Mostrando las entradas con la etiqueta Literatura e Memoria. Mostrar todas las entradas
Mostrando las entradas con la etiqueta Literatura e Memoria. Mostrar todas las entradas

24 sept 2008


Fobia á Memoria
Andoliña 24-9-08

A película de Cuerda, Os xirasoles cegos, resucitou un debate cultural que vén de vello. Refírome ás posicións que non xulgan a calidade da película, discutible como todo, senón a escolla dun tema relacionado coa guerra civil. Así, insisten algunhas voces no repetitivo da trama argumental, posición un tanto sorprendente. Primeiro, porque crítica e público recibiron ben historias sobre a guerra española como “Ay, Carmela”, de Saura; “As bicicletas non son para o verán”, de Chávarri; ou “A lingua das bolboretas”, de Cuerda e Rivas.
En segundo lugar, non é esa trama argumental a que define a oportunidade dunha película calquera. Cantas veces nos contaron a historia dos Estados Unidos no cine clásico a través do western? Cantas adaptacións literarias de Jane Austen e doutros autores nos levaron unha e outra vez ata o século XVIII en Inglaterra ou en Francia, en boas películas polo xeral? Ninguén protestou por iso. Así pois, a xenreira contra o subxénero da guerra civil só se entende se se pensa que a nosa historia máis achegada é secundaria e non merece ser levada ó cine. Ou, outra posible razón, se se padece unha curiosa fobia á Memoria.

9 sept 2008


Cidade de cine.
Pan por pan 9-9-08
(na foto, o actor Raúl Arévalo, un os soportes básicos da película, xunto con Maribel Verdú)
Seguro que moitos espectadores de “Los girasoles ciegos”, a película de Cuerda, se sorprenden ó encontrarse na pantalla coa súa cidade. Vimos eses decorados cando a rodaxe e agora constatamos que están perfectamente integrados nun espazo urbano marcado pola Praza Maior, a Praza do Trigo e os seus arredores, ademais do poderoso plano do retablo de Santo Domingo que abre e pecha a cinta. Hai que agradecerlle a Cuerda traer o relato de Alberto Méndez, ambientado na rúa de Alcalá de Madrid, ata a vella Auria romana, pechada cidade de posguerra. O traslado funciona. O clima represivo no Ourense de 1940 non foi diferente. Aquí tamén houbo mozos poetas e comunistas, como Manuel Gómez del Valle, fusilado o 11 de agosto do 36 en San Francisco: nin puido intentar escapar polos montes da raia. E habería algún diácono como Salvador, nome ben irónico por certo?
Os xirasoles cegos (Andoliña martes 9 set.)

Hai escenas da famosa película de José Luis Cuerda que provocan o riso en moitos espectadores: por exemplo, eses diálogos tan peculiares entre os cregos da historia ou de Miguel de Lira, tamén de sotana, dirixindo o izado da bandeira e os nenos cantando o Cara al sol antes de entrar na escola. Nunha película dura, dramática, de temática moi triste, agradécense esas pausas. E eses risos merecen que nos felicitemos todos: por sorte, o público de hoxe xa non sabe responder máis que co riso ás absurdas situacións e opinións que eran obrigadas nos tempos do nacional-catolicismo. Imos avanzando.
"Los girasoles ciegos", o espléndido libro de relatos de Alberto Méndez, empeza onde remataba A lingua das bolboretas. En concreto, continúa dalgún xeito a escena final da historia de Rivas, cando o neno corre detrás do camión dos presos, detido o seu mestre republicano, insultándoos e botándolles pedras. Velaí a educación no odio que marcou o réxime franquista. Agora Cuerda sinala co dedo os axentes educadores dese odio durante décadas. E, si, de certo as cousas foron así: saen nesta película moitas sotanas e moitos uniformes.

