CINCO PREGUNTAS, ALGUNHAS RESPOSTAS
(
La Región, 22 xaneiro. Imaxe: "O ollo inocente", Mark Tansey, 1981).
1.
Por que o Partido Popular de Galicia bloqueou sine die a reforma do Estatuto galego? Iso foi o que sucedeu, sen dúbida. Para achegarse ós populares, no preámbulo proposto por Touriño nin sequera constaba o concepto expreso de nación para Galicia: só unha alusión á vixente Lei de Símbolos “que recolle a formulación do sentimento galeguista (...) falando do fogar e da nación común dos galegos”. O Bloque cedeu máis do que podía conforme ós seus principios e ó seu electorado. Os socialistas fixeron todo o posible para chegar ó consenso. Pero os populares mantiveron as súas posicións férreas, máis pechados que nunca: dito doutro xeito, coas posturas que mantivo Núñez Feijoo sería imposible poñer en marcha a Reforma Democrática no ano 77 e o mesmo Estatuto que se votou no ano 80.
2.
Pódese planear unha reforma do Estatuto que, en vez de ir cara adiante, vaia cara atrás? A consigna do PPG era nidia: que non se mova nada e, se algo se move, que sexa en sentido retroactivo; de feito, a proposta popular tiña mesmo algúns riscos inmobilistas co propio espírito autonómico de hoxe e negábase na práctica a recoñecer a Lei de Símbolos aprobada por todos os grupos no Parlamento Galego.
3.
Ulo o ata agora chamado sector galeguista do PP galego? Debería pensarse que ante tal aldraxe, non menor que a se quixo consolidar en 1977, sequera os sectores galeguistas do partido de Núñez Feijoo amosarían o seu descontento. Pero non: agora non se pechan nun piso a reflexionar. Silencio. O único en reaccionar, o defenestrado Cacharro Pardo, ponse máis papista que o Papa: para xustificar o desatino, acusa ós socialistas de venderse ó separatismo.
4.
Por que os populares, tanto en Galicia como en España, prefiren manter distancias infranqueables co conxunto dos partidos? Primeiro, porque non están habituados a facer oposición, o seu é gobernar. Segundo, porque no fondo non aceptan que non sexan eles os que gobernan: sexa polo 11-M, sexa polo pacto socialista-nacionalista na Xunta, séntense aínda os vencedores en ambas eleccións e optan por deslexitimar na práctica os gobernos centrais e autonómico. Sobrarían razóns para facer unha boa oposición, en Madrid como en Compostela (ambos gobernos cometen erros abondo), pero non se trata diso.
5.
Por que o PP mantén esa política de obstrucionismo que, en calquera outro contexto político, por exemplo en Cataluña, significaría a súa desaparición case total do mapa político? Quizais porque os seus estrategas pensan que tal comportamento non lles vai significar un elevado custe electoral no seu celeiro habitual de votos. Oxalá se equivoquen. Pero ó mellor ata no se equivocan ...
29 comentarios:
Obviamente, do PP é a maior responsabilidade no atranco. Non me parece que o PSOE xogase fose correcto na súa estratexia, nomeadamente no trato dado a Quimtana e ao BNG: probablemente aí houbo un XOGO con maiúsculas, léase A Nosa Terra. Con todo, o certo é que aparentou debuxarse un acordo a dous que o terceiro non quería e non quixo prolongar.
Custaralle? Veremos. Supoño, espero que si. Nas municipais? Veremos, non é a convocatoria máis acaída para que opere tal substrato político. De feito, se houbese eleccións galegas o proceso sería ben diferente.
Se pagan nas municipais, supoño que perderán a alcaldía de Ourense, e será o que gañedes. Pero coidado co relevo; sen dúbida, algún día virán ao caso cousas de Lugo.
Ademais da clase política, están os poderes económicos. Se eles exercesen o seu "lobby" para ter un Estatuto de primeira, a cousa pintaría doutro xeito. Se o sr. Méndez, Gayoso, and company tivesen un concepto de País con maiúscula, outro galo cantaría.
