30 ene 2007

camiño do vao. O galego, os políticos e os Tonechos
AFONSO VÁZQUEZ MONXARDÍN (Galicia Hoxe 30 xaneiro)
Estamos de noraboa. A presentación da campaña da SXPL en favor da lingua contou co apoio unánime de institucións culturais, entidades cívicas, empresas e políticos. As medidas que anuncia a conselleira de Educación, de extensión das clases en galego, anuncian un bo camiño, inimaxinable hai uns meses. É hora de turrarmos todos xuntos para gañarmos a mocidade. É hora tamén de que os pais castelano parlantes vexan como unha oportunidade para os seus fillos a escolarización no idioma galego: unha vía, que pola proximidade das linguas, non lle suporá problemas -hoxe xa estudan algunhas materias sen inconvenientes- e abriránselles as portas a un coñecemento real ao que se cadra eles non tiveron acceso. Mais tamén é hora de gañar a batalla de que a corrección lingüística fala, ás claras, do amor que se lle ten ao idioma.
Un, no ámbito particular, por suposto, pode chamarlle ao seu avó, "abuelo", se así se sente máis achegado a el, ao non usar unha palabra que co vello nunca empregou. Pero no exercicio dun cargo, na imaxe política pública, un debe ser un modelo a imitar: de honradez, de eficacia, de comportamento e tamén, claro, de uso de lingua. O presidente e os ministros de Suecia falan un bo sueco; os de Bulgaria, un bo bulgaro e así, o presidente e conselleiros da Xunta, teñen a obriga de falar un bo galego. Porque na construción da lingua estándar -e estamos na fase final do proceso- cómpre que os personaxes públicos sexan modelos de referencia para o pobo e os políticos teñen a obriga moral de selo. Non é cuestión de, como fai Pachi Vázquez, falar "como falou sempre"... posto que os niveis e rexistros da lingua existen por algo. Aos meniños non lles dicimos "gochi, gochi" para que coman, nin aos estudantes "abilloei..." para que entren nas aulas. Debemos "peneirar" a nosa lingua e usar o rexistro axeitado sabedores de que isto nos sinala como amantes privilexiados. Presidente, vicepresidente e conselleiros, deben facer os seus deberes en silencio na seguranza de que o poder político non outorga ciencia infusa.
¿E os Tonechos? Moito me temo que unha das razóns da súa popularidade é a utilización consciente, intencionada e xeneralizada do castrapo e da mestura de linguas, como vía de "aproximación" á xente. Ou sexa, abaixándose ao pobo... como, por certo, fan os humoristas todos. Pero para engaiolar a xuventude funcionan moitos outros referentes... Moitos han ler por primeira vez en galego co libro da perruqueira de Arcade. En calquera caso, graciñas Ana por eses 3.000 exemplares.

13 comentarios:

Anónimo dijo...

Ben polo Monxardín, tamén, neste caso, non turra contra os que, mal ou ben, teimaban en tirar algo do carro. Compártese en xeral a diagnose, confiamos en que lean e se apliquen.

Sobre a expectativa política real, reservas.

Anónimo dijo...

Asino ao cento por cen o dito polo señor Monxardín. Só engadiría unha cousa máis: os docentes tamén teñen que facer uso dun bo galego.

Anónimo dijo...

Un artigo ditado dende o sentido común que, ás veces, é o menos común dos sentidos.

torredebabel dijo...

A miña admiración por Afonso e a sua lucidez para mirar e para decir. Apertas ao lonxe!

Anónimo dijo...

Aínda que estou de acordo co sentido común empregado, sigo sen comprender o termo "bo galego". Teño sempre a sospeita, confirmada por outras intervencións, que sempre ten que ver con cuestións relativas á morfoloxía (algo de sintaxe, pero sempre a mesma cuestión) ou á fonética. Colocación dos pronomes, non distinción entre e aberto ou pechado, inclusión fortuita (e equivocada) de formas compostas verbais. En fin, as típicas meteduras de zoco de xente afeita a non falar galego na intimidade. Pero non se fala do principal que a vella retórica ensinaba aos oradores: ter unha idea ben definida na cabeza, organizar ben os materiais no discurso, procurar unha variedade no vocabulario, que debe ser amplo e ricaz, e, sobre todo, artellar as oracións dun xeito correcto: concordancias, periodos circulares que rematen, suxeito-verbo-predicado. Tamén convén empregar con moderación metáforas e figuras, ademáis de buscar a imaxes, narracións que fagan máis eficaz e atractivo a mensaxe. Cando todo eso está máis ou menos conseguido a pronunciación ou erros gramaticais de orde morfolóxico (ás veces producto dun deficiente coñecemento das normas convencionais) pode resultar o de menos. Eu coñezo moitos profesores (xa non digo políticos) galegofalantes, cunha axeitada prosodia, sen nengún erro morfolóxico dos que estou a falar, que non son capaces de rematar unha oración ou artellar un pensamento completo. E son profesores. Por iso convén definir que é bon galego.
A bibliografía sobre este asunto pode comenzar por De oratore de Cicerón.

