Linguaxes dos primeiros 70 para o mundo do século XXI
Conste que non quería volver sobre o "caso Gómez-Valadés": pola miña banda, estaba todo xa dito e neste blog tamén se escoitaron todos os argumentos posibles (sen censura ningunha).
Pero despois de ler os artigos de Guillerme Vázquez no Faro e dese "valor emerxente" que asina Xabier Igrexas en Xornal.com, quero manifestar que estou totalmente de acordo coa análise que fai M. Bragado en "Volta de torca" (Brétemas).
Estase a demostrar que o intento de expulsión de Gómez-Valadés (que xa ten moral, o home!) é moito máis que un caso ou unha anécdota: é un debate transcendental para o nacionalismo de hoxe e do futuro. Pon en cuestión a liberdade de expresión e a auténtica concepción de pluralidade do modelo do nacionalismo para este país. A min lembroume, xa o contei en Brétemas, cando a algúns nos alcumaban como "culturalistas" dentro da UPG (tamén eu pasei por esa casa e non son ningún renegado, aínda que algúns non me creran). Ou cando se me encargou un informe para que os militantes de base non leran revistas tan perigosas como Teima ou El Viejo Topo, que seica deprimían a algúns militantes. Ou cando nunha célula se prohibiu discutir El origen de la familia, la propiedad privada y el estado, de F.Engels, porque os militantes non tiñan nivel e ó mellor o entendían ó revés.
E como algúns calan, supoño que por medo e porque hai eleccións ás voltas, e outros opinan cos argumentos das críticas internas da UPG dos primeiros 70, por iso quixen manifestar aquí de novo a miña solidariedade cos que levan esta loita adiante dentro do BNG.
Aínda máis, se alguén non asinou e está de acordo co que eu estou a dicir, xa sabe onde (militantes e non militantes): carta aberta a Anxo Quintana.
PAISAXES CON MÚSICA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
Someday Soon (1977)
Firefall
Hace 5 días
55 comentarios:
A verdade é que o cachorro do BNG (quen carallo outorga o pedigree de valor emerxente?: teñoo escoitado tantas veces de tantas persoas que non chegan nin a categoría intelectual de Karina Falagan) emprega unha linguaxe tecnocrática que mete medo. Onde ensinan a escribir así?
De tódolos xeitos, e con ánimo de incordiar (xa que estou dacordo, como fixen noutros lugares, coa denuncia), non lles parece que esta liorta non tería lugar de non ser Valadés persoa destacada e coñecida e, polo tanto, que conta cos apoios necesarios? Está todo o día nos xornais en entrevistas e rodas de prensa onde fala constantemente de caza de bruxas, proceso inquisitorial e palabras dese groso calibre. Non dubido da súa condición de víctima (mesmo teño constancia, xa que lle chamaron, miña madriña, axente do Mossad), pero atopo excesivo o protagonismo acadado. Non coñezo semellante proceso mediático en outros casos parecidos. E volvo a decir que é só un comentario cum animo belli. Ou sexa, de puro avogado do diaño toccacoglioni. Tómenme coma tribunal da probable comisión que avaliará o caso e que de seguro sacará o tema de que se lle dan bazas á dereita e cousas polo estilo.
Eu só quero preguntar unha cousa, é certo tal e como se dí na rede que: ¨ha llevado al diputado Francisco Rodríguez, en una asemblea general, a asegurar que los únicos amigos posibles de su partido son la Cuba de Fidel, la Venezuela de Chávez y, ¡ay!, la República Islámica de Irán¨. Por que xa podemos ir cantando o de: ¨Ayatola no me cortes la pirola..¨
Eu xa amosei, con nick e con nome real, o meu rexeitamento a esta ignominia que se pretende cometer co señor Valadés, a quen non coñezo de nada.
Quixera colgar agora aquí -e supoño que non lle parecerá mal- a opinión de Manolo Barreiro, amosada no seu blog Dpaso. E digo o nome do autor, porque non é -nin el o ten pretendido, coido- ningún secreto.
3.13.2007
O castiñeiro de Ana
Acordaron talar o castiñeiro co que Ana Franck medía os días e o avance das súas esperanzas. Unha doenza roe imparábel a vedraña árbore. A inevitabilidade da tala é consecuencia do desleixo, se a árbore tivese a mesma importancia para as autoridades de Amsterdam que tivo para a cativa Ana, o castiñeiro sería, desde hai décadas, obxecto de agarimosos coidados para protexelo das pragas e das agresións da contaminación. Coidado como un monumento á memoría tería aínda máis longa vida.
Escribo da árbore cando tiña que estar expresando a miña máis radical disconformidade co expediente de expulsión que o BNG da comarca de Vigo incoa a Pedro Gómez Valadés, militante nacionalista e presidente da Asociación Galega de Amizade con Israel. Se o BNG coidase agarimosamente da súa pluralidade con toda certeza nunca se tería iniciado este proceso cangado de sobrado dogmatismo inquisitorial.
Adianto que sinto escasas simpatías históricas polos gobernos de Israel e menos aínda polas súas políticas nos territorios ocupados. Agradezo, con todo, que haxa unha asociación galega que nos achegue contraste de opinións e que o faga coa vontade ademais de contribuír á procura dunha saída pacífica, negociada e perdurábel que recoñeza tanto a existencia e dereitos do Estado de Israel como os dereitos e existencia dun Estado palestino. Veríalle nula utilidade a calquera asociación que se dedique a xustificar os desmandos de Israel e que aplaudise, sob pretexto da súa seguridade nacional, a vulneración dos dereitos humanos ou o militarismo expansionista.
Até onde sigo o seu labor, apaixonamentos e quenturas tácticas á parte, AGAI pertence á caste de asociacións democráticas e útiles. Digo máis, para min constitúe un motivo de tranquilidade que o seu presidente sexa un militante do BNG, a quen teño por persoa respetuosa coas liberdades e os dereitos dos pobos, de todos os pobos, comezando polo seu.
