22 nov 2006

Recuando…

Tony Blair recoñece que a guerra de Iraq é un desastre. Altos cargos da administración USA empezan a falar dun repregue a medio prazo. Saben que aquilo non ten remedio: cen mil vítimas e as cousas están peor que antes. Para que se lanzou Bush e o triángulos das Azores a esa escalada bélica? Uns din que polo petróleo e os intereses de Halliburton; outros, que pola defensa de Israel; aqueloutros, que pola paixón relixiosa de Bush e o desexo de vinganza contra Sadam. O argumento oficial foi a loita contra o terrorismo e a loita pola democracia no Oriente Medio: en realidade, afortalar a hexemonía norteamericana na rexión. Pero as cousas están saíndo mal: o cambio de réxime en Bagdad favoreceu ós xiítas e isto reforzou, de xeito indirecto, o réxime de Irán, de maioría xiíta, que Bush colocou no Eixo do Mal. O presidente non ten moitos motivos para estar satisfeito.
(Imaxe de Patrick Demarchelier)

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Como ben di o señor Valcarcel o petróleo e os intereses dalgunhas corporacións, a alianza con Israel que forma parte dos comúns intereses estratéxicos, e tamén o fundamentalismo relixioso cristián de Bush son razóns que levaron aos USA á ocupar Iraq. As razóns que aduciron eran falsas (armas de destrución masiva, connivencia co terrorismo, democracia para Iraq) e penso que non paga a pena dicir nada sobre o que é evidente.
O imperio americano está en débalo, malia que poida parecer o contrario. O recurso continuo ás armas como forma de dominio é a proba. Porén as armas non abondan para manter a hexemonía, concluídas as campañas militares comezan os problemas para as forzas de ocupación, que non son quen de solucionar. O imperio británico foi quen de manter o dominio na India (Unión India, Paquistán e Bangladesh) cuns poucos miles de oficiais da metrópole. Os americanos cun exercito expedicionario non son quen de controlar máis aló das súas bases contando cunha tecnoloxía que aos militares da raíña emperatriz Victoria semellaría de fición.
Non teñen saída no Iraq, máis pronto que tarde van saír de Mesopotamia porque a situación resúltalles insostíbel. Nestas horas xa todos sabemos que é así, Blair tamén e agora empeza a dicilo.
Cal é resultado? Un país literalmente estragado. Fala o señor Valcarcel de cen mil mortos. Só cen mil?, eu xa teño lido cifras que mesmo falan de seiscentos mil. E as infraestruturas?, e os terreos inzados de materiais contaminantes que van traer morte e enfermidades por xeneracións?...?
Quen xulgará a Blair, Bush, e a algún máis por todos estes crimes?

Anónimo dijo...

Impresionante conferencia a de onte de Shlom Ben Ami en Compostela. Crítica cos USA e co Goberno Israelí de hoxe. Clarificadora do panorama.
Ideas moi interesantes as súas sobre a disuasión desaparecida, sobre a asimetría das guerras actuais, sobre a imposibilidade de influencia en organizacións que non son estados..., etc.
E moi cursiosa a simplificación dos últimos tres presidentes americanos:
Bush pai meteuse na guerra do golfo para que non se alteirara o status quo da situación internacional na zona -volver a recuperar Kuwait.
Clinton tratou con maior ou menor éxito de resolver o probelma... Pactos, retirada do sur do Líbano, etc.
Bush fillo, quixo cambiar o status quo da zona e, equivocadamente lle eliminou aos dous inimigos tradicionais de IRAN, Irak e Afganistán e, de paso, converteu o conflicto árabe-israelí, nun conflicto islámico-occidental, no que a hexemonía está en mans de Irán en vez do mundo suni., Etc.

Marcos Valcárcel López dijo...

Eu tamén vin (para un amigo) moitas cifras sobre as víctimas de Iraq: as cousas andan entre os cen ou cento cincuenta mil e os seiscentos mil, calquera das dúas cifras é aterradora. Por parte norteamericana, "só" 2.800 mortos que, por suposto, non existen nas TV-USA.
Para Asian amos: oín falar desa magnífica conferencia de Shlomo Ben Ami, a quen estudei como historiador (da dictadura de Primo de Rivera) antes de ser embaixador de Israel en España. Se vostede quere facer un breve resumo da mesma, folio e medio ou así, colgaríamolo no blog con moito gusto.