Un auténtico desastre...
Se é certo o que conta Galicia Hoxe non só non haberá acordo entre as diferentes liñas opositoras á dirección do BNG (Alternativa, Encontro Irmandiño, MDB...), senón que algunha delas ata podería escindirse.
Algúns xa tiñamos moi poucas esperanzas sobre a rexeneración do BNG: por este camiño, ata esas esperanzas quedarán frustradas... Que fado lle caeu enriba a este país?
PAISAXES CON MÚSICA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
Someday Soon (1977)
Firefall
Hace 2 semanas
32 comentarios:
Non existen os fados na política. A mín esto lémbrame aquela escea de A vida de Brian no anfiteatro entre as varias faccións (formadas por un único individuo, que ás veces estaba en contra do que el mesmo dicía) dos movementos antiimperiais. O galeguismo debe penetrar ou colorear os outros partidos.
Se o PSOE soubera integrar esa pegada galeguista, non habería nin rastro do BNG, porque para galeguismo de dereitas xa temos o PP, cos baltaristas á cabeza. O nacionalismo en Galicia ten os días contados, polo menos para os vindeiros anos tralas vindeiras eleccións municipais.
É unha noticia moi triste pra todos os galeguistas, que imaxinamos o BNG coma a fronte de partidos nacionalistas que soñara Castelao...
Confío na responsabilidade do Encontro Irmandiño e da Alternativa, Anxo Quintana e UPG para que se esquezan dos seus éxitos individuais e cheguen a un acordo polo ben do BNG. Outra situación desembocaría no esfarelamento e esmorecemento do nacionalismo galego. E iso o que queren?
¿Debería de sorprendernos que os mesías redentores, obsesionados no seu monoteísmo, non se poñan de acordo para salvar o país? ......... parece que tiñamos razón os que, en entradas anteriores deste blog, defendiamos que todos os movementos de Beiras e de Nogueira tiñan mais que ver co seu interese persoal que coa construción dun proxecto para o país …. …. ¿Acabarán tendo razón tamén as afirmacións recentes que afirmaban que o retorno de ambos estaba fundamentado pola mesma razón que a de Ortega Cano o mundo dos Touros? (por certo antes de que alguén se lance, os comentarios non veñen dos novos diaños do BNG se non que se da por bo entre xente moi próxima a ambos dende fai meses...). En calquera caso ninguén pode negarlle a vicepresidencia o éxito do programa “envellecemento activo” a lo menos no seu predicamento no BNG
(para anónimo..) non teño unha bola de cristal para saber o que lle pasará o nacionalismo nos vindeiros anos…. pero teño a impresión que o par inseparable globalización recuperación e proxección de identidades seguirá sendo un tema de máximo interese para as vindeiras décadas .... e non teño eu claro que o grupo de Ricardito Varela, Rego, Pachi Vázquez, Caballero, Rodríguez.... estean a altura dos retos do noso país; pero si ti o tes claro non dubides vótaos (entre nos, eu que son socialista e non nacionalista no o vexo nada claro...)
"Aquí somos galegos e non nos entendemos", "Divide e vencerás", etc.
Custou tantos aniños recompoñer a cousa (alguén recorda a sopa de letras ANPG-APG-UPG-BNPG-PSG-UG-PG-POG-PGSD...) para que agora cada un se poña a facer a guerra pola súa conta. Non o entendo. Efectivamente: que meigallo lle puido caer ao nacionalismo galego? Bos? Xenerosos? Irmáns?
Primeiro: acouguemos. Que se presenten catro ou cinco listas non ten nada que ver cun posible esfarelamento do Bloque. Se tal suposto se dese, ao mellor dúas levaban un número apreciable de votos e outras quedaban cunha presenza testemuñal. Coma nas eleccións americanas, as presidenciais francesas ou -xa de forma diferente- a recente escolla de Segolène Royal.
Por outra banda: nunca me pareceu que Beiras ou Nogueira tivesen discurso para o BNG do presente nin do futuro. Téñolles un gran respecto e agradecemento. Pero eu, que en vez de rexeneración penso que o nacionalismo necesita (e dunha vez) facerse socialmente crible e influínte -ou sexa, traballar para ser maioritario-, miro cara a outro lado.
Terceiro aspecto: a mensaxe de Ramón Piñeiro quedou resesa hai ben anos. Non entendo como alguén segue coa leria de que o PSOE pode ocupar o espazo do Bloque, aínda que soñar, certamente, é gratis.
Marcos e os demais, con modestia, unha proposta-guía: sen medo, ir á asemblea; expoñer e discutir; buscar acordo; aceptar o resultado; poñerse ao choio.