18 jul 2008


Recordar doe (Andoliña venres 19-7-08)

A mediados dos 70, algúns alumnos comprometidos da Facultade de Historia de Compostela latabamos de cando en vez as clases dalgún profesor reaccionario e iamos, en cambio, ás aulas de Fonseca, onde daquela impartían maxisterio profesores de Economía e Pedagoxía. Así, seguimos parte dos programas de Xosé M. Beiras e López Suevos e do pedagogo Herminio Barreiro. Ando agora a ler as memorias deste último, cun título en verdade espléndido, Recordar doe (Xerais): vaia en agradecemento por aquelas clases gratuítas.
Como era de agardar, hai moito de historia da pedagoxía neste volume: de Rousseau a Montessori, pasando por Makárenko, Luzuriaga ou Carlos Lerena, entre outros. Pero son citas ben inseridas no propio discurso do seu elan vital, dende a primeira escola (1940) ata a ruptura universitaria (1965). Pero hai moito máis: evocacións de amigos e familiares, sentimento da Terra, notas de cine e libros, etc.
A pedagoxía é só o fío condutor. Velaí tamén a reafirmación da propia identidade de esquerda, dende a China de Mao ata a Cuba castrista. Sen dúbidas. Lembroume neste plano ó poeta Antón Tovar, pero este viviu desconcertado coa crise da URSS os seus últimos anos.

14 abr 2008

en poleiro alleo
memoria histórica (Lalo Pavón, La Región 13 abril)

Dejo para el final, conscientemente, a Manuel de Dios. Sé que su proverbial discreción y la natural humildad que se esconden detrás de toda su humanidad, le hacen mantenerse al margen de cualesquiera vanidades. Le basta sentir a su lado al reducido grupo de incondicionales que se reúnen para casar sus músicas y sus arreglos, algunos de los cuales acaban de ver la luz en forma de CD, sin apenas ruido o más bien en silencio. Pero, ¿qué necesita este Ourense para dejar constancia de la admiración hacia quien -además de excelente profesor para generaciones de estudiantes- durante 35 años, nada menos, ha sido el alma mater de la coral De Ruada, hoy institución artística decana en la provincia, que se encamina hacia el nonagésimo aniversario de su fundación. Primero formando tándem con su hermano Álvaro y luego en solitario, pero maestro siempre, hasta que pasó lo que pasó. La labor de ambos en favor de la música, pero sobre todo del acervo musical gallego, resulta impagable.Manuel de Dios vive apartado del mundanal ruido porque le da la gana, pero acaso también por las heridas de la vida y del alma, y a las primeras han contribuido la desmemoria de muchos -sería honroso que entonásemos un catártico mea culpa colectivo- y el oprobio de unos poquitos.

19 ene 2008



Juan Cruz no Liceo (fotos Trebolle)
Moi interesante e fermosa a charla de Juan Cruz de onte no Liceo: "La busqueda de un libro en la biblioteca". Tanto na súa ampla introducción improvisada (dedicada ó seu amigo Carlos Casares) como no centro da intervención, lida pero con moito xeito, sobre as súas orixes como escritor dende a súa infancia, moi humilde, en Canarias.
Destes temas tamén trata no seu último libro, Ojalá octubre (Alfaguara), que comecei a ler onte e que me está a gustar moito. A cea posterior, que non foi moi longa (tiña que coller o avión en Vigo ás seis da mañá e aló o levou J.Luís Troitiña), foi ben saborosa en anécdotas, sobre todo a cargo de Xabier Casares: Juan Cruz suxeriulle que tiña que recoller por escrito ese rico anecdotario que tan ben conta (como o seu irmán) e eu insistínlle tamén na mesma idea. Sería un luxo poder lelo despois. Falamos moito de literatura, de Casares, algo (moito menos) de política, das Canarias, do periodismo (Cruz encaixou ben a miña crítica do tratamento despectivo de "galego" aplicado en El País a M. Rajoy cando se fala da súa "astucia e indefinición galega"), dos cregos, dos nomes de pía e dalgunhas cousas máis.
Na foto que me pasa Trebolle, á vista: M.V., Teresa Devesa, Gálvez (Universidade), José C. Martínez Pedrayo, Cristina Berg, Xabier Casares e, aínda que non se ven, nesas filas estaban tamén Xoán Fonseca, S. Bobillo e Stella Estrada. O Salón Nobre do Liceo estivo cheo e os comentarios escoitados foron todos moi favorables.

