19 nov. 2006


De libros.
(Pan por Pan sábado 18 novembro)
A amiga Débora Campos sempre constante a imaxinar grandes ideas para defender o noso idioma e a nosa cultura dende Buenos Aires. Agora quere axuntar aló un grupo de novos lectores que se vaian afacendo a ler en galego. E pide suxestións de libros imprescindibles. Aí van as miñas, só de clásicos da narrativa:
“A esmorga” e “Os biosbardos”, de Blanco Amor; “Contos do camiño e da rúa”, de Otero;
“Retrincos”, de Castelao;
“Prosas galegas”, de Cuevillas;
“Estebo”, de Lesta Meis;
“Merlín e familia”, de Cunqueiro;
“Á lus do candil”, de Fole;
“Os escuros soños de Clío”, de Casares;
“Arraianos”, de Ferrín;
“Remuíños de sombra”, de Neira Vilas;
“Vilardevós”, de Silvio Santiago;
“O acomodador e outras narracións”, de Marcial Suárez;
“Morrer en Castrelo de Miño”, de Fernández Ferreiro...
Iso todo só para empezar a descubrir un novo mundo.

(É só unha opinión, tan subxectiva e discutible como calquera outra)
P.S.: Está exposta en Ourense, na Aula Cultural, nos baixos do Liceo, a mostra de fotografías de Blanco Amor que patrocinan Galaxia e a Consellería de Cultura da Xunta.

11 comentarios:

torredebabel dijo...

Grazas Marcos! por esta coidadosa e riquísima escolma. Moi importante é para min a axuda que dende alá e tan xenerosamente fun recebendo no blog porque por moito entusiasmo que eu teña, a verdade é que non levo nin 6 anos de lectora galega e descoñezo tanto... Entón, esas suxiestións engadidas no blog son a luz para min e non sei como decir un Grazas!!! equivalente ao seu valor.
Ademais, quería que souberas que o grupo de lectores terá unha coordinadora estupenda: Andrea Cobas Corral (a quen se pode ler en www.cobis.blogspot.com) que é especialista en literatura galega e que da as clases sobre literatura na Cátedra de Estudos Galegos da Universidade de Bos Aires.
Moitas grazas outra vez e sempre pola compaña ao lonxe! Grazas!

Anónimo dijo...

O de Rivas vai polo camiño.

marcos valcarcel dijo...

Si, o de Rivas vai por ese camiño e será co tempo un clásico. A súa última novela, que aínda non rematei, paréceme magnífica. P.ex. a descrición do saqueo da casa de Casares Quiroga. Pero na miña lista non ían autores actuais (agás Ferrín e F.Ferreiro) e das novas xeracións habería moitos que engadir: Rivas, Bieito Iglesias, Suso de Toro, Xosé Miranda, Gonzalo Navaza, Caneiro, Fernández Naval, Ramiro Fonte, Luis Rei Núñez... e un moi longo etc.

Moralla dijo...

Eu tamén engadiría a M.X.Queizán que abrangueu moitos xéneros con moi bos resultados. Mágoa que Luisa Villalta morrera tan axiña! E ti tamén poderías estar incluído na sección de ensaio e crítica!
A literatura vai polo bo camiño, agardo non se torza!

marcel swann dijo...

Engado un libro de contos escrito no século XIX, que foi ignorado polos rexionalistas de entón simplemente porque non falaba do queixo, da pataca e da morriña:
Francisco Álvarez de Novoa. Pé das Burgas. Xerais [tamén o publicou La Voz de Galicia na súa colección Biblioteca 120]

marcos valcarcel dijo...

Súmome á proposta de M.Swan porque eu mesmo escribín moitas veces en defensa do libro de Álvarez de Nóvoa, autor recuperado por Méndez Ferrín e ó que dedicou un excelente estudo Jorge Martínez (o que pasa é que só citei autores do XX, ningún do XIX). Pero sen dúbida Pé das Burgas está na base da renovación narrativa do século XX (por certo, os de Nós nunca llo agradeceron como deberan. Por que? Teño a miña teoría ó respecto).
E de María Xosé Queizán o que máis me gustou do que lle lin (non demasiado) foi a súa noveliña "Amantia", na contorna do priscilianismo e reivindicación do papel da muller nos primeiros tempos da nosa historia (escrita).

Moralla dijo...

"Noveliña", un termo moi agarimoso para o considerado como gran xénero.
As fotos de E.Blanco Amor encántanme pola súa sensillez ao mesmo tempo que grandiosidade e elegancia. Recomendo a visita a esta exposición no Liceo de Ourense.
Unha aperta

torredebabel dijo...

Se volto a Galiza o ano que ven ou o outro, mais que maleta levaré baules, como os que trouxeron no barco os meus, porque teño unha lista tan pero tan longa de libros que quero intensamente ler que han botarme do avión se non os mando por barco. Grazas a todos (sobre todo a ti, Marcos) por abrirme con tanta intelixencia e con tanta xenerosidade as portas e as ventás da literatura galega! Moitas Grazas!

gustavo peaguda dijo...

Da lista que ti das eu nestes instantes estou lendo Remuiños na sombra de neira vilas.Estame parecendo un fermoso libro que constitue un espello do que somos e do que seremos.Universal.

Anónimo dijo...

Perdón por empregar este post para falar dun libro que acaba de saír dun autor italiano chamado FABIO ANGELLI, profesor de italiano na escola de idiomas de Vigo, "nato a Genova nel 1977", titulado "El tuno, del verde e del nero", sobre un "bandito galiziano del secolo XIX". A editorial é Bevivino de Milano. Trátase dunha curiosidade, pero quizá mereza a pena traducilo moi cedo. Perdón por empregar este post, pero vexo que hai aquí lectores moi interesantes e interesados.

Leituga 1 dijo...

Pois o signore Angelli faría ben en enviarlle ese libro a algunha das nosas casas editoriais, pois ben podería merecer os honores da súa tradución ao galego e publicación no noso país. Dígalle, da miña parte, que se anime. Ademais, vivindo en Vigo, teno ben fácil.