30 nov 2006


ALGUNHAS CIDADES LITERARIAS (2)
(Andoliña 3o novembro)
E de Ourense imos cara Santiago. O imaxinario literario de Compostela é moi complexo. Complexo por antigo porque parte a súa andaina dende o mundo medieval cos peregrinos cantados polos trobadores e a pastorela do Sar. E complexo por heteroxéneo, pois collen neste continente referencias tan dispares como “La Casa de la Troya”, os poemas de Rosalía, Paulo Coelho ou autores como Torrente Ballester (“Compostela y su ángel”, 1948) ou Gerardo Diego (“Ángeles de Compostela”, 1940). Coñecemos tamén a Compostela do século XVI con “A tecedeira de Bonaval” de López Ferreiro e a dos anos 30 con obras como “A modelo de Paco Asorey” de Xoán Xesús González.
Otero Pedrayo deixounos a súa visión de Santiago en “Arredor de si”, “Devalar”, “O espello na serán” ou “A romeiría de Xelmírez”, pois, como dicía Carballo Calero, a novela de Santiago é tamén a novela do seu primeiro arcebispo. Podemos seguir a cidade dos anos 50 ós 70 a través de tres grandes novelas, de acenos universitarios: “No ventre do silencio” (1993), de Méndez Ferrín; “Xoguetes pra un tempo prohibido” (1975), de Carlos Casares, e “Dos anxos e dos mortos” (1977), de Rey Ballesteros. E mañá, máis novelas de Santiago.

9 comentarios:

Anónimo dijo...

Supoño que mañán tamén "Fragmentos de Apocalipsis", que tanto influiu nos xoves finiseculares.

fucafuca dijo...

pois eu coido que sem lugar a dúbida "no ventre do siléncio" é o livro que relata aqueles anos 50 composteláns... se bem plenamente mitificados, daquel jeito que acostuma a fazer Ferrín.

"Os anos escuros" também sería um bom ejemplo, aínda que neste caso nom falamos de novela senom de ensaio, de Franco Grande.

Anónimo dijo...

"A modelo se Paco Asorey" de Xoan Xesús González? Non coñecía esta noveliña. Agora entéirome de que está publicada enen Xerais (coleción Biblioteca das Letras Galegas"), aínda que a primeira edición apareceu en Nós.
Teño un amigo en Galicia que sempre se está a lamentar de que non haxa unha editorial interesada en volver publicar todas aquelas noveliñas e contos de "Lar" e "Nós". Tenme dito que non sería difícil publicar a coleción enteira en tres ou catro volumes.
En fin, velaí unha idea por se isto o len os editores.

Marcos Valcárcel López dijo...

Tamén eu teño pensado nesa idea de recuperar por xunto todas as noveliñas e contos de Lar, Céltiga, Nós, etc. Hai algunha antoloxía, pero con poucas obras. E hai moitos anos, aló por 1978, Edicións do Rueiro sacara varias en facsímile (eu teño Saudade, de Xaime Quintanilla, e O novo xuez, de Céltiga): moi fermosas, no tamaño orixinal e coas coidadas portadas doutrora. Creo que sería unha boa iniciativa editorial volvelas sacar, mesmo así por solto, en facsímile: eu dende logo faríame con elas.

Anónimo dijo...

As páxinas 129-194 da "Memoria de Poeta" de Álvarez Cáccamo son preciosas para comprender o final da década dos 60 en Compostela. Unha melancólica emoción convirte en literaria a súa andaina de estudante e de paso a cidade (universidade, sobre todo) enteira.

Anónimo dijo...

- Crime en Compostela, ou a novela como guía turística e gastronómica, "a la Vázquez Montalbán". Unha Compostela que estreaba una nova clase social, o funcionarado xunteiril, misturado cos restos de penenes, divorciados, xornalistas e demáis xentes de mal vivir. Os clubes de "carretera". A descrición das estudiantes metidas prostitutas a tempo parcial ("para pagar os estudos"). O poder das inmobiliarias e dos construtores. Os novos ricos...

Anónimo dijo...

Tamén O crime da rúa da Moeda Vella, con parecidos presupostos.

Anónimo dijo...

E a incursión de Bieito Iglesias na literatura en castelán: "Bajo las más bellas estrellas". Moi boa.

Anónimo dijo...

Filomeno a mi pesar; El rey pasmado; La saga fuga de j.b.