15 ene 2007













PERSPECTIVAS NUN ANO QUE COMEZA
(La Región 13 xaneiro)

Bush insiste. Bush insiste na via militar na guerra de Iraq. Xa ten en contra dos seus planes militares ós demócratas e ó 61 por cento dos estadounidenses. E a Europa e ó resto do mundo. É unha fuga cara adiante: sería moi parvo o presidente norteamericano se pensa que se pode resolver o lío de Iraq mandando uns milleiros máis de soldadiños a morrer en Oriente Próximo. Nin sequera atende ás recomendacións dalgúns dos seus asesores militares e civís, que piden tender pontes con Irán e Siria e buscar outras vías para resolver esa crise que xa é un dos grandes fracasos do presidente. En Managua toma posesión como presidente o sandinista Daniel Ortega que coñece por propia experiencia o militarismo USA: ó seu carón e con el erguen o puño Evo Morales e Hugo Chávez. Ós Estados Unidos médranlle os ananos; concentrados en Oriente Próximo, ven como no sur do continente xorden cada día novas alternativas antiimperialistas, moitas cun marcado populismo. Europa semella, mentres tanto, seguir ensimesmada no seu propio benestar: en marzo vanse conmemorar os 50 anos da creación da Comunidade Económica Europea sen que a Europa de hoxe, de 27 estados (eran só 6 os fundadores), teña nada claro o seu futuro. Os europeos vivimos nun espazo privilexiado no mundo: no terreo social e económico, no político e no cultural. E algúns cremos que Europa debería asentar o seu liderato cun maior protagonismo no deseño das estratexias para as grandes crises do mundo. Entre outras cousas, porque os Estados Unidos non teñen xa fórmulas para arranxar case nada en ningures.
A perda da credibilidade de ETA. No contexto español a nova dominante foi o atentado de ETA en Barajas. Isto anulou todas as outras frontes informativas: a conferencia de Presidentes, as reformas estatutarias, etc. Por desgraza, confirmáronse os peores augurios: a mediados de decembro, Txema Montero, que condena, pero coñece ben o mundo de ETA, anunciaba a irreversibilidade dun atentado cara finais de ano: en Euskadi dábase por feito. Non tiña o goberno central esa información e pecou de inxenuidade ó manifestar o seu optimismo o presidente Zapatero? Por desgraza tamén, o novo atentado devolveu o esperpento á vida política: só ETA ten a culpa da ruptura da tregua. Ninguén máis. Por fortuna a cidadanía manifestouse masivamente o pasado sábado, sobre todo en Madrid e en Bilbao, con unidade e contundencia: a ausencia do Partido Popular nesas marchas, despois de poñer condicións que logo non quixo aceptar, ocupará un capítulo de honra na historia dos disparates da política española. Pero non está o tempo para sainetes. Patxi Zabaleta, dirixente de Aralar (formación escindida de HB e que condena a violencia) dicíao moi claro nestes días: ETA perdeu toda a súa credibilidade política. Non pode pretender agora que non pasou nada. Cando volva o diálogo, xa non bastará cunha tregua: daquela será preciso un cese definitivo e incondicional da violencia terrorista, sen contrasprestacións políticas. ETA segue a pecharse todas as portas: a linguaxe do fanatismo non é doada de entender na racionalidade que manexamos o resto dos seres humanos
(Na imaxe, “Odalisca”, de Boucher, século XVIII).

9 comentarios:

Anónimo dijo...

No fanatismo non hay linguaxe propiamente dito, hai unha certa articulación tautolóxica enunciabel. A linguaxe, presupón unha pragmática: a vontade de comuninicarse.
Non coincido na apreciación que fai vostede de ETA. O Goberno aguilloado pola España reaccionaria non se moveu.
A única saída que lle deixaban a ETA era a rendición, e esto non ocurriu. Quen pretende a rendición do outro non ten vontade de comunicarse, se non de retroalimentar o propio discurso. Son dos que pensan que para a resolución deste conflicto as partes teñen que recoñecer as lexitimas pretensións politicas do outro e por os medios para que a resolución sexa democratica, é dicer mediante unha consulta popular para que decidan as maiorias.
A realidade é que en E.H. non hai liberdade de asociación ni de reunión, nin de expresión.
A realidade é que se fan leis a medida para a venganza, por moito que as adornen de retórica de estado de dereito. Estado de dereito que tería que orientarse cara os ideais de xustiza reflexados nas cartas de dereitos humanos. Hai leis inxustas, e a todas luces como a lei de partidos, hai condenas escandalosas como a que condenou a De Juana, procesos masivos que se levan na sombra da democracia...
Eu son dos que non recoñece unha soa parte, senón duas, que non aprobo os metodos violentos e autoritarios de ningunha das partes. Procuro non caer na demagoxia facil, nin na retórica oca do estado de dereito, porque do que se trata é dun estado de dereito concreto que deixa moito que desexar.
Hai que sustituir as expresión de violencia pola negociación politica, paréceme o único camiño.
O "resto", ese concepto tan xudaico do "resto" non é senón calculo para arteramente acabar co outro e lucir o trofeo.
Jimy de Rairo

