23 feb 2007

O porco, o estranxeiro e a heterodoxia necesaria (Manuel Rivas)

Manuel Rivas seguiu moi atento a forte dialéctica que se desenvolveu nesta lareira arredor do porco e as súas marabillas culinarias (o artigo completo). Velaí unha mostra:

Alédame e inquieta a un tempo un mundo da cultura que se manifesta con vehemencia a prol
da conxunción copulativa "e" contra a intrusa cópula "i", e que debate apaixonadamente a terceira vía do porco. Penso que este foi o Entroido máis intelectual da historia. Mesmo Os Maracos, esa "centenaria" comparsa coruñesa que cumpriu 25 anos, cantaron en pandeirada: "Prohibiron o tabaco / Queren prohibir o viño/ De continuar así / Vannos prohibir os chourizos". Si, a saúde vai acabar con nós.
Na política do porco, e na campaña do Entroido, houbo sempre dous partidos dominantes. O Partido da Cachucha e o Partido do Lacón. Foi Alfonso Monxardín, da Escola galeguista de Francfurt, quen converteu en forza emerxente e alternativa o Partido do Dente, nunha extraordinaria proclama disfrazada a xeito de artigo no xornal Galicia hoxe e titulado Tomando postura: a terceira via. Vexamos un imprescindíbel parágrafo de situación: "Para os pouco iniciados na porcofaxia -suidofaxia sería pedantería- indicarei que en Ourense cachucha é a parte superior da cara do porco, con perdón, da boca para riba, afumada e salgada; e dente a mandíbula inferior, sometida a proceso semellante de momificación".
A proclama a prol da terceira vía foi colgada na rede, no blog As Uvas na Solaina, de Marcos Valcárcel, e a partir de aí abriuse un dos debates máis amenos, ocorrentes e sabedeiros dos que teño seguido na Rede en Galicia. Un auténtico festín de ilustración arredor do Ciber-Porco. O sorprendente para min foron os apoios á terceira vía. Penso, non obstante, que a maioría do pobo segue a moverse na bipolarización entre o Lacón e a Cachucha. O Dente, esa contundente delicatessen, é unha opción moi de entendidos.
Eu debo confesar que non me convence ningún partido do porco. Os escaparates de cachuchas nos ultramarinos parécenme artísticas instalacións de terror. Se nas enchentas do Entroido cada vez me sinto máis un estranxeiro, imaxinen na Coresma!


O remate do artigo tampouco ten desperdicio. É evidente que, se non tes algún inimigo, non eres ninguén:

O quecemento. O malo do cambio climático é que o tempo, como a xente, anda ao seu.
Xeracións literarias. Que uns escritores galegos declaren como trazo xeracional que len os autores anglosaxóns e que non lles interesa a actual literatura galega non significa nada. Pasounos a todos. Eu tamén lía de rapaz o Reader?s Digest (traíao a Castro unha lavandeira da casa dos señoritos). En canto ao confronto vellos e novos, é tamén un dilema vello. Eduardo Blanco-Amor foi sempre moi novo, sobre todo cando volveu de vello e tivo que comezar todo de novo: a máquina de escribir botaba fume. Fume bordado, hai que dicilo. O mérito non é a xeración, que vén dada (tranquilo, compañeiro Jaureguizar, serás moderno aínda que non o queiras), senón o manterse como un des-xenerado.
O éxito. Con teima penumbrosa, Franco Grande, bo memorialista dos días escuros, alcuma de colonizados un día si e outro tamén aos que escribimos nestas páxinas. No coloquio que seguiu á presentación d'Os libros arden mal en Santander, unha lectora cántabra contou que na Coruña un alto executivo dixera de min que era "maricón y del Bloque". Nas cartas ao director deste xornal, un xentil lector espetou: "Leo todo, menos lo de Manuel Rivas". Colonizado, bloqueiro, maricón, e carne de gueto. Agora xa sei o que é triunfar.

8 comentarios:

Xosé Manuel Carreira dijo...

Que ben ten que prestar que te ligue Manolo Rivas nun dos seus artigos.

Anónimo dijo...

Escritores galegos que non lles interesa a literatura galega. Nin a actual nin os clásicos.
Aínda peor que ser literariamente ignorante é presumir diso.

Marcos Valcárcel López dijo...