Moi interesante esta aportación de U.Anónimo: Ulos os poderes económicos do país? Nin pío. Non existen ou non pensan en clave galega?
Graciñas. Tamén poderiamos engadir os poderes dos mass media. Un exemplo: Que a liña editorial de "La Voz de Galicia" fose en clave de País [co 50% dos lectores galegos]. O PP tería que tourear eiquí con outro rexistro...(por certo, agrádalle ao vicerrei de Ourense a liña oficial dos seus?)
Moi interesantes os comentarios sobre a "clase" empresarial galega e a "clase" mediática. Non me gusta moito a expresión "en clave de País" porque préstase tanto para un roto como para un descosido. Pero eu non pediría tanto duns e doutros. Pediría, iso si, un pouco de racionalidade económica. Non sería acaso positivo para os intereses de ambas "clases" un novo Estatuto? Eu, desde a miña ignorancia, penso que si. Pero non se mollaron, non.
A posición contraria do PP a calquera acordo, por baixo do xa recollido noutras leis, pode facer pasar unha cortina sobre o comportamneto do PSOE neste asunto xogando con dúas barallas. Como di, ao meu entender moi atinadamnete, Aymerich n'A Nosa Terra, o PSOE permitiu e mesmo alentou o xogo do PP "ao alimentar o secreto, a falta de transparencia e unha baleira equidistancia amparada no oportunismo e a indefinición. Touriño e o seu partido deron asas ao engano urdido polos populares ao rachar a estratexia común pactada co BNG e sacarlle ao PP de diante o único que o podía forzar, en termos democráticos, a un acordo: aprobar un texto cos votos da maioría gobernamental e debater no pleno do Parlamento a súa tomada en consideración. Un debate que no pior dos casos, permitiría un pronunciamento maioritario da cámara acerca do recoñecimento de Galiza como nación e do deber de coñecemento do galego e que lle tería aforrado ao bipartito as tensións ás que Touriño o submeteu nas últimas semanas".
O artigo de Afonso Eiré da tamén unhas claves do acontecido nos últimos días. Touriño, e o PSOE, non xogaron en clave do mellor para o Estatuto, senón en clave da procura de rentabilizar o éxito ou no seu caso o fracaso. Non lle saiu ben ao aceptar Quintana a proposta de Touriño, proposta que nin sequera coñecia (lealdade do Presidente aos seus socios?!).
O noticiario da TVG de hoxe -22/01/06- das dúas e media dixo que Touriño pediu comparecer e que o BNG pediu un debate no Palamento. Non coñezo o regulamento da cámara, pero, ¿non será un intento máis de Touriño de restar protagonismo ao debate político e buscar a forma que lle pareza máis acaída aos seus intereses propagandísticos?
O PSOE xoga con dúas barallas, porque ten dúas barallas: o PP ten o sucursalismo de Madrid e o BNG o soberanismo galego. O PSOE ten comodíns. Para outras cousas pode ser negativo pero para presentarse diante da cidadanía como o garante dun acordo non fai falta máis que estar no centro.
De tódolos xeitos, creo que aquí estamos no de sempre: fuches ti, fuches ti.
Eu creo que a escenificación da política foi neste caso excesiva. Por que todo depende dunha mesa a tres bandas, con tres persoas? Por que sempre o modelo mediático do encontro, cunha escenografía ad hoc (xa non digo o de celebraren o encontro o mércores, coma se fora de Champions League)? Por que todo ten un ar de final, de momento histórico decisivo, de oportunidade única? Así non me extraña que se empregue o termo xogar, órdagos, e cousas semellantes. A política ten os seus ritmos e creo que tanta trascendencia acaba por desilusionar o máis optimista. Por que non seguen a traballar na mesa esa onde había máis xente? Ata que non rematen, non saen. Creo que os galegos agradeceriamos neste caso que as dietas por manutención foran excesivas. Pero a todo ou nada non se fai política.
Vou expoñer, improvisadamente e dun xeito incompleto, tres “teses” (desculpen a pedantería!) que considero realistas –dun “realismo cínico” se gustan do termo- sobre a política e os partidos políticos convencionais (aqueles que -a diferencia dos movementos sociais- orientan principalmente a súa actividade dentro dos canles institucionais).