1 dic 2007


Memoria e afectos.
Pan por Pan sábado 1 decembro. Imaxe: Avó con neno, de Ghirlandaio.

Uns investigadores da Universidade de Buenos Aires afirman que a memoria garda con máis facilidade datos vinculados a algunha carga afectiva. O cerebro garda aínda milleiros de misterios e moitos deles están asociados á memoria: non podemos lembrar todo, é necesario que vaiamos borrando datos do disco duro. Ou quedarán por aí esquecidos ata que alguén aos resucite de novo? As persoas maiores poden lembrar cousas da súa infancia e esquecer as cousas cotiás só poucas horas despois. Todo iso debe ter moito que ver cos niveis de emoción, como din os estudosos arxentinos. En realidade, eu creo que xa o sabiamos, sequera como intuición. Sabíano os poetas e os artistas. Como a dama namorada do trobador Xulián Bolseiro que lembraba con agarimo a brevidade das noites de amor co seu amado e se angustiaba ante a longura das noites en que o amigo estaba ausente.

4 jul 2007

ESCRITORES E GUERRA CIVIL (e 3)
Andoliña xoves 5 xullo

Alonso Montero leva moitos anos a traballar na recuperación da Memoria histórica, ou republicana, como el prefire. Impulsor de múltiples traballos sobre escritores republicanos e exiliados, foi tamén animador, no Día das Letras Galegas, do rescate de figuras como Luís Seoane, Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Ferro Couselo e Blanco Torres.
No libro que comentei nestes días ten o interesado nestes temas múltiples propostas útiles: velaí a carta de Víctor Casas a Gómez Román pedíndolle a futura reorganización do Partido Galeguista, xa “cun matiz netamente esquerdista”. Ou as reviravoltas do poeta e xornalista Xulio Sigüenza ata dedicarlle os seus “Poemas del Imperio” a Jesús Suevos, de seguro para sobrevivir na nova situación política.
Creo que é bo que saían á luz pública todas estas sombras. Cunqueiro sobrevivirá como o gran escritor que foi malia estas sombras innegables. Máis difícil o ten Risco: segundo me contan os editores, aínda non está perdoado. Carlos Casares escribiu en “Un país de palabras” páxinas sensatas sobre os escritores galegos colocados no ceo e no inferno. Quevedo, Celine ou Ezra Pound tamén estarían neses infernos e non o merecen. Tampouco, creo eu, Risco nin Cunqueiro.

8 jun 2007



Episodio de caza- Historia e memoria en Ferrín


Terceira e última nota sobre Ferrín e outras historias. Santiago Lamas fai unha magnífica viaxe metaliteraria polo ronsel dos escritores suicidas: de Pavese a Maiakovsky, de Hemingway a Virxinia Wolf. “Matarse é confesar que un non comprende a vida ou que fomos sobrepasados por ela”, escribiu Camus en O Mito de Sísifo, un escritor máis á procura do misterio da conduta suicida. Tamén fala Lamas de historia e memoria. Volvamos a Méndez Ferrín: hai pouca historia nos relatos e novelas do escritor e moita memoria. Enténdase historia como análise e esculca miúda e contextualizada da obxectividade. E memoria como memoria subxectiva, sentimental e persoal. Que pode ser memoria dende unha nidia toma de posición: en nome dunha clase ou dunha nación.