En certa tradución, non moi boa, de "Le vicomte de Bragelonne", o mozo Louis XIVe dicíalle, aproximadamente, a D'Artagnan: "Convengo en que para un viejo capitán será duro desdecirse de su malhumor". Xa que non Beiras ou outros, deamos outros (se non vellos, veteranos) proba de modestia e confianza. Porque D'Artagnan aceptou o novo papel e acabou de xeneral. Hai sitio para todos.
Unha aperta fraternal.
Coincido punto por punto co comentario de Xosé M. González.
Envio outra aperta.
Creo que un dos problemas do nacionalismo é o monoteismo.
A santo de que vén que haxa que xuntarse todos no BNG?
Foi unha estratexia dos coroneis da UPG para exterminar a vida fóra do seu control, e unha estratexia de intrismo dos residuos desa vida nova para conservar actividade e poder traballar nun medio con xente. Así Camilo reenganchou en Europa para que estivese lonxe, e Beiras foi imaxe mentres lle conveu ao dos fíos, e o pobre Pepe Peña conservou tamén o seu machiño.
E logo non hai espazo para dereitas, esquerdas, máis atender aos intereses públicos ou confiar nos privados? Teñen que estar xuntos galeguistas e independentistas de forma permanente e proxectaren na sociedade un só discurso politico? É un erro histórico gravísimo pois o fundimento dun partido, podería significar o fundimento do interese no país que ese partido -ou grupo, ou fronte, ou amasillo ou como carallo se queira chamar- di representar en exclusiva.
¿Todos os galegos con vocación de identidade política teñen que comulgar co nacionalismo do BNG ou apurándome, co propio nacionalismo en si?
Paréceme imprescindible que o galeguismo teña varias patas, varias apostas. Non como as sectas xudías tan simpáticas da vida de Braian,pero como os animais gregarios que se unen ocasionalmente para cazar e teñen cada un o seu territorio vital.
Dicía Quin, que se Castelao vivise estaría no BNG e que o BNG é o PG actualizado. Ben, pois eu digo que non, que de ningunha maneira. E a miña opinión, desde logo, non está menos documentada que a súa.
Estaría Otero no BNG? Estaría Risco no BNG? Estaría Carlos Casares no BNG? Estaría Ramón Piñeiro no BNG? Estaría Blanco Amor no BNG? Estaría Seoane no BNG? EStaría Celso Emilio no BNG? EStaría Fole no BNG? Está Ramón Villares no BNG? Está Victor Freixanes no BNG? Está Méndez Ferrín no BNG?
A nación cultura galega estivo integrada nos proxectos dominantes ou non da nación política?
Xa está ben de laiarse polas leas do BNG.
Mágoa que na filmografía cómico-tráxica do galeguismo-nacionalismo non queira ninguén emprender o proxecto de rodaxe doutra película. Esta xa a temos moi vista. Pero os actores están cansos e os recursos son os que son.
O que si me gustaría é que UPG se presentase ás eleccións públicas co seu discurso reseso e a súa simboloxía m-l e fouces e martelos... para que, algunha vez, o seu poder real se confrontase directamente coas ideas do pobo e non se aproveitase dos tangaraños de acordos, pactos, dixo-díxome, descualificacións, campañas, etc. En definitiva, coa manipulacaión e control de fíos invisibles e visibles.
(Nada que ver con Débora, un bico).
Eu non son piñeirista para decir que se o PSOE asume o legado galeguista (que lle pertence en certo modo por historia) acaba co BNG. Eso parece evidente á luz das enquisas que hoxe publica a Voz: naqueles lugares onde o PSOE foi quen de presentar unha persoa con inclinacións galeguistas o BNG derrama todo o seu voto. Porque, no fondo, o BNG, eliminada a upegá, non é nada máis que un movemento, sen señas ideolóxicas, cara a consecución de Galicia coma nazón. No momento en que esto suceda, deixará de ter sentido.
A enquisa de hoxe é iso, unha enquisa. De confirmárense as súas predicións (e moito queda para comprobalo), sería un resultado tan conxuntural coma calquera outro. Pretender darlles transcendencia estratéxica aparenta un pouco desproporcionado.
Con todo, se o PSOE avanza á conta do BNG ("derramarse"?; pero vostede leu realmente a predición?) será por diferentes factores, e non parece o presunto "galeguismo" dalgúns candidatos o máis relevante. Galeguista Abel Caballero? Tamén Vicente Irisarri? E Javier Losada? Sobre Orozco xa llo digo eu, e se o coñece confirmarallo el mesmo: politicamente é calquera cousa menos galeguista, que non o confunda a vostede ese aire populista do que gusta revestirse e tan bos resultados lle dá.