Primeiro. Os partidos políticos –todos sen excepcións- non son irmanciñas da caridade. Todos xogan coas máximas barallas posibles coa intención de obter os mellores resultados na óptica da conquista do poder (gañar as eleccións nunha democracia), que é o seu obxectivo principal. Os partidos son –ou queren ser- máquinas (aínda que imperfectas) optimizadoras de resultados. Daquela, e ás veces mesmo independentemente da conciencia dos seus membros, a súa estratexia vai destinada a gañar posicións na carreira polo poder por riba de calquera outra circunstancia. Os partidos son os “príncipes modernos” (obvia alusión a Maquiavelo).
Segundo. Os programas dos partidos –a súa ideoloxía, se se quer- son algo secundario e subordinado ao primeiro imperativo. Son os contextos –e a axeitada avaliación dos mesmos- os que determinan as posibles modulacións e flexibilidades programáticas.
Terceiro. A política actual é, sobre todo, representación e liderato, habida conta que estamos nunha “democracia das audiencias”.
Partindo destas tres premisas pódese entender, alomenos en parte, o xogo dos tres actores (PP, PSOE, BNG) no asunto da reforma do Estatuto… ou polo menos, paréceme a min que si se pode entender. En fin, pode ser, quizais, quen sabe, ...
A vocación transformadora da sociedade nunha determinada dirección é un dos obxectivos, eu diría que o principal, cando menos de determinados partidos ou organizacións políticas. A miña actividade política, e a de moitos outros, ten esa finalidade, e aínda que os obxectivos electorais están sempre presentes, non esquecemos que son unha panca para movernos na procura dos verdadeiros obxectivos. Eu dende logo non realizo actividade política co obxectivo de xestionar sen máis a realidade.
Coincidoco señor Arume dos Piñeiros en que a escenificación foi excesiva. Remítome ao que dicía do artigo de Afonso Eiré en relación ao tema do Estatuto. Foi a estratexia de Touriño sacalo do Parlamento -comisión e logo pleno- e levalo a unha mesa a tres nunha escenificación que había servir para maior gloria do Presidente (a representación e liderato na democracia das audienvias que di na súa terceira tese ou premisa o señor Anónimo Político-Cultural).
Todos os partidos queren transformar a realidade... nunha dirección ou noutra. Iso non é, en principio, incompatible co imperativo primeiro: a supervivencia -e, a ser posible, o “éxito”- da propia organización. Porque só así se pode transformar a realidade.
Agora ben, no proceso de asentamento e maduración, os obxectivos de transformación da realidade vanse mudando total ou parcialmente (o que se pode chamar "adaptación" ao ecosistema político) por mor desa necesidade. Ao mesmo tempo, vanse xerando no seo dos partidos grupos diferentes que pugnan –ou pactan o seu reparto- polo control do aparato organizativo e da súa representación externa (cargos públicos), habida conta que, a partir dun determinado momento, a organización reporta incentivos selectivos ás elites políticas que a dirixen.
A ideoloxía, máis que un factor inmutable, convírtese en algo que é dosificado, modulado e ofertado por esas elites tanto ao conxunto da militancia (o que lle dá unha “identidade política” compartida) como ao conxunto da cidadanía a través dos programas políticos e electorais (unha sorte de “marca” diferenciadora).
Isto observámolo en todas as organizacións políticas, incluído o BNG.
Xa sei que é un rollo todo isto, mais penso que ten algún interese. Ou polo menos parécemo a min.
En fin, quizais, talvez, se cadra, … Desculpen que lles dea a lata.
O artigo de Eiré en ANT sobre o fracaso do Estatuto paréceme que corrobora o xa dito por min e outros usuarios deste blog noutra entrada moi frecuentada a pasada semana. É un artigo destinado a dicirlle á militancia do BNG o que ten que pensar, aínda que os seus asertos teñan moi pouca base. Un artigo moi en sintonía co de Aymerich, que é un señor que en ANT dedica 2/3 das súas colaboracións a criticar ao PP e 1/3 (lealdade obriga) a criticar á parte do goberno rexida polos socialistas. Moi bipartito, si señor. Superbipartito.