O BNG vigués nunca debería aberto este proceso disciplinario que, lonxe de achegar calquera claridade ideolóxica, embafa moi ao contrario a credibilidade democrática da fronte nacionalista. Faille máis mal a intentona depuradora que a mantenza mesmo dunha discrepancia interna sobre AGAI, o seu presidente e as súas posicións políticas amigábeis co Estado hebreo. Non é o «antiimperialismo» do BNG o que está posto en cuestión, é a súa capacidade de conducir un debate de ideas sen mordazas, corsés ideolóxicos e imposicións de partida. Non é o pluralismo, senón a inconsistencia das posicións políticas do BNG sobre o que acontece no mundo o que dana a súa fondura democrática.
Teño unha confianza. ás veces excesivamente ilusa, sobre a intelixencia colectiva das organizacións e confío en que non se adoite decisión ningunha que prive a Pedro Gómez Valadés dos seus dereitos, do seu fundamental dereito a defender libremente as súas ideas na sociedade galega e no BNG. Quero poder contar coa súa liberdade de decir e debater; se non considero atinadas as súas posicións políticas retrucareillas con tanta paixón como razóns atope, coa mesma forza coa que agora lle achego a miña solidariedade e o meu apoio.
Se tivesen prestado maior atención á importancia que o castiñeiro tiña para Ana, compridamente coidado, hoxe non habería que talalo. O desleixo democrático apodrece ás organizacións, moito máis se non sei coida delas cun debate plural, tolerante e construtivo e se estigmatizan as posicións menos compartidas. A pluralidade é un sinal da viveza e a intelixencia colectiva das organizacións, unha condición irrenunciábel da súa democracia.
Baixo unha árbore morta ninguén procura abeiro. Baixo unha organización que descoida a súa plural liberdade, tampouco.
O problema é se a Quin lle sopra o aire entre as pernas.
Non pode ser que o máximo dirixente dun partido -ou o que sexa- se inhiba nun tema que ten que ver coa liberdade de pensamento e de reflexion.
Se algo está claro, é que todo é moi complicado. Que nin Arafat era Deus nin os Israelís -eles con varias caras por iso da democracia-o demo.
Hoxe, coas cousas que pasaron, pasan e choven, desde as torres xemelgas -¿Cantos cínicos, sen entender nada pensaron, "estálles ben"? a Madrid, Londres, Bali, etc. Hai moito que pensar, falar, reflexionar. Hai que repensar a esquerda e o mundo. E para iso cómpren voces inéditas. E israel, desde hai décadas foi o puro demo do que nada se quería saber... e alí, hai de todo como en todos os sitios...
Que o que lle colgue ao Quin sexa suficiente para facerlle sombra aos amigos de Irán e Cuba.
Estimado Marcos Valcárcel. Non vos estará cegando a vosa vivencia dos 70 coa realidade actual?
Para elric:
as miñas vivencias dos 70 son só lembranzas e non significan máis que iso. O malo é que as actitudes de hoxe e artigos como os de Guillerme Vázquez e Xabier Igrexas fanme ver que as cousas non mudaron tanto: algúns seguen pensando nas mesmas claves, esquemáticas e sectarias.
Boa noite, estou de volta.
Non me estenderei sobre o tema, dado que mañá probablemente aparecerá outro artigo meu, ao respecto en xornal.com. Considero que probablemente o autor do que aquí se comenta incorreu nun abuso terminolóxico, ao mellor por impericia verbal. En todo caso, coido que ao mellor é figura emerxente no ámbito particular do BNG que podemos supoñer; pero para acadar dimensión importante na globalidade aparenta falta dalgunhas coceduras.
O que di o Arume paréceme bastante adecuado. Non hai dúbida de que Valadés, mediaticamente, faise valer, e non digo que ilexitimamente. Posiblemente sexa tamén obxecto de animadversión persoal polo seu perfil militante.
Pola contra, e segundo a miña percepción, o Etxeokai é parcial de máis. Paréceme obvio que Quintana debe respectar de maneira absolutamente escrupulosa os tempos e procesos internos. O contrario, por imprudente, sería impropio da súa posición e cargo.
Isto vai lento. Pero é ben interesante.
Perdón, amigo González: pero como lle foi pola capital do imperio? Conte, que de xuderías aquela cidade sabe moito e, polo tanto, non nos saimos demasiado do tema.
Ben que me lembrei desta casa de camiño para a Sinagoga do Tránsito.
Toledo, unha descuberta, segundo xa contaba. Foi mágoa non poder completar a visión das tres culturas mediante visita á Mezquita da Luz, pero o tempo -e certa mala comprensión do material guía- aconselloume deixalo para outra vez.
Deixando de lado outros aspectos, por non prodigarnos en exceso, e indo a aquilo sobre o que me inquire: desde o 1998 tiña designio de visitar o Museo Sefardí; fixera eu daquela un amplo traballo sobre a linguaxe xudeo-española (inadecuadamente chamada nalgún lugar "ladino"), lera en libros e procurara información na rede. Agora, coñecer as historias de Samuel Leví, outras sobre a diáspora e visitar as dúas sinagogas deben axudar a comprender -en parte polo menos, e sen xustificar excesos presentes- o irredentismo hebraico e a resolución de construír unha patria para os dispersos. Trouxen dous libros ben interesantes: un dicionario do mundo xudeu e unha monografía clásica (de Paloma Díaz Mas) sobre o mundo sefardí.
Polo demais, un tempo extraordinario para andar por fóra: vinte e un graos o domingo. A praza de Zocodover era puro e acougado bulir. Lastimosamente, non me puiden achegar ao Parador, e iso que tentei facerlle un sitiño.
En realidade, contra o que di o señor Arume (coa máscara de avogado do diaño), casos parecidos a este non recordo eu moitos na política democrática nos últimos tempos. Fago memoria e non, non lembro nada semellante. O único que podo emparentar con este caso, e aínda así hai distancias grandes, é o do PCE e IU cando estaban dirixidos por Julio Anguita e expulsaron a Rafael Ribó e a Anxel Guerreiro por non consideraren que o PSOE era o demo e o inimigo a abater.
