Mostrando las entradas con la etiqueta Freixanes. Mostrar todas las entradas
Mostrando las entradas con la etiqueta Freixanes. Mostrar todas las entradas

21 jun 2009


O pan de cada día
Víctor F. Freixanes
La Voz de Galicia, 21/6/2009
(Tractorada.Foto R.Escudero.Galicia Hoxe)


A lingua galega tamén está no conflito do leite. E nas estadas da construción naval. E nas cadeas da automoción e as industrias auxiliares. E nas traballadoras de Caramelo. E nas pequenas e medianas empresas de transformación. E nos transportistas que moven o peixe do Berbés ou do Muro cara aos grandes mercados de Madrid e Barcelona. E nos caladoiros de Boston ou de Namibia. E nas familias que teñen un fillo ou unha filla que acabou na universidade e anda a petar nas portas do país para atopar traballo porque non quere marchar fóra. E nas parellas novas que non dan asentada a relación porque viven de bolseiros, pelexando cada ano pola renovación de contratos precarios. E nas contratas da construción. E nas pagas dos xubilados? A lingua (tamén) está neles, vive neles, existe porque existen eles: os homes e as mulleres do común, o país, en definitiva.
O vello señor Manuel, que ten unha explotación de quince vacas en Lousame, está desesperado. O xenro anda estes días co tractor polo mundo adiante. Non apañando herba para as cortes, senón atrancando o tráfico nas cidades, porque o sistema (a economía familiar, coa que manteñen a esperanza dos fillos) seica se lles vén abaixo. «¿Non son estes os problemas do país?», espetoume o outro día, non sen certo reproche na mirada. «¿Quen vai pagar os créditos cando veñan petar os bancos na porta?».
O vello señor Manuel non entende esta lideira do galego. «¿A quen lle estorba o galego?», exclama. ¿A quen lle estorba? E engade cun chispazo de intelixencia nos ollos, quizais tamén de malicia, ou de antiga sabedoría: «¿Non será todo un enredo para que non nos preocupemos realmente polo que nos está pasando?».
O que nos está pasando, a xuízo do señor Manuel, é que o país se nos está indo das mans e non hai ninguén que terme da escorrentía. «Ou sacamos adiante a casa, a economía, o pan diario das familias, ou cerramos. Todo o demais son andrómenas, cortinas de fume. Iso é o que teñen que ver os políticos. Para iso lles pagamos». Está ben isto da lingua, memoria dos avós, valor de cultura e identidade que queremos que continúen os fillos. Pero se o país se desfai, se a economía estanca, se a casa se baleira porque hai que volver marchar polo mundo adiante, todo o resto é fantasía. A lingua está tamén no conflito do leite (que é a desfeita da nosa economía rural, necesitada de modelos e de recursos para modernizarse). E nas estadas dos estaleiros. E nos caladoiros onde faenan os nosos barcos? Hai anos que llo veño escoitando a Díaz Pardo, vello capitán: sen economía non hai cultura; sen un país estable e seguro do seu, con horizonte de futuro, con oportunidades para que os fillos o continúen e traballen, nin hai lingua nin hai identidade. A cultura (e o idioma) hai que entendelo así, parte dun todo que ou se sostén ou esmorece, tal que un sistema de vasos comunicantes.

4 mar 2008

Víctor F. Freixanes: “O periodista ten que saír do despachiño” (entrevista de Rosa Rguez. en GH 4 marzo)

Entrevista completa

Hoxe en día pódese aplicar a máxima de que non é xornalista o que busca as novas senón o que as selecciona?
En parte si. Pero tamén penso que o xornalista ten que saír do despachiño. Hai demasiados xornalistas de despacho, xente que fala de oí- das ou que se dedica a reproducir as novas de axencias sen que ninguén se pare a comprobar que o que di esa fonte é certo e as fontes tamén manipulan ou o intentan. Por outra banda tamén digo que nesta sociedade da información hai tal bombardeo de datos que se precisa un equipo de persoas cualificadas que ordenen as novas ó servizo da audiencia é o que lle dá sentido, hoxe máis que nunca ó xornalismo.

Precisamente agora que estamos en eleccións. Que papel xoga o xornalista?
Dun tempo a esta parte o xornalismo cae na anécdota e eu penso que deberiamos usar máis as hemerotecas para ver en que medida responden a realidade. Os políticos menten ou manipulan a realidade para levar a auga á súa sardiña. Por exemplo cando nun debate falan de cifras contradictorias como se falaren de realidades distintas, o xornalista ten que facer uso da hemeroteca e recordarlle ó cidadán o que o político dixo antes. Hai que facer máis seguimento das novas e menos anécdotas e efectos especiais.

