5 nov 2006




ENCONTRO EN TITULARES

Cunha media de asistencia relevante (arredor de 50 persoas en cada acto) e unha riqueza evidente nos debates, celebrouse o pasado sábado o V Encontro de Escritores Ourensáns, organizado pola Sección de Literatura do Liceo. Tentarei resumilo en titulares.

Alonso Montero: Antón Tovar era unha personalidade vulnerable e indefensa. Foi radical na defensa do seu ateísmo e o seu comunismo. “Eu fun censor” de Tovar : no seu segundo diario en prosa, houbo que suprimir unha frases moi duras contra o actual monarca.
Xosé Carlos Caneiro: Non hai cultura sen novelas. A literatura permanente, os libros que serán clásicos, sofre momentos de angustia. A calidade literaria nada ten que ver co mundo do espectáculo.
Ramón Caride Ogando: Hai máis produción narrativa que nunca e está asegurado o relevo xeracional. Falta proxección no exterior e faltan lectores. A min encantaríame escribir un Código da Vinci en galego.
Delfín Caseiro: A cultura española está comendo á galega. Velaí: 50 persoas nunha estrea teatral galega na cidade, fronte a case dúas mil nunha obra española con caras televisivas.
Alfredo Conde: A literatura galega ten unha riqueza excepcional e estamos sobrados de infraestruturas culturais e funcionarios da cultura. Pero iso non se corresponde co papel dado ós creadores, que non poden deseñar a profesionalización do seu labor como tales.
Iolanda López: Hai que actuar sobre os adultos e os pais para que manteñan o seu papel e responsabilidade na transmisión do idioma.
Fernández Naval: Necesitamos vernos nos espellos dos outros para entendérmonos; dende fóra admiran a sociedade e a cultura galega. O máis importante da literatura recente é a incorporación das mulleres e o éxito da literatura xuvenil. Necesitamos traducións doutras literaturas e faltan mecanismos habituais de comunicación con outras culturas.
Camilo Franco: Padecemos a síndrome de Estocolmo, estamos obsesionados por non poder ser e parecernos a alguén que non se parece a nós. Os desexos dos escritores non coinciden cos desexos do mercado. A literatura de xéneros galega (novela negra, erotismo, etc.) produciuse sen modelos propios e quedámonos a medias tamén nisto.
Millán Picouto: O idioma é a normalización cultural. Critico ó goberno galego pasado e ó actual pola súa falta de enerxía e por non facer cumprir a Lei de Normalización Lingüística. O futuro do galego é lóbrego con esta sociedade e co papel que están a facer os políticos.
Afonso Vázquez Monxardín: É imposible a autosuficiencia dos escritores só dende o mercado en galego. Temos que adaptarnos á sociedade da globalización e subliñar os aspectos en positivo da normalización do idioma. Imos, de xeito inevitable, a unha sociedade plurilingüe na que os idiomas teñen que repartirse os papeis.
Manuel Vilanova: Para min a poesía é unha terapia necesaria. Pecheime durante cinco anos a escribir o poemario A esmeralda branca. Todos os días, sen faltar un sequera, escribía algún poema.

Máis cousas
Dous momentos de confrontación dialéctica con certa tensión. O primeiro, o diálogo entre Xosé C. Caneiro e Camilo Franco máis Ramón Caride cando aquel defendía o seu modelo de literatura e a esixencia de calidade, medida obxectivamente, ó que Caride argumentaba que iso non era medible e dependía da subxectividade; Caneiro e Camilo discreparon de continuo sobre a recepción da literatura e o que reclamaban os públicos dos escritores. O segundo momento, na interpelación de Millán Picouto a Alonso Montero, porque este fixo consideracións sobre o nacionalismo que aquel tomou por despectivas e dalgún xeito criticou ó nacionalismo, para Alonso dominante na cultura galega, por non apoiar noutros momentos a obra de Tovar. Picouto estimou ademais que o ateísmo de Tovar é complexo, pois sempre está a buscar un diálogo con Deus, e que a última parte da obra de Tovar é a máis valiosa, moi particularmente os seus Sonetos.

Estiveron por alí tamén...
Xosé C. Gómez Alfaro, Mar Nogueira, Maribel Longueira, Xavier Paz, Gustavo Peaguda, X. Bouzo, Xoán Fonseca, Manuel Peña Rey, Luís de Sober, Pepe Trebolle, Carme Lorenzo, Xián Bobillo, Stella Estrada, Xaquín Vales, Segismundo Bobillo, Santiago Lamas, Benito Losada, J. Liceras, Xulio Outumuro, Uxía Méndez Santana, Andrés Mazaira, Fernando Román, Xosé C. Sierra, Rita Fernández, etc. Etc.
E o meu agradecemento especial a José Luís Troitiña, do Liceo, que se encargou, con total acerto, de toda a andamiaxe organizativa do evento (contactos, comida, etc.).
(Imaxe: Libri, de G.M.Crespi, 1725)
(Outra crónica do encontro no blog de Moralla).

19 comentarios:

Moralla dijo...

bO RESUMO DO EVENTO. eNCÁNTAME A IMAXE QUE COLGACHES. PODES LER AS MIÑAS IMPRESIÓNS SE QUERES. bICOS DE Yoli ;-)

Anónimo dijo...