A vantaxe dos grandes escritores é que eles poden construír a súa propia memoria, mesmo por riba da Historia con maiúsculas. Así o fixo Otero cos seus fidalgos galeguistas, comprometidos coa patria. E faino Ferrín acotío. Velaí o relato Episodio de caza: a FUE, o galeguismo, a resistencia guerrilleira. Ó cabo, un intelectual na biblioteca do Sarmiento: épica da Galicia soñada que puido ser.l

23 may 2007


Guy Môquet, o heroe comunista que eloxia Sarkozy


Dedicáronlle estes días varios artigos, como este en El País.

En La Vanguardia falan hoxe da "memoria roubada" pola instrumentalización política da figura do xove comunista por Sarkozy. Nesa liña publicáronse textos tamén en Libération.

Que pasaría en España se Rajoy reivindicase a memoria de Julián Grimau? Hai manipulación en Francia ou hai que aplaudir cando a dereita se fixa nos mitos da memoria da Resistencia e da esquerda?
Sarkozy e o ‘caso Guy Môquet
Andoliña 25 maio
Pois vaia barullo está a montar Sarkozy, trala súa vitoria electoral en Francia. Primeiro, incorporando como ministros persoas procedentes da esquerda e utilizando como referentes símbolos do pacifismo e do antifascismo como Jaurés e Blum. E agora, instando ós profesores de historia a usar nas aulas a carta de despedida de Guy Môquet, un mozo comunista de dezasete anos fusilado polos nazis. Sarkozy non é nada parvo: xa logrou descolocar os analistas e a opinión pública.Para algúns é un simple oportunista que que cre que é un novo De Gaulle e que está a utilizar o consenso antifascista da historia francesa como un novo mito mobilizador en clave nacionalista. Para outros, é digno de aplauso este recoñecemento da tradición da esquerda. O debate está na prensa francesa. Tamén no meu blog (As uvas na solaina) : alguén lembrou os comezos de Aznar con gabanzas a Manuel Azaña (seica inspirado por Jiménez Losantos!!) e fotografías buscadas con Alberti. Din estes que co tempo Sarkozy amosará a súa verdadeira faciana. Quizais. Pero eu non imaxino a Rajoy reivindicando a memoria de Julián Grimau ou de Durruti: de verdade que non.

13 abr 2007


Sesenta aniversario do mítico programa en galego da BBC, o primeiro na historia da radio

Este 14 de abril cúmprense sesenta anos dunha das máis marabillosas aventuras da nosa lingua: o ourensán Alexandre Reimúndez iniciaba o programa en galego da BBC, en Londres
Afonso Monxardín rememora en Galicia Hoxe este acontecemento cultural, 60 anos despois

Cartas dende o pasado (V). Ramón Piñeiro, Seoane, Celso Emilio e o social-realismo.
No seu traballo, útil e ben atinado, As palabras no exilio. Biografía intelectual de Luís Seoane, Alonso Montero recupera a carta que Ramón Piñeiro escribiu en xaneiro de 1958 a Seoane, a propósito da súa obra de teatro La soldadera. Piñeiro amósase alí crítico coa liña socialrealista que defendía o seu interlocutor en Buenos Aires e sostén que seguir unha liña socialrevolucionaria nas artes é arriscado e dá resultados estéticos tremendamente febles: "Cando un escritor ou un artista se pon a dar voltas e máis voltas arredor dunha ideoloxía acércase perigosamente ó artificio, que é bastante distinto –ti sábelo mellor ca min– da arte verdadeira". O ensaísta toma posición contra a literatura revolucionaria, coherente coas claves que el mesmo definiu esenciais nas nosas letras: lirismo, humorismo e sentimento da paisaxe.
Catro anos despois, Piñeiro escríbelle a Celso Emilio Ferreiro con nidias gabanzas do seu libro Longa noite de pedra, destacando explicitamente que aposta pola poesía social e que é necesario rescatar ese fío comprometido nas letras galegas. Gaba o libro pola expresión do seu sentir humano máis sincero e agarda que, no seu contido cívico, sexa unha chamada ós novos poetas, "que no dejarán de escucharla".

