31 dic 2006






Unha carta de Otero Pedrayo a Manuel Beiras (2 abril 1936)



No seu artigo dominical en Galicia Hoxe, Xosé Manuel Beiras reproduce unha interesante carta de Otero Pedrayo ó pai do asinante do artigo, isto é, o galeguista católico de Compostela, don Manuel Beiras García. Poden consultar o artigo enteiro aquí.
Pero non me resisto a pubicar íntegra a carta de don Ramón que, entre outras cousas, asina o desconcerto do ourensán nesas horas e a súa extrema proximidade cos galeguistas católicos, moitos dos cales romperon co PG para crear a Dereita Galeguista. Otero mesmo debeu ter dúbidas sobre a posición a tomar ó respecto (véxase na carta: "non penso que o meu nome puidera ser bandeira"), aínda que ó cabo, como é ben sabido, mantívose na lealdade e na disciplina do Partido Galeguista. Pero moi lonxe da Fronte Popular e da liña táctica nese momento do PG, como el amosaba nos seus artigos e como explicamos (Xosé Ramón Quintana e máis eu) no noso vello libro sobre Otero (Ir Indo, 1988). E quero repetilo porque en certos sectores culturais do país existe un intento de mixtificación que insiste en afirmar que Otero apoiou a campaña da Fronte Popular, o cal non é certo (non consta en ningún acto nin chamamento desas datas). A carta é clara por demáis. Xuzguen vostedes mesmos:

"Meu distinto e querido irmán: Tiña coñecemento das aitividás dos nazonalistas católicos composteláns. Consolo e espranza nas trubias horas amarguradas por que pasa unha parte do galeguismo. Dende a derradeira asambrea do Partido onde eispuxen a miña opinión loito en conversas e cartas pra o afastar da roita que leva. Están, como Vde ben dí, amparando unha (nova) figura do proceso de desgaleguización. Eles, por o menos unha minoria ben se decatan do feito, pro coidan atallalo despois de conquerir a autonomia, engadindo que grazas aos seus esforzos téñense coutado moitas cousas noxentas na Galiza. Isto é certo en alguns casos, mais non pode xustificar a sistemática aititude d"un partido. Eu teño sufrido moito. Entendo non ser home de aición. Traballando xuntos tantos anos ráchaseme o curazón ca idea de térme de afastar de eles. As consideracións de Vde refrexan fidelmente as miñas loitas interiores. Mais privado do esprito de orgaizazón, priguizoso e neboento ¿que podería eu faguer?. Non penso que o meu nome poidera ser bandeira. Pro cando chegue o momento tereime de arredar do Partido, e dada a maneira como se desenvolveu o debate na asambreia ise intre soio pode presentárese na proisima asambreia na que atacarei en conxunto toda a política do Partido. Quero obrar con completa craridade. Cecais estou contribuíndo a unha obra má ou pol"o menos imperfeita a pesares da miña constante oposición. Teño a espranza de traelos ao rego. Unha espranza raidosa que se desfai. Pol"o pronto mando artigos a Nosa Terra, e sigo afastado de toda intervención política. Desexo a asambrea e traballo pra que se faga logo. Despois témos que trazar unha nídia aición: a seguida por Vdes, a que foi propria do primeiro galeguismo. Namentres considéreme cinguido as aitividas dos nazonalistas católicos de Sant-Iago. Escribin "témos" mal escrito, debendo dicir "teño" con Vdes, mais non en posto direitivo para o que non teño fólego e cecais ben logo non terei nin saúde. ¿Que podo faguer pol"o pronto?. Agradezo moito a sua carta que non respondin porque foi a Trasalba e volveu eiqui tras de min, e prégolle a Vde e demais irmáns que me escriban moito. Esta noite sintome mais desacougado que nunca. Teño novas de Castelao e dóeme miralo en Madrid, perdendo persoalidá, desdibuxada na (?). Perdoe que as miñas palabras parezan dubidosas. En xeneral eu son oitimista. Mais paso por unha crisis que me non deixa. Namentras, e confiando en Deus e no inmorredoiro esprito da Terra, reciba unha aperta do seu agradecido irman na Galiza
R. Otero Pedraio"

9 comentarios:

Anónimo dijo...

En efecto, sigue a haber xente que mantén -contra toda evidencia histórica- que Otero Pedrayo apoiou a Fronte Popular. Isto débese non só a unha gran falta de coñecemento histórico por parte desas persoas, senón tamén porque toman ao pé da letra, como dogma de fe, todo, absolutamente todo o que din determinados persoeiros.

Refírome, neste caso concreto, a Méndez Ferrín. No seu último libro de entrevistas con Xosé Manuel del Caño atrévese a dicir que Otero foi candidato da Fronte Popular. Xa non só que a apoiou, senón que incluso foi candidato! Creo que hai tempo que non se di un disparate histórico tan monumental. Naturalmente que Ferrín é un gran escritor, un gran fabulador, o mellor escritor galego vivo, pero iso non lle dá patente de corso para dicir tamañas barbaridades, confundindo historia con mito. Resulta patética a actitude reverencial do entrevistador: pregúntalle de todo e sobre todo, como se Ferrín fose o gran oráculo, e en ningún momento debate nin rebate. Se se documentase convenientemente, del Caño tería que -nuns casos- matizar ou -noutros casos como este- levarlle a contraria en moitas das afirmacións de contido histórico que fai Ferrín. Pero limítase a preguntar e a recoller pasiva e acriticamente todo o que di.