Non me mete medo que o PSOE acade perfil galeguista, coido que non corremos tal perigo. Pero que o BNG non ten perfil ideolóxico (quitando a UPG) parece máis ben unha boutade ca un argumento: se se basea na diferenza ideolóxica entre os seus sectores e correntes, estimo que vostede non parou mentes en que xustamente a variedade e pluralismo é seña fundamental de identidade nos movementos políticos contemporáneos, aínda que se chamen "partidos". Que me di vostede, canto a cercanía, entre Aznar e Gallardón, Cuíña e López Veiga, Acebes e Piqué? Que da semellanza entre Ceferino Díaz e Francisco Vázquez, Maragall e Rodríguez Ibarra, Bono e Fernández de la Vega? De todos modos, se estima que PP e PSOE son maquinarias e grupos de interese politicamente consolidados, déixelle tempo a Quintana, se llo deixan, iso si, tamén os seus compañeiros de militancia.
E por certo: que significa "conseguir a Galicia como nazón"? Imos acaso camiño de tal cousa? É para mañá?
A cousa é moi fácil, sr/sra Asiandamos.
É vostede nacionalista? Pois ten o BNG.
É independentista? FPG, NÓS-UP, etc.
Non é nacionalista e considérase galeguista? PSOE e PP... Ollo: os "galeguistas" son minoría nestes dous partidos, así que teríao vostede moi difícil á hora de defender as súas ideas.
O nacionalismo implica unha estratexia moi moi a longo prazo, e isto é algo que moita xente aínda non entende. O seu obxectivo final é que partidos coma o PP e o PSOE sean nacionalistas. Entón chegará o momento de medir, verdadeiramente, as forzas.
Que pretende vostede? Que o único partido nacionalista que hai escache en varios? Sabe cal sería o resultado? Pois a disolución e a morte das partes, o cal conlevaría a perda da influencia do nacionalismo na sociedade. Se verdadeiramente ten algo de interesante o PG dos anos 30 e o BNG de hoxe é que nel colle moita xente distinta.
Colle moita xente distinta no BNG? Por canto tempo?
"Non me mete medo que o PSOE acade perfil galeguista, coido que non corremos tal perigo." Corremos, quen?
Sobre a base ideolóxica do BNG eu non dixen ningunha boutade: que teña variedade non é a razón (aínda que ten que recoñecer que meter no mesmo saco, co formato de frente, a xente procedente do PG e a xente da upegá parece excesiva heteroxeneidade): a razón reside en que a única nota común (mire que non dixen idea, porque non chega a esa categoría racional) é a defensa de Galicia como nazón. Porque cando se trata de explicar eso os militantes do BNG (a quen teño a sorte de coñecer ben de preto) tenden a mesturar ideas procedentes da dereita ou da esquerda, porque no fondo a defensa do status nacional de Galicia prima sobre a ideoloxía.
Eu son firme defensor da inclusión do concepto nación no novo estatuto, no preámbulo e donde sexa, cantas máis veces mellor. Porque desa forma o nacionalismo deixara de ter o máis mínimo sentido e entón haberá que explicarse e definirse.
Nota final: en Galicia o marchamo de galeguista nono expide ninguén, pero é moi curioso comprobar como determinados xestos cara a galería galeguista, por moi pequenos que estes sexan, son suficientes para que a xente poida inclinar o seu voto. A decisión de Losada de non seguir coa teima do seu predecesor é moi interesante e vaille reportar votos. Abel Caballero non é moi galeguista, pero pode selo: non costa moito. E a mín me consta que en Lugo moitos militantes (membros seica de antigo dos grupos nacionalistas) votan con moito gusto a Orozco. En fin. Vostede saberá máis ca mín das interioridades do BNG, pero como non cambien moito as cousas, vanse quedar refacendo o traxe. E falo desde Vigo, onde o golpe pode ser glorioso. Claro que xogar co PGOM a carón do PP non sei en que ideoloxía se atopa.
A discusión paréceme moi interesante. Entre outras cousas, porque pon de manifesto as distintas concepcións que poden subxacer a unha palabra de aparencia tan sinxela como "galeguismo". Algunhas intervencións parecen equiparar galeguismo e nacionalismo, no que eu estimo como un equívoco moi frecuente; outras quitan e reparten credenciais galeguistas entre certos dirixentes socialistas en función de criterios non explicados; outras din que a finalidade do BNG é que o PP e o PSOE se convirtan tamén eles en partidos nacionalistas (madia leva!). Tamén hai quen, certificando a defunción do piñeirismo, acaba dándolle a razón a Piñeiro, quen dicía que se o galeguismo se recluía nun só partido, sempre sería unha opción política minoritaria.