Aquí parece que hai xente que aínda non se enterou de que o PSdeG non é un partido nacionalista nin está en camiño de selo. Se o PSdeG entrou na dinámica da "nación" nin sequera foi por presións do BNG facilmente resistibles, senón pola presión obxectiva exercida polos Estatutos de Cataluña e Andalucía. A min, como socialista, tanto me ten que Galicia "sexa" ou non unha nación, unha nacionalidade ou unha rexión ultraperiférica como Canarias. En puridade, ese é un debate absolutamente bizantino. O que importa realmente dese debate é o contexto no que se produce. E ese contexto é o das reformas estatutarias que están alterando ou consolidando o estatus xurídico-político outorgado pola Constitución ás comunidades autónomas, ás "nacionalidades e rexións" que integran o Reino de España. A min impórtame iso, que Galicia non perda estatus xurídico-político, non o debate ontolóxico-mediático sobre o que é ou non é Galicia. E nese contexto a aparición no preámbulo estatutario da palabra "nación" é conveniente para Galicia, ou sexa, para a cidadanía galega, non para esa abstracción voluntarista inventada polos nacionalistas.
O que intentou Touriño foi unha solución que, evidentemente, non contentaba a ningún dos dous partidos nacionalistas (un galego, o BNG, e outro español, o PP), pero que podería ser aceptada como punto de encontro. Non se procedía á "proclamación" da nación galega, pero se mencionaba esta a través da apoiatura nun texto legal (a Lei de Símbolos) aprobada unanimemente polo Parlamento de Galicia xa en tempos de Albor. Constatábase un feito. E Quintana entendeuno e aprobouno, aínda que non colmase as súas lóxicas aspiracións en canto nacionalista. Pero co que non contaba Touriño era con que Núñez Feijóo optase por vetar a Pondal, como escribiu Carlos Luis Rodríguez nun acertado artigo publicado en El Correo Gallego.
Ben, está visto que o presente diálogo lle deu polo pao (expresión luguesa que non sei se todos aquilatan) a máis dun. Mira que o Amigo e o AP-C debullaron, un máis teórico, outro abstraendo, ambos necesarios; e ao Leituga saíu rápido ao quite, con obvia implicación.
Hoxe non darei entrado na fronda tecida. Con todo, algunha reflexión si quería apoñer. Notoria e lexitimamente, partidos e organizacións xogan e aproveitan a panoplia de recursos dispoñible. Notorio e inevitable resulta tamén que, na selva e barafunda da práctica política, aquilo ao que en tempos se lle chamaba "principios" (ou obxectivo de transformar a realidade) deba ás veces colidir, ás veces conformarse, cos "intereses"; e como non vou mellorar o dito polo Anónimo, remítome mutatis mutandis ao dito por el.
Ora ben, non me leve o realismo a cínico distanciamento, non faga o interese que a visión parcial se volva pensamento obrigado. ANT efectúa análises diferentes do que máis correntemente se le e escoita en medios que levan outra lóxica e aliñamento. Se non dá por boa a imaxe de Touriño como gran mediador; se detecta no seu comportamento un -lóxico, pero non manifestado- afán de proxectar a súa figura como líder do país; se considera que xogou co Bloque, utilizando nesa estratexia a un presunto bo coñecedor dos resortes, trastenda e dinámica interna... o que di o Pucheiro poderá ser discutible, pero debe ser discutido antes ca descualificado. Porque a min, aínda que fale distinto cá prensa diaria -ou ao mellor, neste caso, menos distinto- o tal non me pareceu, precisamente, un discurso aleccionador. Iso si, é visión de parte, que o que busca información debe peneirar.
Como tamén as prosas do Aymerich. O portavoz parlamentario do Bloque é portavoz parlamentario da forza minoritaria dun goberno bipartito. Como tal, debe ter como obxectivo clave soster o goberno e puntualizar a propia posición; non lles vou facer o feo de explicar por que nin reiterar exemplos da parte contraria (perdón, dos socios) en correspondencia menos aparente, porque, iso si, a práctica sempre conta.