12 abr 2007




Cartas dende o pasado (IV)

Andoliña 12 abril. Na imaxe, unha peza de Luís Seoane.

Na relación epistolar, hoxe escasa, algunhas xentes amosaron a súa faciana máis sincera. Cando menos así o facía Blanco Amor nas súas cartas dende América, tal como se reflicte no volume Eduardo Blanco-Amor, dende Buenos Aires, que publicara Ediciós do Castro da man de Xosé Neira Vilas (1995). Nese libro están algunhas das cartas máis amargas que escribiu o creador de A esmorga, entre elas as que amosan a súa fonda frustración por non gañar con Xente ao lonxe o premio de novela do Centro Galego de Buenos Aires en 1970.
En carta a Díaz Pardo (1956), laiábase o ourensán do pouco apoio que lle prestaban os galeguistas para publicar A esmorga: "Como me fun da obediencia entonces deixei de ter condiciós literarias. Pra os galeguistas o talento é o de menos. Se eres da obediencia, entonces protéxenche; e si non, non". No 69 dicíalle a Seoane que quería irse para Vigo ou A Coruña "y rescatarme de la mediocridad orensana, donde me iré disolviendo con pena y sin gloria; mediocridad y probablemente en el futuro, hostilidad, ya que los reaccionarios no me perdonan y consideran un grito de soberbia que haya rehusado la presidencia del Ateneo. "¡Que se cree ese rojo!" y esas cosas".

4 abr 2007


Iris (Iris Murdoch)
Hai uns meses un amigo recomendoume con entusiasmo a película “Iris” (2001), de R. Eyre, biografía da escritora irlandesa Iris Murdoch. Botárona esoutro día a horas imposibles na tele e graveina para vela logo. Polo xeral non me convencen as películas sobre vidas de escritores, pero “Iris” é outra cousa.

Conta en paralelo a vida da autora cando nova, no Oxford dos anos 50, e o declive fatal da súa vida, corenta anos despois, cando padece alzheimer: o seu marido, o crítico John Bayley, o outro protagonista da historia, é representado como un personaxe simpático e desamañado, pouco dado ás cousas útiles da vida, que ó cabo ten que ocuparse dunha situación que lle supera. A película é dura, como o tema que trata, iso é obvio. Pero é sobre todo unha película de amor. Tamén a historia dunha muller creativa, chea de vida, coa que a fortuna se asañou inxustamente.

3 abr 2007



Cartas do pasado

(3). O Premio Galicia, da Fundación March

A Fundación March convocou en 1962 o Premio Galicia para o escritor galego que máis contribuíse á exaltación literaria da súa terra. A esa altura xa morreran, poucos anos antes, Ramón Cabanillas e Florentino Cuevillas, polo que os que tiñan máis posibilidades eran Risco e Otero. Filgueira Valverde presidiu o xurado, composto por catorce persoas, uns escritores e outros como representantes de institucións. Déronlle o premio a Otero Pedrayo e Risco quedou fóra.
Ricardo Carballo Calero conta nunha carta a Del Riego (RCC, “Epistolario a Fernández del Riego”, 2006) como foi a votación: Filgueira, Fraguas, Moreno Báez e Carballo seica defenderon firmes a proposta oteriana. Pero houbo outros curiosos argumentos dos que preferían o nome do creador de “O porco de pé”: Xulio Sigüenza dixo que os emigrados tiñan a Risco como supremo inspirador; Landín, que Risco era máis querido polas xentes humildes; e Vázquez Dodero, que a personalidade risquiá era máis suxestiva existencialmente. Nada di Carballo nesta carta das supostas interferencias políticas que cita Carlos Casares, segundo as cales prexudicou a Risco a confusión entre a súa ficha política e a dun parente de nidia traxectoria democrática.
(Caricatura de V. Risco, por A. Cebreiro)