Propoño que nos poñamos de acordo nunha definción inclusiva e pluralista do galeguismo. Segundo esta proposta miña, o galeguismo sería un movemento de reivindicación sentimental, cultural e política de Galicia que se produce historicamente baixo formas moi diferentes nas súas aspiracións político-identitarias. Esas formas do galeguismo -rexionalismo, autonomismo, federalismo, nacionalismo soberanista, independentismo- non se seguen necesariamente as unhas ás outras en función dun hipotético crecemento da conciencia nacional pouco menos que historicamente determinado, senón que todas elas conviven e se simultanean.
Deste xeito, o nacionalismo soberanista do BNG non sería máis que unha forma posible de galeguismo, non necesariamente a única. Esta definición tamén nos permitiría aceptar que señores como Touriño e Núñez Feijó, que coñecen Galicia e os seus problemas como poucos e que ademais se dedican a traballar sobre eles, son tan galeguistas como, polo menos, moitos militantes do BNG que limitan os seus coñecementos sobre o país aos tópicos e trifulcas que se producen no chamado Sistema Literario Galego. A única diferencia entre uns e outros -ademais da expresada, tan importante- é que uns consideran que a identidade galega é compatible con outras, nomeadamente coa española, e os outros, porén, estiman que Galicia só pode ser ela mesma se posúe unha constitución propia ou un estado independente. Xa sei que as cousas teñen máis matices, pero tampouco me quero estender moito máis. Eu creo que se se aceptase esta definición do galeguismo, que volvo a calificar de inclusiva e pluralista e á que lle engado agora o epíteto de "realista" (conforme coa realidade histórica e social), as xentes do nacionalismo poderían empezar a mirar as cousas de outra maneira, igual de firme pero quizais menos dramática e menos tinxida desa apocalíptica e teimuda decepción que con tanta frecuencia distorsiona a visión que os nacionalistas teñen de Galicia. Un país que parece non comprendelos e ao que eles parecen comprender tamén máis ben pouco.
Eu creo que o termo "galeguismo" e "galeguista" (que equivalía a nacionalismo na época Nós) foi retomado polos piñeiristas para esconder as súas verdadeiras intencións. Partíase dunha visión derrotista, pesimista, a respecto das posibilidades de os galegos crer no nacionalismo. Non vían o nacionalismo como construcción da nación. Falaban, xa que logo, de "país" e "facer país", e como non tiñan fe no futuro fóronse integrando en candidaturas españolas que pretendían "galeguizar". Non querían darse conta de que o nacionalismo é un proxecto a moi longo prazo. Eles tomaron a vía "estática" do galeguismo, que tanto vale para un roto como para un descosido. Anularon toda a actuación política de Castelao e do PG de antes da guerra (xa saben: Castelao, que bo artista... e que mal político) e que crearon: pois o que temos hoxe. Cren vostedes que o PSOE e o PP son hoxe máis "galeguistas" que hai 20 anos?
O termo nacionalista non era, nen moito menos, na época Nós a galeguismo. O nacionalismo formaba parte esencial dos movementos totalitarios, ben sexa do panrrusismo dos soviets, ben sexa do nacionalismo do fascio ou dos nacionalsocialistas ou mesmo da falanxe. Mesmo algún persoeiro destacado do grupo Nós andivo nas loitas co nazismo ou ben preto.
O nacionalismo, tal e como se entende hoxendía, pertence a outra categoría política, no que os movementos de liberación do terceiro mundo trala colonización exercen un papel moi decisivo: trátase dun nacionalismo de rebeldía, que os primeiros grupos psgueiros e upegás reivindicaron (Lumumba...). Porén, creo que fundir galeguismo e nacionalismo no periodo de entreguerras parece un pouco anacrónico, pero a historia, xa se sabe, é un constructo inacabado.
E, como resposta para a derradeira pregunta, eu creo que o PSOE, pola súa tradición obreira, de clase, pero tamén liberal e ilustrada, casa pouco cos movementos nacionalistas, malia levar na súa estructura a seña federal. O PP, sen embargo, tal vez pola vía do populismo (Barreiro, no horizonte; Cuiña, Baltar, Cacharro, os chamados da boína), poden asumir postulados galeguistas máis fácilmente.
Non son piñeirista (que xa sei que leva a carga semántica de felón á causa nacionalista), pero a realidade é máis teimuda do que parece.
Ben, Arume, parece que como mínimo matizamos conceptos, dado que aquilo de "presentar unha persoa con inclinacións galeguistas", aparentemente aludindo aos candidatos do PSOE na Coruña, Ferrol, Lugo ou Vigo quedaba así como un tanto trascanteado.
