13 feb 2007


Memoria de poeta, de Xosé María Álvarez Cáccamo


Por recomendación de varios contertulios desta solaina, estou a ler a Memoria de poeta, de Xosé María Álvarez Cáccamo, publicada hai uns meses por Galaxia. O que levo lido gustoume bastante. Supoño que o máis difícil nun texto destas características é encontrar o rexistro axeitado de voz: esa voz capaz de rachar o pudor (neste caso dun poeta de 57 anos, en plena madureza vital), pero que sexa quen tamén de fuxir do engolamento e da pedantería máis gratuíta. Creo que o Pepe Cáccamo o conseguiu bastante ben e é capaz de prender no lector, que segue con interese e certa empatía o seu percorrido vital. Habería moitas cousas que comentar: p.ex., ese desagradable primeiro encontro con Blanco Amor, cando o novelista aproveita para botarlle en cara a postura do seu pai no xurado que lle negou o premio a Xente ao lonxe. Debeu ser un momento ben difícil e inxusto EBA descargando sobre o fillo o que era unha lexítima opción estética de Xosé María Álvarez Blázquez. Por certo, non sabía que o autobiografiado dera clases no Instituto da Ponte nos cursos 77-78 e 78-79: dous anos antes estaba eu alí a facer o COU, con María do Carme Enríquez Salido como profesora, entre moitos outros.


Para os que aínda non a coñezan, deixo aquí unha brevísima cita desta Memoria de poeta, centrada nunha data clave da historia de España, cando o galeguismo se axuntaba en Rianxo para inaugurar un busto a Castelao:


No alborecer do día 27 de setembro de 1975 morreron fusilados dous militantes de ETA, Juan Paredes Manot, Txiqui e Ángel Otaegui, e tres do FRAP, Ramón García Sanz, José Luís Sánchez Bravo e o meu amigo Xosé Humberto Baena Alonso. O xuízo militar ao que foran sometidos non tivo nada que envexar aos procedementos ilegais utilizados polos golpistas do 36 para eliminar aos inimigos do réxime de Franco, defensores activos da República ou habitantes naturais daquela cultura democrática. O ditador botaban man, máis unha vez, ao recurso da pena de morte para manter firme e nas súas mans o sistema de terror que lle permitira conservar o poder absoluto durante corenta anos. O xeneral preagónico non quixo escoltar o berro universal da razón, as peticións de clemencia que chegaban de todos os recantos do mundo. A mediodía do 27, mentres asistiamos Maricarmen e eu á inauguración dun busto de Castelao erixido en Rianxol, non podía afastar de min o rostro mozo de Xosé Humberto Baena, os seus ollos claros e agudos, o seu entusiasmo de loitador. Entre os congregados no acto espallouse a proposta de adialo en sinal de protesta. Pero, finalmente, puido máis a inercia ritual ou a forza do medo. E alí ficou a cabeza de Daniel Alfonso Rodríguez Castelao a ollar desde o pasado da súa propia morte no exilio un horizonte de miseria política incalculábel, corenta anos que aquela ollada non conseguiu albiscar. Corenta anos afastan o asasinato de Bóveda do de Baena e foi a mesma man a que sinalou ambos obxectivos, a man de Franco.


E, se lles apetece conversar sobre este tema, gustaríame saber qué libros de memorias (da cultura galega e tamén da española e doutras) lles parecen os máis interesantes e auténticos entre os que teñan lido vostedes. A ver se hai coincidencias entre os contertulios...

20 comentarios:

Anónimo dijo...

Pois o libro de Marino Dónega ¨De min para vós. Unha lembranza epistolar¨(Galaxia).Un galeguista que non lle gustaba ir a Vigo posto que ¨Ali - dicialle a X.L. Franco Grande - hai uns galeguistas moi tristes, graves e transcendentes¨(A ilusión da esperanza (X.L. Franco Grande).Un home cun fino e fresco sentido do humor, cousa que se bota de menos nos galeguistas, etc.

Anónimo dijo...