Eu comprendo perfectamente que dende algunha militancia nacionalista, mesmo da que non está de acordo coa expulsión de Valadés, se observe con prevención e mesmo con crecente xenreira a súa continua aparición nos medios de comunicación. Todas as persoas que militan nunha organización política desenvolven inevitablemente vínculos afectivos con ela, aínda que só sexa coas siglas que a representan e, por suposto, coa idea que encarnan. Pero eu creo que Gómez-Valadés non fai máis que exercer a autodefensa, sobre todo despois de que aparecesen artigos como os aquí citados. E aínda que non fose así, Valadés estaría dando lexitimamente unha batalla que vai máis alá do persoal e que atinxe á súa idea, compartida polo que se ve por moita máis xente, sobre o pluralismo e a liberdade de expresión no Bloque Nacionalista Galego. O "caso Valadés" é a metáfora ou a representación -non ficcional, pero si dramática- dunha batalla sobre que tipo de organización debe ser o BNG. E isto, á súa vez, vai alén do meramente organizativo: ¿é o BNG unha "organización de masas" na que un feixe de militantes esclarecidos pola súa militancia ou afinidade co anacrónico partido de vangarda teñen a potestade de dictar ortodoxias, pensamentos e actitudes en relación con cada aspecto conflitivo da realidade? ¿Ou é unha fronte plural que reune aos nacionalistas, teñan a ideoloxía que teñan, respetuosa da diversidade ideolóxica e das diferentes posicións que poidan xurdir en cuestións sometidas a debate e discusión e que non afectan directamente ao cerne político e aos principios fundantes da organización?
Eu sigo esperando -e crendo- que o silencio de Quintana é fillo da prudencia e da acción discreta, non da inacción submisa ou medroña.
Interesantes preguntas de leituga un. O problema é que no benexé non saben aínda o que queren. Boeno, a UPG si sabe o que quere: manter o status quo actual. Nin ser un partido político nin unha fronte plural, porque en ambos os dous casos perderían o poder. É mediante este sistema de cotas, representantes, compromisarios e independentes dependentes (deles) que poden exercer de policías ideolóxicos sobre os Valadeses de turno.
O día que o BNG se abra de verdade á sociedade, o día que o BNG sea o partido da intelixencia, xa se poden botar a tremer tanto o PSOE (parece que Touriño botou man dun intérprete para facerse a afoto con Lula) como o PP (o partido ao que, in illo tempore de Fraga, non lle tusían os fiscais.)
Sexa benvido, amigo González. Celebramos a súa volta. Cando publique ese artigo non deixe de avisarnos.
Leo hoxe A nosa terra e vexo que, a doble páxina, cartas ao director incluidas, a postura é unha. Creo que hai chamada de atención. Logo, non é estraña a escenificación completa (epistola ad quintanam incluida) da outra postura. E comprensible.
APc: xa está escrito o artigo: http://www.xornal.com/article.php3?sid=20070322111148. E moi ben escrito. Ao marxe das coinci/disidencias.
Grazas por difundirme e, sobre todo, por lerme. Estou á súa disposición, aquí -con permiso do amo- ou alí, para o que gusten dicir ou mandar.
No artigo probablemente se pode atopar algunha coincidencia coa análise do Leituga, máis arriba. Ora ben, tamén quería dicirlle algo: Valadés usa os medios para o seu caso e a súa causa, e fai ben. Pero non é precisamente un neófito, e parece claramente que foi xustamente el o primeiro en facer pública a cuestión; fíxose presente moito antes a súa voz cá dos detractores, abonda con repasar hemerotecas. Valadés é bo estratego e domina os recursos mediáticos dispoñibles; aos feitos me remito: repásese a páxina web de Esquerda Nacionalista e, particularmente, a da revista "Enclave", que se non me engano dirixe precisamente el.
Por outra banda: un dos aspectos positivos deste caso é o debate partidario e público que se suscita. Pero non tanto arredor da lexitimidade, para un pro-israelí, de militar no BNG coma arredor da toma de posición de calquera canto ao conflito palestino-israelí. É cuestión, discusión, que ben loxicamente se pode/debe dar en ámbitos europeos con sensibilidade e interese pola política, particularmente os progresistas ou de esquerda.
E o certo é que rara vez se da, aínda que a disensión e mesmo a tensión debe estar presente en máis sitios ca no BNG, se é que hai vitalidade e inquedanza máis alá do inmediato.
Xa o teño dito: o caso será único, pero por iso tamén se volve especialmente valioso. Á marxe do incomodo dos seus actores principais.
Pérez Igrexas retruca:
http://www.xornal.com/article.php3?sid=20070323075052
O texto está ben construído, e ten máis coidado coa terminoloxía. Non lle importará, supoño, que comentemos os seu contido. Se nos parece.
Confírmase o do arrebato do aparatchik.
Non pode derivar esto en acusacións ad hominem. Nun partido aberto, todas as ideas son discutibles, e eu creo que ámbalas dúas posturas políticas están ben artelladas. Outra cousa é que a maioría do BNG entenda que unha é máis asumible cá outra. Pero eso non debe implicar expulsión, que é do que se trata.
Pero se o expulsan, tampouco pasa nada, porque ha ser o BNG quen pande coas consecuencias. Son decisións que competen aos órgaos do propio partido. Desde fóra ou desde dentro pode haber presións, porque un partido, se quere gañar eleccións, debe ser algo máis ca aparato. Se atende as suxerencias dos seus votantes (moitas veces cautivos por descartes das outras opcións) ou non, será cousa que debe tratar o BNG.
Vexo, pola biografía de XPI, que milita desde neno no BNG (ten 23 anos) e ocupa cargos varios en asociacións e movementos sociais e escribe en infinidade de lugares. Tampouco é corda feble no debate: amosa poderío mediático.
http://www.xornal.com/article.php3?sid=20070323075734
Excelente, excelente. Reafírmome no gran servizo que este caso lle está prestando á causa do debate e intercambio de ideas políticas no país. Todo un canto, ademais, á altura crecentemente acadada polos seus medios de comunicación dixital.
Tómome a liberdade de reproducir aquí este último artigo:
Un anacronismo orwelliano: O caso Valadés. Xosé Manuel García
(viernes 23 de marzo de 2007)
Decepciona constatar a persistencia dun BNG prisioneiro, nos seus asuntos internos, dun sector ancorado en excesos propios de épocas pasadas. Aqueles tempos duros nos que a tiranía criminal do Ogro exterior atinxía tal magnitude que calquer cuestionamento dos dogmas supuña un espazo entregado ao inimigo.