Saben que? A min a redacción do Touriño para o preámbulo deume dúas sensacións: primeiro, ser a de alguén que, en efecto, como cre pouco segue a senda dos que, crendo máis, labran máis; segundo, quintaesenciando abertamente os simbolismos, volverse "proposta que non poderán rexeitar". Pois ben ven: un aceptoulla sen mirala (e o aceptante burro non é), o outro negou porque probablemente negaría calquera cousa.
É o que teñen as reunións decisorias de aparentes plenipotenciarios. Son, efectivamente, reducionistas. E algunhas personalidades, a forza de buscar magnificarse, poden resultar contrariadas. Pero o xogo continúa.
Porque non se pretenderá, digo eu, soster -a estas alturas da partida- que no proceso para un novo estatuto había e hai unha posición do bipartito que se defendía bipartitamente. Se houbo acordo ao respecto, quedou desvirtuado polas reunións a dous, nomeadamente (isto é, desde logo, visión particular) aquela que se pretendeu facer pasar como auténtica xuntanza no cumio: trasladando, logo, a idea de que a entidade do terceiro era menor (prescindible?).
Eu coido e reitero que, se non hai acordo, a responsabilidade é ante todo dun, e non está no bipartito. Pero iso non implica facer tabulam rasam das análises, ao revés, cómpre telas ben presentes. Para cada un saber onde pisa, ou onde non debe pisar. Tamén se xorde a desexable implicación social que impulse a reactivación do proceso; cousa que, por certo, eu desexo e apoiarei.
En relación co asunto da Lei de Símbolos: todo o debate sobre o Estatuto desenvolveuse baixo un gran equívoco que, non sei por que, nin uns nin outros quixeron explicitar. O BNG dicía -e facía ben- que Galicia tiña que contar cun "Estatuto de Nación, como Cataluña", dando a entender que o Estatuto catalán converte a Cataluña xuridicamente nunha nación. Isto é sinxelamente falso. Se teñen a curiosidade de ler o Estatuto de Cataluña, poderán comprobar que no Preámbulo, tras o pacto entre Mas e Zapatero e os traballos de enxeñería verbal de Rubalcaba, o único que se fai é constatar un feito: que case o 90% do Parlamento de Cataluña definiu a Cataluña como nación, expresando así un sentimento ao parecer moi extendido entre a sociedade catalá. Pois ben: ese feito en Galicia nin se produciu nin hai visos de que se vaia producir. Había, pois, que recorrer a outro feito distinto e que subministrase apoiatura xurídica, fáctica, para o recoñecemento político-simbólico da condición nacional de Galicia: de aí provén a proposta de Touriño de "nación de Breogán", transformada despois en "fogar e nación común dos galegos". Só dende as interpretacións prexuizosas dalgúns nacionalistas puido verse no da "nación de Breogán" un intento de folclorizar ou ridiculizar a cuestión. Do que se trataba, como xa dixen, non era de proclamar o nacemento da nación galega, senón, ao modo catalán, de utilizar un texto oficial, neste caso unanimememente aprobado,no que Galicia fose invocada como nación. Quintana, aínda que Pucheiro crea que non, estaba perfectamente ao tanto desta posición presidencial. A proposta de Quintana baseábase na "tradición galeguista que nos une" e na "vontade popular" expresada a través "deste Parlamento que nos representa". A "tradición galeguista" aínda ten un pase, aínda que todos sabemos que non toda esa tradición é nacionalista. A "vontade popular", porén, non podía ser, xa que non ía ter lugar no Parlamento ningunha declaración de Galicia como nación. Claro que a Pucheiro ocórreselle agora que Touriño puido convocar un pleno para aprobar unha nación do 51%, a nación de 38 contra 37. Xa digo que a quen se lle ocorre isto é a Pucheiro, porque tampouco Aymerich, Quintana ou Paco Rodríguez propuxeron nunca un dislate semellante.