8 feb 2008

Don Manuel Díaz e Díaz
Varios contertulios, Arume, XMG, Apicultor, citaron a Manuel Díaz nestes días. A miña única relación con el foi facer un traballo sobre o Cristianismo en Galicia usando os seus estudos, ben rigorosos. Lembrarémolo con este artigo de Anxo Tarrío en GH o pasado mércores

Extinguiuse a vida de don Manuel Cecilio Díaz y Díaz. A Universidade de Santiago e os Estudos Clásicos perden un valor difícil de substituír. Todos perdemos algo. Por moi diferentes razóns, en varias ocasións tocoume en sorte estar preto del, e dalgunhas quedoume unha lembranza e unhas imaxes indelébeis. Foi a primeira en xaneiro de 1968, estudante eu de primeiro curso de Filosofía e Letras. O escenario: paraninfo da que hoxe é Facultade de Xeografía e Historia. O motivo viña dado pola derradeira lección de don Abelardo Moralejo Lasso, que se xubilaba naquel entón e a cuxas clases lograra eu asistir durante o primeiro trimestre do curso 1967-68. O encargado da laudatio fora don Manuel, que me deixou apampado pronunciando dende o estrado un discurso de viva voz en latín, sen ler!!! Non entendín nada, naturalmente, pero aquela voz rotunda que el tiña levoume cara aos escenarios romanos onde eu imaxinaba Ciceron estrondante dirixíndose ao Senado e a un Catilina algo engurrado que seica abusara da paciencia de todos. Foi unha experiencia que deixou marcado dun xeito intuitivo en min o significado diso que moitos anos despois chamariamos excelencia académica ou universitaria.
(artigo completo)

Actualización 9 febreiro. Víctor Freixanes no seu "Vento nas velas" rememora tamén a figura do vello latinista (tamén María do Carme Enríquez Salido noutro artigo xa colgado no fío de comentarios). Do artigo de Freixanes:

Non deixa de ser curioso, e emocionante, que a nosa literatura fundacional teña dous referentes femininos. En latín, Exeria, «que non era monxa, como algunha xente di, senón unha muller culta, produto da súa época», en palabras de don Manuel. En galego, Rosalía de Castro, iniciadora do noso Rexurdimento no século XIX.
A Manuel Díaz debemos moitas destas descubertas, con proxección internacional, pois foi unha das autoridades na materia, recoñecido en todas as universidades europeas. E sobre todo, debémoslle que os seus discípulos, formados na escola compostelá, orientasen os seus traballos de pescuda e investigación cara a estes mundos pouco coñecidos: a existencia desa riquísima tradición do latín medieval e da primeira cristianización. Martiño de Dumio, fundador de mosteiros, arcebispo de Braga, autor de De correctione rusticorum , documento fundamental para saber dos costumes e das crenzas daquela Gallaecia semirromanizada. Prisciliano, executado en Tréveris (385). Paulo Orosio, discípulo de Agostiño de Hipona, traducido ao anglosaxón e mesmo ao árabe, contra o século X, por encargo de Abderramán III, califa de Córdoba. Hidacio de Chaves, que declara nos seus escritos «ser da provincia da Gallaecia», cronista dos reis suevos. A literatura toda do Calixtino, esoutro mundo marabilloso, que chega ata nós a través da néboa do tempo... Loubor ao vello mestre, que se nos foi. Mais que fica connosco para sempre.

12 ene 2008


en poleiro alleo
Imaxe de Peter Zokovsky

Da situación económica: "As gaseosas do Pereira", de V. Freixanes (LVG 12 xaneiro)

Do tábaco: "Nicotinómanos compulsivos" (A. Monxardín, LR. 12 xan.)

E confirmouse o que xa se dixo aquí, hai bastantes semanas, sobre a demisión de Francisco X. Fernández Naval. Cultura busca agora un novo Subdirector Xeral.
Nalgúns sectores dábase por seguro o nomeamento do poeta Cesáreo Sánchez Iglesias, pero, segundo informa Galicia Hoxe, seica non quere.

22 dic 2007

en poleiro alleo

Víctor Freixanes reflexiona sobre os encontros e desencontros (familiares) destas datas. Afonso Monxardín lévalle a contra ós críticos do negocio das peles. E A. Piñeiro incide no tema das celebracións do centenario do Himno Galego, nun artigo que pode dialogar moi ben co noso "Pan" de hoxe.

Noites difíciles, de Víctor Freixanes (LVG)

Abrigos de peles, de Afonso Monxardín (La Región)

Qué dirían os rumorosos, de Antonio Piñeiro (La Región)

12 nov 2007


en poleiro alleo
"Luces da estatística", de Víctor Freixanes (LVG 12 nov.). Sobre os consumos culturais dos galegos e as prioridades dunha política cultural.
A conselleira Ánxela Bugallo ten razón cando di que hai moito camiño por andar. Mais tamén debemos ser xustos con nós mesmos e saber de onde viñamos, dende que lugar partimos para superar o atraso. Os índices medios de lectura en Galicia andan arredor do 52% da poboación, que se considera lectora, segundo a Federación do Gremio de Editores de España. En Portugal, con metodoloxía e parámetros semellantes, a porcentaxe non chega ao 50% (Ac Nielsen). A media europea anda próxima ao 59%, segundo se contemple poboación maior de 10 anos ou de 14 anos.
O que nos debe preocupar e cómo e onde establecer prioridades para avanzar na mellora destes parámetros: dotación de bibliotecas, profesionais e fondos bibliotecarios (Vigo segue estando deixada de todas as Administracións); profundizar nas iniciativas de base (clubes de lectura), formación específica de animadores e educadores, apoio a iniciativas de risco, compromiso dos medios públicos de comunicación? A recente Lei do Libro e o Plan da Lectura deberían abrir portelos para a esperanza, se se concretan os recursos e se manteñen no tempo as actuacións.
(Recoméndolles tamén o artigo de Ramón Loureiro hoxe na Voz, sobre o cadro de Goya, Can enterrado na area. Non o encontro en Internet para poñer a ligazón)

