26 abr 2006


MÁRTIRES DE CARRAL
(La Región 24 abril)
O proceso de descuberta e recoñecemento da personalidade de Galiza ten como antecedentes máis arredados o labor dos ilustrados galegos e, sobre todo, a figura brillante e sorprendente do Padre Sarmiento. Ao seu carón outros nomes da Ilustración (Cornide, Lucas Labrada, etc.) ou do primeiro liberalismo (Pardo de Andrade) deron pasos decisivos no coñecemento do noso país e no espertar dunha sensibilidade pregaleguista. Tal como sinalan todos os historiadores, o nacemento do galeguismo non terá lugar ata a aparición dunha xeración, de xorne romántico, que situa a Galiza como obxectivo central de estudo e reivindicación. Velaí a xeración do provincialismo, que na década de 1840-1850 reivindicou este país como realidade de seu e a propia unidade de Galiza como antigo reino ou “provincia” fronte as provincias administrativas impostas desde a reforma de Javier de Burgos en 1833. O provincialismo nace como resposta á centralización administrativa do Estado liberal e está estreitamente vencellado, como indica R. Villares, á propia Xeración de 1846, aquela fornada de mozos universitarios afeccionados á literatura, á historia e ás ciencias que se significaron pola defensa da singularidade de Galiza. Esta Xeración (con nomes tan egrexios como Faraldo, Neira de Mosquera, Romero Ortiz ou Pío Terrazo) puxo as bases dun espertar xornalísticos e cultural que preparou o camiño do propio Rexurdimento literario. E foi tamén a protagonista, en boa medida, do pronunciamento do coronel Miguel Solís en Lugo en abril de 1846, logo difundido por todo o país, sobre todo nas vilas costeiras con presenza de núcleos comerciantes e liberais. Como estudou con detalle no seu día Xosé R. Barreiro, foi un levantamento progresista, inserto na dinámica do liberalismo político español, pero que avanzou reivindicacións do ideario galeguista mesmo apelando á historia anterga: “Galicia chegará a conquistar a influencia da que é merecerte, colocándose no alto honor a que está chamado o antigo reino dos suevos”.
As tropas de Solís foron derrotadas e os seus principais dirixentes militares detidos e fusilados en Carral o 26 de abril de 1846. Nacía así o primeiro símbolo da historia do galeguismo que os rexionalistas plasmarían no monumento de Carral. Moitos anos despois as Irmandades da Fala, en 1917, homenaxeaban aos Mártires de Carral e o 26 de abril de 1931 o galeguismo volvía a esta vila coruñesa e alí pronunciaba un mitin Manuel Lugrís Freire (foto adxunta). A Real Academia Galega, que recuperou esta foto do Arquivo do Reino de Galicia, celebrará alí unha nova homenaxe en lembranza de Solís e dos seus compañeiros. Se en 1917 se leron alí poemas de Pondal, Eugenio Carré, Florencio Vaamonde ou Eladio Rodríguez González, agora serán Méndez Ferrín, Darío Xohán Cabana, Alonso Montero e Salvador García-Bodaño os que poñan a voz, co mesmo espírito doutrora, á lembranza do primeiro símbolo da historia do galeguismo.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Tivo que ser terrible o camiño feito polos condeados dende Compostela a Carril, atravesando concellos que non se prestaron a que fosen fusilados neles, ata dar chegado á fin do calvario, precisamente en Carril, onde o alcalde, levado, según me contou un descendente seu, parece ser máis pola compaixón que por outra cousa, aceptou que fose alí onde se lle puxese fin á criminal peregrinaxe.
Se é certo óu non, xa é outra cousa. Pero o asunto merece unha novela, ou unha película. Unha película senón grandiosa, si chea de grandeza. O conflicto moral de quen se presta a esas execucións levado da ¿caridade? ten que ser terrible.
En fin, que menos mal que xa nos acordamos deles, dos mártires de Carral. Agora xa só falta que memoricemos os seus nomes, como é de razón; o mesmo que os nomes de quen os executaron.
Só recordando os duns e os doutros se paliará o número destas barbaridades no futuro. Se non se quere dicir paliar, dígase mitigar, diminuir, pero nunca eliminar; desgraciadamente, non entra na condición humana o deixar de matar por pracer, aínda que sexa polo pracer que da satisfacer as propias ideas dese xeito; é dicir, dun xeito sentido pola xente á que non lle colle na cabeza moitas máis idea que a que a move.