3 nov. 2006


Asimov, o ceo e o inferno.
Como é lóxico, fálase moito nestes días da morte. Dos mortos queridos e, para os crentes, do ceo e da esperanza na vida despois da morte. Isaac Asimov ten un intelixente texto no que, como ateo, reflexiona sobre todo isto. Conta alí un seu soño no que soñou que era recibido no ceo e o primeiro que facía era pedir unha máquina de escribir: para Asimov o ceo é o que fixera toda a súa vida, escribir sen parar.
O ceo que nos debuxan as relixións e as mitoloxías é demasiado anxelical e, quizais, aburrido. Un Deus intelixente tampouco permitiría o inferno, que só pode entenderse como o soño sádico dun Deus que debera ser bo e misericordioso. Remata así Asimov: “Creo que se houbese vida futura, o castigo do mal sería razoable pero só por un tempo determinado, e penso que o castigo mais longo e peor debería ser aplicado ós que calumniaron a Deus ó inventar o inferno”.
(Imaxe de Burne-Jones)

3 comentarios:

anónimo político-cultural dijo...

O tema do Demo, polo que se ve, non interesa a ningún posteador.
Sen embargo, é un tema fascinante.
Obviamente, amigo Valcárcel, vostede coñece de sobra o libro de Risco sobre o tema. Mais permítome recomendarlle, por se acaso non o coñece, un libro recente dun gran historiador francés, especialista en historia das mentalidades. Cito de memoria porque unhas caixas amontoadas impídenme acceder ao estante onde se encontra: Robert Muchembled, "Historia de Satanás" (ou del diablo, quizais), publicado hai uns tres anos en Cátedra.

anónimo político-cultural dijo...

Vaia, lin nesgadamente a entrada, que apenas ía do Demo!
En calquera caso, o dito dito está.

marcos valcarcel dijo...

A suxerencia é valiosa en calquera caso, APC, e tomo nota. Grazas.