5 dic 2006


Máis cidades literarias (4)
Andoliña 5 decembro


A cidade da Coruña non ten a mesma fama que Ourense ou que Compostela como topoi literario, pero o certo é que hai un bo mangado de obras de estirpe e de paisaxes coruñesas. A máis recente é a magnífica novela que nos deu recentemente Manuel Rivas, Os libros arden mal, presentada con acerto como a novela da Coruña dos anos 30: por exemplo, ese magnífico retrato da fin dun mundo, o da democracia e da liberdade, na escena que narra, con todo detalle e emoción, o espolio da casa de Casares Quiroga. O acento coruñés está moi presente en Expediente Artieda, de Luís Rei Núñez, premio Xerais 2000, crónica da resistencia urbana antifranquista na posguerra; en A canción do verán, de Vicente Araguas, dende a perspectiva dunha certa burguesía capitalina, ou en The Corunna Boats de Xelís de Toro.

Pero estes autores tiveron egrexios predecesores, hai máis de cen anos. Velaí a Alberto García Ferreiro que cantou en Leenda de groria (1890) a defensa da cidade dos ataques de Drake en 1589. Ou, cun tema idéntico, Os Calaicos (1894), un dos grandes poemas épicos de Vaamonde Lores. Ata o padre xesuíta Xosé Rubinos escribiu O poema da Coruña (1933), tamén moi fiel ó modelo épico e clásico.

2 comentarios:

Xosé Manuel Carreira dijo...

Cómo que non ten a mesma fama?. Se ata temos a literatura bravú de Xurxo Souto e ata tivemos o noso proprio bardo que era Pucho Boedo.

Anónimo dijo...

En xeral, a presencia das cidades galegas non está moi presente na narrativa galega. Refírome a novelas nas que a cidade en cuestión sexa facilmente identificable e a acción transcorra no presente.
Tampouco os historiadores, até non hai moitos anos, lle dabades ás cidades a importancia que tiveron nas vosas análises.
No caso d'a Coruña, "A canción do verán" é unha excepción. Non coñezo outra novela coma esta na que se fale do que é a nova Coruña dos 80 e 90, grazas á obra e milagres do seu alcalde. Tamén é a novela dunha certa xeración cuxos presupostos vitais evoluiron cara ao hedonismo e o apoliticismo.