14 nov 2006

Sempre co idioma a voltas e "un galego de nación"

Dous artigos de interese hoxe en El Correo Gallego. No de Luís González Tosar fálase dun galego de nación, Vicente Almazán, falecido recentemente. E con certa ironía fala así do galego de hoxe, en moitos sectores sociais, neofalantes:
El captaba bárbaro os matices e niveis lingüísticos dos seus interlocutores, era un apaixoado da fonética, do léxico, da sintaxe. Axiña descubría os neofalantes, dicía que eran como "soldados tatexos", gozaba escoitando os paisanos, chamáballes "dicionarios vivos". Antes de marchar, nomeámolo Galego de Nación. Cando publicou o Breviario, escribiume unha longa carta contándome as motivacións do libro. Non lle contestei.
Agora, querido Vicente, penso o ben que o ías pasar coas novidades: nacionalistas que falan polo "i"desprezando a popular conxunción "e", amantes de todavía no canto de aínda, vaidosas poetas que lle non dan traza aos pronomes, incapaces de articularen o "n" velar, ¡tan enxebre!, esforzados cheiradores do sutaque portugués... Unha marabilla.


E no de Xosé M. Sarille ("O exemplo dos estudantes en folga"), faise esta rotunda afirmación, que ten máis valor por vir precisamente de quen vén:
A indiferenza por este idioma foi grande coa Xunta do Partido Popular, mais o bipartito condúcese do mesmo xeito, sen facer nada. Ou aínda peor. O acceso do BNG ao poder serviu para constatar que ningún partido, tampouco este, está disposto a cumprir co ordenado polos cidadáns, nin co seu compromiso electoral. Preferiron evitar o desafío, porque son débiles e indecisos.

7 comentarios:

Anónimo dijo...

Ó do galego ¨modelno¨ é así, tratase de renegar do galego popular e enxebre, achantalo, e pasarse a trapallada do ¨i¨, ¨ao¨ ¨aos¨ etc... Todo vale con tal que se non se nos note que somos da aldea, que falamos galego ¨bloque¨ que é mais fino... así nos vai lucir o pelo, pra cando outro cambio de normativa pra diferenciarnos mais ainda do que falaban os nosos avós?

Anónimo dijo...

González Tosar debeu aprender todas estas cousas coas viaxes ó estranxeiro, nomeadamente a Cuba.
O de Sarille víase vir, pero cando el estaba na Mesa todo era máis claro e contundente. Sarille, volve.

Anónimo dijo...

Todos temos moito que aprender. Tamén Luís González Tosar. Que vaia comezando polas regras de puntuación do galego escrito.

Anónimo dijo...

Comprendo o desánimo de Sarille. Ben sei que o acordo de goberno foi o que foi, e ao PSOE caeulle a Secretaría Xeral de Política Lingüística, co pouco (ou nada) que lle preocupan as políticas a prol do galego. Non se trata de que fagan marabillas pero que se vexan pasos. Somos moitos os que queremos que esto se mova aínda que sexa lentamente.

Anónimo dijo...

Pois eu, con toda a cordialidade que a persoa me merece, non entendo iso de "cumprir co ordenado polos cidadáns", porque, propiamente, non teño nada claro qué foi o que os cidadáns puideron ordenar ao respecto.

Por outra banda: teño a idea de que o BNG quería xestionar política lingüística, pero o PSOE xogou forte para tela. Por que? Seguramente obrarían presións dos sectores menos proclives á normalización -así e todo: que será iso, a estas alturas?- alarmados ante o que puidese supor a xestión nacionalista nese departamento.

Se alguén pode corrixirme, que o faga. Gustaríame, iso si, ler datos substantivos, en vez de vaguidades ou dixomedíxomes.

Anónimo dijo...

Pensando un pouco mellor as verbas de Luis González Tosar sobre o galego popular, non estaremos nun caso de evolución lóxica e natural da lingua? Se a xente acaba por aceptar o "i" ou a perda do "n" velar, non serán os propios falantes os que determinen a lingua? En outras linguas, a fonética muda constantemente (é unha das súas características), por qué en galego non pode facelo, aínda que sexa por influencia doutros idiomas? Estamos sós no mundo? Vivimos nas vales sen posibilidade de falar cos do lado? Non. Estas verbas de Tosar serán tidas en conta por filólogos do século XXII para asegurar que por estas datas mudaba a lingua. Démoslle o valor histórico, pois, pero non lle deamos valor actual.

Anónimo dijo...

Entereime hai moi pouco da morte de Vicente Almazán. Foi alá por maio e ningún periódico galego, que eu saiba, deu a noticia. Eu ás veces non sei que pasa.