31 mar 2007


Xornadas da memoria histórica en Fisterra: homenaxe ó alcalde republicano Cipriano Fernández
Da crónica de La Voz de Galicia (ed. Carballo. Foto Xesús Búa, LVG): (a crónica completa)

El primer invitado a hablar sobre la época fue el escritor, historiador y académico Márcos Valcárcel, quien aportó abundante documentación sobre esos convulsos años de la historia de España y de Galicia, proyectando numerosas fotografías de entonces.Valcárcel habló sobre el desarrollo cultural entre 1900 y 1936. «Foi o momento máis rico da historia da cultura en Galicia», dijo, refiriéndose tanto al desarrollo de la literatura como a la defensa de Galicia.Valcárcel repasó los hitos históricos que marcaron esa época. La fundación de la Academia Galega (el primer discurso en gallego se pronunció en 1909), el entierro de Curros, la primera vez (1910) en que abrió el curso universitario con un discurso en gallego (a cargo de Lois Porteiro) o la creación de la primera cátedra de gallego-portugués, en 1912, en Madrid. «Foi un momento moi plural, onde confluían vías moi diferentes», dijo. Para el historiador, en aquello años «había vontade explícita de facer unha nación». Fue la época de la creación de editoriales como Céltiga o Lar, que buscaban llegar a las masas y en las que no sólo publicaron galleguistas. «A construcción da identidade foi obra de moitísimas mans», dijo el historiador, que también habló de la figura imprescindible, para entender el galleguismo, de Manuel Murguía.

P.S.: Nas mesmas xornadas participarán o luns 2 e mércores 4 de abril Miro Villar, Xosé Luís Axeitos, Carlos Etxeberría, Luís Lamela García, Xesús Alonso Montero e un amplo abano de poetas galegos (no recital do mércores).
Como nota curiosa, facer constar que na inauguración, presidida polo alcalde, estiveron presentes tamén membros doutros grupos, como a concelleira do BNG. Chamou a atención, en cambio, a ausencia do candidato e concelleiros do PSdG-PSOE e mesmo se correu o ruxe-ruxe de que existira consigna socialista de non asistir por estar o acto encabezado por un alcalde do PP, que preside o concello que patrocinaba todos estes actos.

29 mar 2007


Máis sobre José Almoina.
Pan por Pan xoves 29 marzo. Imaxe de J. Opie

O tal José Almoina Mateos que citei onte ten tamén ligazón con Ourense: fíxolle o prólogo a José Adrio Menéndez para o seu libro “Del Orense Antiguo” publicado en 1935 na Imprenta Popular. Alí deixa constancia da súa erudición no xénero das biografías literarias da época. Almoina nacera en Lugo (1903), estudou en Compostela e era cónsul da República en Burdeos cando a guerra. Exiliouse en Santo Domingo e alí foi secretario do ditador dominicano Rafael Trujillo. Vargas Llosa conta en “La muerte del chivo” como o ditador o condenou á morte por publicar en Guatemala, co seudónimo Gregorio Bustamante, o libro “Un sátrapa en el Caribe”. Logo rectificou e sacou en Arxentina “Yo fui secretario de Trujillo”, gabando o ditador. Pero os sicarios de Trujillo remataron con el en 1960 en México: un personaxe que pide a berros unha biografía.