30 jun 2007

En poleiro alleo

"Problemas de fondo", de Víctor Freixanes (LVG 30 xuño). Dende a imaxe das multitudes opositoras en Silleda, V. Freixanes reflexiona sobre o futuro da nosa mocidade e a emigración, sobre todo "intelectual", aínda non rematada.

"Unha máis", de X. L. Franco Grande (LVG 30 xuño). Franco Grande retruca duramente algunhas das opinións expostas por Ferrín nun seu artigo sobre Curros e sobre a valoración que o grupo Galaxia tiña do poeta ourensán.
E no suplemento cultural, non accesible dende a rede (creo), artigo de Alonso Montero sobre a recuperación dos poemas do mestre e pedagogo republicano ourensán Albino Núñez Domínguez, por parte de Harmonía Universal, nova editorial fundada polo seu neto o músico Carlos Núñez.

14 feb 2007


Fantasía de poetas, de Víctor Freixanes
("Vento nas velas", La Voz de Galicia, 13-2-07, sobre Cunqueiro e a gastronomía. Imaxe de F.Picabia)

Nunha reunión de especialistas en turismo e gastronomía celebrada hai poucas semanas en Madrid, un dos presentes cita a Cunqueiro para exemplificar o que aquí máis dunha vez temos denominado valor engadido da cultura. A cociña e a hostalería gastronómica galegas débenllo todo a don Álvaro, e un pouco a Xosé María Castroviejo, segundo a opinión do poñente, se acaso con algunha conexión catalá (Néstor Luján) e pouco máis. E cita un exemplo: ¿que demanda tiña o rodaballo nos restaurantes hai trinta ou corenta anos? ¡O rodaballo é un invento de Cunqueiro, que polos anos 60 empezou a identificalo co apelativo fantástico de «o faisán do mar»! Non sei se tales afirmacións poden ser defendidas con tanto atrevemento. En calquera caso, sempre pensei que o primeiro ser humano que comeu unha centola era un desesperado. O resto fixérono os poetas. Escoiteille, efectivamente, a don Álvaro falar do zanco dereito da pita do monte, máis sabedeiro e rendible ca o zanco esquerdo. ¿Por que? Porque a tal ave, en chegado o tempo de namorar, apóiase para emitir o seu canto nese zanco, non no outro, que dese xeito medra máis rexo e mellor osixenado. O prezo do zanco dereito no prato é, xa que logo, dobre ou triplo ca o prezo do zanco esquerdo. Hai máis. Segundo o autor do Merlín , o mellor viño do Ribeiro bebíase nas tascas de Compostela porque as badaladas nocturnas da Berenguela remexían os vellos caldos nas pipas, o que provocaba neles unha segunda e prodixiosa fermentación que os facía exquisitos, irrepetibles. Fina Casalderrei andou medio mundo detrás dunha empanada de papuxas, disque tradicional en Mondoñedo, que Cunqueiro documentaba no sur de Francia, entre invencións e erudicións varias. ¿E que dicir do famosísimo «chuletón de Moaña»? Os restaurantes de Madrid ofréceno a prezo de tarxeta Ouro. Segundo Cunqueiro, o segredo está no primeiro raiolar do sol, cando o nacente bate naquelas caeiras do Morrazo e aloumiña o orballo da mañá. Non hai mellor carne, nin máis luminosa nin máis agradecida ca das xovencas de Moaña (non Moraña), aínda que en Moaña non haxa nin houbese nunca produción de xovencas, nin xatos, nin novelas, nin vitelas, nin vacas novas ou vellas para tales mesteres, e si moi bo camarón, excelente ameixa e estupendos salmonetes. Non pense o lector que estou a descualificar nada. Todo o contrario. A ollada do poeta alumea o común do mundo e convérteo en extraordinario, o que equivale a dicir, en termos de mercado, en máis apetecible, máis singular (con identidade), máis cotizado e máis valorado. ¡Poñamos a traballar aos poetas! Un albariño (outro invento mediático de Cunqueiro) é un viño branco, mellor ou peor comercializado. Se lle poñemos detrás o Camiño de Santiago, a luz de Occidente, a paisaxe das rías, as cantigas de Martín Codax e o románico, os ollos dunha rapaza nova e un país moderno, transfórmase nun activo económico, nun universo autónomo.