Para mín, o libro de Cáccamo é magnífico. Lino nunha tarde e disfrutei moitísimo. Gustoume del o seguinte:
1. A súa visión do nacionalismo tras un periodo esquerdista próximo ao PC. E un aceno de frustración sobre o compromiso actual. Pero non quero desvelar máis. Eso sí: esquerdista antes que nacionalista.
2. A súa historia familiar, coa súa irmá, preferentemente. Moi emotiva.
3. As débedas cos que perseguiron ao seu pai. Están moi ben narradas as descobertas dos crimes.
4. Os anos de Santiago.
5. Os anos en Oviedo, tan tristes e tan principais.
Teño, como podedes ver, un gran recordo dese libro.
Sobre outros libros de memorias: creo que xa se dixo o "Pretérito imperfecto" de Castilla del Pino e "Travesías" de Jaime Salinas.

Anónimo dijo...

fálame todo o mundo moi ben de "As décadas de T.L.", de Lois Tobío, pero aínda non o lin. O de pepe Cáccamo lino, e coincido en boa medida co que di Arume dos piñeiros. Paréceme do mellorciño que se ten escrito neste rexistro na nosa literatura, se ben a segunda parte decae un pouco e se converte nun reconto de experiencias exteriores, de recitais e actuacións públicas, como se o intectual publico e "engagé" acabase por gañarlle a partida ao poeta. Pero, feita esta obxeción, sigo a consideralo un libro bo, como boa -do mellor- é a poesía de Cáccamo.
Tamén é un libro destacable "Os anos escuros", de Xosé Luís Franco Grande, a pesar da intemperancia avinagrada tan propia deste autor. De cando o lin, xa hai bastantes anos, gardo un moi grato recordo. Non permitín, porque non me deu a gana, que a segunda edición, ampliada con contraditorias e un pouco patéticas diatribas "post mortem" contra un Ramón Piñeiro case idolatrado na primeira, estragase aquel bo sabor de boca.
E en castelán, aínda que non son moi coñecidas, merecen moito a pena as memorias do poeta Ántonio Martínez Sarrión, publicadas por Alfaguara.
Pero seguramente, o "summum" da autobiografía española está escrita en lingua catalana. Refírome a dous obras. A primeira son as "Memorias" de Josep Maria de Sagarra que, a pesar dun inicio un tanto pesado, por familiar e xenalóxico, é unha mostra extraordinaria da intelixencia, da capacidade de observación e da gorentosa prosa deste magnífico e, entre nós, amplamente descoñecido escritor catalán, autor tamén da moi recomendable novela "Vida privada". A outra obra catalana da que falo é, por suposto, "El quadern gris", do imprescindible Josep Pla. Non é unha autobiografía, senón un diario. Pero, ¿pode haber algo máis autobiográfico que un diario?

Anónimo dijo...

Desculpas polo de "dous" obras. Ía poñer "libros" e quedou así, en vez de "dúas".

Anónimo dijo...

Non lin as de Cáccamo, pero seguirei o consello doutros contertulios á que poida. Canto a libros de memorias galegos, coincido en que Os anos escuros é un retrato de época e un caleidoscopio dificilmente igualábel. Tamén As décadas de T. L., dende logo, aínda que teñen partes un tanto pedantes. Eu particularmente gostei moito no seu día do Siñor Afranio, de Alonso Ríos. E na cultura española, certamente Casa del Olivo é un grande libro de memorias. Mais tamén recomendo o primeiro volume das memorias de Mario Onaindía. E doutras latitudes, non se perdan as do crítico literario polonés asentado na Alemaña Marcel Reich-Ranicki, publicadas en castelán por GAlaxia-Gutenberg como "Mi vida" hai tres anos ou así.

Anónimo dijo...

O libro de Cácamo é bo cando o tema lle permite facer prosa poética e malo cando utiliza a escrita para lucir a beleza da súa alma. Ten unha preciosa recreación do seu Vigo natal, nos anos 60: os olores do mar, os guateques, a casa de Coruxo, o Instituto. Non me gusta cando, na segunda parte, convirte o libro nun relatorio de nomes, citas e acontecementos, que semellan ser pretextos para que o lector saiba que el "estivo ahí". A tentación de construirse un Eu a medida é dificil de vencer. O libro de Castilla del Pino, "Casa del olivo", é, literariamente, tan bo como a primeira parte do libro de Cácamo, pero igual de impostado que a segunda. Dá a impresión de que toda a súa vida fose un fío casual coherente, na percura dunha imaxe pública como intelectual. Non hai unha vacilación, un segredo, unha saída de ton. Pode que Castilla fose así, pero eu dubídoo. A coherencia é unha virtude lóxica, pero un imposible existencial.