Non lle vou entrar, xaora, en todo o que di, porque non é o marco e o substancial deixeino indicado antes. Só tres cousiñas a partir do que vde. indica: primeiro, a razón de ser do BNG e o nacionalismo non acaba nin "na defensa de Galicia como nazón" nin moito menos na "defensa do status nacional"; alguén coma vde., que aparenta informado, debe sabelo, e polo tanto abráiame un tanto a súa aparente inferencia de que se o Estatuto do 2007 (ese desideratum!) recoñece que Galicia é unha nación "o nacionalismo deixará de ter o máis mínimo sentido" (así, sen desfacer o peiteado!).
Segundo, sen dúbida un grupo que acolle xente procedente ou cercana ao que sería o PG e xente da U é un grupo heteroxéneo. Demasiado?: pois non lle sei, xa dixen que a heteroxeneidade -ou pluralismo- é marca dos movementos políticos importantes no mundo actual; ora ben, de vez en cando eu tamén penso que Xosé Luís Rodríguez Pardo e Francisco Vázquez no mesmo partido aparenta cousa un tanto rechamante.
Por último: penso que se está magnificando a famosa enquisa, que en todo caso indica tendencias municipais, onde o Bloque é penalizado principalmente por políticas municipais e falta de estabilidade de cara ao electorado. O caso de Vigo é particular: se se confirma, e Domínguez Olveira non mellora estes números, implicará pagar o custo de algo que houbo que facer, que pensei e penso que para o BNG era absolutamente imprescindible: pór a Pérez Mariño no seu lugar. Si, o PP aceptou o PXOM que desde a xestión urbanística do Bloque se propiciara, e beneficiarase probablemente do feito; iso non implica achegamento entre ambos, pero que lle vou dicir a vostede, que se é de Vigo supoño que o sabe perfectamente.
En suma, que o PSOE teña aínda vento nas velas, parece que a algúns lles dá para calcular que se pode enviar unha OPA hostil de cara ao nacionalismo. Pois alá eles.
Leituga, o seu paréceme tema de fondo e merecente de observacións que non caben aquí. Se teño algún vagar, gustaríame desenvolvelo na miña columna de Xornal.com. Se tal se dá feito, e quere, podemos debater ao e con respecto. Un saúdo.
Vostede definiu perfectamente a acción do BNG en Vigo: pór no seu sitio a Pérez Mariño. Esa convicción, sen dúbida ideolóxica, vaille costar a unha persoa con certo prestixio como Domínguez non acadar nin catro concellais. (Aínda que tamén qué importa: porque con dous o Soto pode ter a chave da gobernación; polo tanto, ter maioría minoritaria tampouco é un gran choio).
E se o PGOM que sai é do BNG por qué non albiscamos nin unha soa pinga de entusiasmo nos seus concellais? Acaso en Vigo sabe alguén que o plan era do BNG? POr qué están tan calados? Será pola mala conciencia?
E, desde logo, sobre materia ben sustancial, digo e repito que nunha sociedade onde o nacionalismo acada a súa expresión formal nos papeis remata por ter sentido. A Barreiro, que mencionaba pola mañán sen ter lido o seu artigo de hoxe na Voz, remito o meu xuízo. E, por suposto, cos meus cabelos impolutos.
E finalmente o BNG recebe opas hostiles porque a súa posición é ben feble, pero tamén porque o seu capital político ten un punto interesante para invertir. E non solo o PSOE o fai: no meu pobo sonche moi agarimosos os do PP (poderes fácticos incluidos) co BNG.
Felicito cordial e entusiasticamente a todos os participantes neste post, que está acadando unha altura considerable. Este é o camiño, opino modestamente. Intercambio de ideas, civilidade, argumentación. De novo os meus parabéns, señores.
Non pretenderá vde., Arume, -supoño- que se estean a repetir a mesmas cousas durante anos. Que en Vigo ninguén saiba que o PXOM foi prmovido inicial e substancialmente polo Bloque (durante a súa alcaldía e xestión do urbanismo) paréceme literalmente incrible. E sobre resultados electorais tempo virá que todo aclarará.
Do demais... Aínda que tivese vde. razón -eu non lla dou, coido que a Historia tampouco- e o nacionalismo deixase de ter sentido a partir de certas consignacións documentais ou lapidarias, estamos ben lonxe de tal eventualidade ou, se se quere, "perigo"; que hai que estar aberto á ironía, hom, aínda que a retórica do rival -ou contertulio- transite camiños diferentes ao discurso dun.
Unha cousa si que é certa: o nacionalismo político galego leva tempo sen elaborar discurso estratéxico, e empeza claramente a pagalo. Non é culpa, xaora, da organización política, senón responsabilidade dos pensadores con máis bagaxe, experiencia e capacidade. Temos forza e madurez no cultural -as iniciativas do Marcos Valcárcel, e o poder centrípeto que esta mesma discusión demostra, son boa proba-; xa vai faltando o resto.