Esta prática non é endémica da primeira forza do nacinalismo galego, que a comparte con organizacións políticas de dereita e esquerda, mergulladas nun maniqueísmo inducido no que afogan os matices. Matices que se converten en deslealdades, en traizóns. Sempre se é máis indulxente coa direita, á cal se lle supón unha férrea coeréncia ancestral, da que rara vez se afasta. Non é ese o caso da esquerda. Ésta, ficará sempre suxeita á análise das lexións do desencanto, que adoitan non pasarlle unha.
Pódeselle pedir ao BNG, sen risco a parecer desencantado, que erradique a anacrónica inércia que o lastra na resolución das discrepáncias internas. O caso de Pedro Gómez-Valadés, o militante de Vigo presidente da Asociación de Amizade Galiza-Israel (AGAI) é significativo. É lexítima a crítica razoada á política exterior israelita, digna en muitos casos dunha severa reconvención, pois a sociedade de Israel -vítima dun acoso sistemático do seu entorno que xa se ten prolongado de máis-, tende a abandonarse a excesos inadmisíbeis na sua pretendida autodefensa. Contodo –mesmo as súas sombras-, a pluralidade da sua sociedade, o carácter democrático de Israel e a súa condición de elemento de estabilización ocidental no Oriente Próximo, son factores nesta altura incontrovertíbeis.
A liberdade de calquer militante dun partido político para actuar na sociedade como cidadán ten lugar ao abeiro de princípios que se formulan nas declaracións universais de direitos humanos, e forma parte da tradizón europea sobrevivente aos totalitarismos. Existen límites, como é lóxico, suxeitos aos princípios ideolóxicos de cada organización política (máis ben, á prática coerente deses princípios, tan escasamente habitual nos seus líderes) e á ética, mas á pertenza a unha asociación como AGAI, non é, a todas luces, un deles. Considerar “imperialista”, como se dí, un pais como Israel, obrigaría a incluír no pacote a Rúsia, Sérvia, Iraque, ... que non producen precisamente fóbias entre os sectores que agora avogan pola persecución deste militante. Ademais, unha sombra pairaría sobre o BNG. Quen serian os próximos? Os cristiáns, os sindicados en organizacións non nacionalistas, os reintegracionistas, os conductores de Audis, os profesores de Literatura Española, os vinculados ao Opus Dei, os que falan español aos fillos...?
O que semella estar realmente en xogo é a credibilidade do BNG na sociedade galega. O titánico esforzo organizativo e programático realizado ao longo dos seus vinte e cinco anos de existéncia tense caracterizado pola progresiva adopción dun discurso construtivo, plural, aberto á evolución desa sociedade. Discurso que implicou renúncias e contradicións, mais que ten concitado importantes apoios sociais entre a cidadania. Discurso construido –non deve esquecerse- rebatendo os estigmas que sistemáticamente lle foron impostos desde toda parte. A dureza do camiño percorrido até ser forza de Governo, exixe que a Dirección non outorgue carta branca a quen pretenden impor o ferro sobre a razón, reservando o réxime disciplinar para situacións que realmente o exixan (nepotismo, uso inapropriado dos cargos orgánicos ou institucionais, corrupción,...).
George Orwell, home que morreu novo mais viveu coa raiva do adolescente, soubo o que foi a entrega feroz ás suas ideas, e recoñeceu o erro de ceder terreo á ortodoxia inquisidora. Deste xeito, padeceu a purga dos correlixionários, que nen repararon en que o Ogro que tiñan diante –outravolta o Ogro- non ia facer diferenzas entre represores e represaliados.
Foi Orwell, en definitiva, o que ilustrou, en “1984”, o absurdo ao que por veces nos conducen os movimentos de liberación do ser humano cando ceden á tentación de renunciar ao propio ser humano:
“- Cantos dedos hai aquí, Winston?
- Catro.
- E se o partido dí que non son catro, senón cinco?
(…)
- …os que queiras, mais acaba de vez. Detén esta dor”.
Lembremos que Orwell morreu, con todo, reafirmándose na sua condición de socialista demócrata. Todo un mérito, que deveria inducir á reflexión.
Quixera coñecer máis datos desta "promesa emerxente" que atende ao nome de Xabier Pérez Iglesias.
No "currículo" deste mozo de 23 anos ponse que pertenceu e pertence a un sennúmero de organizacións sociais (non poucas delas de escasa ou nula actividade) e tamén que colabora coa prensa.
Sen embargo, omítense datos máis convencionais, pero que son fundamentais para que os cidadáns que queremos estar informados -e alén das pertensións de "inflar" artificiosamente unha traxectoria inevitablemente curta dada a idade do personaxe- nos poidamos facer un acaído perfil do mesmo: estudos, profesión, etcétera.
Agradécese información veraz e contrastada.
Xabier Pérez Igrexas, novo colaborador de GZnación.
http://www.gznacion.com/web/notic.php?ide=1066
Na noticia aparece unha reseña persoal máis completa.
Acabo de atopar outro artigo do Xabier Igrexas, en Vieiros.
http://www.vieiros.com/opinions/opinion/34/querote-non-te-quero
Grazas pola información, amigo anómino.
En efecto, en Gznación sae algún datiño máis do currículo desta “figura emerxente” que non figura na ficha de Vieiros.
Con todo, non deixo de quedar desinformado, pois non entendo moi ben que quere dicir unha redación tan esotérica como a de que “Profisionalmente está ligado á dinamización xuvenil, traballando actualmente nunha importante consultoría especializada no terceiro sector (organizacións non lucrativas)”.
E seguimos sen coñecer que estudos ten. E conste que se non os ten, non pasa nada, porque hai xente moi capacitada que non posúe estudos formais. Pero, en fin, se acaso os tiver deberían ser consignados, penso eu, para unha maior clarificación do perfil do personaxe.
Ah, e retiro a insinuación de currículo inflado, porque, quizais poñendo a venda antes da ferida, fronte a un currículo como o que aparece en Gznación non queda máis que asentir, sobre todo con este parágrafo: “Pese á súa xuventude, conta cunha dilatada traxectoria política e social, participando en diferentes foros e plataformas políticas e cívicas: Plataforma Antitaurina de Vigo, Foro Galego de Solidariedade coa Revolución Cubana, Plataforma Cidadá Nunca Máis ou o Instituto Galego de Estudos Veciñais”.