Anónimo dijo...

Chiño: se vostede leu con atención o segundo volume das memorias de Castilla del Pino, imaxino que sería capaz de detectar unha personalidade fría, desapaixonada e "autoreferencial". Desde logo, tiña unha relación moi curiosa coa súa familia e os seus fillos. Pasaba o día fuxindo deles. Si podemos dicir que hai un "segredo" nas súas memorias: o que ocorre é que se toca de pasada, como non querendo. O grande psicoanalista que tratou a moitos cordobeses no seu dispensario (algúns deles con recordos dramáticos da guerra) e que foi prolífico autor de innumerábeis libros con "casos" reais por el analizados, non foi capaz de educar os seus fillos e evitar as súas mortes, case todas en circunstancias penosas (drogodependencia). Mais o peor é que, polo que lemos, a cousa non ía con el...
Hai que preguntarse por que os galaxios non deixaron memorias, salvada unha excepción.
A segunda parte de "Os anos escuros" de Franco Grande tivo o mérito de tocar temas só aludidos na edición anterior. Por exemplo, na primeira faise unha alusión a unha teima de Piñeiro por crear "Grupos de Amigos de Galaxia", para controlar o que logo foron as asociacións culturais. Por outra banda, unha das imaxes que me quedan despois da lectura é o case nulo papel que xogaban os mozos no galeguismo galaxián, e eso que algúns xa tiñan máis de trinta anos.
Ademais das outras obras mencionadas polos participantes neste foro, quero recomendar a lectura da novela de Ricardo Carvalho Calero "Scórpio".

Anónimo dijo...

O millor libro de memorias que eu lin é "Les Mots", de Sartre, mas também gostei muito das de Azaña ou das de Chateaubriand.

Anónimo dijo...

Penso, con todos os respectos, que non aporta moito poñer unha lista de memorias ou autobiografías se non engadimos un comentario avaliativo persoal, aínda que sexa breve, que non poida guiar os uns aos outros.

Pola miña parte, direi que non teño lido moitas obras deste teor, por iso agradecería suxestións comentadas.

E por poñer un comentario que aporta un pouquirrichiño, penso que a novela de Carballo Calero "Scorpio" nin de lonxe se debe considerar unhas memorias, senón unha visión sublimada do que lle gustaría ter sido ao autor e que transparenta moitas das súas frustracións (o protagonista, un cabaleiro sen mácula que as namora a todas, é patético!). E como novela, é unha das peores que teño lido. Dito sexa con todos os meus respectos para a gran obra ensaística do erudito.

Anónimo dijo...

Non levo lido moito do xénero e non é por falta de interese. Xa foron mencionadas dúas obras do meu coñecemento e gust ("Os anos escuros", "El quadern gris") e outra que aspiro a ler, se cadra, cando chegue o retiro, as "Mémoires d'Outre-Tombe" do visconde François-René. Non sendo moi propio seleccionar as do neno Balbino de Gres, cito eu "Así fue", evocación e informe de Xabier Arzallus editado por Javier Ortiz e publicado no 2005.

Debo dicir que o personaxe me cae simpático, por parecerme home dunha peza. De imaxe desnaturalizada polo común dos media españois, achega o seu punto de vista sobre feitos importantes das tres ou catro últimas décadas e datos sobre a súa persoa e carácter que sen dúbida sorprenderían a (case) todos. Non é un ensaio, enón un documento: o seu valor primordial non é o literario.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