Anónimo dijo...

Totalmente de acordo contigo, Marcos; poderase dicir doutra maneira pero díficilmente non máis clara.
Unha aperta.

Anónimo dijo...

Tes toda a razón do mundo e máis vendo esa moza belida da ilustración que é toda transparencia. Mamma mia.

Anónimo dijo...

Non deixa de ser curioso que no mesmo artigo fale da ETA e da administración Bush. Non teñen nada que ver porén comparten un absoluto descoñecemento do mundo e un empeño inútil de procurar os seus obxectivos polo recurso da violencia, as dúas fan moito dano aínda que a magnitude do dano que causa unha non é comparábel coa da outra.
Para o comentario anterior do señor “usuario anónimo” que fala do que debe significar o “estado de dereito” ven moi acaída a intervención de hoxe pola tarde do portavoz do PNV no debate no Congreso sobre terrorismo. No mesmo facía unha diferencia entre estado de dereito e legalidade. Argumentaba, con razón, que o franquismo tiña unha legalidade mais non era un estado de dereito. Eu tamén creo que no aznarato iniciouse unha deriva política, xudicial e lexislativa que nos afastou do que debe ser un estado de dereito, con independencia de que xa a Constitución española non da resposta ás arelas de soberanía dos nacionalismos. Eu tampouco concordo coa lei de partidos. Hoxe que saíu no debate do Congreso o caso irlandés, cabe lembrar que o Sinn Fein nunha foi ilegalizado. Coincido moito coas análises que sobre este tema ten feito nos seus artigos de “La Voz de Galicia” Xosé Luís Barreiro; unha das conclusións que tira é que o goberno de Zapatero, o PSOE, está preso no discurso do PP por non ter rachado co acordo antiterrorista que asinara co PP.
Con todo, e malia a bomba do pasodo día 30, son optimista a medio prazo.

Anónimo dijo...

Moi bo o teu, Jimy de Rairo, moi bo. Primeiro largas o rollo sobre unha pragmática dialóxica, para logo impugnar totalmente o Estado de Dereito e "comprender" á parte que comete asasinatos. Moito che doe o de De Juana Chaos, pero non vexo que che doan ningún dos máis de mil mortos por ETA, porque só mencionas os "erros" dunha das partes, non os da outra. Esta forma de cargar as tintas dunha banda e quedar na penumbra a outra, é un discurso ben coñecido, que de dialóxico non ten nada.
Con todo, quero compartir o mesmo optimismo que Amigo.

Anónimo dijo...

Nada mais lonxe da miña intención que impugnar o Estado de Dereito. Só saliento que o Sistema Xuridico Español, que teoricamente se orienta no ideal do Estado de Dereito, ten serias crebas democraticas, como o que figura na súa Carta Magna no título VIII. Ten serías crebas nas súas sentenzas, e tennas na aplicación do dereito.
EU amigo Arzallus, non me sinto español, así que comprenda que non mire con simpatía un sistema xuridico que recolle a súa lexitimidade dun parlamento que ten por referente un Pueblo Español. Eu votei non a constitución , e sabendo porqué era ese non, e a pesares de que moitos dos que me acompañaron no voto cambiaran, eu non o fixen, sigo pensando igual.
Non quero xustificar ningún asesinato, porque penso que non hai modo de xustificalo eticamente. O outro nunca pode ser un instrumento, e menos para anulalo. Os mortos señor Arzallus, non creo que lle doan a Zp, ou a Rajoy mais que a min.
E erros hainos evidentemente por ambas partes, e moi graves.
Ao mellor vostede non é consciente das súas simpatías, e pensa ser obxectivo. Eu ao menos son consciente das miñas, e non están con España. Rexeito a violencia, e prefiro un estado onde todos teñamos un lugar, vamos, que me parece o mellor deixar a porta aberta, o dereito, de autodetermnación, o dereito á secesión, como pronunciamento democrático da vontade popular maioritaria dos implicados directamente no proceso. De Juana dóeme , como me doe unha inxusticia tan clara e iluminada. A venganza maquíllase con retórica do estado de dereito e aplícase toda a violencia cruel do estado.
De Juana cumpriu coa xustiza española, pero non chega, ao parecer. Ten que purgar unha pena, que non é lexítima pero sí legal, a que emana dunha lei inxusta e da súa aplicación espúrea.
En fin disinto...democraticamente, porque ,amigo ,Arzallus, España non é o meu estado de dereito ideal, eo facticamente, e contra certos feitos eu rebélome, pacíficamente, coa miña opinión.
Un saudo
Jimy de Rairo

