Papeleira de reciclaxe: Galeguismo e Universalismo en Plácido Castro.O meu interese pola figura de Plácido Castro non é de agora. Recupero este vello artigo, publicado en O Correo Galego, o 25 xaneiro 2002, con motivo do seu centenario. Cúmprese hoxe o centenario do nacemento de Plácido Castro del Río, que veu ó mundo en Corcubión un 25 de xaneiro de 1902. É un nome que empeza a ser recoñecido, sobre todo desde 1997 en que o investigador Xulio Ríos publicou unha breve e densa biografía deste personaxe (Ed.Ir Indo). No propio subtítulo daquel libro estaban sintetizadas as claves que o definiron no seu tempo: un intelectual humanista, liberal e cosmopolita, símbolo das arelas de universalidade do nacionalismo galego de preguerra. Educado en Gran Bretaña, dandi e librepensador, de oficios e aficións múltiples, foi publicista e músico, político e escritor, erudito e xornalista, traductor, astrónomo e profesor de inglés, foi tamén a voz galega da BBC nas emisións da cadea británica cando o franquismo convertiu en silencio toda a Galicia interior.
Foi coautor, con Lois Tobío e Delgado Gurriarán, das traduccións incluídas no volume “Poesía inglesa e francesa vertida ó galego” (1949, Editorial Alborada de Bos Aires). Pese a todo isto, foi un nome esquecido antes desta biografía, quizais por ser sobre todo home de praxe e pensamento. A súa militancia galeguista exténdese desde as Irmandades da Fala ata o Partido Galeguista, onde desempeñou desde moi cedo funcións directivas e o cargo de Secretario de Relacións Internacionais, representando ó galeguismo no IX Congreso de Nacionalidades Europeas cando Galicia buscaba unha imaxe simbólica coa que presentarse ante o mundo como nación europea.
Lembro ler hai anos unha entrevista coa filla de Plácido, Susi Castro Sineiro, na que ela mesma afirmaba, laiando o esquecemento da figura do seu pai, que fora un dos galeguistas que militaron no etcétera; quérese dicir, dos que se citaban sempre –ou mellor dito, quedaban case sempre sen citar- tras Castelao, Otero, Bóveda e un longo etcétera. Porque debemos ser conscientes que neste etcétera hai varios centos de vidas que están a ser recuperadas con plena xustiza. Pouco a pouco, porque a historia da Galicia recente vaise facendo así, de vagariño, Plácido Castro empeza a ser coñecido e sabemos así da complexidade do seu pensamento e opinións políticas e económicas, porque tamén o galeguismo republicano foi máis complexo do que podería facer crer unha mirada apresurada.
Admirador de Inglaterra, Plácido Castro foi un galeguista defensor da tradición política inglesa, celtista e antibolxevique, demócrata convencido e pacifista que esixía reclamar as responsabilidades dos políticos que desencadean os conflictos armados. Escéptico ante un urbanismo asoballante, cooperativista nos seus planteamentos económicos, para Xulio Ríos tampouco pode ser situado na ponla máis próxima á esquerda do galeguismo, ó carón de Tobío ou Seoane, anque participase no despacho xurídico-laboral que Seoane tivo na Coruña en 1934.
O seu labor xornalístico en defensa dun “nacionalismo de paz” foi moi intenso e a súa firma achegouse a “El Pueblo Gallego”, “Céltiga”, “A Nosa Terra”, “Informaciones” de Madrid, “Ser” de Compostela, “Jornal de Noticias” do Porto, “Galicia Emigrante” ou “Faro de Vigo” xa na posguerra e nos anos 60. Moitos deles están incluídos no monográfico especial que sobre Plácido Castro figura na páxina web do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (
www.igadi.org), co cal Xulio Ríos e os responsables do Igadi facilitan xenerosamente o achegamento dos estudiosos á obra do escritor; tamén na rede, no mesmo lugar, hai estudios sobre a súa obra política (X.Ríos), sobre as súas posicións ó respecto de Irlanda (F. Pérez-Barreiro Nolla), sobre o seu labor como traductor (V.Araguas) ou sobre o seu xornalismo en “Faro de Vigo” e os seus artigos de crítica social (D. Reinoso). Traballos todos de referencia para afondar na figura dun galeguista universalista que puxo os cimentos dunha posible política internacional para o nacionalismo galego.
1 comentario:
Por se alguén non o sabe, o castelo de San Carlos, en Fisterra, foi doado por Plácido Castro á confraría de mariñeiros desta vila con tal que as autoridades franquistas non o expropiasen. Un xesto máis de xenerosidade deste grande home nado en Corcubión.
Publicar un comentario