A de Jaime Salinas ofrece o interés de estarmos cun fillo de Pedro Salinas, a súa relación un tanto distante co seu pai, a súa formación británica, a súa actuación como voluntario americano na segunda guerra mundial, o recoñecemento moi cedo da súa homosexualidade canda neno, a volta a España ata o momento de comezar a súa andaina editorial. O estilo é deliberadamente sobrio: sin chegar a ser Tácito, non anda con descripcións morosas. Poño un exemplo dunha soa páxina: espero que con esta reseña o meu amigo APC poda ter máis elementos de xuízo:
"Fui a visitar a los García Lorca,que vivían en un cómodo piso en la calle de Juan bravo. Vi a Doña Vicenta y a Concha; la niñas habían ido a la universidad. COn ellas volvía a sentirme como en cas, aunque me desconcertó la comodidad, la aparente libertad de la que gozaban. Cuando le conté mis proyectos de hacer cine, me llevó a ver a Bardem que estaba rodando Muerte de un ciclista. Nos pasamos la tarde en el plató y no conseguí comprender por qué había todo un ejército de técnicos ajustando luces, maquillando a los actores, desplazando el mobiliario. En toda la tarde no creo que llegase a filmar más de diez minutos.
Alguien insistió en que fuera a ver una obra de teatro que estaba teniendo un gran éxito porque en ella "se decían cosas" que nadie se explicaba que hubieran pasado la censura. Se trataba de En la ardiente oscuridad de Buero Vallejo. (...) Me tocó compartir un palco y seguí atentamente los diálogos esperando "las cosas". Me hubieran pasado inadvertidas de no ser porque el actor principal, con voz firme, exclamó: "No somos cristianos". Se percibió como una agitación en la sala que a los pocos segundos derivó en un furioso aplauso. Oí a una de las señoras con las que compartía el palco decirle a su vecina: "QUé valiente". Eso era todo, eso era ser valiente en la España de Franco (pp. 514-515)

Anónimo dijo...

Jaime Salinas tiña moi boa pinta, e gústame o seu estilo no fragmento seleccionado. Foi o que montou a colección de peto de Alianza Editorial, non? Toda unha revolución na lectura da España de Franco.

Por certo, amigo Arume, e se non é moito abusar, fálenos un pouco do seu pai, o gran Pedro Salinas, e dos seus amores cunha americana, coido. Teño a sensación de que vostede coñece ben a literatura española e os seus protagonistas.

Anónimo dijo...

Anónimo P-C: ten razón vostede en que "Scórpio" non son unhas memorias como tal, aínda que ben nos axudan a entender o que eran a vida de provincias, o ambiente universitario compostelán e o agromar do galeguismo político. Con todo, as dúas insinuacións que vostede fai das intencións de Carvalho Calero ao escribir "Scórpio" son totalmente gratuitas.

Anónimo dijo...

Así é, Marcel, Castila ten ese carácter. Sen embargo, a min non me disgustou o austero -case mínimo- tratamento do seu drama familiar. Claro que non se trataba precisamente dun tema susceptible de embelecer o seu Eu. O que me chama a a tención, en calquera caso, é esa coherencia liñal na súa vida, de seguro imposib na realidade, certamente ficcionada na súa autobiografía. Pero con esto entramos noutro tema: qué ten de historia a autobiografía e qué ten de literatura, esto é, de ficción?

Anónimo dijo...

Non quero enfadalo, Marcel. Mais non concordo: vale pouco para entender todo o que vostede sinala e, ademais, como novela é malísima de solemnidade. Verbo das intencións, quizais sexa unha interpretación gratuita a miña, pero é o que me parece.
Saúdos.

Anónimo dijo...

Teño ganas de ler os dous tomos de memorias de Castilla del Pino. Todo o mundo me fala ben delas, mesmo tendo en conta as aguzadas observacións de Chiño de Redondela. As memorias máis recentes que lin foron as de Alfonso Guerra, que non están excesivamente mal para ser as dun político. O de Guerra é tamén un ego sempre en expansión e non pouco impostado, pero fai comentarios moi perspicaces sobre situacións e persoas e son, en conxunto, dous volumes bastante entretidos. Gustáronme moito máis as de Fernando Savater, "Mira por donde". Non chegan quizais a merecer o calificativo de "excelentes", pero eu doulles un notable alto. Son divertidas, vehementes, benhumoradas, vitalistas e estimulantes. Recoméndollas a todos vostedes sen ningunha dúbida.

Anónimo dijo...

