, para lexitimar as propostas de hoxe (o Estatuto de Nación que propón o BNG), cara o pasado unha terminoloxía semanticamente cargada que, daquela, non existía, pois o Estatuto de Autonomía de 1936 establecía a Galicia como “rexión autónoma”. E, ao mesmo tempo, tamén se aprecia cómo se establece unha distinción nós/eles tan frecuente nos nacionalismos: Galicia tería unha memoria histórica propia, específica, diferente da do conxunto de España. Daría moito que debatir a idea latente: que a guerra civil foi diferente en Galicia?
Sexa como for, o caso é que hoxe, por fortuna, a figura, tanto tempo esquecida, de Alexandre Bóveda, está a acadar un merecido recoñecemento e unha definitiva rehabilitación. O feito de que na recentísima aprobación no Senado do Ano da Memoria Histórica o 23 de maio pasado, entre outros considerandos, se cite expresamente a Alexandre Bóveda, a carón de Luís Companys e Manuel Carrasco y Formiguera, non supón máis que o ourensán-pontevedrés, asasinado aos 33 anos, é xa está sendo xa un imborrable lugar de memoria, non só nacionalista, senón de todos os cidadáns. Despois de 70 anos, xa cantan os galos!
Parabéns Anónimo Político-Cultural pola analítica e documentada conferencia. Gustaríame -co permiso do dono da bitácora- ler o resto.
Non o dixen antes, son un amigo.
Home, moitas grazas Amigo. Transmitireille ao amigo común de Valcárcel e máis meu, os seus parabéns. Mais creo que sería moito abusar colar a primeira parte da súa conferencia. Segundo el, é a parte máis convencional, porque limítase a sintetizar o fundamental da vida política de Bóveda, sen aportar nada especialmente relevante que non se saiba xa.
Excelente texto, polo que ten de indagación nos usos públicos da memoria en relación co caso particular de Bóveda e dos represaliados galegos. Señor Anónimo Político Cultural, transmítalle ao seu "amigo" os meus parabéns.
Por certo, hai un libro moi interesante sobre estes asuntos, titulado precisamente "Usos públicos de la Historia", publicado por Marcial Pons e coordinado por Juan José Carreras e Carlos Forcadell, os dous da Universidade de Zaragoza. Colaboran varios historiadores, algúns tan prestixiosos como Álvarez Junco, Carolyn P. Boyd e J-C Mainer. E tamén un galego: Ramón López Facal, co traballo "La enseñanza de la historia, más allá del nacionalismo". ¿É o home de Marilar Aleixandre ou ando eu engañado?
Transmitireille tamén os seus parabéns ao meu amigo, señor Leituga 1. Moitas grazas da súa parte.
Si, coñezo ese libro que cita. Hai moreas e moreas en todos os idiomas. Demasiados! E si, R. López Facal é o home de Marilar Aleixandre. Un bo tipo.
Quería dicir que hai moreas e moreas de títulos relacionados con ese tema. Un saúdo.
Publicar un comentario