Por certo que teño gran interese en coñecer as publicacións e as actividades dese instituto de estudos de tan suxestivo nome.
Alguén pode informar veraz e contrastadamente?
A prosa e argumentación de Pérez Igrexas, decididamente, mellora nas últimas entregas. Con todo, apuntaría eu algunha cousa, por se consideran interesante seguir comentando.
Primeiro, malia a mellora escribe mal a palabra "lobby". Ademais, non sei se resultará ben equilibrado considerar tal cousa a AGAI, se ben admito que aí cabe a apreciación de parte. Por certo, sen acritude nin -espero- inmodestia: pasaremos os contertulios desta casa xa por "lobby" no país?
Segundo, as evidencias, para min, confírmanse: non querían un debate público, e o argumento xustificador non pode ser outro: cousas "de dentro"; grave erro, o BNG é cousa demasiado grande e importante para iso. Veñen á palestra porque non queda máis remedio e a xustificación é saír ao paso do "lodazal dialéctico". Bonita perla, da que non sei se me tocará algo. Podía, iso si, resultar máis orixinal, como tamén a imaxe de "arremangarse"; a épica do traballo xa vai pedindo novas retóricas.
Parece haber un intento -detéctoo neste e outros comentarios- de agrupar e aumentar forzas considerando todo isto como "ataque ao BNG" e non crítica dun modo de concibir a política dentro del. De novo o recurso á sinécdoque: non se meten comigo senón con todos.
Novidade que tamén outros recollen: citan coma testemuña de cargo a John Dugard, autor dun informe ante a ONU absolutamente crítico coa política israelí e que non xulgo eu sen fundamento; digamos tamén, así e todo, que ten as súas críticas, particularmente porque insinúa a conveniencia dun único estado ("binacional", seica) e non dous. Por certo, nun comentario xa vin que o cualificaban como "informe da ONU".
Última novidade importante: aparentemente, a nova versión é que Valadés non foi expulsado e tal cousa está desbotada. Lean de novo o artigo e algúns comentarios a outros, incluído o meu. Sería noticia de relevo, se ben non é crible outra afirmación que se adxunta: o da expulsión sería falacia inventada por alguén, presumiblemente o propio Valadés.
Deixemos para o final a identificación e caracterización do "inimigo": Manuel Bragado e o dono desta casa, cuxa psicanálise resulta certamente suxestiva: "nostálxico", seica.
Non sei se, a través deles, a diana sería aquel nacionalismo que procura matices entre o branco e o negro. Espero que non, porque nesa casa -o nacionalismo- á que eu tamén me acollo, certamente non sobra ninguén. E podemos seguir falando.
Pero onde raios está ese novo artigo desta "lumbrera"? É que, nova mostra da miña torpeza, non o atopo por ningures. Alguén mo pode indicar, por favor?
Mire, case lle poño o enderezo do seu blog: http://contradiscurso.blogaliza.org/
O artigo que publica Vieiros é o primeiro. E ten máis para xulgar. Non se estrañe polos centos de comentarios, é spam.
Xa din, xa din por fin co artigo deste valor emerxente de –cómo era, ah, si- "de dilatada traxectoria política e social", publicado en Xornal.com.
E teño que amosar o meu entusiasmo polas súas palabras: “[calificanme] de `valor emerxente´ do BNG, inda que modestamente coido que resulta algo exaxerada a calificación”.
"Algo esaxerada", porén non falsa de todo: si señor, así se fala!
E é que un, aínda lucindo medalla de “neo-progre de vangarda” (valor emerxente dixit), tamén ten o seu corazonciño.
Aclaro que son eu quen se inclúe nesa nova categoría politolóxica de "neo-progre de vangarda", non o seu creador.
Ninguén me sabe informar dese Instituto Galego de Estudos Veciñais. Ou é que é outra asociación fantasma?
Mr. Google non axuda. Só aparece unha referencia á web da CIG; infórmase alí da participación do seu presidente en non sei que acto. Nome do presidente: Xosé María Baamonde Canle.
Lamento non ser de máis axuda. A ver se ten sorte, AP-C, eu téñolleme que ir. Bo domingo.
Si, xa vin que en Google só puñan ese dato que cita vostede. Pouca cousa, pois. Tampouco teño referencias dese presidente. En fin, a ver se alguén ten algún que outro dato máis substancioso.
Bo domingo e mellor semana.
Un dos señores que escriben no ANT desta semana, nesa clarificadora e propagandñistica dobre páxina, afirma que a solucion para o conflito árabe-israelí é que Irán se faga dunha vez cunha ducia de bomas atómicas. Outro confésase instigador do caso Valadés e mesmo como delator do réprobo. Outro négalle ao pobo xudeo condición nacional. Non se di nin unha palabra da carta enviada a Quintana por máis de 150 persoas, varias delas algo máis que "figuras emerxentes" dentro do nacionalismo galego.
Que está a pasar aquí? Tamén ANT volve á ortodoxia e á consigna? É posible que un caso coma este non se considere na prensa nacionalista nin sequera como debatible?
Desculpen que non saudase. É a primeira vez que escribo algo neste blog, que leo, porén, con asiduidade. Boas noites a todos e noraboa polos seus debates.
XPI publica un novo artigo a respecto do tema en Xornal.com
http://www.xornal.com/article.php3?sid=20070326102418
Eu supoño que xente que abandeira de tal modo unha postura dentro do BNG responderá cando as cousas veñan mal dadas. Porque se pertence a tantos cargos do partido en Vigo e despois o partido perde as eleccións, terá tamén a responsabilidade de dimitir, por moito que o "aparello mediático globalmente hostil" (e particularmente encantado co BNG por mor do PXOM e receptor por outra banda do artigo de Vázquez) consiga os seus obxectivos.
Monxardín dixit:
http://www.vieiros.com/opinions/opinion/35/de-galegos-e-xudeus
Decepciona a pobreza do novo artigo do "valor emerxente" en Xornal.com. Sinxelamente, é máis do mesmo, só que moito peor escrito que os anteriores. Nel pon un enlace incorrecto a un outro artigo de Valadés no Faro de Vigo, que me resulta imposible localizalo. Alguén pode indicarme?