De cuestións bancarias e empresariais non seguirei falando. Iso si, véxoo diferente a vostede: se hai oferta, é que hai capital. Non me parece que estea en venda.
Creámo: parece incrible que a xente en Vigo non saiba que o PXOM é responsabilidade do anterior goberno. Pero é así. Pero é que ademáis o BNG (e convido á xente que lea esto e que saiba do que pasa en Vigo a que me dea ou quite a razón), que podería afillar o plano e reclamalo por seu, está permanentemente calado. Esa é a verdade.
Bragado, que foi proposto e intelixentemente declinou a invitación para ser candidato polo BNG, nun texto moi coñecido fixo parecidas observacións.
Sobre si estamos repetindo as cousas doutros anos, eu agardo que non, que novas persoas, fóra do circuito coñecido das elites nacionalistas e socialistas (por certo, afeitos ás asambleas estudiantís dos anos 70), entren na política galega. Creo que é tempo dunha nova xeración de persoas. As outras xa están excesivamente lastradas. Un saúdo moi cordial e moitas gracias pola súa valiosa (para mín, polo menos) interlocución.
A renovación -onde queira que politicamente miremos- urxe ata extremos de vox clamantis, espero sinceramente que non in deserto. É inevitable coincidir con vde. sen reserva, no momento de dar cabo a este fructífero intercambio. Co meu saúdo.
Acepto e agradezo, señor González, moi gustosamente a súa invitación ao debate. Ademais diso, gustaríame volver un pouco atrás, pois quedou aí dito algo sobre Ramón Piñeiro que me parece substancialmente errado: segundo o señor Swann, Piñeiro utilizaba o termo "galeguismo" nin máis nin menos que "para ocultar as súas verdadeiras intencións", as cales, conforme se desprende das posteriores palabras do señor Swann, non eran outras que as de borrar ou minimizar o legado dos galeguistas-nacionalistas de preguerra. A min esta lectura do "piñeirismo" paréceme unha distorsión racionalmente insostible. Piñeiro foi, en efecto, un "revisionista" da tradición galeguista-nacionalista. E de feito el nunca se definiu como nacionalista, pois tiña do nacionalismo unha percepción moi parecida á que sinala "Arume dos Piñeiros" como predominante na época de entreguerras. Tanto na súa "Historia del siglo XX" como en "Naciones y nacionalismos desde 1780", o historiador marxista inglés Eric J. Hobsbawm fai observacións moi semellantes sobre o fenómeno nacionalista. O chamado "nacionalismo de esquerdas" é un fenómeno propio da segunda metade do século XX, con orixes nos movementos de liberación nacional do Terceiro Mundo, importados logo a Europa por marxistas influídos pola Revolución China, as loitas anticoloniais alxerina e indochinas e, finalmente, pola Revolución Cubana, derradeira fazaña da esquerda revolucionaria antes de que comezasen as sanguinolentas caricaturas protagonizadas por Pol Pot en Cambodia ou Sendero Luminoso en Perú.
Pero na época de entreguerras, o nacionalismo se asimilaba fundamentalmente ao fascismo, ao nazismo e aos movementos de carácter reaccionario, etnicista e excluínte que agromaban en toda Europa paradoxalmente lexitimados polas doutrinas do presidente norteamericano Woodrow Wilson. Piñeiro explica nos primeiros capítulos desas memorias incompletas publicadas baixo o título "Da miña acordanza" que el nunca foi nin se sentiu "nacionalista", carencia que non tiña nada que ver co seu real e verdadeiro sentimento galeguista. Se Piñeiro tivese as aviesas e escuras intencións que o señor Swann lle atribúe, non tería sentido que renunciase á súa vocación profesional e que se xogase a liberdade, e mesmo a vida, participando dende primeirísima hora na reconstrución do galeguismo político, do Partido Galeguista, despois da Guerra Civil, cando aínda nin sequera se albiscaba a posibilidade dun triunfo aliado na Guerra Mundial. Se Piñeiro tiña algo, era fe no que facía e un amor desmedido por unha Galicia á que dedicou a súa vida enteira, o cal non lle impedía ter ao tempo ideas propias e mesmo cometer os enormes e imperdonables pecados de discrepar de Castelao e de aborrecer o comunismo.