Anónimo dijo...

Amigo Arume.
O bo galego é o que dis ti.
Corrección, autenticidade -moitas veces parece galego de tradutor do cervantes, sen infitinivos conxugados, pronomes de solidariedade, etc.-pero tamén, suxeito, verbo, predicado e idea a desenvolver progresivamente.
Asino 100% o teu.

Anónimo dijo...

Moi bo. Claro que o mal uso do idioma propio (ou tido como tal) é moeda corrente tamén alén do Padornelo. Escoiten a Chaves falar castelán. A xente que sabe eúscaro di que Arzalluz ou Ardanza falan un euskara de pena, moi coloquial e inzado de castelanismos. Os políticos valencianos, nin lles conto. E mesmo algúns cataláns -velaí o Pepe Montilla. Fronte a iso, os participios en "ao" e a fonética madrileña de Touriño semellan pataca minuta, que dicía o outro...

Anónimo dijo...

Eu quedome co do final. A Ana de Arcade fixo moito mais polo galego co que fixeron en anos un bo feixe de poetas e intelectuais dises que non coñece nin deus. Graciñas, Ana María!!!

Anónimo dijo...

Arume:
Nalgunha gramática moderna que coñezo (por exemplo, a galega de Freixeiro Mato), inclúese a Pragmática xunto con Fonética, Morfosintaxe ou Léxico-semántica. Vde. leva razón; pero, desde o meu punto de vista particular, non nola saca aos preocupados pola deturpación do sistema como resultado dun contacto lingüístico desigual, onde a agresión tende a empobrecernos severamente.

Se lle parece que o digo leva algún sentido, ao mellor podemos concluír con acordo e táboas.

Anónimo dijo...

Eu creo que no ensino do galego cómpre algo de realismo. A materia de "Lingua Galega" ensínaselles aos rapaces das ciddes coma se esa lingua fose a súa materna, cando verdadeiramente o que facía falta era un método que asumise que o galego, a todos os efectos, é para eles unha lingua estranxeira. Isto implicaría prestar atención a aspectos comunicativos ("usar o galego") e menos a "aprender sobre o galego".
Os resultados destes anos vémolos en calquera cidade galega: entras nun comercio, fálaslle o galego a un dependente que seguro que estudou o galego unha chea de anos é non é capaz de dicir nada.

Anónimo dijo...

Certo, Marcel.
Pero creo que o de lingua estranxeira é excesivo.
Mesmo non falantes de galego, ata os anos setenta, conservaban un grande dominio pasivo da lingua. Ou sexa o dialecto castelán que falaban estaba inzado de galeguismos e galego era o seu vocabulario específico rural, se o tiñan: Sacho, toxo, silva, dar hecho, bien de cosas, fungueirazo, carballo, Te hace sol, saltón, vacaloura, etc. por non falar da fonética galega de todos (n velar final, abertura adecuada das vogais,etc.) A miña hipótese é que todo o mundo ten un dominio do galego maior do que pensa, sempre que se decida a usalo e limpalo.
Claro que non sei se isto seguirá pasando na mocidade de hoxe, creo que non,porque cada vez queda máis lonxe a aldea e hai máis ordenadores e piscinas nas casas dun rural que cada vez é menos agro-gandeiro e máis recreativo de fin de semana.
A palabra bosta non é coñecida por ningún dos alumnos centro cidade de Galicia, e se cadra, nin falta que fai. E parece, tamén polos escritores, qeu chega o galego light de arestora.
Lingua estranxeira, definitivamente, non.
Pero, evidentemente, estou de acordo coa precisa desvinculación da misión misional e eticista do estudo da historia, socioloxía, etc. sempre partido dunha óptica sesgada e con orelleiras descoñedora dos avances historiográficos producidos despois de Manuel Murguía, que xa é falar.

Anónimo dijo...

Lingua estranxeira ou lingua segunda, si. Cando Touriño di "He dito" e "os cidadanos" comete os mesmos erroes que un aprendiz de inglés cando di "I have arrived yesterday" ou "the knifes". Por outra banda, ter un dominio pasivo da lingua non implica poderse expresar nela. É aí onde fracasa a metodoloxía de ensino do galego.

Anónimo dijo...

Swann, quero crer que a súa expresión -unha miguiña hiperbólica, diría eu- leva motivación estilística e intencional. Non percibo os meus alumnos urbanos considerando ou vivindo o galego como unha lingua estranxeira, aínda que algúns experimentan, sen dúbida, certos problemas funcionais e o uso coloquial, en xeral, dista moito da miña mínima satisfacción. Posiblemente nos falle a metodoloxía, e eu estaría disposto a aprender se alguén me aprende; pero tamén lle digo algo: a fluidez mellorará bastante ao ritmo que o uso vehicular -noutras materias- se intensifique.

O do Touriño é caso aparte; non sei se terá amaño, o certo é que non llo buscan coa seriedade debida. E non é o único, madia leva.