O artigo de Monxardín está ben, pero paréceme retórico de máis.
http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pNumEjemplar=2940&pIdSeccion=5&pIdNoticia=125393&rand=1174715228561
Grazas, señor Xan, pero eu sonlle moi torpe nestas cousas e non din co artigo. Podería pegalo vostede aquí? Supoño que ao señor Valcárcel non lle ha parecer mal. Graciñas.
Aquí vai unha boa mostra do útil que resulta Pedro Gómez-Valadés e todo o circo que montou co da súa falsa expulsión (a día de hoxe segue a ser militante).
O amigo Pedro serve para dar argumentos aos inimigos do nacionalismo, e pq non dicilo, tamén da democracia:
Extracto do artigo "Ignominiosos y obscenos" de Horacio Vázquez-Rial en Libertad Digital:
"(...) si Paco Vázquez hubiese sido el candidato socialista a la presidencia de la Xunta, no cabe la menor duda de que podía haber ganado las elecciones y estar ahora gobernando en solitario; pero Zapatero no quería eso: quería cogobernar con el BNG (esa organización de comisarios stalinistas propalestinos que ahora persigue a su afiliado Pedro Gómez-Valadés por haber fundado una asociación de amistad Galicia-Israel), con el aliado nacionalista que, a cambio de una parte del poder en Santiago de Compostela, votará en el Parlamento de Madrid cuanto dislate se le venga a las mientes al mago de la alianza de civilizaciones. Ignominoso y obsceno."
APC: voilá.
Que doado é, tirando de tópicos de todo a cen, demagoxia barata e medias verdades (cando non mentiras completas) e coa axuda inestimábel da descontextualización, disparar contra o pianista. Porque non é, sen dúbida, o señor ex-deputado Guillerme Vázquez, opinador nestas páxinas do Faro, ningún orfebre da palabra. Mais teño a certeza de que si sabe o que debe dicir, cando e para quen debe dicilo. Así que "peitea canas" e cumpre a función que lle encomendan.
O 1 de decembro nacía en Santiago AGAI, a Asociación Galega de Amizade con Israel (don Guillerme terxiversaba con moi mala intención e dicía Amizade co "estado" de Israel). E nacía por iniciativa de homes e mulleres de toda Galiza, de todas as profesións ¡e de todos os partidos!. E para que a Asociación? Pois para fins tan perversos como:
* Recuperar o legado e a pegada que a presenza secular dos xudeu deixou no noso País.
* Combater a banalización cando non a directa negación do Holocausto.
* Achegar información alternativa sob o conflito árabe-israelí, que non é unha liorta entre bos e malos, senón un drama complexo no que acotío se vende como información o que só é propaganda.
Para algúns, nomeadamente o señor Vázquez, defender estes obxectivos é "imperialista" e, nunha lectura interesada e falsa, enfronta esa suposta defensa do "imperialismo" israelí (un país máis pequeno ca Galiza) coa postura "antiimperialista" do BNG. O señor Vázquez sabe que fóra dalgunha resolución perdida, o debate sobre esta e outras cuestións fica pendente. Non hai nada nos textos do BNG que confirme a suposta contradición entre ser socio de AGAI e militar no BNG. A propia Executiva do BNG admitiu que hai unha "discoincidencia" non unha contradición.
Pero o que si recollen os estatutos do BNG, é o dereito á discrepancia pública, e non como un adorno senón como unha cláusula de salvagarda democrática. Nunha interpretación empobrecedora e interesada, este dereito é para algúns un simple artigo engadido por imperativo legal. Comparar a lexítima discrepancia que poidamos ter moitos militantes do BNG, con supostos como os esgrimidos por Vázquez, de "defender que Galiza é unha rexión, que o galego non debe ser defendido ou que a discriminación de xénero ou racial é defendíbel" é ademais dun insulto á intelixencia dos lectores, unha quentura pobre e demagóxica de quen tivo altas responsabilidades no BNG.
Si señor Vázquez, este é un problema de liberdade de expresión. E o BNG, unha forza que está no Goberno da Galiza, non pode pretender o respaldo maioritario da sociedade e ao mesmo tempo cercenar a liberdade de opinión e asociación. Se así actúa contra os da casa -preguntaranse moitos galegos-, que faría cos de fóra ese BNG do señor Vázquez se poidera actuar sen disimulo? Eu, e os que militando no BNG somos socios de AGAI defendemos un BNG plural, democrático, tolerante, e aberto. Por iso remato preguntando: E se son xudeu?. En fin, confío en que este despropósito remate axiña e remate ben. Porque eu quero que no BNG o señor Vázquez e os que coma el pensan, poidan defender as súas lexítimas ideas, e que aos demais nos permitan discrepar sen que iso sexa motivo de acoso ou linchamento. Coma dixo Voltaire: "Estou en completo desacordo con vostede, mais daría a miña vida para que vostede poidera seguir defendendo o que pensa".
O amigo Horacio Vázquez Rial seguiría pensando o mesmo do BNG sen acudir na súa axuda Valadés. Pero Valadés, por esa opinión, pode quedar sen argumento. Que se vai aproveitar a dereita deste asunto? É lícito. Eu tamén o faría e o fago cando destaco a Evaristo Nogueira. Esa é a política. O que non se pode é utilizar ese suposto argumento para calar aos rebeldes, por moi mediáticos ou circenses que poidan resultarlle. Ou é que o BNG non é un partido mediático e os seus dirixentes non o son?
O argumento do Arume non ten volta; e Fartodememeces amósase tan atrabiliario coma consabido.
A cuestión é que tales tópicos non funcionan: nin calamos por medo ao inimigo, nin confundimos o todo coa parte nin practicamos (máis ca se un cede ao cansazo) o "laissez faire, laissez passer".
Farían ben en ilustrarnos: non son partidarios do debate público en cousas de interese público? A súa concepción do BNG pasa por taparlle as súas cousas ao común da cidadanía? E o aspecto máis perentoria, polo que algúns mantemos este tema na nosa permanente actualidade:
Moi ben, Gómez-Valadés segue sendo militante. Renunciaron os promotores da expulsión a que o seu propósito actual siga adiante?
Ata o día 30, de momento, manteño o caso na miña portada.
