20 mar 2007


Avós e nenos.
Pan por Pan 20 marzo (Imaxe de D. Arbus)
Tiven que ler a noticia dúas veces para convencerme de que era verdade: oito alumnos dos que utilizan a liña escolar Buxán-O Bolo decidiron faltar onte a clase en protesta pola obriga de compartir o seu autobús con adultos, tal como aprobou a Xunta nun proxecto piloto para aproveitar o transporte público en concellos de poboación dispersa, con prazas libres nos buses escolares. A presidenta da asociación de pais e nais tamén se opón, seica por razóns sanitarias, pois ten medo a que os nenos sexan contaxiados polas persoas maiores que acoden a consultas sanitarias. Pero que mundo estamos creando? Teñen tamén medo de contaxio eses pais cando deixan os seus fillos cos avós? Como casa esta imaxe chea de prexuízos co merecido respecto ós maiores que debemos inculcar nos nenos? Gañáronse con nota un capítulo na Historia Universal do Disparate.

11 comentarios:

Anónimo dijo...

Nesta noticia hai que ir por partes. Primeiro non se nos debe escapar o seu caracter marcadamente electoralista e xa que tanto criticabamos ao anterior goberno este tipo de medidas agora resulta que para gañar votos aquelas estratexias voltanse a repetir e non pasa nada. Visto eso non habería moito que obxetar xa que o sentido común ven a decirnos o absurdo que sería ver un vello camiñando a consulta médica mentres pasa por diante un autobús medio valeiro. Non obstante debemos matizar a bondade da proposta xa que non me parecería axeitado que calquera persoa sen un mínimo de control puidera subirse a un autobús escolar.

Marcos Valcárcel López dijo...

O do carácter electoralista, Xabier, é discutible: todo o é, en última instancia, se se fai política. Pero é unha medida razoable e de sentido común nun medio rural mal comunicado para moita xente (a xente maior). Os argumentos das nais son disparatados e non sei a que te refires co do control: soben ó autobús veciños do lugar, non perigosos delincuentes. Non podemos facer guetos como se facía cos negros nos Estados Unidos ata os anos 60. Os únicos que de verdade podían estar molestos coa medida son... os taxistas.

Anónimo dijo...

Non son disparatados os argumentos: son miserables. Pero xa se sabe: cando hai pais ou nais polo medio defendendo aos seus fillos...
(Sempre que todo sexa coma se conta nos xornais, ollo)

Anónimo dijo...

Ó que faltaba, Deuses!!! No reducto rural, un sitio no que ainda se respecta a xente maior, non como na cidade , na que xa non sorprende nada (nihilismo-urbanita) veñen con esas andromenas e estas trapalladas, que queren? que poñan un autobus dises como en Atlanta nos 50 no que a parte datras só podan ir os negros e no noso caso os vellos?

Anónimo dijo...

Polas miñas palabras en ningún momento puxen en dúbida a bonanza da medida e cando falo de control refírome a eso exactamente, a que só as personas coñecidas do pobo podan facer uso do transporte. Outra cousa e falar do tema dos transportes escolares cousa que se faría demasiado extensa xa que inxustamente veñen marcando os horarios de moitos colexios do rural en aras da rendabilidade. Velaí o colexio de Allariz que debe abrir as súas portas cada día as dez e media da mañá xa que antes os autobuses deben transportar os alumnos de Baños de Molgas e Xunqueira ante a negativa da Delegación a desdobrar una rota cun autobús máis. Resultado, os alumnos da vila fican diante do televisor ate pouco antes de entrar.

Anónimo dijo...

Coido que están "sacando las cosas de madre", amigos intervintes.

Paréceme pouco afortunada a comparación das pretensións dos pais/nais coa Atlanta dos anos cincuenta. Como tamén son pouco afortunadas as acres e impropias declaracións do Delegado de Educación de Ourense.

Penso que, no canto de quedármonos na denuncia dos excesivos temores dos pais/nais e cargar as tintas neles, deberiamos reflexionar sobre a "realidade comunicacional" de tantas e tantas localidades do rural galego, os inconvenientes que isto ten para a poboación anciá, e as posibles solucións aos mesmos.

Pásmame que as administracións públicas (central, autonómica e locais) teñan unha inconmensurable capacidade para o dispendio e o despilfarro (por exemplo, centos de publicacións inútiles e propagandísticas que ninguén le, subvencións de actividades lúdico-festivas para os vellos ou, con máis monto aínda, a empresas sen contraprestacións reais, etc., etc.) e que, sen embargo, non se pense e se organice un plan para que, cando menos unha vez ao día, poidan ir e vir ao centro médico ou á capital da comarca. E isto en toda Galicia.

Dignificar o medio rural tamén pasa por isto, e non por parcheos puntuais.

Anónimo dijo...

Os que poidan ir e vir eran os vellos, claro. É que coas présas non se pode escribir ben, non.