Anónimo dijo...

Comprendo e respecto que non se sinta “español”, señor Jimy de Rairo. Eu, ás veces, tamén teño as miñas dúbidas. Agora ben, hai un problema irresoluble. En todas as enquisas sobre o sentimento de pertenza dos galegos, a autoubicación de “só galego” é moi minoritaria, non chega nin ao 10%. Polo tanto, é doadamente inferible que sería unha cifra semellante a que votaría a favor da secesión. Isto é, unha ínfima minoría. É máis, eu sospeito que unha boa parte de galegos preferiría unha autonomía moito máis descafeinada que a actual.
Daquela, cal sería en Galicia o resultado do exercicio do “dereito” que vostede define como “de autodetermnación, o dereito á secesión, como pronunciamento democrático da vontade popular maioritaria dos implicados directamente no proceso”? Pois penso que o pronunciamento democrático da vontade popular maioritaria sería abrumadoramente negativo para os que, como vostede, propugnar a secesión. É comprensible que un Estado non ande, día si e día tamén, convocando referendos de autodeterminación para dar gusto a unha ínfima minoría. Pode gustar ou non, pero así son as cousas. Convocalo no País Basco? Si, eu faríao para despexar dúbidas. Pero antes terían que desparacer para sempre a coacción e o asasinato.

Anónimo dijo...

Señor Arzallus, son consciente do peso da miña opinión na sociedade galega. É infimamente minoritaria, pero é unha opinión, formada e ilustrada, que atende aos valores expresados nas cartas de dereitos humanos e que ten a súa pretensión de validez politica, como calquera outra opinión, por minoritaria que sexa. As minorias, deben ser respetadas e protexidas nas democracias, para que a mesma democracia perviva. Se se aplastan polas maiorias, a democracia resíntese. Tan importante como acadar consensos, e o dereito ao disenso. Pero se ese respeto das maiorias respecto das minorias comunmente o aceptan sempre que esas minorias non pasen a acción politica, cando estas se pronuncian e momentos criticas ou difunden a súa opinión, a reacción acostuma a ser a censura mais ou menos encubertos polo xogo das maiorias.
A miña opinón pode resultar exotica a maior parte do ano, pero en momentos de crise como o que vivimos, resulta molesta, e comprenderá vostede que por molesta que resulte eu non vou renunciar a publicitala, é mais, páréceme que cumplo como meu deber democrático ao expoñela.
EN galicia convocarase un referendum de autodeterminación, cando a opinión autodeterminista sexa quen de facerse recoñecer polo resto da sociedade. Eu poño o meu grao de area, hoxe, para maña, por irreal que a outros lle pareza. E non hai que ter medo as consultas, o que hai é que ter é medo democratico, ao furto das consultas. Derróchase tempo, esforzo e diñeiro en banalidades sen fin...
E mais nada, o meu ao fin é a estética, pero non eludo o deber, un deber libremente asumido dende a propria autonomia, como automandan os santos cánones.
Un saudo
Jimy de Rairo

Anónimo dijo...

Son o primeiro en apoiar o total respecto ás minorías e o dereito ao disenso, sempre que ese respecto e ese disenso sexa estritamente democrático e pacífico. Pero iso non quere dicir que se haxa que someter necesariamente sempre aos seus ditados ou aos seus caprichos. Polo demais, adiante coa súa alternativa.