20 dic 2006


O tren de Dieste.
Pan por pan mércores 20 decembro (Imaxe de Cranach, que serviría para unha portada de "Os vellos..." de Castelao)

Nas letras galegas non hai ningún relato sobre o mundo do tren tan emocionado como “O vello que quería ve-lo tren” de Rafael Dieste. Seguro que coñecen a historia: nun pobo da montaña un velliño comunica un día á familia a súa ilusión por ver o tren antes de morrer. Ós familiares parécelles unha tolería, pero o apoio do neto e do crego do lugar logran que o avó consiga o seu desexo. Aló van avó e neto, nun rexo carro de bois, ata o apeadeiro ferroviario. O tren chega como un lóstrego e só teñen tempo para ver nas fiestras do tren unha señoriña ben vestida e un neno de cidade.
O neno volve ledo, seguro do seu futuro: “Eu cando medre tamén hei de andar en tren”. En cambio, o avó volve en silencio, envolto nunha tenra tristura: sabe que xa nunca poderá coñecer os mundos que se adiviñan tralo fumegar da locomotora. Quen non sentiu algunha vez esa aceda melancolía?

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Que breve pero que lindo este texto, dúas idades a un tempo, dúas emocións, a ilusión e a melancolía, a infancia e a vellez,
e o tren da vida por diante.
Grazas pola benvida na Rexión.
Feliz Nadal a ti e á túa familia
Unha apertiña de moralla

Xosé Manuel Carreira dijo...

A min o conto que me gustou é ese no que un vello crece ao revés e cada vez se volta máis novo. Cousas de Dieste.

Anónimo dijo...

Parece que para os galegos o tren sempre foi símbolo de algo. De que? Non sei ben pero penso que para moitas xeracións a chegada do tren quería significar a chegada do progreso. Aí está o famoso poema de Curros, a axitación social polo tren Zamora-A Coruña, este conto de Dieste.
Aínda hoxe, tantos anos despois, seguimos a ollar o novo tren como a metáfora do progreso e a modernidade, e os nosos políticos ben o saben e ben o usan como arma de propaganda.

Bo Nadal a todos.

Marcos Valcárcel López dijo...

Rafael Dieste é un universo de grandes relatos e sensacións. E, sen dúbida, "O neno suicida", ó que se refire Mendinho, é unha das súas obras mestras. Por certo, ten un aire a "Viaje a la semilla", de Alejo Carpentier.