Anónimo dijo...

O mundo anda ao revés. Os fillos denuncian aos pais pola paga insuficiente. O tipo que vai a 260 pide indemnizacion. O xuíz di que a violación da nena de 4 anos, non é tal, porque non manifesta a súa oposición...
E agora, uns pais queren saír no piriódico e non deixar que os fillos vaian no bus cos vellos.
Xa chega de análise. O que pasa é que hai moito parvo e moito estúpido. O que é burro é burro e dun burro non se pode facer un cabalo de carreiras.

Anónimo dijo...

Coincido con a-p-c... (¿ Debería de preocuparnos tanta coincidencia?). A situación de abandono do rural galego (demográfica, social,asistencial, dotacional, económica...) require solucións que van moito mais alá dun mero uso un pouco mais eficiente dunha ruta ríxida de transporte,un numero moi limitado de veces o día....Esta é unha actuación puntual e de moi pouco calado no marco dunha potencial resposta ó problema (e de iso se trata ¿non? de resolver un grave problema). Si esta é a gran solución que se da dende o departamento responsable do Transporte da XG (non esquezamos que á promove a COTOP ademais de Educación) pois chega tarde e está moi lonxe das liñas nas que actualmente estase a traballar, en todos os ámbitos incluíndo o dos servizos públicos, na procura do deseño de respostas flexibles e de tratamento o mais individualizado posible das solucións a implantar...(veremos que da de si o 065 anunciado por Vicepresidencia para o transporte de persoas dependentes... e a posibilidade financeira de desenvolvelo)

Mais alá da anécdota, atopámonos, unha vez mais, penso eu,cunha excesiva obsesión dos responsables políticos pola visualización pública de calquera cousa, por pequena que sexa, na que traballen (sexan programas pilotos, actuacións de sentido común, meras respostas tácticas a retos estratéxicos, xuntanzas, inauguracións, publicacións, paseos ...), un novo exemplo de falta de cultura "do público" e de déficit de formación de bastantes responsables no ámbito da "orientación ó cidadán", unha mostra máis do excesivo papel que xogan as asesorías de imaxe, moitas delas pouco profesionais, valeiras de contido e que solo constrúen cascaras .... Pola outra banda tamén resulta preocupante, como non, a negativa dos medios de comunicación a asumir a súa responsabilidade de capacidade crítica ( ¿ligada a súa necesidade de subvencións?) neste ámbito, e a incapacidade para darlle a cada medida/noticia/programa/anuncio/ ..... a importancia que realmente ten.... (Ben sei eu que e moi difícil escapar desta dinámica cando se teñen responsabilidades, moitas veces xustificadas pola necesidade de achegar institucións e cidadáns, pero ó mellor paga a pena intentalo. .... e incluso pode que de resultado). De non ser así seguirá pasando que cada vez que sae un cargo político nun medio de comunicación, o cidadán faga o mesmo que cando chega a publicidade comercial (en moitos casos mais interesante esta, sen dubida, dende o ámbito sociolóxico e audiovisual) e levántese para ir a cociña ou a facer calquera tipo de “necesidades”...

Anónimo dijo...

O final chegamos case sempre ao mesmo punto, o abandono no que se atopa o rural galego e a falta de solucións a ese problema. Recordo aquela viaxe de Fraga a Baviera e como o home voltara entusiasmado dicindo que ía facer de Galiza unha especie de Baviera atlántica. Dispuxo de quince anos o seu antoxo e no rankin das comunidades autónomas non avanzamos nin un só posto. Ou máis recentemente o susto do Eurostat que por non facer ben as contas case nos mete na media da renda europea e nos quitan os fondos que tamén pouco fixeron neste caso por mellorar a situación. Debates leva habido sobre como afrontar ese abandono do rural así como foros, publicacións, propostas, cambios de goberno incluso etc etc é todo vai a peor. Pensar no rural en Galiza non é imaxinar os pobos de Dinamarca senón traballar sen rendabilidade, sen recoñecemento social, sen tempo libre nin vacacións, illados en aldeas, algo moi distinto do que se chama "turismo rural". Velaí o crecemento continuo da cidade e das vilas a conta dese éxodo xa imparable que convertirá a nosa provincia nunha grande reserva natural na que poder facer campionatos para cazar raposos etc.

Anónimo dijo...

Sempre imos chegar a ise punto. Ten que quedar claro unha cousa, que si seguimos sendo obxectivo número 1 ou como é agora, Converxencia, é polas provincias do interior. Agora ben, onde rinden mais istes fondos? No eixo da autopista do atlántico ou no interior dos páramos de Lugo e Ourense? Onde se lle sacan rendementos mais rápidos a ises fondos, no eixo ou no páramo? E moi bonito que che manden cartos e que rematen na costa pra facer paseos, etc., mentres no interior seguiremos a pedir esmola... e berrando no deserto (os votos a arrapañar nos páramos son moitos menos).