A palabra máis fermosa do castelán ou do español, como vostedes prefiran, é amor: así o decidiron os internautas nun concurso dunha escola de escritores. Entre as máis votadas estaban tamén paz, vida, esperanza, madre, amistad ou amanecer: é obvio que os concursantes pensaron máis nos conceptos e significados que na propia musicalidade interna dos vocábulos. A riqueza fonética xogou, en cambio, a favor de azahar, libélula, albahaca, susurro ou alféizar. Menos votos tiveron outras como lapislázuli ou mar: neste último caso sorpréndeme por moitas razóns, eu poñeríaa nas miñas favoritas.
Carlos Casares, cando lle preguntaban polo mellor libro da historia ou polo mellor escritor, respondía sempre que o mellor escritor ou libro son polo menos cinco mil e non se poden citar todos, claro. Habería que preguntarlle aos poetas. E aparecerían, sen dúbida, os adxectivos azul e verde, tan usados, e formas como miel, luna, jaral... E o naranjel e o arbolé de Lorca e Alberti coa árbore do jaracandá e coa abubilla e co alcaraván. E outros poetas reclamarían os dereitos de candela, chamariz, mariposa, álabe, guajira, e tantas outras posíbeis. E a palabra máis fermosa en galego?: diso falaremos mañá.
Etiqueta: Jaume Plensa.
ANDOLIÑA xoves 27 abril.
14 comentarios:
Hai unha chea delas, todas moi fermosas:
vagalume, faiado, avenoiteira, ...
Pois eu escollo unha do mar,
quiñón.
Estou con andar ao xeito.Eu tamén unha de mar: rompente. E outra: marusía, ou...truel, bicheiro, nordés, ronsel, escuma, vogar, mastro, ardora, devalo, naufraxio...
Cando se suscita o tema ese da palabra máis linda é moita a xente que pensa somentes no significado esquecendo por completo a sonoridade que fai a cavidade bocal ó pronunciala. Chama a atención o ben situada que está en castelán a palabra "paz", que coma case todas as que rematan en "z" é para min unha das máis feas do castelán. No galego teño un feixe delas lindas, neste intre quédome con: Pandereteira.
agora unha non-de-mar, dun sitio de mar (O Grove):
paúlo
(que é como se lle chama alí ao arume, á folla dos piñeiros)
e outra para os que non son quen de prender no sono,
(vela-aiiiiií-vai:)
velaíño
e outra para mirar pola ventá mentres buscamos o sono:
poalla
Eu elixo outra palabra: pesadiños (que vos poñedes).
Pois eu, máis ca unha palabra, escollo tres: un artigo (o), un nome (carallo) e un numeral (29). Así: o carallo 29. Hala.
Ti sabes, amigo Marcial, a que facía referencia a expresión, tan popular noutrora, de "o carallo vintenove"?
De premio unha selección das cincuenta máis fermosas palabras en galego e en chinés mandarín.
Eu tampouco o sei. De onde vén logo o "carallo vintenove"? E "o carallo da vela"?
Estou intrigado.
Saúde
O Aufrago xa fixo unha escolla da palabra mais fermosa en galego e resultou ganhadora vagalume.
http://rioleteo.bitacoras.com/archivos/2006/04/23/a-palabra-mais-fermosa-do-galego-e-vagalume#comentarios
Pois eu quédome con "cona".
Partindo dunha oclusiva velar xorda seguida por unha vogal semipechada posterior, (fíxense nas connotacións negativas, oclusiva, velar, xorda, pechado, posterior...) pero remata, acertadamente, nunha vogal central aberta (connatacións positivas, central e aberto).
Fonosimbolicamente é un acerto, soa ben. Empeza coa desconfianza do o e remata co optimismo do a.
Ademais é a orixe simbólica do universo, a procedencia dos seres ...fonte de vida e de pracer para unhas e para uns... ¿Quen dá máis?
Súmome con entusiasmo á proposta de Fdez.
El si que sabe!
Lembro un programa de TV hai anos, no que empezaron coa tontería esta da palabra máis fermosa e Luísa Castro dixo a que lle parecía máis bonita do castelán era "hambre". Os outros puxeron cara de parvos, como se estivese ela propoñendo que morresen nenos por todo o mundo. Ela só falaba de como soaba e o debate era un rollazo. Só lembro a súa fermosa e provocadora intervención.
o carallo 29 ven dun artigo da constitucion de 1812 q non recordo de q trataba pero q no lle gustaba a ninguén
Publicar un comentario