Engáñanse os que pensan que o máis beneficiado polo fracaso da reforma estatutaria é Touriño. Eu creo que o máis beneficiado é o BNG, que pode seguir mantendo ergueita a reivindicación que é a súa principal razón de ser e aglutinar aínda máis ao seu electorado e á propia fronte en torno á reivindicación nacional, enfatizándoa ademais por mor do agravio. O máis perxudicado espero que sexa Feijóo. ¿Pero en que beneficia ao Presidente da Xunta un fracaso nun empeño do que se cansou de falar xa dende bastante antes das eleccións? Este fracaso ten ademis consecuencias económicas que poden ser importantes: así, mentres Cataluña poderá negociar a súa nova financiación en base ao PIB e Andalucía en base á súa poboación, a Xunta de Galicia non terá base legal, estatutaria, para poder reclamar o 8% de investimento territorializado do Estado en Galicia durante os próximos dez anos. ¡Gran beneficio o do PSdeG e o de Touriño!
Creo que acerta Leituga na súa valoración e mesmo nos beneficiarios de todo este barullo. En calquera caso, que non se beneficie o PPG, porque iso xa sería un gran sarcasmo...
Eu, desde logo, non dixen nin digo que o resultado -provisorio, espero- deste proceso favoreza ao Touriño. Nin penso que o BNG estea encantado con el. Primeiro, porque é malo para o país non anchear o autogoberno; segundo, porque Quintana -e hai que se ir afacendo á idea- xoga a cabalo gañador: nin á resistencia, nin a un campo de xogo reducido nin a prolongar, en dubidoso beneficio propio, sentimentos de agravio e vitimismo, na peor tradición de determinada e murcha eséxese rosaliá, agora seica en limitado ámbito partidario.
Non teño tampouco que defender ao Pucheiro, que en todo caso di o que sabe e lle parece a el, que non é xaora nin o (pouco) que eu sei nin exactamente o que me parece a min. Vde., Leituga, di que Quintana era coñecedor, outros que menos, e eu que neste caso a proposta de Touriño, máis ca "presidencial", era tan partidaria coma as outras dúas, tal e como o proceso se desenvolveu. Digo así mesmo que "nazón de Breogán" malamente parece, en efecto, expresión folclórica -non reside o personaxe na nosa cultura popular, fóra de Lugo e do baloncesto-, pero si, a forza de mítica, máis esotérica ca consistente (quen e que sería Breogán?). Que a "vontade popular expresada a través do Parlamento" podía ser cláusula válida se o PP votase a prol no Parlamento, hipótese certamente improbable pero non impresentable; e aquí xa entra o coñecemento e suposición sobre o que cada grupo, e cada líder, prevían, sabían e procuraban.
Eu comparto que había que procurar un modo de introducir o "Galicia nación" no Estatuto, primeiro porque o é e segundo por que convén; por certo, o que sostivo Quintana de primeiro e desde o primeiro. Se o estado das cousas políticas do Estado dificulta usar o léxico e a semántica abertamente; se os Acebes, Zaplanas, Bonos e Alfonsos Guerra seguen sendo suficientemente numerosos e poderosos como para impedilo, obviamente cómpre optar por cláusulas relativas: porque se a palabra entra, xa se fará valer, porque o caso é que os procesos comecen.
Que a cousa non é inocua, non é inútil, que paga a pena insistir nela, é patente aínda que só sexan polo perfil dos opositores e a forza da súa oposición; coido que se fará máis patente -para Cataluña en particular, e de momento- co tempo. En Galicia -probablemente polo noso carácter e historia- a solución podía, probablemente debía ser literaria, iso si, podendo ser máis sociolóxica e cercana ca aqueloutra. Pero o PP non está para literaturas. Quintana dixo que se dera de conta á media hora; Pucheiro, que xa o sabía de antes. Pois moi ben: non temos estatuto novo por culpa do PP e deben de o pagar.
Por certo: a tradición galeguista non será unicamente nacionalista. Pero se as Irmandades da Fala e Castelao son algo na tradición galeguista, a palabra "nación" aparenta para min insubstituíble. Onde non, dígaseme outra.
