28 dic 2006


Castelao, o Diario 1921, as vangardas

Castelao non entendeu as vangardas artísticas do seu tempo. Ou quizais non quixo entendelas. E dicilo así non é un aceno desprezativo co xenial rianxeiro. Basta ler o seu Diario 1921 para percibirmos ben isto: coñecía Castelao a obra e os manifestos dos futuristas, pero fala deles sen entusiasmo; cualifica como "tolerías" as obras e mostras dos dadaístas e amosa certas contradicións respecto do cubismo. Chega a dicir que Picasso é un farsante ("Con todo eu penso que Picasso é un farsante, ¿que terá que ver Picasso, catalán, co esprito occidental?"). Outras veces fala da antipatía que lle provocan os movementos revolucionarios na arte e da súa "moita desconfianza das revoluciós feitas por homes de gran cibdade".

Castelao púxose á defensiva fronte ás vangardas: non era ese o tipo de arte que el amaba. Risco tivo unha postura máis aberta a este respecto, sobre todo como mediador ideolóxico para achegar esas vangardas ós poetas novos, con Manuel Antonio á cabeza. Entre a tradición e a ruptura, Castelao optou pola tradición: o aceno popular dos cruceiros e do románico galego, os artistas rusos que coñece en París, a obra dos primitivos flamencos, holandeses e alemáns, etc.


2 comentarios:

Anónimo dijo...

Non pensemos que esta reacción sería estraña á maior parte de nós, se nestes días nos propuxeran unha ruptura de perspectiva artística equivalente. Pode que estexamos agora mesmo dando as costas á nova vangarda, desde logo vestida coas roupas propias do século XXI, e nós sen sabelo. Comparemos a día de hoxe o recoñecemento da obra de Manuel Antonio coa reacción xeral de silencio indiferente que sufriu na súa época. Hoxe, como daquela, consideramos que xa todo foi inventado e ninguén nos pode sorprender.

Anónimo dijo...

E, con todo, Castelao fala con admiración do Teatro do Morcego, grupo ruso trasplantado a París. N' Os vellos non deben de namorarse está a pegada daqueles, recoñecida polo propio autor, e tamén o selo de certa vangarda.

Recoñezamos que os dadaístas, por exemplo, deberon ser prato ben difícil de tragar no seu tempo. Aínda agora...

Desculpa polo serodio deste comentario, estiven de viaxe. E Bo Ano para todos (espero que o Nadal estea a ser, polo menos, acougado).