Pois si, amigo, Carreira, non vou negar que me enche de orgulo que o amigo Rivas me "ligue" por segunda vez nos seus artigos. Pero, ademais de orgullo, ese feito inspírame tamén unha gran responsabilidade. Á vista das vosas intervencións, está claro que unha parte importante da "intelixencia" máis sensible do país acode a diario ata estas páxinas e moitos ademais participades xenerosamente: iso tamén me enche de orgullo e me leva a ser máis esixente co labor que desempeño no blog. Fágoo con moito gusto, pero co mesmo nivel de esixencia e seriedade que cando escribo en prensa (case sempre colgo aquí os meus artigos diarios en La Región e Galicia Hoxe). Porque sei que os meus lectores do blog non son menos importantes que os dos xornais: moi polo contrario, débolles moito e agradézolles a súa presenza aí ó carón, da outra beira da pantalla.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

A ver cando traducen a Rivas ao italiano: están esperando por el alí.
E paréceme modestamente que O'Rivas foise pola miña cuarta vía: a de preferir calquera outra pitanza. Pero en fin, pasado o entroido, viva o bacallau. E as costeletas de Xermade.

Anónimo dijo...

Eu tamén son da cuarta vía. Non interviñen no debate porcófago porque xa ler iso de que se lle comen os dentes e a mandíbula (que noxo!) a un bicho deses xa case me fai trousar. Onde haxa unha boa robaliza á grella, un ollomol ao forno ou un bacallao á moda de Viana do Castelo, que se quiten os porcos todos, santiños, e que os porcófagos non anden a lles comer o coco.

Anónimo dijo...

Eu antes era tan fino como don Leituga 1. Pero, duns anos a esta parte, fíxenme un pouco salvaxe de máis. Teño que recoñecelo.

Anónimo dijo...

apc...
Así anda a botar a barrigiña....
Pois eu son, como na selectividade, da dobre vía.
Marrau e robaliza

Anónimo dijo...

Hai moitas cousas que admiro na obra literaria e xornalística de Manolo Rivas, pero sempre recordarei unha tarde, unha "mala tarde", na que o empecei a admirar aínda máis. Foi hai uns quince anos. Era polo verán, nunha cidade galega. Coloquio nun céntrico hotel. Tema: os touros. Xente a favor (un toureiro coñecido, xa maduro; esquecín o nome) e en contra (Manolo Rivas). Todos os que falaron dixeron cousas moi interesantes. O debate estivo moi animado e o moderador conduciuno sen ningún problema. Manolo Rivas deu uns argumentos brillantísimos, expresados cun certo sabor literario. Era a época na que publicara "Un millón de vacas", e xa se vía que ía ter unha carreira literaria fulgurante. Agora mesmo estouno vendo, uns intres antes de pasar á sala onde se ía celebrar o coloquio. Parecía nervioso, supoño que porque non sabía con qué público tería que lidar. Ía moi ben vestido, con traxe e paxariña. Xa dixen que o coloquio fora moi animado, mais había por alí un fulano, membro dunha asociación taurina local, que non deixaba de interromper. Segundo el, a paixón polo touros nunca desaparecera da cidade e había moitos aficionados. Teño coñecido moitos tipos nesa cidade coma este: son os típicos "señoritos de toda la vida", membros do casino correspondente, franquistas con e sen Franco. Non sei se dixen que esta é a cidade de darse o pote, do chiculate con churros, das apariencias. Total que o tipo foise quentando porque Manolo Rivas daba argumentos irrefutables, expresados con convición e moita calma. Iso debeuno enfurecer aínda máis, porque tampouco atopaba apoio no público. Pos ben: remata o coloquio. Os que estaban na mesa érguense, cando vai o tipo señoritingo e, sen avisar nin nada, bótase enriba de Rivas e dálle unha labazada. A reacción de Rivas foi moi tranquila: deulle unha lección de señor ao señoritingo. Os que alí estabamos puxemos cara de noxo. Que íamos facer? Pero cada vez que vexo a Rivas na tele (ou nalgunha presentación de libro), sempre me recorda a Gary Cooper "Só ante o perigo".
En fin, perdón polo rollo. Repito que nesa cidade había e hai moito señoritingo. E que o galego e Galicia non son ben recibidos polos mesmos galegos. Creo que sobre ese tema ten falado o mesmo autor nalgún artigo.
Por certo, a ver cando se anima a facer unha nova edición en galego de "Galicia bonsái atlántico"