Modificación imprescindible para o penúltimo parágrafo da mensaxe anterior:
Moi ben, Gómez-Valadés segue sendo militante. Renunciaron os promotores da expulsión a que o seu propósito inicial siga adiante?
Agradecería unha resposta, se ben teño paciencia para agardar.
Conseguín o artigo de Gómez-Valadés no FARO e ademais a versión completa, pois no xornal saiu reducido por motivos de espazo:
SR.GUILLERME VÁZQUEZ, AS MINORÍAS SI TEÑEN DEREITOS
Pedro Gómez-Valadés
Que doado é, tirando de tópicos de todo a cen, demagoxia barata e medias verdades (cando non mentiras completas) e coa axuda inestimábel da descontextualización, disparar contra o pianista. Porque non é, sen dúbida, o señor ex-deputado Guillerme Vázquez, opinador nestas páxinas do Faro, ningún orfebre da palabra. Mais teño a certeza de que si sabe o que debe dicir e o que é quizais máis importante, cando e para quen debe dicilo. E como home que “peitea canas” cumpre perfectamente a función que lle encomendan. Repasemos os feitos:
O pasado 1 de decembro nace en Compostela a Asociación Galega de Amizade con Israel (e non como sen dúbida con moi mala intención di o señor ex-deputado “Asociación Galega de Amizade co “estado” de Israel). Nace a Asociación da iniciativa dun amplo grupo de persoas, de toda Galiza, de todas as profesións e o que é máis importante, de todos os partidos. E para que a Asociación? Esta é a pregunta que cae en todas e cada unha das entrevistas que tiven a ben responder, unhas por mor do feito en si do nacemento da Asociación e outras, lamentabelmente a causa da pretensión que desde algúns sectores do BNG intentan forzar unha suposta incompatibilidade entre militar no BNG e participar dunha asociación legal e con fins claros e públicos. E que fins se marca AGAI? Nos principios básicos do Manifesto Fundaciónal de AGAI, e obviamente nos seus Estatutos, fican claros:
* Recuperar como parte da nosa Memoria Histórica como galegos e galegas o legado, a pegada que a presenza secular do pobo xudeu deixou no noso País.
* Combater a banalización cando non a directa negación do Holocausto. Porque agora que por lei de vida, as persoas que foron testemuñas directas daquela barbarie que asolou Europa no corazón do século XX, comezan a desaparecer, cómpre manter máis viva que nunca para as futuras xeracións, esta dramática lección do que a intolerancia, o totalitarismo e a xenofobia foi quen de xerar.
* Achegar información alternativa á que desde moitas e variadas fontes recibimos cada día a propósito do conflito árabe-israelí. Porque contra o que algúns poidan pensar, non é este un conflito de bos e malos, en branco e negro. É un drama complexo que require dotarse da maior obxectividade posíbel procurando non caer na trampa de elevar a categoria de información o que só é propaganda.
Pois ben, seica para algúns, nomeadamente o señor Vázquez, defender estes obxectivos é “imperialista” e, xa que logo, nunha lectura interesada e falsa, enfronta esa suposta defensa do “imperialismo” israelí (un pais máis pequeno que Galiza) coa defensa que o BNG fai do antiimperialismo. Pretender dar máis información é para algúns un delito. Afirma o señor Vázquez que ser socio de AGAI e militar no BNG é “defender ideas contrarias”. O señor Vázquez sabe tan ben coma min, que ademais dalgunha resolución, algunhas liñas perdidas, o debate no seo do BNG sobre esta e outras moitas cuestións fica pendente. Non hai nada, nada, nos textos do BNG que confirme a suposta contradición que suporía ser socio de AGAI e militar no BNG. Como a mesma Executiva Nacional do BNG manifestara en primeira instancia, hai unha “discoincidencia” non unha contradición. E o que si aparece nos textos do BNG, e o dereito á Discrepancia pública. E o Dereito á Discrepancia pública non é un adorno nos Estatutos, é unha clausula de salvagarda que toda organización democrática debe ter para poder acollerse a ela, e manterse como tal, democrática. Nunha interpretación empobrecedora e interesada dos textos do BNG este dereito seica é para algúns, un puro e simple artigo engadido por imperativo legal. Comparar a lexítima discrepancia que unha visión alternativa ou complementaria do conflito poidamos ter moitos militantes do BNG, con casos supostos de “defender que Galiza é unha rexión, que a lingua galega non debe ser defendida ou que a discriminación de xénero ou racial é defendíbel” é ademais dun insulto á intelixencia dos lectores, un argumento impropio por pobre e demagóxico de quen tivo altas responsabilidades no BNG. Se todo o que o señor ex-deputado pode argumentar é isto...
E si señor Vázquez. É un problema de simple e pura liberdade de expresión. Aínda que así non o queira recoñecer quen pretende limitala. Non pode o BNG, forza que non esquezamos ten responsabilidades de goberno na Xunta, pretender ser unha opción que aspire a acadar o respaldo maioritario da sociedade galega e ao mesmo tempo cercenar inxustificabelmente a liberdade de opinión e de expresión no seu seo. Cal sería a percepción que a sociedade galega tería dunha organización que así actúa contra os seus propios militantes? Se así actúa contra os da casa, que faría cos de fóra ese BNG que o señor Vazquez defende, de ter maiorías que o facultaran a actuar sen disimulo? A oferta plural e democrática do BNG é real ou é un decorado de cartón-pedra? Eu e os que sendo militantes do BNG somos tamén socios da Asociación Galega de Amizade con Israel, defendemos un BNG plural como a sociedade que quere representar. Democrático, tolerante, e aberto. Un BNG que así é recollido nos nosos textos. Cumprir con ese BNG casa común de todo o nacionalismo, de todo o galeguismo, é un mandato imperativo para todos e cada un dos que participamos, sexa no nível que sexa, da construción dun BNG máis amplo, moito máis amplo e que sexa quen de gobernar o noso País sen que esa posibilidade produza arrepios a ningún galego. Despídese o señor ex-deputado Vázquez cunha simplona descualificación de Pilar Rahola. É moito máis fácil desde logo a descualificación que a contraargumentación. Sobre todo, cando non se teñen argumentos como semella é o caso. Eu remato cunha reflexión en voz alta: E se son xudeu? Segundo o señor Vázquez e os que coma el negan o meu dereito a pertencer a Asociación Galega de Amizade con Israel e militar no BNG, se sendo xudeu participo dunha asociación de amizade con Israel non podo militar no BNG. Podería votar por suposto, máis non militar. Confío que este despropósito remate axiña e remate ben. Porque eu quero que no BNG o señor Vázquez e os que coma el pensan, poidan defender abertamente as súas lexítimas ideas. E que o señor Vázquez e os que como el pensan, me permitan discrepar sen que iso sexa motivo de acoso ou linchamento ningún. Coma dixo Voltaire: “Estou en completo desacordo con Vostede, mais daría a miña vida para que Vostede poidera seguir defendendo o que pensa”.
