19 sept. 2006

Gañar perdendo?
Leo varios comentarios (X.Luis Barreiro na Voz, liña editorial de Galicia Hoxe, no mundo blogueiro Dpaso) que dan a entender que Anxo Quintana gañou o pasado sábado, no Consello Nacional do BNG, perdendo a votación que propuña para implantar o sistema de delegados na próxima asemblea desta forza política. Vaia por diante que considero que o tema non me parece oportuno nin urxente, entre outras cousas porque o BNG non medrou significativamente dende a anterior asemblea (e ese si é un problema real, por qué non medra ou aínda perde militantes?).
A famosa votación foi unha loita de poder, como case todo dentro do Bloque, e reflicte a correlación de forzas internas: simplificando moito, un terzo escaso para o grupo de Quintana (co apoio simbólico do PNG e R.Mera); un terzo amplo para a UPG, e o resto para todos os que quedan repartidos (beiristas, Esquerda Nacionalista, exUG, Movemento pola Base, etc.). O que eu vexo, pois, é isto:
(1) Quintana pon as súas cartas sobre a mesa pero demostra o seu escaso control do aparato político da fronte.
(2) Demostra tamén que, coma sempre, Quintana non pode facer nada sen a UPG, que segue sendo o núcleo hexemónico: é previsible que os pactos futuros vaian, pois, por esa liña. De non ser que a UPG non decida prescindir de quen chegou a ese posto como "un mal menor".
(3) Todos os demais reunidos seguen sendo moi minoritarios e, como case sempre tamén, aínda se dividen (velaí o PNG, sempre tan oficialista). Hoxe é tan difícil unir todos os núcleos do Bloque de características afíns como o foi sempre: e nunca se logrou, ata agora.
Conclusión: o Bloque non vai cambiar, cando menos a curto prazo, a non ser que se produza un tsunami político.
E o máis surrealista: a negativa dese grupo de simpatizantes de Narón ós que se lles nega integrarse no BNG por non ter demostrado a súa condición nacionalista. E iso como se demostra, por certo? Quen asegura que os militantes do BNG de hoxe si teñen ese "carisma"? Ou sequera que son galego-falantes habituais?
Conclusión engadida: velaí o único partido no mundo que non quere aumentar o seu número de militantes. Un bo tema de reflexión e estudo para os politólogos...

8 comentarios:

Ian dijo...

As accións políticas xeran con moita frecuencia efectos colaterais non desexados. O episodio do pasado Consello Nacional do BNG é un bo exemplo. Non discuto que en orixe a idea de recorrer á elección de delagados tivese como intención primeira garantir unha asemblea máis tranquila en termos de confrontación política, logrouse o efecto contrario, haberá un debate intenso sobre é idonea unha fórmula de democracia delegativa ou se hai que seguir (ademais) outras vías para a democratización do BNG. Segundo efecto, posibelmente a singularización da posición de Quintana se deba a que a UPG recou para evitar agrandar a crise interna que padece. Con todo, mesmo en negativo, Quintana vese obrigado agora a aprofundar. O resultado da Asemblea será un acordo coa UPG? Posibelmente si, pero a posición do quintanismo será de certo menos subalterna que até o de agora. Os cambios serán substancias, non o creo, non poderán selo mentres o bloque renovador estea tan fragmentado e sobre todo mentres non pese no BNG os cidadáns que se acantonan politicamente na súa periferia, espantados polo ideoloxismo e os déficits democráticos da organización. O suceso de Narón que lembras indica que a apertura á sociedade é un retrouso que é difícil converter nunha realidade mentres se manteña o actual estado de cousas no BNG. A vitoria de Quintana é moi provisoria e en precario, pero agora ten pouca marcha atrás. Debería decidirse a mirar para adiante. Agora é máis libre para facelo. Necesítase moita coraxe e vontade democrática.

marcos valcarcel dijo...

De acordo totalmente coa túa análise. Eu tamén creo que non haberá cambios substanciais nin chamadas a enriquecer e facer medrar o Bloque cos cidadáns que se acantonan politicamente na sua periferia. Cando menos ata que falen as eleccións (se os resultados non son os que se agardan) ...

Anónimo dijo...

Hai nun blog chamado "Galicia confidencial" un debate sobre este asunto no que participa xente de distintas tendencias do BNG. A verdade non saquei moito en limpo, pois todo o mundo lle atribúe a todo o mundo unhas manobras rarísimas.

marcos valcarcel dijo...

Para o último anónimo: en realidade, para enterarse ben do que sucede no BNG, creo que hai que estar cando menos no Consello Nacional ou, a poder ser, na Executiva: alí se coce todo e chega cocido ó resto da militancia.

anómimo político-cultural dijo...

Máis que chegar cocido á militancia, o que chega é recocido!

anonimss dijo...

E simplemente por engadir outras dimensións o voso discurso ....

¿En que institución, que perdure no tempo, non chegan cociñadas as propostas...?

E ademais si partimos de que a capacidade de mellorar o benestar dos cidadáns actuais e futuros (entendido aquel en senso amplo) e o que realmente xustifica a acción política ...