22 mar 2007


CLÍO NAS ONDAS
La Región 19 marzo 2007

Catedrático de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago, presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz (Xermade, Lugo, 1951) é hoxe un dos intelectuais de maior prestixio na contorna cultural e un dos historiadores máis respectados en toda España. Noutras ocasións témonos referido ós seus traballos historiográficos (o máis recente, a súa excelente “Historia de Galicia”, Galaxia, 2004). Pero hoxe falaremos dun seu libro que, cando menos en parte, soborda o seu campo profesional: “Clío nas ondas. De libros, persoas e sazóns” (tresCtres), que chega nestes días ás librerías.
“Clío nas ondas” recolle un total de 99 colaboracións que o historiador deixou nas ondas da Radio Galega entre abril do 2003 e xullo do 2005. Aínda que a perspectiva histórica está sempre latente, o historiador abre os seus campos de visión e reflexiona como un home preocupado polo seu mundo, polo tempo contemporáneo que lle tocou vivir: unha mirada tamén sobre o labor doutras reflexións intelectuais que marcaron as historias de Galicia e de España no último século. Hai pouco comentaba eu nestas páxinas “Años interesantes”, as memorias do historiador inglés Eric Hobsbawm: o traballo de Villares comparte unha común inquedanza co anglosaxón por explicar o mundo de hoxe, aínda que no caso galego non se trate dun libro de memorias.
Pluralidade. Como é lóxico, a actualidade marca o ritmo dos comentarios radiofónicos, nacidos da pluralidade e, ata certo punto, do azar: só ata certo punto porque o comentarista escolle a conciencia aqueles temas que lle interesan sobre o barullo asfixiante diso que chamamos “actualidade”. E resulta esclarecedor ver as perspectivas de escolla do historiador que deita na radio os seus comentarios: por suposto, a historia ten unha importancia primordial, pero ó carón do conxunto das ciencias sociais, da antropoloxía, a literatura, a política ou a comunicación. Quizais todo iso que se pode englobar na ampla etiqueta de Historia Cultural e que permite, a partir de perfís concretos, retratar un tempo con exactitude e intelixencia literaria.
Memorias. Por poñer algún exemplo, Villares amósase moi interesado nos libros de memorias: as do psiquiatra Castilla del Pino ou as de Constancia de la Mora e Maura, neta do político conservador, “de nena “pija” a comunista”, subliñando sempre aqueles aspectos destas biografías máis reveladores e singulares. Velaí tamén algunhas referencias intelectuais con peso de seu: Norberto Bobbio, o filósofo alemán Ernest Jünger, Claudio Magris e o soño da historia europea ou, en clave galega, Otero Pedrayo, Luís Seoane e Castelao, entre outros. En todas estas achegas hai riscos de interese e Villares sabe, con moi poucas liñas, focalizar a atención cara planos de extrema relevancia: na semblanza de Vázquez Montalbán, escrita dende a amizade, lémbrase o consello que o escritor catalán lles daba sempre ós estudiantet de xornalismo nas súas charlas: “antes de ler unha noticia, preguntádevos de quen é a propiedade do medio de comunicación que a dá”. En fin, achéguese o lector a “Clío nas ondas”: non se sentirá defraudado. (Na imaxe, un debuxo do artista Fiz Valcárcel, 1975. Que, ademais, é o meu irmán maior).

13 feb 2007


Memoria de poeta, de Xosé María Álvarez Cáccamo


Por recomendación de varios contertulios desta solaina, estou a ler a Memoria de poeta, de Xosé María Álvarez Cáccamo, publicada hai uns meses por Galaxia. O que levo lido gustoume bastante. Supoño que o máis difícil nun texto destas características é encontrar o rexistro axeitado de voz: esa voz capaz de rachar o pudor (neste caso dun poeta de 57 anos, en plena madureza vital), pero que sexa quen tamén de fuxir do engolamento e da pedantería máis gratuíta. Creo que o Pepe Cáccamo o conseguiu bastante ben e é capaz de prender no lector, que segue con interese e certa empatía o seu percorrido vital. Habería moitas cousas que comentar: p.ex., ese desagradable primeiro encontro con Blanco Amor, cando o novelista aproveita para botarlle en cara a postura do seu pai no xurado que lle negou o premio a Xente ao lonxe. Debeu ser un momento ben difícil e inxusto EBA descargando sobre o fillo o que era unha lexítima opción estética de Xosé María Álvarez Blázquez. Por certo, non sabía que o autobiografiado dera clases no Instituto da Ponte nos cursos 77-78 e 78-79: dous anos antes estaba eu alí a facer o COU, con María do Carme Enríquez Salido como profesora, entre moitos outros.


