5 dic 2006


Luchino Visconti
PAN POR PAN martes 5 decembro

Pasei a tarde gris do domingo vendo “O gatopardo” de Luchino Visconti. Xa a tiña visto varias veces, pero comprobei que garda toda a súa fascinación orixinal. Poucas veces se retratou con tal acerto a decadencia duns poderes e a súa transformación noutros, nun proceso case natural. Afonso Tancredi (Alain Delon) pasa de militar na guerrilla garibaldina a xustificar logo o fusilamento dos seus compañeiros que non aceptan a nova orde burguesa. Inspirada na novela de Lampedusa, a película de Visconti debería ser de visión obrigada nas Universidades: quizais tamén nas aulas dos Institutos.
Contan que Togliatti, secretario dos comunistas italianos e amigo de Visconti, viu a película nun pase privado co director. Para algúns críticos a escena do baile, que dura un tercio da cinta, é moi longa. Pero Togliatti díxolle a Visconti: "Non cortes nin un metro da película". E tiña razón.

12 comentarios:

Anónimo dijo...

Permíteme a broma: este post ten que ver co congreso do BNG?
En serio, contemplar estes días na TV estas películas de Visconti (Confidenze, Senso, La caduta degli dei) permite admiralo coma un dos grandes do cinema. Cada día que pasa máis.

Marcos Valcárcel López dijo...

Sen bromas. Cando remataba a película, co pacto burguesía-aristocracia, debían estar a votar na asemblea do BNG e eu pensei tamén no mesmo: espero que neste caso, no BNG, non se trate tamén de cambiar todo para que todo siga igual.

Anónimo dijo...

Seica Togliatti era un dandy, malia a súa querencia polo comunismo estalinista.
A grande pegada do comunismo italiano pode verse na EMilia-Romagna, a terra de Antonioni e Bertolucci, onde sempre gañaron os "picini": ferrari, a fértil agricultura padana, a moda, a cultura abraiante de Bologna. Cando falan sempre negativamente do comunismo sempre lembro esa terra italiana, unha das máis desenvoltas de toda Europa (eu poñería do mundo), onde o socialismo non rifa coa elegancia ou a prestancia burguesas.
Recomendo a lectura dos libros de Edmondo Berselli, xornalista do diario da Repubblica e de L'espresso, que explica moi ben a realidade do PCI (ou DS ou Rifondazione Comunistas: os restos) nesta próspera zona de Italia. Visconti estaría encantado.
http://www.libreriauniversitaria.it/BIT/8804535733/Quel_gran_pezzo_dell_Emilia__Terra_di_comunisti__motori__musica__bel_gioco__cucina_grassa_e_italiani_di_classe.htm

Anónimo dijo...

A Emilia-Romagna é unha terra única, claro que si. E mesmo poden ampliarse as súas características políticas, culturais e sociolóxicas á Toscana. Pero tamén o PCI era un caso único en Europa, o único caso verdadeiro de comunistas que amaban a democracia, a liberdade e a cultura como algo valioso de seu e non como uns simples instrumentos para outra cousa idealmente superior. Os comunistas españois íamos por un camiño parecido: aquel famoso e efémero "eurocomunismo". Pero non nos deu tempo...

Anónimo dijo...

Sí, pero a Toscana vive máis do turismo cultural ca da industria. Aínda que Arezzo ou a mesma Firenze teñen un extraordinario tecido comercial. Claro que na Toscana non hai moitas autoestradas co claro propósito de conservar o territorio incólume, belísimo (o máis fermoso do mundo, no meu entender) para goce dun turismo de elite.
Unha forza eurocomunista, descendente do PC sen vencellos co estalinismo, cos socialistas ó lado (sobre todo, despois do golpe de Estado do 81) e na Galiza cos nacionalistas tamén mordendo os talóns, non tivo a fortuna que merecía. Eu ben o sinto. Pero seguiremos na loita.

Anónimo dijo...

A concepción instrumental da cultura é algo que aínda sigue en vigor en Galicia. É, sen dúbida, un síntoma ben evidente de atraso político-cultural.

Anónimo dijo...

