27 dic 2006


TERRA DE SARDIÑAS E POLÍTICOS
Andoliña 2 decembro 2003

Volve Julio Camba. Volve á actualidade porque se publica, en Espasa Calpe, unha biografía do escritor e unha nova escolma dos seus artigos. Pero nunca se foi, sempre contou cunha lexión de admiradores que non o esquecemos. Porque Camba tiña a virtude da sinxeleza que nace do esforzo e da depuración do estilo. E porque hoxe poden lerse moitos dos seus artigos coa mesma frescura do día en que foron paridos. Hai moita intelixencia, intuitiva e irónica, na súa forma de ver a vida. Velaí a súa opinión sobre a Gramática: “Un idioma obrigado a axustarse á Gramática sería algo así como unha Natureza obrigada a axustarse á Historia Natural”.
Esa ironía tiña xenes galegos, pero era á súa vez de fortes raíces intelectuales, como soubo ver moi ben Celestino Fernández de la Vega no seu maxistral estudio sobre o humor. Lembren cando Camba dicía que Galiza era terra de sardiñas e de políticos. “Para ser un político galego, o primeiro que se precisa é ser parente doutro político galego (...) E cando un non é fillo nin sobriño de ningún político galego- cousa rara, dada a portentosa facultade de reproducción que caracteriza a esta rexión-, entón ten que facerlle o amor a unha das súas fillas ou a unha das súas sobriñas”
Conta logo a historia do político que foi a Madrid en busca dun porto, pero que volveu cunha ponte por cousas do presuposto. No remate, o pobo, sempre agradecido, recíbeo con grandes festas...

13 comentarios:

Anónimo dijo...

Que tal está esa biografía? É froito dun traballo serio ou só unha cousa para saír do paso? Porque con Camba é máis doado facer unha escolma que acometer unha biografía en profundidade.

Anónimo dijo...

Podía recomendarlle a Iolanda López que lese a Camba. Sería o mellor agasallo de Nadal que podería facerlle.

Xosé Manuel Carreira dijo...

-1: Fóra de lugar

Que obsesión coa Iolanda López!!! Se tanto lle amola non visite tan a miúdo a súa bitácora que a muller aínda ha de pensar que quere facerlle as beiras.

Anónimo dijo...

Penso que o outro anónimo o dixo con moita delicadeza.

Anónimo dijo...

Que dixo con delicadeza o que moitos pensan, vamos.

Marcos Valcárcel López dijo...

En calquera caso, este non é o lugar, creo, para unha campaña repetida de mensaxes sobre Iolanda López... Ten un blog: se queren, diríxanse directamente a ela. Ou opinen só sobre o que ela aquí opina. O resto non é pertinente.

Anónimo dijo...

O libro co que o señor Valcárcel ilustra o seu post non é unha biografía, senón unha selección de textos, unha escolma da colección "Summa", da Editorial Espasa. Pero o autor desa antoloxía, Pedro Ignacio López, ten publicada unha biografía sobre Camba, "El solitario del Palace". En Galicia teñen cousas sobre el o xornalista arousán Benito Leiro, o profesor da USC Fermín Galindo e o seu colega da UDC Fidel López. Aínda non hai moito, Arcadi Espada, de sempre moi interesado en Camba, escribiu unha introdución para a reedición de "Haciendo de República". Tamén merece a pena unha visitña á súa casa natal de Vilanova de Arousa, recuperada e posta en valor dende hai uns anos. Todo sexa dito: por un alcalde do PP, Gonzalo Durán. O anterior rexedor, socialista, non fixo nada por ela.

Anónimo dijo...

Moitas grazas, don Leituga 1, pola súa información. Verdadeiramente é vostede un lector impenitente e un bibliófilo voraz.

Pero quixera preguntarlle: esa biografía que cita, contempla suficientemente o que quizais poderiamos denominar "dimensión galega" de Julio Camba?

Reciba un cordial saúdo e que teña un venturoso ano 2007.

Marcos Valcárcel López dijo...

Tamén eu quedo anonadado coa bibliofilia do sr. Leituga, que sempre apunta (como outros convidados deste faladoiro) datos e aspectos interesantes. A foto que usei é a que encontrei máis accesible en Internet. E respecto á "dimensión galega", eu creo que está por estudar na maioría destes autores: por exemplo, hai unha biografía de Eugenio Montes, publicada pola Deputación ourensá, con moitos datos, pero tamén bastante ausente desa dimensión galega. Son autores, dicímolo unha vez máis, esquecidos dende a perspectiva galega (polo feito de ser maioritariamente autores en castelán) e que, dende fóra, non interesan demasiado en canto galegos. Creo.

Anónimo dijo...

Aproveitando este post, deume por procurar información na rede.
Creo que ten certo interese o artigo de Juan A. Hernández Les, "Julio Camba, individuo y creatividad", publicado na revista "Estudios sobre el mensaje periodístico", nº 12, 2006, que se pode atopar en formato PDF no seguinte enderezo: http://www.ucm.es/BUCM/revistas/inf/11341629/articulos/ESMP0606110317A.PDF. Póñoo aquí por se pode interesar a alguén.

Anónimo dijo...

Aproveitando este post, deume por procurar información na rede.
Creo que ten certo interese o artigo de Juan A. Hernández Les, "Julio Camba, individuo y creatividad", publicado na revista "Estudios sobre el mensaje periodístico", nº 12, 2006, que se pode atopar en formato PDF no seguinte enderezo: http://www.ucm.es/BUCM/revistas/inf/11341629/articulos/ESMP0606110317A.PDF. Póñoo aquí por se pode interesar a alguén.

Anónimo dijo...

Pois non se me anonaden tanto, queridos amigos, que a cousa tampouco ten tanto mérito. Non teño un interese especial en Camba, pero tiven e teño contacto con algunha xente que o coñece moi ben. Posiblemente en Galicia sexa Fermín Galindo, profesor en Ciencias da Comunicación (en fin, Xornalismo), quen máis ao tanto estea da vida e milagres de Camba e do cambismo.

Anónimo dijo...

Además de los mencionados hay dos buenos libros sobre Camba: "El humor en la obra de Julio Camba", de José Antonio Llera; y el de Almudena Revilla publicado por la Diputación de Pontevedra.