Para os que aínda non a coñezan, deixo aquí unha brevísima cita desta Memoria de poeta, centrada nunha data clave da historia de España, cando o galeguismo se axuntaba en Rianxo para inaugurar un busto a Castelao:


No alborecer do día 27 de setembro de 1975 morreron fusilados dous militantes de ETA, Juan Paredes Manot, Txiqui e Ángel Otaegui, e tres do FRAP, Ramón García Sanz, José Luís Sánchez Bravo e o meu amigo Xosé Humberto Baena Alonso. O xuízo militar ao que foran sometidos non tivo nada que envexar aos procedementos ilegais utilizados polos golpistas do 36 para eliminar aos inimigos do réxime de Franco, defensores activos da República ou habitantes naturais daquela cultura democrática. O ditador botaban man, máis unha vez, ao recurso da pena de morte para manter firme e nas súas mans o sistema de terror que lle permitira conservar o poder absoluto durante corenta anos. O xeneral preagónico non quixo escoltar o berro universal da razón, as peticións de clemencia que chegaban de todos os recantos do mundo. A mediodía do 27, mentres asistiamos Maricarmen e eu á inauguración dun busto de Castelao erixido en Rianxol, non podía afastar de min o rostro mozo de Xosé Humberto Baena, os seus ollos claros e agudos, o seu entusiasmo de loitador. Entre os congregados no acto espallouse a proposta de adialo en sinal de protesta. Pero, finalmente, puido máis a inercia ritual ou a forza do medo. E alí ficou a cabeza de Daniel Alfonso Rodríguez Castelao a ollar desde o pasado da súa propia morte no exilio un horizonte de miseria política incalculábel, corenta anos que aquela ollada non conseguiu albiscar. Corenta anos afastan o asasinato de Bóveda do de Baena e foi a mesma man a que sinalou ambos obxectivos, a man de Franco.


E, se lles apetece conversar sobre este tema, gustaríame saber qué libros de memorias (da cultura galega e tamén da española e doutras) lles parecen os máis interesantes e auténticos entre os que teñan lido vostedes. A ver se hai coincidencias entre os contertulios...

8 feb 2007




En el remolino, de J.A. Labordeta
Preséntase hoxe en Zaragoza (FNAC) esta novela do cantante e poeta José Antonio Labordeta. Mágoa non estar alí para felicitalo (o único tipo "maleducado" que me caiu ben "mandando á merda" a uns cantos no Parlamento). Graciñas a D.Simón pola información.
Braulio, pobre e humillado, conseguiu converterse no prestamista que executa as débedas non pagadas e que se queda con colleitas e campos. Pero aquel pobo, onde nunca pasa nada, comeza a revolverse nos albores da guerra civil: os sediciosos controlan a zona e din que detiveron a Longares, o alcalde, e que o mataron. O ferreiro e o albanel, os proletarios, desapareceron. E Severino di que non hai máis lei que a da súa pistola. Don Luis, o xuíz, oponse, pero os dous gardas civís únense a Severino. En realidade, as presa de Severino non son os proletarios, senón Braulio, a quen el e todos deben diñeiro. O prestamista mata a Severino e foxe cos seus caudais. Os camaradas de Severino saen en manda a matar o asasino... José Antonio Labordeta escribiu unha fascinante novela coral, relatos que tecen a vida dun pobo onde todos se coñecen e ninguén é o mal absoluto, ou a absoluta bondade. A medida que o lector vaia penetrando no libro descubrirá o máis desconcertante da alma humana. En palabras de José-Carlos Mainer, prologuista do libro, “un relato faulkneriano que é case o xeito innato de narrar unha traxedia civil: un coro de voces, un tempo dinamitado, unha pelerinaxe confusa”.