Coincido con Arume dos piñeiros na súa apreciación sobre a paisaxe da Toscana. Tiven a gozosa oportunidade de facer en coche, e parando aquí e alá, a chamada "Ruta do Chianti", pola estrada que vai dende Arezzo ata San Giminiano. Unha viaxe inesquecible.
E coincido tamén, como xa vai sendo costume, co Anónimo Político Cultural sobre a vixencia da concepción instrumental da cultura en Galicia. Pero vou aínda máis alá: dáme a impresión de que esa concepción está cada vez máis estendida, non só en Galicia. A cultura, igual que a historia, perdeu "sentido". Todo o que antes lle comunicaba un prestixio que trascendía o meramente mediático -contido emancipador, capacidade de mellora moral dos seres humanos- está hoxe posto en dúbida. A cultura vaise englobando cada vez máis nese conglomerado denominado "ocio e entretemento", de impronta tan norteamericana. A súa confusión co marketing ideolóxico é día a día meirande. Hai certos paralelismos co que está a ocorrer coa historia, alomenos cos seus "usos públicos"... ¿Teñen algunha opinión sobre este asunto?

Anónimo dijo...

En efecto, a cultura entendida tanto no senso humanista de perfeccionamento moral como tamén no senso elitista de “superioridade” intelectual dos seus portadores –e ollo, que ninguén me malinterprete!-, está claramente de capa caída, perdeu toda funcionalidade e eficacia social. As causas que están detrás desta debacle son moitas e variadas, e están en directa relación cos cambios sociais acontecidos nas sociedades desenvoltas, ámbito no que, mutatis mutandis, tamén nos movemos nós. Sería longo e complicado traer a colación todas esas causas. Sen dúbida, unha delas é o que podemos denominar efecto paradoxal da extensión do igualitarismo democrático. Se todos os individuos son iguais verbo dos dereitos de cidadanía, ergo tamén son iguais á hora de emitir unha opinión, independentemente da validez dos criterios da súa fundamentación. Todo tería, pois, o mesmo valor. Se a isto se lle suman os efectos intrusivos dos valores da cultura de masas, e determinadas orientacións filosóficas e políticas que fan exclusivo fincapé “no punto de vista” e ditaminan que todos son meramente subxectivos e que non pode haber nin sequera unha mínima –e todo o provisional que se queira- xerarquización entre o válido e o non válido, entre o correcto e o non correcto, etc., pois daquela todo vale, ergo nada vale. E poñamos agora un exemplo pedestre: antes cando se entraba na casa dunha persoa medianamente culta e se ollaba a súa biblioteca, había como un implítico recoñecemento de que se estaba ante alguén que “sabía”, e agora cando acontece isto, pénsase que esa persoa é un becho raro, un gilipollas que non ten nada que facer e que lle dá por aí, no canto de dedicarse a gañar todo o diñeiro posible.
Seguro que me expliquei fatal e supoño que serei malinterpretado. Son os signos destes tempos menesterosos: a confusión está instalada entre nós para nunca máis abandonarnos.
Un saúdo.

Anónimo dijo...

Explicouse vostede moi ben, señor AP-C. E é moi interesante o que di.

Anónimo dijo...

Pois a maior abondamento... anímese vostede.

Anónimo dijo...

Esta crítica ó pensamento debole non está mal, pero haberá que ofrecer solucións. Non basta con arremeter contra o relativismo absoluto. Convén ter claro que é o que podemos ofrecer, cunha mirada crítica sobre todas as cousas. Todo o mundo pode decir o que quera, pero tamén é certo que non todo o pode decir do mesmo xeito e resultar convincente e riguroso. Convén, pois, afinar o pensamento, enriquecer a lingua que empregamos, axeitar os métodos ás analises e, sobre todo, someter todo ó enxuizamento radical. Só así poderemos atacar os fráxiles pensamentos dos cultural studies ou cousas semellantes. A verdade é que Visconti da para moito. Espero que unha vindeira andoliña do amigo Valcárcel (a quen non teño o gusto de coñecer en persoa e a quen teño xa por amigo) fale de a caída dos deuses viscontiana e volvamos sobre estes pasos tan ricaces.

Anónimo dijo...

A miña non era exactamente unha crítica ao "pensiero debole" (entendido nun senso estrito). Nalgunhas cousas -só nalgunhas- son bastante postmoderno, e dos "cultural studies" estimo algunhas cousas. Concordo con vostede, prezado Arume, en que Visconti dá para moito, e animo igualmente a Valcárcel a que fale da caída dos deuses.
Unha aperta.