No libro que Quintana e vostede publicaron hai anos, xa quedara abondosamente claro –e documentalmente probado por activa e por pasiva- as causas e os argumentos do rexeitamento de Otero da alianza do PG coa Fronte Popular. E agora esta carta privada exhumada por Beiras ven incidir na mesma dirección, como non podía ser doutro xeito. Se houbo alguén coherente co seu propio pensamento, ese foi Otero Pedrayo.

Mais perda coidado, señor Valcárcel, que seguirá habendo xente que prefira o mito á historia. O país está cheo de ignorantes mitómanos!

Anónimo dijo...

O texto da carta ten só a confunsion do momento. Nin Otero sabía ben se era o momento de romper ou había que esperar.. "Temos que trazar unha nidia aición... Namentres considéreme cinguido ás actividás dos nazonalistas católicos de Sant-Iago...".
Cal é a palabra que non entende Beiras e substitúe polo signo de interrogación? Esquerda, por acaso?
¿Beiras pai deixou de militar na Dereita Galeguista para reintegrarse na disciplina do PG? Se a carta é de pouco antes de nacer o Xosé Manuel, non parece que fose asi a cousa, por que esta carta está claro, é unha responsta a unha proposta de integración na que se lle ofrece ser "bandeira". Pero non fondo tanto ten. A min se Manuel Beiras foi da dereita galeguista ata a fin, compañeiro de Filgueira e Risco, ou se volveu ao rego PG, refanfínflama,pero non parecen cadrar as datas... E se o que facemos é superar supostos "pecados", pois non creo neles.

Anónimo dijo...

dende o 2/1/2007 non podemos, creo eu, entender o "contexto" da época para criticar as actitudes dos persoeiros que como Risco e Otero e demais nembros da Dereita Galeguista. Se a dia de hoxe, no que non se xoga a vida e a morte como daquela, e dende fora, é imposibel entender as reviravoltas dentro do galeguismo actual con toda esa xentiña organizados en ducias de partidiños, con nomes similares, e dentro desas organizacións, mais partidos e mais correntes de opinión, como poder analizar o que aconteceu fai 70 anos?.
En canto a Ferrin, meu, iso de decir que é o mellor escritor vivo, pois !imos che vos!

Anónimo dijo...

Home, amigo Anónimo, eu creo que si é posible, cunha metodoloxía axeitada e cunha boa base documental, entender, comprender ou explicar a historia. Ou, cando menos, aproximarse bastante.

Pensa vostede que o pasado é impenetrable? Que non é posible discernir nada da historia? Pois non comparto a súa postura tan "postmoderna".

Por outra banda, aquí ninguén criticou nin a Risco, nin a Otero, nin á Dereita Galeguista.

E tamén disinto en que sexa imposible entender as revirivoltas do nacionalismo actual. Non é doado, pero si posible.

Finalmente, o de que Ferrín sexa o mellor escritor vivo é unha opinión compartida por moitos. Pero é unha opinión.

Anónimo dijo...

A polémica sobre a posibilidade ou non do coñecemento histórico e de entender a historia como "ciencia" ou como un tipo especializado de literatura é ben interesante. Ultimamente lin algo a un tal Hayden White que me deixou un pouco tocado a ese respecto e que debe ser un representante case canónico das posicións "postmodernas" neste asunto. Supoño que APC sabe de quen falo.
Por certo, coincido plenamente coa valoración que fai APC sobre o libro de conversas de Del Caño con Ferrín. Patético e bastante lamentable. Aínda que non estou moi seguro de que "o noso mellor escritor vivo" merecese un interlocutor algo máis espilido á hora de falar de política.
O libro de Mexuto con Paco Rodríguez non é menos compracente, admirativo e haxiográfico. Pero Rodríguez, aínda que me caia moito peor que Ferrín, é moito máis consistente ideoloxica e politicamente que o escritor celanovés. E Mexuto tamén parece estar máis enterado da película que Del Caño. E iso tamén fai máis consistente o libro.

Anónimo dijo...

Si, si que coñezo a Hayden White, e teño que recoñecer que boas dores de cabeza me ten causado a súa lectura.

Entre os que entenden a historia como "ciencia" (en analoxía coas "ciencias duras") e os que a conciben como unha sorte de "literatura", hai unha posición intermedia (por exemplo, e entre moitos outros, Roger Chartier, "Au bord de la falaise. L´histoire entre certitudes et inquiétude", París, Albin Michel, 1998, especialmente pp. 9-125 e 211-287) que é a que considero a máis frutífera e acaída.

Anónimo dijo...

Graciñas por dar noticia da carta, moi reveladora. Coincido cos comentarios de "anónimo político-cultural" e "leituga 1". Convén tamén recordar aquí que nin o propio Castelao as tiña todas consigo con respecto á Fronte Popular. REitero o que xa teño comentado por aquí: fai falta escribir unha historia do galeguismo/nacionalismo galego no séclo XX (antes e despois da guerra civil) desde unha óptica non partidista. Ou sexa, científica.
Podería alguén poñer un enlace ao artigo de XM Beiras?

Marcos Valcárcel López dijo...

Amigo Marcel Swan, benvido (creo que había días que non os visitaba, cando menos cos seus comentarios). O enlace xa está na miña entradiña, na liña 8, e está activo aínda. Saúdos.

Anónimo dijo...

Graciñas pola acollida.