¿Por qué as propostas recocidas e repensadas son menos eficaces, xa non digo eficientes, que a deriva de votacións asemblearias? ¿Realmente os movementos asemblearios non xerarquizados son quen de perdurar no tempo e de dar de xeito continuado no tempo respostas oportunas? ¿ Por qué temos sempre que reafirmar a vantaxe das ocorrencias? ¿Pensamos realmente que as decisión asemblearias estarán mais fundades e menos sesgadas polos intereses de cada quen? ¿Realmente os actos asemblearios constitúen formas de participación activa da maioría da sociedade? e que solo os duns milleiros de persoas nun acto asembleario? E outra...(que ninguén se de por aludido por favor é un mero elemento de debate...) ¿Os cidadáns que se acantonan politicamente en calquera periferia de calquera organización, basicamente porque son incapaces de artellar unha maioría, por qué teñen que ser mais escoitados que os que están no cerne? e ¿Por qué terían que ser mais lucidos que o resto a hora de analizar a realidade e de dar propostas?

O final o devir interno dun partido político, como o de tantas outras comunidades sociais, e unha variable dependente que deriva a lo menos (permítanme simplificalo enormemente as numerosas variables que inciden) : resultados e paciencia....

Saludoss

marcos valcarcel dijo...

En calquera caso, amigo Anonimss,as minorías teñen dereito tamén a facer ver as súas opinións. E as maiorías poden cambiar co debate democrático. O problema non é sempre de lucidez nin de intelixencia, senón, tristemente, de loitas de poder. E os militantes acaban por decatarse que todo está cocido e recocido por moi poucas persoas, aínda que o BNG presuma de asemblearismo (eu non son defensor desaforado do mesmo) e de democratismo máximo. E esas poucas persoas, líderes, que deciden, non só defenden o país, senón tamén as súas posicións xerárquicas (e ás veces, os seus propìos soldos, pois moitos son liberados dese partido que logo presume de democracia directa).

anonimss dijo...

Non teño tan claro esa dicotomía branco vs negro que defendedes neste tema ( sen dúbida todos nos estamos marcados polas nosas experiencias nas comunidades sociais que temos participado) … … a miña opinión é menos absolutista ......

Non estou convencido de que o poder polo poder sexa tan atractivo e ofreza tantas vantaxes.....(sobre todo si temos en conta que falamos dun poder cada vez mais diluído que esixe un grao de imprescindible colaboración con outros poderes). De feito seguro que mais de un, de dous e de tres dos que participades neste blogg tendes recibido propostas para participar activamente na política “partidaria” e a tendes rexeitado …. Escoitaba fai ben pouco a alguén razoable explicar a sensación estraña que lle producía o feito de que cando un político lle ofrecía (ou lle pedía…) que ocupara un posto de responsabilidade política ou un posto nunha lista electoral parecía que lle estaba a ofrecer algo dificilmente rexeitable, como si lle fixera un favor vamos, …cando realmente a sensación que el tiña era xusto a contraria, que o que lle achegaba era un problema…

En canto a participación das minorías nos procesos de toma de decisións penso que é incuestionable a bondade de que se manifesten e enriquezan un debate que pódense mudar as maiorías (de feito si non foramos mal pensados poderíamos pensar todos que foi o propio debate o que levou a UPG a modificar a súa postura inicial de abstención no debate sobre a renuncia ao asemblearismo no derradeiro Consello do BNG?) …. Pero si non se é capaz de convencer as maiorías ..... penso que as minorías deben de asumir que se perden teñen que asumir que ao mellor non son minoría por que alguén manipule as masas nin porque algún deaño fascista articule mecanismos antidemocráticos (aquí non podo deixar de lembrarme do noso querido Anguita e tantos outros “xenios” incapaces de asumir os resultados democráticos) ... pode que simplemente os receptores da súa proposta (cidadáns, afiliados...) non foran capaces de ver as vantaxes da proposta feita dende a minoría, que a entendan menos atractiva conceptualmente que outras, que lles ofrece menos valor e polo tanto a rexeitan (non e un abuso antidemocrático.....)

Por outra banda a participación das minorías e a existencia de incertidume no resultado non impide que as propostas veñan traballadas e repensadas con anterioridade ….. volvo a preguntar...¿Non se fai eso no goberno de todas as institucións? ¿E mais eficaz unha organización ou institución que improvisa asembleariamente que outra que traballa organicamente?

En calquera caso, e vaia por diante que sei que non é a túa postura, entendo que non é unha boa postura agocharse nun maniqueísmo xenérico onde os malos actúan e loitan pensando en manter o poder e os cidadáns acantonados na periferia dos partidos defendendo a súa non adscrición (e aquí teríamos que incluír aos grupos que perden unha tras outra todas as votacións as que se presentan ) son inmaculados, desinteresados, bos e xenerosos que loitan e falan pensando no interese do país…… En calquera caso se están seguros de que as súas propostas, non valoradas no seo dos órganos partidistas, contan cun respaldo importante da cidadanía.....xa saben o camiño.....