12 nov 2006

Valcarce
Polas mañás, sempre que podo, leo os xornais, galegos e españois, no Café Real, en Ourense (non poño a rúa porque aínda leva o nome dun militar ignominioso). Logo na casa, leo algúns máis de fóra, sobre todo cataláns, e algúns dixitais, ademais dos blogs. Onte pola mañá, lendo o Faro de Vigo en formato papel, púxenme bastante contento. E foi por isto:

X.L.Méndez Ferrín, Consultorio dos Nomes e dos Apelidos Galegos
126. VALCARCE.
Algunhas veces este apelido galego aparece corrixido como Valcárcel, como se tivese, que non ten, algo que ver con algún cárcere ou cadea en castelán. Non é esta a súa forma primitiva e correcta, senón Valcarce. Este é o nome dun río que nace no Cebreiro e dun val importante do Bierzo que ben cantara Ramón González Alegre e que lle empresta o nome ao concello de Veiga de Valcarce que algún día se destacara a favor do uso oficial da lingua galega naquela terra administrativamente castelán-leonesa.
Coido que Valcarce, na súa orixe, non sería un hidrónimo. Ao meu xuízo vese aí o nome dun señor da terra que diu o nome a un val ou territorio que lle pertencía. Da xuntanza dop latín vulgar *valle e do nome persoal Cáricus en xenitivo sairía un Valle Cárici, que, ao perder o i postónico, ficaría como Val Carce ou Valcarce. Posteriormente, o río, que habería de ter un nome antigo, pasou a se chamar Río de Valcarce. Parece que o nome de Cáricus sería de carácter prelatino e non indoeuropeo. Xavier Valcarce Ocampo é un escritor pontevedrés de primeiros do século XX que é preciso consultar sempre que queiramos documentarnos sobre temas mariñeiros, en canto Marcos Valcárcel é un dilixente e sabio historiador e ensaísta de Ourense.

E logo conteino así, hoxe mesmo, en La Región (Pan por Pan):

Apelidos. Dende hai varios meses Méndez Ferrín está a publicar nun xornal galego unha valiosa colección de fichas que esculcan na orixe dos nosos apelidos. Chegoulle onte a hora ó meu propio apelido e aprendín algunhas cousas ó respecto, que confirman as miñas intuicións: “Valcárcel” é forma castelanizada de “Valcarce”, a correcta galega. É o nome dun río que nace no Cebreiro e dun val importante do Bierzo, que lle emprestou o nome ó concello de Veiga de Valcarce. Segundo Ferrín, o nome non viría dun hidrónimo, senón dun señor da terra que deu nome a un val que lle pertencía: un Cáricus (de carácter prelatino e non indoeuropeo), de onde sairía en xenitivo un Valle Cárici e logo Val Carce ou Valcarce. De aí collería logo o nome o Río de Valcarce. (Ah! E graciñas polas xenerosas palabras de gabanza coas que me agasalla o mestre da palabra no remate da súa ficha).

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Non existen formas correctas e incorrectas: son todas formas deturpadas do latín. Tan galego é valcárcel como valcarce, e tan español ou castelán. Malgré Ferrín, que non é, nin lle gustaría ser, autoridade. Ademáis, despois da Idade Moderna, non hai autoridades. Vale, pois, Válcarce, berciano que se adentra polas Galicias, coma mín.

bouzafria dijo...

Eu sonlle máis do Latino.
Resulta moi agradable o mergullo na procura dos devanceiros, sexan persoas ou lugares. E pode que para os galegos aínda máis, pobo tan acostumado a afastarse das súas raíces indo polo mundo adiante.