RECICLANDO. O artigo base deste fío saiu en tres entregas, nestes tres últimos días, no Galicia Hoxe. Reproduzo agora a última, que sae hoxe, porque introducín algún matiz e engadín algún outro, por certo aproveitando a suxerencia dun lector. Aquí queda:
ANDOLIÑA
5 preguntas ó Partido Popular (e III)
Quinta e última pregunta. Por que o PP mantén esa política de obstrucionismo respecto da reforma do Estatuto que, en calquera outro contexto político normalizado, por exemplo en Cataluña, significaría a curto prazo a súa desaparición case total do mapa político? Quizais porque os seus estrategos pensan que tal comportamento non lles vai significar un elevado custo electoral no seu celeiro habitual de votos. Oxalá se equivoquen. Quen sabe?
Núñez Feijóo parece agora querer emendar o seu discurso: velaí as declaracións na TVG do líder popular. Pero, se queremos ser serios, calquera estratexia nova dos populares será só retórica se non pon por diante un documento firmado onde figuren nidias as súas posicións. E ata agora estas son que o status xurídico de Galicia quedaría por baixo de Andalucía, á vista dos seus textos estatutarios.
Tamén é deprimente dar conta doutros silencios, como anotaba con tino un lector do meu blog: que acontece coas forzas económicas e empresariais deste país? Non teñen nada que dicir ante un tema tan fundamental para a organización do tecido social? Dálles igual que haxa Estatuto reformado ou sen reformar nos próximos anos?
O problema das nosas forzas económicas e empresariais é que están maioritariamente á disposición do que diga o Partido Popular, quen á súa vez responde con reciprocidade a tan galante actitude.
O aproveitamento (mutuo) da visita de Núñez Feijóo a Pescanova para que o señor Fernández de Souza volvese poñer de novo sobre a mesa (sobre os medios) a chantaxe desa empresa hipersubvencionada ao Goberno galego para que este lles deixe actuar aquí como en Namibia, é sumamente elocuente. Daría risa se non dese pena.
Pois graciñas por introducir o matiz do "teu lector" [xa o lera no Galicia Hoxe a primeira hora da mañá. É preocupante que os grandes poderes económicos e empresariais de Galiza non pensen en clave de País: Mellor nos iría a todos. Abofé que en Cataluña e no País Vasco non funcionan así. Os grandes poderes económicos en Madrid -co seu nacionalismo español- sí que exencen o seu "lobby", algúns mesmo con aportación do capital galego.
Que non está hipersubvencionado? Teño noticia moi cercana de que aquelas conserveiras que nos últimos meses do anterior goberno foron denunciadas por contaminar as rías foron convenientemente apoiadas con diñeiro de todos para investir en depuradoras. Eles non gastaron un peso: eso sí, os beneficios foron para os seus petos, co alibi dos postos de traballo na zona. Despois enchen a boca coa economía de mercado, o liberalismo e outras trangalladas. Pero se son os máis proteccionistas de todos.
Non son ningún furibundo anti-capitalista, pero amólame considerablemente o uso e abuso da financiación pública ás actividades empresariais privadas. E moito máis aínda que con esas subvencións fagan o que lles pete, sen control nin responsabilidade ningunha.
Non acabo de ver eu, exactamente, que as forzas económicas radicadas neste país estean a expensas do PP. Se ben non básico o seu aliñamento aparenta ser ese, certos movementos estratéxicos -non infrecuentes, e sobre todo en determinados períodos ou lexislaturas- aconsellan matizar o aserto.
Con todo, e sen negar que a posición do PP condicione, entendo que hai outro motivo menos superestrutural, e expono atinadamente, noutros termos, Manuel Cao en ANT esta semana: historicamente afeitos ao enfeudamento en intereses alleos (din "superiores"), faltos de confianza na propia capacidade como colectivo e dentro do país, non lle confiren importancia fulcral (ao mellor, nin sequera moita importancia) ás institucións e formas de autogoberno.
É asunto vello, antes recoñecido ás claras, agora tacitamente asumido.