Faltou á cita o máis grande dos escritores ourensáns e galegos: Bieito Iglesias. Unha mágoa, porque polo que leo do resumo, mereceu a pena non ir.

Marcos Valcárcel López dijo...

Bieito Iglesias, do que tamén son seguidor entusiasta e amigo,foi convidado pero estaba no Galeusca en Iruña.

Marcos Valcárcel López dijo...
Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.
Anónimo dijo...

moitas ausencias

Anónimo dijo...

Pois a min dáme lástima non ter podido ir. Tanto o debate entre Caneiro e Caride como o que se produciu entre Alonso Montero e Millán Picouto, resumidos polo señor Valcárcel, parécenme ben interesantes... E, ademais, seguro que despois das mesas redondas houbo outras mesas con mantel e cubertos non menos interesantes...

Anónimo dijo...

Ese debate entre Caneiro e Caride, polo resumo que eu agradezo e moito porque me aforra escoitalos, é un debate completamente obsoleto. Quero dicir: inútil. Os saraos con escritores son perfectamente prescindibles. Que escriban ben, pero que estean calados. Non sei por qué un bon narrador ten que saber de todo e ser invitado para falar en calquera sitio. Contar ben non significa ser un intelectual, please.

Moralla dijo...

Se tan prenscindibles vos parecen estos eventos non opinedes. Ademais, non estivéstedes alí para falar tan mal deles. Marcos Valcárcel a o resto dos organizadores do Liceo esforzáronse por dar o mellor de si e convidar ao maior número de escritores ourensáns, así como xente de toda índole para que puidese opinar; de iso se trata, de que todo o POBO fale, ahí está a DEMOCRACIA das cousas, e eles conseguírono. Os que alí ESTÁBAMOS quedamos satisfeitos, e iso é o que importa. Un saúdo.

Marcos Valcárcel López dijo...

Todo é opinable e non me parece mal que alguén opine que estes encontros son prescindibles. Outros pensamos que non e por iso os organizamos.
Nesta ocasión foron chamados para falar de literatura, non para opinar "como intelectuais" ou "de todo o humano e o divino": outra cousa é que despois os debates literarios rematen moitas veces falando de cartos.
Tamén houbo, como di Leituga, mesas redondas con mantel e confidencias, pero estas non se poden contar aquí, porque o ordenador acabaría botando fume: o gremio dos escritores non é nada inocente, xa saben.

Moralla dijo...

Xa podes ler aas miñas impresións definitvas e correxidas. saúdos

Anónimo dijo...

Finalmente non puiden acudir a estes encontros, que polo que contan estiveron moi ben. Agardo que se sigan celebrando, espacios comunicativos como o deses encontros, non só hai que celebralos senón que son unha necesidade na nosa sociedade, unha forma de salvar Ourense do apabullante mundo instrumental. Permitir a comunicación é sempre un motivo de alegría.
karlos

Anónimo dijo...

Para Moralla:

Vostede fala así de ben de todo porque: 1.- asistiu e 2.- foi unha das convidadas. Por certo que en parte estou dacordo co usuario anónimo en dúas cousas: 1.- "Non sei por qué un bon narrador ten que saber de todo e ser invitado para falar en calquera sitio. Contar ben non significa ser un intelectual..." e 2.- "moitas ausencias "... Creo que moitas e notadas ausencias... Con todos os meus respectos aos que participaron, creo que había máis ourensáns con máis táboas e máis cousas que dicir que algúns/has dos que estiveron. E sr. Valcárcel, asegúrolle que non estaban no Galeuska. Pero bueno... outra vez será!!

Moralla dijo...
Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.
Anónimo dijo...

É natural que, en cousas coma esta, uns vexan a botella medio chea e outros medio baleira.
O que non é natural é que, nun espazo de tolerancia, diálogo e intelixencia, como é este blog, se recurra ao insulto, e ademais gratuitamente.

Anónimo dijo...

Persoalmente, notas como esta de encontros de creadores son para min o máis interesante da rede. Polo xeral, boto en falta debates serios, e posts como este fan que aínda teña esperanzas en que os intelectuais deste país se poñan a traballar en cousas máis importantes que o lercheo (incluído o que é un xénero literario). Creo que fai falta máis traballo e que a lingua (as dúas: a da boca e a do corazón) sexa usada con máis decoro. Isto último vai especialmente dirixido aos comentaristas "máis críticos".
Insisto, oxalá houbese cada mes un encontro deste calibre. Grazas ao reporteiro e aos participantes. E saúde para todos.

Anónimo dijo...

(Pois na miña mensaxe non me refería precisamente a "Pasaba por eiquí", que foi moi crítico pero tamén moi correcto)

Anónimo dijo...
Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.
Anónimo dijo...

No meu comentario anterior sobre a prescindibilidade dos encontros literarios, faltou unha nota de agradecemento e admiración a Marcos Valcárcel polo seu coraxe. O mellor dos encontros sempre é o que o organiza e o mérito é doble: un polo seu incansable entusiasmo e outro por aturar a toda esa xente. Non coñezo a MV, pero merece o meu aplauso sincero.
E a súa intervención aquí revela que non ando moi descaminado: por razóns semellantes (organicei algúns saraos deses cando era xoven e indocumentado), eu xa cheguei antes a esa conclusión.

Anónimo dijo...

Hoxe fala deste post o amigo Caneiro na Voz. Sentiuse aludido, por?