14 ene 2007



195o: Nace Galaxia, morre Castelao.

O 25 de xullo de 1950 constituíase en Santiago a Editorial Galaxia, dando cabo así a unha serie de xestións encamiñadas bastantes meses antes. Xuntábase todo o galeguismo resistente, convencido de vivir unha situación histórica que impedía a acción política na clandestinidade, e tomaba a decisión de afortalar unha especie de fronte cultural que serviría para formar as novas xeracións no amor a Galicia e á súa cultura: “Sementar nas novas xeracións a idea e os valores de Galicia, que se estaban perdendo”, en palabras de Ramón Piñeiro. Foi Piñeiro, procedente das Mocidades Galeguistas, a figura clave deste período e ó seu carón estaban outros antigos nomes das Mocedades como Francisco Fernández del Riego, Ramiro Isla Couto, Carballo Calero ou Ferro Couselo. Pero tamén os nomes históricos do galeguismo “dos maiores” como Gómez Román e Otero Pedrayo, ademais de Álvarez Blázquez, Domingo García Sabell, Agustín Sixto Seco, Fermín Penzol ou Antonio Fernández. O panorama editorial galego só recollía nese momento como iniciativas regulares a colección Benito Soto e Bibliófilos Galegos (fundados en 1949). No mesmo ano 50 nace tamén a Editorial Monterrey, da man de Xosé María Álvarez Blázquez e Luís Viñas Cortegoso. Calquera lector pode achegarse ós libros de memorias de don Paco del Riego ou ós epistolarios de Ramón Piñeiro para saber o que significou Galaxia na reanimación cultural do país. Entre outras cousas, 1950 foi un ano extraordinario na produción literaria, sobre todo na poesía, aínda que Galaxia non sacará o seu primeiro libro ata 1951. Ó longo do ano 50 apareceron títulos tan relevantes como Dona do corpo delgado, de Álvaro Cunqueiro (que xa andaba a escribir o seu Merlín); Anxo de terra, de Ricardo Carballo Calero; Cantigas da noite moza, de Augusto Casas; Triscos, de Luís Pimentel, todos eles na excepcional colección pontevedresa Benito Soto, onde tamén saíron nese ano o primeiro poemario de Manuel María, Muiñeiro de brétemas, co que o poeta da Terra Cha se presentaba como o primeiro “poeta novo” da posguerra; Gárgolas, de Tomás Barros; Cantos de Cotovía, de Eliseo Alonso Rodríguez, e El Dios de los precipicios, de José Ruibal, estes tres últimos en castelán. (...)

(...)É tamén 1950 o ano da morte en Buenos Aires de Castelao, feito que conmocionou a toda a colectividade cultural galega (véxase ó respecto ó recente volume Laio polo irmán ausente, preparado por Alonso Montero) e que na prensa, sometida a normas estritas de censura, foi case silenciado e ocultado: só o “Suplemento del Sábado” de La Noche publicou, na súa portada, un artigo extenso de Valentín Paz Andrade titulado Castelao, el hombre y el artista (14 xaneiro). A finais dese mes tiña que pechar este histórico suplemento cultural cando chegaba só ó seu número 15 (que, mal numerado, era o 16): a censura non soportou as loubanzas a un político exiliado como Castelao e decretou “por oficio de la Superioridad” o peche do suplemento. No mesmo ano morría en París o histórico dirixente republicano coruñés Santiago Casares Quiroga, o político de orixe galega con maior protagonismo nese período, tamén perseguido con saña polo franquismo: velaí a novela Os libros arden mal, de M. Rivas.

Cen anos de Historia Cultural: velaquí o artigo completo)


14 comentarios:

Anónimo dijo...

Pódesme pasar o teu correo-e? quixera enviarche un

Anónimo dijo...

Na novela de Rivas hai un implícito reproche á propia esquerda, aínda que moi silencioso, que rexeitou e deixou tirado a Casares. Aínda hoxe falta a homenaxe. Como para tantos liberais anticomunistas que aínda pasan peaxe por ser tan teimudos contra o totalitarismo.

Marcos Valcárcel López dijo...

Para Pedraguda? ou Peaguda?

O meu correo está na ficha (Profile) pero velai vai:
marvalcarcel@edu.xunta.es

Anónimo dijo...

Non hai que confundir a ficción coa historia, son campos completamente distintos, ainda que as veces a ficción, cando é mala tire da historia.
Para a ficción a historia é o mais doado.
Pero a historia non debe perdoar o oportunismo da ficción, esta ten os seus proprios retos.
Pode si, recrearse lúdicamente, pero recrear non é crear.
Jimy de Rairo

Anónimo dijo...

Unha precisión ao apuntado por Marcos Valcárcel. Non todos os galeguistas por volta de 1950 se integran en Galaxia, e mesmo algúns dos que entran de primeiras deciden quedar nun segundo plano. Neste contexto, hai que recordar a correspondencia entre Carlos Maside e Luis Seoane de entón. Seoane quéixase de que "Fardel de exiliado" non a van a entender persoas conformistas e "neo-saudosistas". Pola súa banda, Maside vía que o traballo de Galaxia non entroncaba co pobo.

Anónimo dijo...

Home, o de Maside sería unha boutade, non? Porque acusalos daquela (anos cincuenta) de non entroncar co pobo, semella un dislate considerable.

Anónimo dijo...

Maside e Luis Seoane eran comunistas, pouco tiñan que facer en Galaxia. O galeguismo dereitizouse no interior e non rexurdiría pola esquerda ata Castrelo de Miño.
O galeguismo de Galaxia seguiu guieiros espirituais, saudosistas, existenciais, e desembocou politicamente no PSOE. Ehí rematou todo o seu potencial. Dende entón precisa dunha reorientación.
Jimy de Rairo

Anónimo dijo...

Pódese dicir máis longo, pero non máis claro, Jimy de Rairo. Concordo con você.

Anónimo dijo...

Home que o galeguismo "dereitizouse" e acabou no PSOE... En fin, é moito dicir: ¡Como se os exiliados do Partido Galeguista fosen máis de esquerdas que o PSOE! Paréceme que hai unha certa confusión. Maside foi ata a súa morte un colaborador asiduo e leal de Galaxia e un gran amigo de Piñeiro, García Sabell e Del Riego. Seoane, pola súa banda, nunca foi militante do Partido Galeguista nin era nacionalista, senón un comunista galeguista.

Marcos Valcárcel López dijo...

A traxectoria de Seoane está ben estudada no libro que lle dedicou hai anos Alonso Montero e constan ben claramente as súas diferencias con Castelao e co galeguismo como aparato.

Anónimo dijo...

Para o meu gusto, o mellor libro de Alonso Montero, por certo: "As palabras no exilio"

Anónimo dijo...

Si, con moita diferenza, é o mellor libro de Alonso Montero.
Non é por criticar, pero unha boa parte da súa obra está feita con recompilacións de materiais doutros escritores, e así é moi doado facer un libro e outro e outro.

Anónimo dijo...

Alonso Montero é un investigador. Todo investigador tén que "in-vestigar" (é dicir,"seguir o vestixio") dos que lle precederon. Pero se anónimo político-cultural se fixa ben, verá que Alonso Montero, ademais de seguir o vestixio da historia e dos historiadores, tamén interpreta os feitos e nos mostra a súa opinión sobre moitísimas materias. Creo eu.

Anónimo dijo...

Xa dixen que non quero falar mal, pero bastantes cousas que lle leo deixanme insatisfeito e considero que podía profundar moito máis nelas. Capacidade e tempo non lle deben faltar.