Reflexionando sobre o mundo dos blogs
De cando en vez os que andamos neste mundiño dos blogs facemos reflexión propia sobre o sentido destes textos que aboian á Rede. Hai unhas semanas facíao Fíos invisibles e nestes días fíxoo Fragmentos de Galaxia. No meu caso tamén estou moi satisfeito do significado deste blog e do apoio que, na fórmula de debates constantes e de alto nivel, lle estades a dar moitos amigos e amigas. Tanto que máis dunha vez utilizo as vosas ideas ou suxestións para as miñas reflexións e para afondar en esculcas nas que eu mesmo ando. Douvos agora as grazas a todos, porque non podo facelo un por un (entre outras cousas, porque moitos interpelantes son anónimos ou usan algún nick). Como exemplo dese meu labor de aproveitamento e reciclaxe de ideas, creo que necesario cando se escribe moito como é o meu caso (un mínimo de dous artigos diarios), vai a propia Andoliña que publiquei hoxe en Galicia Hoxe. O tema xa foi tocado neste blog, pero o lector atento advertirá que incorporei ó remate unha achega que saiu dun comentario deste blog (creo que de Arume dos Piñeiros) que eu á súa vez ampliei logo no cabo do artigo con esa referencia a Cela, onde el mesmo utiliza a expresión que rexeitaba no Dicionario do español.
En fin, grazas a todos vós, copartícipes deste blog e tamén (en parte) dalgúns dos meus artigos.
Galego no dicionario español
Andoliña mércores 20 decembro
En 1959 a Real Academia Galega, presidida por Sebastián Martínez Risco, levou unha proposta diante da súa homóloga española solicitando que se suprimise do dicionario español a acepción da palabra gallego como "mozo de cuerda". Camilo José Cela, que xa era académico da RAE, apoiou a proposta e propuxo pola súa banda que se substituíse a acepción de gallego como dialecto por gallego como lingua. As propostas foron aceptadas, pero Cela só tivo na RAE o apoio de Fernández Flórez (había máis galegos naquela casa). Logo o padronés escribiulle a Celso Emilio e a Del Riego protestando porque en Vieiros de México se informaba do cambio da Academia sen facer mención ó seu papel decisivo, do que estaba tan orgulloso: a carta está no volume Retorno a Iria Flavia, publicado nestes días.
Un amable lector do meu blog infórmame de que na edición de 1989 do Diccionario manual e ilustrado de la lengua española figuraba aínda (quizais por erro) a acepción de "mozo de cuerda", retirada noutras posteriores. Pero si figura como sexta acepción no Diccionario del español actual de Manuel Seco. Paradoxos da historia: nesta entrada Seco pon como exemplo unha cita de Viaje al Pirineo, de Cela.
P.S.: No Dicionario de Seco-Olimpia Andrés e Gabino Ramos, figura:
gallego. 6. (reg. col.) Mozo de cuerda/ Cela Pirineo 132. Por aquí llaman murcianos a los peones de la construcción, en el mismo sentido tralaticio que el que usan los sevillanos al llamar gallego al mozo de cordel o montañés al tabernero.
PAISAXES CON MÚSICA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
Someday Soon (1977)
Firefall
Hace 5 días
3 comentarios:
Tes toda a razón: esta rede de reflexións compartidas e públicas fainos ricos a todos. Eu, cando menos, non me canso de agradecer cada un dos teus artigos.
Pregunto: ¿trae o diccionario de Seco a acepción de montañés como tabernero? Sería aínda máis interesante. De tódolos xeitos, véxase a tautoloxía: o diccionario toma como autoridade un texto no que se explica a modo de diccionario unha palabra.
En todo caso, gracias pola túa mención e noraboa polas túas andoliñas, o máis interesante do blogomillo.
No SECO figura montañés con catro acepcións: 1. Da montaña, etc. 2. De Cantabria, etc. 4. Na Revolución Francesa, Convencional da MOntaña... E 3. (reg.) Tabernero. E logo engade o mesmo exemplo, o de Cela-Pirineo, da palabra "gallego"
Publicar un comentario