18 nov 2006


A imaxe social dos mestres
(Andoliña venres 17 novembro)
Que imaxe teñen na nosa sociedade dos mestres, dos profesores de hoxe en día? A pregunta deitouna unha das relatoras dun Seminario de Dinamización Lingüística que se celebra en Ourense con asistencia masiva de xente procedente do ensino. E as respostas non foron sorprendentes: uns señores que cobran moito, teñen moitas vacacións e non traballan case nada, dixo unha das asistentes. Só os mestres de Infantil e Primaria vense en parte recoñecidos a nivel social: é ese o período en que os pais aínda asisten ás xuntanzas do colexio, o momento no que se concibe a educación como un conxunto harmónico de pais, mestres e sociedade: a educación pola tribo, que di J.A. Marina.
Peor que iso, engadiu logo outro mestre, os mestres somos hoxe os monicreques, os pallasos que reciben os golpes, vítimas de agresións que son logo exhibidas e amplificadas polos medios de comunicación. E así todos os días. E algúns rapaces, ben espelidos no seu, xa entenderon como funciona esta sociedade: mesmo provocando as agresións para gravalas e logo vender as imaxes. Sempre haberá algunha televisión morbosa que merque as imaxes para difundilas en máxima audiencia. A lei da selva en marcha, así andamos...
(Imaxe: tinta negra e azul e lápices de color, de Federico García Lorca, en páxina 62, fronte ó poeme "Verlaine" de Canciones (1929), La Habana, 1930, Museo de Belas Artes de Cuba).

7 comentarios:

Anónimo dijo...

¿Ti tamén, meu ben querido colega? Eu penso que xa abonda de botar máis leña ó lume da desesperanza e da desmotivación do rpofesorado así como do máis que interesado e pretendido fracaso escolar.
Aínda onte fun testemuña directa dun fermoso xesto de solidariedade e compañeirismo precisamente nun dos grupos máis problemáticos(sic) do noso centro; un deses momentos máxicos que continuamente alimentan e reavivan a miña ilusión, a miña fe e o meu entusiasmo polo que xa teño definido en outras ocasións como "o mellor traballo do mundo: o ensino. Xabimusic.

Anónimo dijo...

Salut e força al canut.

Anónimo dijo...

Perdoa por non ceñirme o tema, mais esta nova hai que comentala. No seu momento comenteiche algo relacionado co galego nos actos funerarios, ó que mais me alucinaba do tema era o enfoque que se lle daba dende determinados medios de comunicación ¨galegos¨,pois eiqui tes un exemplo, un artigo cun titular que mete medo coma ¨Arrastrar el gallego hasta la sepultura¨.... Non teño verbas pra este titular...


http://www.lavozdegalicia.es/se_galicia/noticia.jsp?CAT=102&TEXTO=5288072

Marcos Valcárcel López dijo...

Para Roi Queimado: tamén eu vin ese titular e pensaba escribir algo. Tan capcioso e manipulado como tantos outros!!! E o curioso é que houbo máis semellantes noutros xornais: a algúns encantarialles facer un enterro digno, pero xa, ó noso idioma.
Para Xabimusic: querido colega, non pretendía con este artigo "botar máis leña ao lume da desesperanza e desmotivación do profesorado"; simplemente describín un debate sucedido nese Seminario que comentaba. Por suposto, o ensino é moito máis rico que estas actitudes de violencia ou desprestixio dos docentes que, de todos os xeitos, hai que denunciar ó tempo que esiximos outra imaxe social do profesorado. Non creo que debamos pechar os ollos. Si describir a realidade coa maior fidelidade posible. E buscar solucións, claro.

Anónimo dijo...

Coincido contigo en que non podemos pechar os ollos nin mirar para outro lado ( actitudes ,por certo, demasiado extendidas) Tamén coincido en que compre mostrar a realidade, pero aí comezan as discrepancias: penso que a realidade é moito máis rica, variada, positiva e espereanzadora do que se ven mostrando. A imaxe púbrica do sistema educativo creo que non se corresponde coa "realidade". Polo menos, esta é a miña sensación. Podemos estar caendo na dinámica que nos marcan os medios no seu afán de contar só o que eles consideran noticiable ( xa sabes, o home que morde ó can...). Eu sigo pensando, despois de 35 anos no ensino, que paga a pena traballar coa nosa xuventude. Sigo a creer nos seus valores, no seu potencial e nas súas posibilidades. Xabimusic.

Anónimo dijo...

Pego un artigo de Xosé Carlos Caneiro sobre este tema:

Afundimento da educación

DO TÍTULO desta reflexión podemos obviar, ou trocar, a segunda parte. é dicir, resultaría factible escribir sobre o afundimento dos valores, espírito, humanismo, saber, ensino, sabedoría... pero non é posible prescindir de afundimento . Afundíullenos, efectivamente, a educación. Vainos a custar moito reflotala. O fácil, neste transo, sería sinalar que todos temos a culpa. Eu, non. Nin vostede, creo. A culpa téñena os políticos que cambian as leis orgánicas educativas coma se fosen cromos. E non pasa nada. A culpa tena a cultura do lecer. A culpa é dos que cren no diñeiro como único Dios . Dos menestrales do corazón televisionado, dos seus adláteres e acólitos. A culpa é das operacións triunfo e do facilito camiño á gloria. O máis bobo, se carece de escrúpulos, pode chegar á cima da pirámide. O sabio, con todo, terá que pelexar para posuír un lugar onde escoitar ou ser escoitado.

Afundíullenos a educación, maldita sexa. Afundido porque xa a ninguén lle importa, ou apenas. Se vostedes repasan a enquisa que onte ofrecía La Voz, verán que a educación e a cultura non figuran entre as preocupacións prioritarias dos galegos. Preocupan o paro e a pasta, fundamentalmente. Ninguén reflexionou sobre a relación paro-pasta-cultura, por desgraza. Se alguén o fixese, intentaría cambiar as cousas. Converter a cultura en riqueza. Significar a educación como motor real deste país. Creo que ata agora non se intentou tal graza. Porque a cultura e a educación carecen de prestixio, como os intelectuais ou as xentes que aínda cren na excelencia e utilidade do coñecemento. Afundíullenos a educación porque aos profesores xa ninguén os quere, nin os respecta. A sociedade tórcelles a cara. E eu, xúroo, coñezo poucos profesionais máis abnegados que os homes e mulleres do ensino. Os que levan colgados os seus problemas a casa, os que senten indefensos ante este presente caduco (e violento, tamén). Polo tanto, é preciso o intento arriscado de pór a educación no lugar que lle corresponde. Os que gobernan agora teñen esa responsabilidade: máis perentoria, na miña opinión, que outros asuntos que sinalan como prioritarios. Confío na actual Administración educativa. E deles espero un futuro luminoso. Espero: que as bibliotecas se abran de pao a pao, que lexislen en contra da televisión narcotizante e humillante, que eleven a autoestima do profesorado, que o saber posúa función social e prestixio, que a facilidade non se confunda coa felicidade, que os bobos sexan sinalados como bobos e non como paradigmas, que se lean os clásicos e non as historietas divertidas (tan xuvenís...) que se len nos institutos. Espero iso. E máis. Porque o afundimento da educación significa, simplemente, o afundimento do ser humano.

Anónimo dijo...

A min, con tal de que lean, importame pouco o que sexa. Que lean, que lean e que lean. O asunto é así de dramático.

Ensinante.