Nun momento aínda indeterminado, que eu sitúo entre 1958 e 1961, Piñeiro deixa de crer na funcionalidade política e social do Partido Galeguista. Pero isto non ocorre porque Piñeiro deixe de sentirse "galeguista". Máis ben ao contrario: no seu galeguismo, Piñeiro considera que é un erro grave para o triunfo da súa causa facer do galeguismo unha ideoloxía e enclaustrala nun partido. O galeguismo, para empezar, non é unha ideoloxía, senón un sentimento e unha conciencia de país que debe ser transversal a todas as ideoloxías e estar, por tanto, presente en todas as forzas políticas e no conxunto da sociedade. Piñeiro ve moito para Europa e o que ve alí é un movemento que se dirixe á superación dos nacionalismos e á construción dunha entidade supranacional que daquela era a CECA e hoxe é a Unión Europea: unha garantía de paz, democracia e solidariedade entre os pobos de Europa. E o que tamén ve en Europa non son partidos nacionalistas, senón unha democracia cristiá e unha socialdemocracia que están sendo capaces de construír unha Europa que empeza a vivir neses anos unha auténtica "idade de ouro", como escribe e recoñece sen reticencias un comunista como o xa citado Hobsbawm.
Iso é o que quere para Galicia un Piñeiro que quere preaprar ao país para cando remate o franquismo e que coloca os seus minguados peóns (Isla, Del Riego) á fronte do Partido Popular Galego (nada que ver coa actual formación do mesmo nome) e do Partido Socialista Galego. Daquela a Piñeiro non lle parece mal a existencia da UPG, pois cre que tamén debe haber en Galicia un partido comunista galego.
Ese foi o seu intento: deseñar un mapa político-partidario especificamente galego e en sintonía coas correntes europeas. O que non lle gustaba a Piñeiro era o sucursalismo. Xa digo que prefería á UPG antes que ao PCE (nisto equivocábase, je, je, je).
Cando se decatou de que ese intento producira uns resultados máis ben enclenques, foi cando optou pola súa táctica, limítrofe co entrismo trotskista, de "galeguización" dos grandes partidos españois chamados a dirixir os procesos paralelos de restauración da democracia e de implantación do autogoberno de Galicia.
¿Foron malos os resultados? Todo depende de se miramos a botella medio chea ou medio valeira. Nun apretado e sintético balance, eu diría o seguinte: no lado negativo, Piñeiro fracasou no seu intento de crear un mapa de forzas políticas propias, independentes, organizadas dende Galicia, con capacidade para federarse ou pactar libremente a súa relación con forzas homólogas do resto de España, e coa forza suficiente para liderar o cambio democrático en Galicia. Ese cambio e o posterior desenvolvemento da autonomía galega foi liderado pola dereita galega agrupada na UCD e no Partido Popular
No lado positivo, Piñeiro conseguiu que o "galeguismo", con maior ou menor intensidade, vigor e convicción, se convertese na "ideoloxía oficial" da autonomía de Galicia, no discurso da Galicia nacida á vida institucional e xurídico-política en 1981. Esa ideoloxía, ese discurso galeguista non pode obvialo hoxe ninguén en Galicia. Nin sequera puido facelo un home procedente do peor franquismo, como Fraga Iribarne, por catro veces democraticamente elixido Presidente de Galicia.
Piñeiro, en fin, deulle á dereita galega o que esta non tiña e, porén, necesitaba: un discurso construtivo e lexitimante, unhas bases ideolóxicas acordes aos novos tempos e escenarios. A cambio, Piñeiro obtivo unha "galeguización" sen volta atrás posible dunha dereita dirixida por Fraga Iribarne, unha galeguización plasmada no desenvolvemento institucional e político da autonomía galega (con competencias exclusivas e políticas propias en numerosas e importantes materias), no recoñecemento identitario como nacionalidade histórica (Estatuto de Autonomía)ao mesmo nivel que Cataluña e País Vasco e en leis performativas de galeguidade, como a de Símbolos e a de Normalización Lingüística.
¿É moito ou é pouco? Supoño que para responder a esta pregunta, hai que ter moi en conta o contexto histórico e social no que tivo lugar este proceso. Dende ese punto de vista eu considero que o logrado é moito máis do que Galicia merecía.
En todo caso, e xa por último, pódese facer unha comparación non virtual co conseguido polo nacionalismo de esquerdas neses mesmos anos...
Descúlpenme Don Marcos e todos os blogueiros pola extensión do post. É que me embalei. Non sei se non debería poñerme a escribir un libro en vez de andar de zascandil por internet...
Serán os cidadáns os que dean e quiten razóns neste debate.... pero...¿onde esta esa nova xeración de persoas? (Sen dubida non nos cabezas de lista do PSOE....Poderíamos dicir (pendentes de coñecer as listas completas definitivas) que, polo menos en Vigo e Ourense, os cabezas de carteis do BNG presentan mais renovación que o PSOE.... pero ¿fainos iso mellores?)
