26 nov 2006

A CIDADE E A LITERATURA

Dende Mariñán. Escribo dende o Pazo de Mariñán, na Coruña, nunha fermosa contorna de xardíns románticos, memoria en pedra e árbores milenarias. Se levanto a vista do ordenador prestado no que traballo vexo cadros de Laxeiro e dos grandes clásicos galegos e mesmo un impoñente retrato da raíña Isabel II que seica tamén se aloxou nestas estancias. E aquí estou participando, rematará nun par de horas, no IV Encontro de Escritores Galegos que organiza Luciano Rodríguez co apoio da Deputación coruñesa e que reuniu a un total de 24 autores para debater, dende o venres, sobre as Cidades e a Literatura. Só podo dar agora algúns brevísimos riscos dos intensos debates que nos acompañaron nestes tres días, con sesións organizadas arredor da narrativa (Anxo Tarrío e Rosa Aneiros), a poesía (Marga Romero e Xosé María Álvarez Cáccamo) e o teatro (Manuel Guede e Manuel Lourenzo). Participando intensamente estiveron tamén Euloxio Ruibal, Xabier P. Docampo, Fran Alonso, Ánxeles Penas, Xoán Abeleira, Manuel Castelao, Luís Rei Núñez, Tucho Calvo e Teresa Seara, entre outros. Inaugurou o encontro unha magnífica conferencia de Xavier Gómez Montero, escritor e profesor natural da Coruña e residente en Alemaña, que revisou moi a fondo as relacións, nas literaturas do mundo, entre as cidades e as letras e mesmo fixou unha categoría de referencias: a cidade premoderna, a cidade moderna ou a cidade megápole, un algo apocalíptica e virtual, que no cine trataron con éxito películas como “Matrix” ou “Blade Runner” e que nas letras galegas aínda agarda polos autores que a representen.
Cidade e identidade. Tarrío esculcou nas cidades na novelística europea; Rosa Aneiros deunos unha emotiva e fermosa visión da cidade brasileira de San Salvador de Bahía; Manuel Lourenzo definiu o teatro como espacio irmán da cidade e lembrou as teses do autor albanés Ismael Kadaré: velaí a necesidade que teñen os vivos de escoitar as voces e os espectros dos mortos, para iso tamén naceu o teatro nas cidades. Manuel Guede reivindicou a cidadanía dunha rede de teatros residenciais como forma de afortalar esa identidade cívica e Marga Romero evocou as múltiples cidades que os poetas deitaron nos seus libros, dende finais do XIX ata os nosos días, co forte pulo que as vangardas (Amado Carballo, Manuel Antonio, Eugenio Montes...) lle concederon ó espacio urbano. Falamos tamén da relación entre cidade e identidade e eu insistín na análise do discurso do galeguismo clásico, o que crea as raíces identitatarias da nación (Xeración Nós), cun discurso que abanea entre o antiurbanismo e a concepción dun outro modelo de cidade (a “cidade-xardín” de Castelao, a República campesiña de Otero). Viña eu, venres pola tarde, de escoitar no Paraninfo da Facultade de Historia de Compostela o brillante discurso de ingreso de Ramón Villares na Real Academia Galega: un moi suxestivo percorrido polo Adrián Solovio de “Arredor de si” e as cidades-símbolo que, dende o Toledo do nacionalismo español pasando polas cosmópoles de París ou Berlín, remata por recalar na visión dunha Compostela nova, símbolo da identidade coa que Adrián/Otero estaba a redescubrir o seu propio país e a súa propia cultura.
Falouse tamén de cidades imaxinarias, cidades invisibles, cidades ausentes, cidades da emigración, cidades neutrais ou non... Tamén de humanizar a cidade, de devolverlle á alma á cidade, de reivindicar dende a escrita a utopía que os políticos (só xestores do posibilismo) xa non son quen de reclamar... Un tema tan complexo e tan rico en matices que, por suposto, non se pode dar por rematado nun encontro de tres días, aínda que sexa tan vizoso coma este.

9 comentarios:

Anónimo dijo...

Tivo ocasión de ver a Exposición sobre os cen anos da RAG? Paga a pena achegarse ex professo a Coruña para vela? Agradecería opinións.

Anónimo dijo...

