14 feb 2007


Fantasía de poetas, de Víctor Freixanes
("Vento nas velas", La Voz de Galicia, 13-2-07, sobre Cunqueiro e a gastronomía. Imaxe de F.Picabia)

Nunha reunión de especialistas en turismo e gastronomía celebrada hai poucas semanas en Madrid, un dos presentes cita a Cunqueiro para exemplificar o que aquí máis dunha vez temos denominado valor engadido da cultura. A cociña e a hostalería gastronómica galegas débenllo todo a don Álvaro, e un pouco a Xosé María Castroviejo, segundo a opinión do poñente, se acaso con algunha conexión catalá (Néstor Luján) e pouco máis. E cita un exemplo: ¿que demanda tiña o rodaballo nos restaurantes hai trinta ou corenta anos? ¡O rodaballo é un invento de Cunqueiro, que polos anos 60 empezou a identificalo co apelativo fantástico de «o faisán do mar»! Non sei se tales afirmacións poden ser defendidas con tanto atrevemento. En calquera caso, sempre pensei que o primeiro ser humano que comeu unha centola era un desesperado. O resto fixérono os poetas. Escoiteille, efectivamente, a don Álvaro falar do zanco dereito da pita do monte, máis sabedeiro e rendible ca o zanco esquerdo. ¿Por que? Porque a tal ave, en chegado o tempo de namorar, apóiase para emitir o seu canto nese zanco, non no outro, que dese xeito medra máis rexo e mellor osixenado. O prezo do zanco dereito no prato é, xa que logo, dobre ou triplo ca o prezo do zanco esquerdo. Hai máis. Segundo o autor do Merlín , o mellor viño do Ribeiro bebíase nas tascas de Compostela porque as badaladas nocturnas da Berenguela remexían os vellos caldos nas pipas, o que provocaba neles unha segunda e prodixiosa fermentación que os facía exquisitos, irrepetibles. Fina Casalderrei andou medio mundo detrás dunha empanada de papuxas, disque tradicional en Mondoñedo, que Cunqueiro documentaba no sur de Francia, entre invencións e erudicións varias. ¿E que dicir do famosísimo «chuletón de Moaña»? Os restaurantes de Madrid ofréceno a prezo de tarxeta Ouro. Segundo Cunqueiro, o segredo está no primeiro raiolar do sol, cando o nacente bate naquelas caeiras do Morrazo e aloumiña o orballo da mañá. Non hai mellor carne, nin máis luminosa nin máis agradecida ca das xovencas de Moaña (non Moraña), aínda que en Moaña non haxa nin houbese nunca produción de xovencas, nin xatos, nin novelas, nin vitelas, nin vacas novas ou vellas para tales mesteres, e si moi bo camarón, excelente ameixa e estupendos salmonetes. Non pense o lector que estou a descualificar nada. Todo o contrario. A ollada do poeta alumea o común do mundo e convérteo en extraordinario, o que equivale a dicir, en termos de mercado, en máis apetecible, máis singular (con identidade), máis cotizado e máis valorado. ¡Poñamos a traballar aos poetas! Un albariño (outro invento mediático de Cunqueiro) é un viño branco, mellor ou peor comercializado. Se lle poñemos detrás o Camiño de Santiago, a luz de Occidente, a paisaxe das rías, as cantigas de Martín Codax e o románico, os ollos dunha rapaza nova e un país moderno, transfórmase nun activo económico, nun universo autónomo.

5 comentarios:

Anónimo dijo...

A empanada de papuxas sei seguro que se comía en Monforte. A mágoa é que dubido que hoxe queden suficientes desas aves migratorias como para comelas en empanada.
Sería bo preguntarlle a don Paco F. del Riego que estudou nos Escolapios desa vila se había nos anos vinte do pasado século empanadas de papuxas en Monforte.

Anónimo dijo...

Da xata de Moaña a min faloume, ha de haber vinte anos, un coñecido meu daquel concello, freguesía de Abelendo; dicía que eran becerriñas moi novas, penso que de leite, e carne moi tenriña. Non creo que o inventase este meu Antón.

Da empanada de papuxa, en Monforte, polo menos hai algúns anos non quedaba nin os restos. De novo non quero fiar totalmente na memoria, pero teño coma un lostreguiño de que foi o propio Manuel María quen mo dixera.

Falta, en efecto, que recollese o herdo gastropoético de Cunqueiro. Xa non sei, tan sequera, como anda a calidade do herdo gastronómico.

Anónimo dijo...

Entón habería que levar aos poetas a traballar nunha empresa de marketing.

Anónimo dijo...

Son máis ben as empresas de marketing as que tiñan que poñerse a ver o que escriben os poetas e, así, pillar para os seus produtos "valor engadido". Iso é o que deduzo deste bo artigo de Freixanes, un dos mellores que lle lin nos últimos anos.

Anónimo dijo...

Cunqueiro falaba tamén dun viño que refrescaba aos peregríns. No verán ese viño agradecíase baixo a raxeira e facía as delicias da nobleza que buscaba o perdón coas fatigas do camiño. O viño gardábase baixo chave nalgunhas pousadas, e so se serbía cando o peregrín debidamente acreditado presentaba o escrito expedido por unha orde catalana. Contan que mais dun peregrin dado por morto volveu a vida, co forte arrecendo do viño, tamén se dí que tiña a facultade de facilitar desexos, e foi por esto polo que as cepas foron arrincadas, porque víase moito peregrín bébedo polo camiño e daba mal exemplo. Durante longo tempo, as cepas foron cultivadas en segredo, e a vendima facíase na mais rigurosa clandestinidade. Foi coa filosera cando se temeu a súa definitiva extinción, pero o pe da cepa retornou de america e dende entón cultivase xa publicamente nunha comarca da Galiza, con auténtica devoción e hai unha sorte de cofradía de tintes masónicos que conserva os ritos e unha vez ao ano reúnese no cabo do mundo, durante a lúa chea para escanciar o viño. Dise na comarca que se escoitan voces fermosas de doncelas, é que aparece un xinete branco cunha copa do viño na man e que deseguido a música inundao todo, a música o baile e a canción como se aparecese o mesmo Baco co seu cortello para afirmar que a esencia do viño grego é esa, a uva mourada, a base da ambrosía, a pista do hidromel, a bebida da felicidade. Cunqueiro so unha vez bebeu dese viño, unha sóa vez, porque logo de entoarlle as gavanzas, quedou na cama do anfitrión durante novececentos días purgando as encimas e dise tamén que algunha culpa e moitos, moitísimos, excesivos desexos.
Jimy de Rairo