Lembranza de Castelao en Caracas
(Andoliña xoves 9 novembro)Os galeguistas de Venezuela, con Antonio Somoza Outeiral e Silvio Santiago á cabeza, conmemoraron o cuarto aniversario da morte de Castelao, en xaneiro de 1954, cun especial da revista
Galicia, do Centro Galego de Caracas. Na portada reproducían o coñecido retrato que Carlos Maside lle fixo ó rianxeiro e logo abrían este monográfico coa derradeira foto de Castelao, tomada no Centro Ourensán de Buenos Aires, ó carón dunha pequena bandeira galega. Escribían na revista Ramón Lugrís, Francisco Luís Bernárdez, Salvador Lorenzana e Cosme Barreiros (Fernández del Riego, nos dous casos), Domingo García Sabell, Alonso Ríos, Silvio Santiago e J.M. García Torrado.
Lugrís facíao sobre o significado do exilio do líder galeguista. O autor de
Vilardevós subliñaba o que Galicia debe ó labor dos galeguistas. Bernárdez comentaba
Sempre en Galiza, o libro de prosa galega máis relevante da centuria, na súa opinión. E Alonso Ríos reflexionaba sobre as estampas do artista, que "crebaron o comprexo de inferioridade co que a Hespaña centrista e uniformadora tratou de afogar a nosa vida espiritual e impornos unha mentalidade esteparia".
10 comentarios:
Sobre Caracas, teño moita curiosidade de coñecer o que pasou con Celso Emilio alí, refírome a súa caida en desgraza. En Santiago de Compostela publicou un libro Serafín Portugal, e na entrevista que lle fixo El Correo Gallego semellaba como se xustificara o que acontecera naqueles anos.
Sobre Castelao quería apuntar unha cousa aproveitando esta lembranza. Que pouco saben os galegos de hoxe de Castelao! Cantos galegos leron as súas cartas? Non entendo por que Galaxia as publicou nunha edición de tapas duras carísima, inacesible para o peto de moita xente. Si, xa sei que logo saíron escolmadas noutras edicións máis manexables... pero nin por esas.
Non é fácil que me emocione o que leo, pero recoñezo que o fixen lendo as cartas que Castelao lle envía a Otero desde Badaxoz. Está claro que tiñan unha relación especial, relación que non existía, por exemplo, entre Castelao e Risco. En fin, todo isto é descoñecido para moitos galegos, que nin saben que o PG tiña deputados en Madrid nin que aquí se aprobou un Estatuto.
Tema Celso Emilio, ao que Bouzafría aludiou. O primeiro mistero é saber por qué emigrou a Caracas. Se logo levou unha decepción coa comunidade galega de Venezuela, supoño que foi porque moitas das súas expectativas se viron frustradas.
Ten razón M.Swan: eu teño o epistolario de Castelao: de feito, fixen algún artigo sobre el nalgunha revista. Pero sería necesaria unha edición barata deste libro (e doutros máis).
E para Bouzafría: o Serafín Portugal que citas sacou un libro, creo que editado pola Deputación ourensá, que só vin moi por riba, pero, en efecto, xustifica os ataques a Celso Emilio, máis ou menos. De feito creo que o tal Portugal estivo implicado no chollo ou cando menos é hoxe directivo da Hermandad Gallega.
O sr. Serafín Portugal, en efecto, estivo directamente implicado na expulsión de Celso Emilio da Hermandad de Caracas, e alí segue. A súa versión dos feitos é totalmente partidista e, nalgunha medida, vergonzante pois xa Celso Emilio non lle pode contestar. O sr.Portugal formaba parte dunha plancha pro-franquista e de ideario fascista, que venceu nunhas eleccións fraudulentas. En breve sairá todo á luz.
Saúdos.
Da xente que eu coñezo, que non son moitos, que voltou de Venezuela hai dous tipos ben diferentes: os moi dereitosos pro franquistas (nos termos de r nicolas) e con rasgos racistas (sei o caso dun retorno para evitar o noviazgo da filla cun rapaz mulato)ou ben polo contrario moi galeguistas. Supoño que sería incómoda a convivencia entre eses dous grupos alá.
Quixera poñer, con ánimo polémico, unha nota discordante. Non cren que pode haber o perigo de perder o tempo e as enerxías en "minucias"? "Minucias" que se ben poden ter algún interese desde o punto de vista da biografía dalgún escritor concreto, sen embargo apenas valen para explicar fenómenos máis amplos (a situación e evolución dunha comunidade de emigrantes, por exemplo). En suma, que podemos chegar a pensar que a "parte" é o "todo"?
Un saúdo.
Anónimo político-cultural,
aínda que non son historiador, penso e son as partes (as "minucias" que ti lles chamas) as que fan o todo. Voucho explicar cun exemplo. Para entender o que foi a emigración galega, non abonda só con entrar nas causas xerais de por que se produciu e nas consecuencias que tivo para os países de acollida, para os galegos e para a propia Galicia. Tamén hai que ir a cada caso concreto. Cómpre ir ás fontes orais e escritas para que a xente nos explique o que supuxo para eles a emigración. Penso, por exemplo, na importancia das cartas dos emigrantes.
A historia do galeguismo/nacionalismo fixerona, fundamentalmente, persoas. Individualidades. Un pasiño adiante e, ás veces, dous atrás. A nosa desgracia é encontrármonos con poucas autobiografías. Incluso a literatura galega, que se supuña que debía estar impregnada de socialrealismo nos anos 50-60, tratou pouquísimo o tema da emigración a América e Europa. E xa non digo nada da emigración dos paisáns ás cidades... Aí está "Adiós María" e pouco máis.
Interesante observación de Marcel Swan. Como di APC debemos distinguir as "partes" do "todo", pero hai "partes" que son moi importantes na historia dunha comunidade, p.ex, as vidas dun Castelao ou dun Ramón Piñeiro, entre moitas outras. E quizais tamén a dun emigrante anónimo se somos quen de entrar a fondo na súa realidade vital, no seu pensar, sentir, facer, etc. Hai traballos recentes sobre cartas de emigrantes (Raúl Soutelo, Núñez Seixas), nesta liña. E tamén é certo que temos moi poucas autobiografías (nin os mestres de Nós as deixaron, só recortes e apontamentos) e moi poucas novelas da emigración: diso xa se laiaba Blanco Amor. El tampouco escribiu a gran novela da emigración galega. Aí está, como di M.Swan, "Adiós María" de X. Torres; ou "Remuíños de sombra" de Neira Vilas ou "Cambio en tres", da experiencia europea, de Carlos Casares. Pouco nun país tan marcado pola emigración...
Naturalmente, a miña discrepancia tiña unha función sanamente "provocadora". Polo tanto, estou de acordo, agás algún matiz insignificante, en todo o dito por Marcel e por Marcos.
Un saúdo cordial.
Publicar un comentario