E outras que lin tampouco hai tanto tempo: "Aire para respirar", de Antón Baamonde, un ensaio sobre a interacción entre Galicia e o autor en forma de autobiografía pouco pretenciosa. Un libro interesante, sincero, ben escrito.
Poño na axenda e na longa lista de lecturas adiadas as "Travesías" de Jaime Salinas.

Anónimo dijo...

Amigo APC: eu doulle a outras épocas da literatura española, pero os poetas do 27 sempre foron os meus preferidos. E iso que teño que recoñecer que todos pertenceron en maior ou menor grao á burguesía ilustrada republicana e laica, liberais a meirande parte, anticomunistas e antifascistas non en idéntica medida, pero sí nesa liña de defensa da democracia liberal. Non é de estrañar que os máis sobresaintes foran dar a Inglaterra (Cernuda e o propio Salinas) ou a EE.UU. (Salinas ou o propio JRJ, interesante a pesar da xenreira que sentían por el case todos), Porto Rico mediante.
Lendo as memorias de Jaime Salinas, vese claramente que se trata de elites intelectuais (os happy few como di o propio Jaime Salinas), cun nivel de vida relativamente bó (coas penurias ocasionais de xusto despois da guerra) e moi ben situadas no ámbito académico. Os amigos de Salinas, Don Pedro, como o chama o seu fillo, son primeiras figuras da filoloxía hispánica e moitos estudiosos españoles ían en pelegrinaxe ás universidades onde traballou o seu pai para visitalo.
Ao que se refire APC é a aventura de don Pedro con Katherine Whitmore, unha estudiante americana que visita Madrid polos anos 30 coa que mantén unha relación, reflexada en cartas, publicadas recentemente (Tusquets, 2002). Disto non fala ou polo menos eu non lembro Jaime Salinas: parece un secreto. De todas formas, hai unha preciosa anécdota no libro de Jaime Salinas moi interesante que pode pasar desapercibida:
"Me acordé de la única vez que estuve con don Miguel de Unamuno, creo que en 1936. Vino a comer a casa y se pasó todo el día haciendo bolitas con las migas del pan. Después a la hora del café, me hizo una maravillosa pajarita voladora de papel que quedó sobre la mesita. AL final de la tarde, cuando fui a buscarla, había desaparecido. Mi padre se la había regalado a una joven hispanista que había venido a tomar el té."
O libro está cheo de anécdotas, de relatos: hay pouca introspección ou polo menos non adoita a extenderse. Pero non poido deixar de copiar un momento moi significativo do espíritu libérrimo desta familia, xusto antes da morte do seu pai:
"Un día, acababa de salir de la habitación, cuando de pronto vi a un cura que llamaba a su puerta. Salí corriendo para interceptarle. Le pregunté si le había llamado mi padre y me respondió que sí. Me extrañaba su respuesta y no le dejé pasar. Entré en la habitación; mi padre parecía estar dormitando y me acerqué a él:
-Hay un cura aquí fuera que dice que lo has llamado.
Con gran esfuerzo levantó uno de los brazos e hizo un gesto negativo. Volví a insistir y el brazo repitió el gesto con impaciencia. Salí afuera:
- Mi padre dice que no lo ha llamado.
El cura cambió de expresión, se cuadró, y en tono amenazador me dijo:
-Joven, ¿sabe lo que está haciendo?
- Comunicarle lo que ha dicho mi padre- le contesté.
Irritado, me recordó que él era el responsable de aquella alma. Le repliqué que, mientras él estuviera en este mundo, mi responsabilidad era hacer lo que mi padre me mandaba, y acabé:
-Cuando quiera verlo yo seré el primero en ir a avisarle."
Sinto a lonxitude. Pero o libro de Salinas é precioso por todos os lados. E remato: di Jaime Salinas que o seu pai soñaba con que os soldados americanos (o seu fillo era un deles) desembarcaran algún día nas costas de Galicia para liberar a España do franquismo.

Anónimo dijo...

Unha vez máis, extraordinaria a prosa de Jaime Salinas: o qué di e cómo o di. Unha vez máis, grazas Arume. Máis pronto que tarde, fareime coas súas memorias.

Anónimo dijo...

Preciosamente contado ese episodio do cura. Eu tamén quero ler "Travesías".
Onte merquei a nova edición, revisada e ampliada, das Memorias de Santiago Carrillo.