Eu creo que si, que merece a pena achegarse a ver a exposición da RAG. Non só polos documentos e materiais que alí se expoñen, que xa lle outorgan de seu interese á mostra, senón tamén por outras razóns. A expo da RAG é un intento serio e non mal concibido de sacralización nacional-cultural dende unha perspectiva que poderíamos considerar "moderna". A mostra quere ser moito máis que un percorrido máis ou menos obxectivo pola historia da Academia: é un intento -non risible nin indigno- de narrar metaforica e obxectualmente "o renacemento dunha nación". É sumamente interesante para todas as persoas preocupadas por iso do que xa falamos aquí algunha vez e que se deu en chamar "usos públicos da historia". Recomendable, sobre todo nestes momentos de debate sobre o recoñecemento estatutario de Galicia como "nación", un debate ao que non é en absoluto allea a montaxe e ideación desta exposición.

Marcos Valcárcel López dijo...

Pois non, non tivemos tempo para ver a exposición dos 100 anos da RAG. Pero podo contar dúas cousas. Seica ten un percorrido obxectual por elementos simbólicos da cultura galega e dos seus escritores: dende un relicario con pelos de Rosalía de Castro ata as lentes de don Paco del Riego. Creo que non encontraron a manta ou o que fose que cubría a mesa camilla de Ramón Piñeiro. E, segunda cousa, contoume en Mariñán Rosa Aneiros que Xosé L. Axeitos chegou moi enfadado ó congreso Lugrís Freire por un feito sorprendente. Este: no catálogo da exposición figura, creo que na capa e contracapa, a palabra "Galicia" escrita por Rosalía de Castro (creo) e "Galiza" escrita por Castelao. O feito de usar as dúas formas provocou unha chea de correos electrónicos á RAG de protesta: ese é o país no que vivimos!!!

Anónimo dijo...

Moitas grazas aos señores Leituga 1 e Valcárcel pola súa información. Sen dúbida, paga a pena achegarse até A Coruña. A ver se nunha fin de semana destas...

Anónimo dijo...

Porén, a exposición sobre a memoria en Santiago, no Auditorio, paréceme un exemplo de manipulación burdo.
O folleto de man trae fotos de pancartas de ANPG, da UPG, e de todo ese mundo -acaba cunha de San Moncho Reboiras- e en ningún momento cita sequera ao PC. A habitual confusión entre a historia do nacionalismo e a historia de Galicia. Eu protesto.

Anónimo dijo...

No folleto de man é tal como di Etxeokeai: o PCG non aparece por ningures. Na exposición si que aparece, mais, na miña opinión, debería estar máis presente. (E conste que nunca fun do partido comunista).

Anónimo dijo...

Concordo: a exposición "Memorial da liberdade" é unha vergonzosa manipulación da historia da resistencia antifranquista, propia de xentes que cren que a historia -como a literatura, a arte ou a cultura en xeral- son simples instrumentos ideolóxicos ao servizo dunha "causa".
Unha vergonza e un insulto á intelixencia. Por outra parte, previsible.

Anónimo dijo...

Concordo plenamente coa avaliación da exposición “Memorial da liberdade”. E é unha pena, porque, no que respecta aos materiais expostos, esta moi ben.

Os comunistas aparecen bastante até os anos corenta, pero hai un detalle fundamental que se furta: póñense a Santiago Álvarez ou a Líster, pero como moito dinse que son “comunistas galegos” a secas, nunca ou case nunca que son do PCE. Fúrtanse as siglas! E o mesmo coa guerrilla: son, simplemente, “guerrilleiros galegos”. Xa no tardofranquismo, tampouco aparecen suficientemente substantivas as CC.OO., aínda que se fale do 10 de marzo: a “clase obreira galega”, sen máis. De Piñeiro e os galaxiáns desde os anos cincuenta, nadiña. E xa durante a transición á democracia, o asunto apesta totalmente: só existe o nacionalismo (ou mellor: só o nacionalismo liderado pola UPG e organizacións satélites: AN-PG, etc.). O vídeo onde sae reiteradamente Bautista Álvarez é de broma, broma que, por se non quedara claro, complementase con outro vídeo sobre As Encrobas ou Baldaio.

Anónimo dijo...

Por hixiene democrática debemos manifestarnos, como facemos aquí, en contra desa burda manipulación da historia... E non é unha manipulación dun goberno -malo- senón dunha fracción, a nacionalista quede claro, fronte ao resto... ¿Que lle parecerá a Touriño a ausencia dos seus vellos camaradas do PC desta guerra?
Nun país decente, e este despois do tempo Fraga debíase esforzar en facer ver que era posible facer as cousas doutra maneira, a exposición debería ter sido encargada a historiadores e non a simples publicistas da túa idea partidista.
Empezamos por aquí, bailamos con vellas, e non cesamos ao director xeral de montes... O BNG vai mal para os que confiaban algo nuns novos tempos.