Cunqueiro en Siria. (Pan por Pan mércores 29 novembro)Pois si que había de estar ben contento don Álvaro Cunqueiro de poder coñecer que na remota cidade de Damasco, en Siria, se inauguraba unha Biblioteca que leva o nome do señor de Mondoñedo, na sede do Instituto Cervantes nese país. Sempre foi Cunqueiro un namorado do mundo oriental –velaí “
Se o vello Sinbad volvese ás illas” e moitos dos seus textos e relatos xornalísticos- e a súa obra está a ser traducida ó árabe polo escritor marroquí
Elarbi El-Harti. Supoño que entre os moitos poetas que el mesmo inventou, a xeito de heterónimos, tal como se descubriu nestes días, haberá tamén creadores de poemas arábigos. O autor de
“Merlín e familia” foi tamén un gran viaxeiro e non tanto viaxeiro físico, como viaxeiro espiritual: coas súas obras coñeceu as xentes e lugares máis diversos. É xusto que agora xentes moi arredadas de nós poidan tamén descubrir a súa obra.
3 comentarios:
Pois si que foi un gran viaxeiro espiritual..., sempre comentou que ¨As cronicas do Sochantre¨ fixeras ollando pola fiestra da súa casa de Mondoñedo e ca ¨Guía Michelin¨ da Bretaña...
Hoxe cando menos tería o Google Earth para describir con máis xeito os relevos das paisaxes...
A literatura, digo eu, non ten porque ter necesariamente vocación de verosimilitude xeográfica, como se fose un aburrido manual de xeografía dos que se estudan nas facultades. O que importa, creo, é a capacidade fabuladora, a inventiva. Cunqueiro ten uns deliciosos anacronismos xeográficos e paisaxísticos. Porque o seu eran as xeografías e as paisaxes imaxinarias. E aí acertou plenamente. A súa lectura é un gozo permanente. Mil anos máis para o de Mondoñedo!
Publicar un comentario