Realmente alguén, e non falo so seu compromiso nas asembleas dos 70, defendería honestamente e a priori o recorrido que terán os hipotéticos gobernos municipais de BNG-PSOE? Alguén pode afirmar que despertan a súa ilusión para construir novos proxectos e novas oportunidades?
O usuario anónimo pon o dedo na ferida. Ten toda a razón: eu creo que convén cambiar, pero non estou seguro de que eso poida traer cousas mellores. Pero si pode rachar unha dinámica perniciosa, xa que os cadros políticos dos partidos (dame igual cales e concordo con que os do PSOE son os que menos cambian: neses pensaba eu cando falaba das asambleas, como o extrotskista Bugallo ou propio pecero Touriño) están xa anquilosados. E cando falo de renovación non falo de facianas novas, senón de xeneracións novas, de xente que viviu sempre en democracia, co estatuto medianamente desenrolado, sen o handicap das loitas antifranquistas que os honran, pero que hipotecan a acción política de todos, non só a deles mesmos.
E finalmente, en efecto, a posibilidade dunha reedición dos pactos non é do agrado de ninguén. A miña opinión é que nestes últimos anos, os votos da segunda forza en cada concello sumou maioría pero non foron quen de artellar unha política diferenciada. Por iso, gana Orozco en Lugo e Lores en Pontevedra. E, por iso, perden vergonzosamente a alcaldía viguesa. A situación en Vigo ademáis é a menos exemplar e a que definitivamente quita a posible ilusión dunha unión progresista.
Nota: agradezo a Leituga 1 que amosara as ideas de Piñeiro. Eu, que non lín nin unha soa letra de Piñeiro (podo xuralo), concordo coa súa tese, mesmo nos termos de acadar a dereita un espacio de lexitimidade democrática. Onte recordaba a Barreiro, pero lémbrense as goleadas de escándalo de Fraga nos primeiros anos. E non eran polo seu pasado franquista (eso quero pensar) senón pola súa transformación nun vago conservador de lixeiro equipaxe galeguista, aínda que fora mediante calculadas xogadas de dominó nas fin de semana en Vilalba.
Bugallo non era troskista, era do MC
Gracias pola puntualización, porque cando o estaba escribindo, xa non estaba seguro, pero como non variaba no sustancial, non quixen cerciorarme. Disculpas polo lapsus.
Sen embargo, eu, señor Arume, estou convencido de que o pasado franquista de Fraga nunca foi algo do que unha gran parte dos seus votantes se sentisen avergoñados. Máis ben, observaban ese dato como unha demostración da súa capacidade e das súas dotes de mando. Os que nos avergoñábamos éramos nós, vendo que Galicia era o único lugar de España no que sobrevivía democraticamente e en loor de multitudes o último dinosaurio do franquismo. Madrid, que agora é unha cidade de dereitas, humillou a Arias Navarro, derradeiro presidente de goberno da Dictadura e coñecido como "Carnicerito de Málaga", negándolle a elección como senador por Alianza Popular. Como el, moitos outros foron desaparecendo das institucións da democracia. Só Fraga sobreviviu. Grazas a Galicia e aos galegos.
O conto é triste, pero real.
De acordo con Leituga nisto, Fraga foi elixido co apoio popular e sen que ninguén se avergoñase (entre os seus moitos electores) do seu pasado franquista. E non era a primeira vez que pasaban cousas semellantes; un dato: nas primeiras eleccións da República o candidato máis votado na provincia de Ourense (na cidade foi Otero P.) foi un tal José Calvo Sotelo, ministro da dictadura derrocada de Primo de Rivera e entón no exilio lisboeta, presentado como independente (monárquico). Tamén entón lle deu vergoña a moitos demócratas...
Totalmente de acordo. Non só era vergoña senon unha forma de perdonarse a sí mesmos, de asumir coma propio o mesmo franquismo sociolóxico que representaba/n. A Galicia do 77 era, non esquezamos, a zona máis conservadora de toda España. Boa parte dos votos que acadou Alianza Popular nas eleccións xerais procedían de Galicia. Eso hai que recoñecelo, malgrè nous. Cando viaxabamos, por exemplo, a Asturias neses tempos, sempre nos facían as mesmas e incontestables preguntas: ¿cómo votáis a esa gente?
Animo con total entusiasmo ao señor Leituga 1 para que se poña mans á obra e escriba e publique ese libro. Sen dúbida que sería un ensaio histórico, político e cultural, de grandísimo interese. Coido que pola súa idade, coñecementos e bo manexo da pluma, ese sería o resultado. Ánimo, pois.
Moitas gracias, señor AP-C. Pero entre que son vago e teño pouco vagar...
Publicar un comentario