Pois, querido Xosé Manuel, hai moitas forzas económicas que seguen a expensas do PP. Un exemplo: onte mesmo, multitudinaria homenaxe a Cabezas, en lugar preferente: o fillo de Franqueira e outros directivos de Coren e os xefes de Copasa, a constructora impulsada dende o poder popular hai uns anos...
O que sinala Arume dos Piñeiros é ben certo: os hipersubvencionados sen control son despois os grandes defensores do "mercado" e enchen a boca coa pouca trangallada neo-liberal que saben. As clases empresariais galegas son pouco máis que un monte de palurdos e parásitos, algúns con boina e outros con birrete. Unha grea de pancistas soberbios, desvergonzados e secretamente saudosos do franquismo. Non teñen, ademais, nin cultura, nin elegancia, nin capacidade de liderazgo, nin valentía. ¡Só hai que decatarse de que o máis "glamuroso" que produciron foi "Fefé"!
Home, eu supoño que hoxe, no empresariado galego, haberá de todo. Aínda que sospeito que abunden máis os da caste que describe, ao modo risquián, Don Leituga 1.
E disinto no de glamuroso. Hoxe, penso, o máis glamuroso é José Luis Méndez, quen nunca, pero nunca, se atreve a pronunciar unha mínima frase en galego. Será que o glamour está rifado coa nosa lingua?
É un asunto que dá que pensar. Hai tempo un amigo meu dicía que se houbese en Galicia unhas cantas dúcias de empresarios ou profesionais exitosos que, a carón do seu Jaguar e do seu iate, fixesen pública ostentación do orgullo de falar galego, outro galo nos cantaría.
A Coruña liberal e galeguista (que en-soña Manuel Rivas) choca coa que goberna os cantóns (Banco Pastor, Caixagalicia, Fenosa) e o polígono de Sabón (Zara, La voz de Galicia). Entre estes dous mundos, Meicende, Ronda de Outeiro, Ronda de Nelle, a Coruña popular acolmeada e inerme, emigrada de Carballo ou de Lugo, esa que fala galego a todas horas. Non hai cidade de Galicia que limite tan ben a súa isoglosa.
Eu téñolle escoitado a José Luis Méndez falar galego en varias ocasións. E fálao bastante ben, por certo. A última vez foi na inauguración da exposición da Real Academia Galega, na Coruña. Sen papeis, sen ler. Unha intervención moi persoal e toda ela en galego. E na necrolóxica que fixo na Voz tras a morte de Alvarez naveiro, meteulle un párrafo final en galego. Eu creo que este señor ten un poder desmesurado, pero de todos os citados paréceme que é o máis sensible e permeable á certa sensibilidade galeguista.
Galeguista non sei se o será, pero na TVG e a RG sempre o teño escoitado en galego. Ignoro se terá grande fluidez, pero o seu xeito de construír a expresión oral (pausado e reflexivo) posibilita que en todo caso que esta sexa adecuada.
Un comentario -breve- sobre a dependencia dos poderes económicos con respecto ao PP. Parece claro, repito, que o aliñamento básico (instinto de clase?) é ese. Tamén, que en certos momentos ou períodos gobernamentais semellan contraer outros compromisos (olfacto de caste?). Iso si, son amigos da "estabilidade" que presuntamente os favorece: e en Ourense supoño que non quererán unha mudanza no goberno municipal, tal e como iso se conformaría: xa non sería unha suma daquel Veiga do PSOE e os restos da UCD (ou CG, ou o que queiran).
Insisto: coido que o seu desapego con respecto ao autogoberno ten máis ben outras raíces. Xa me referín a elas.
Actitude ben diferente a de Méndez, polo que dicides, á dun alto directivo de Caixanova: cando inauguraron a súa última sala de Ourense non só falou en castelán, senón que castelanizou os nomes das persoas e institucións (Consejería, etc.). Chegou a cederlle a palabra a: ÁNGEL QUINTANA!!!, que falou tras del sen facer ningún comentario ó respecto (supoño que son cousas da cortesía protocolaria e todo iso...).
Publicar un comentario