Con todo, Arume, unha precisión divagatoria: sen querer entrar agora no do PXOM de Vigo (case non lle levo dado xa ao tema), non parece que o Faro trate demasiado ben a Santiago Domínguez como candidato. Quería matizalo, non se vaia confundir isto co outro.
E volvamos ao que andamos.
En resposta á pregunta lanzada por X.M. González dicer que as propostas novas que poida plantexar calquer militante na Asemblea Comarcal, ou aquelas que inda sendo plantexadas decaian no transcurso do debate, só se saberán o propio día.
O bó da democracia asemblearia é que é dificil facer calculos e previsións, e é o propio debate o que determina as resolucións.
Agradezo a resposta, aínda sendo de libro, e quero aclarar os motivos da pregunta, que aparenta anticipante.
En relación co artigo da miña autoría presente actualmente na portada de Xornal.com, hai días que apareceu o seguinte comentario:
Asunto: mal informado
Autor: fidalgogaliza (fidalgo_galiza@yahoo.com.br)
Comentario:
Estimado sr. articulista, lamento que estexa tan mal informado. O Sr.Valadés non poderá ser expulsado como resultado da asemblea comarcal do 30 de marzo. A quen lle toca iso (como indican os estatutos do BNG) é ao consello comarcal, e xa se pronuncio e perdeu tal propostas, que deberia ter pasado pola comisión de garantias.
É ben triste pero é asi. Estou agardando a que se monte unha asociación de amizade cos EUA e a presida un galego, e visite mesmo a Bush. E tampouco poderemos facer nada. Non si?
E logo non sei que facemos defendendo a existencia de Galiza. Ao cabo os españois tratannos ben mellor que os israelies aos palestinos. Non si?
O mencionado texto, a diferenza do que aparente pasarlle a quen o remite, deume bastante esperanza. Como o seu teor literal, así e todo, aparenta un tanto confuso, quedei con dúbida. De aí a miña pregunta.
Xa dixen que tiña paciencia para agardar. En todo caso, unha apostila: o bo da democracia asemblearia é que pode pasar, en efecto, calquera cousa. O bo ou malo, depende, dos subgrupos organizados é que non sabes nunca que estratexia poden preparar, nin con que obxectivo primario ou sobrevido.
Cambios na estratexia mediática leva habido algún desde o comezo deste proceso (palabra usada sen segunda intención). Sobre incógnitas ou sorpresas, novidade ou decaemento -debo ler en clave?- espero ter boa información o día un de abril.
Señor Fartodememeces:
Polo pouco que eu sei, penso que non foi o señor Valadés o que se presentou nunha reunión interna do BNG de Vigo e dixo: expúlsenme, expúlsenme, por favor, señores, porque é a miña sibilina intención darlles armas aos comentaristas de dereitas contra o BNG.
Non, coido que ocurríu outra cousa ben diferente.
Daquela, quen lle deu armas aos comentaristas de dereitas contra o BNG?
Pois, obviamente, foron os que iniciaron o despropósito e propuxeron que Valadés fose expulsado, sen reparar nas consecuencias!
Aínda sabemos establecer relacións de causa-efecto, alomenos neste caso.
Uso a entrada número cincuenta para indicar un enlace: http://calidonia.blogaliza.org/2007/03/24/dous-bng-unha-virtualidade-real/, onde se analiza a peripecia internética do caso Valadés. É de ver a entidade á que ten chegado, proba da súa transcendencia. Nada que ver coa perspectiva que parecen manter algúns: asunto interno do BNG, quen conte algo é desleal, etc., etc. Parece mentira que algúns non se decaten da grande importancia que acadou a súa organización política. Lémbrame o caso da ave que esconde a cabeza debaixo da á; ou quen se nega a aceptar que o neno medrou.
Tocante ao blog en cuestión, resulta curioso que non se mencione este. Non penso que sexa das fontes menores de información e debate ao respecto. Aproveito, ademais, para nota persoal: o meu primeiro artigo, cando saíu en Xornal, levaba escrito ao pé dunha semana. As razóns da demora -en envialo, non en ser publicado polo medio- quedan fóra do caso.
Xa chegan case a 170 as persoas que asinaron a "Carta a Anxo Quintana". Os últimos proveñen de Arxentina, coido. Entre os asinantes hai algunha xente ben coñecida e relevante... mais boto en falta algunhas sinaturas que, na miña opinión, deberían estar a carón da defensa da liberdade de expresión que hoxe se explifica no caso Valadés.
Exemplifica, tiña que dicir.
170 sinaturas... vaia todo un record! Inda así non chegan nen tan sequer ao número de militantes do BNG, que son ao final quen toma as decisións, que se xuntarán na vindeira asemblea comarcal...
¿¿Unha causa tan noble como a defensa da liberdade de expresión, e un caso de "evidente atropelo" das liberdades fundamentais, que é como se presentou o caso de Valadés, non é capaz de mobilizar nen a dous centos de persoas, cando o único que hai que facer é asinar por internet??
Confirmase que o sentido común segue a ser maioritario.
O das 170 é simbólico, amigo “farto de…”, se é que chega a ler estas notas. Poderían ser 1700 e tería o mesmo significado. Ademais, moitas persoas, con cargos ou responsabilidades políticas,
non asinaron, de acordo co espírito da carta, para non enfrontarse con certa “nomenclatura”. E teño algúns amigos que tampouco o fixeron porque a carta está redactada e pensada “dende dentro do BNG” e como non son militantes preferiron non facelo.
É o memos 170 que 1700? Eis unha memez. Esa lectura enciclopedista, propia da ilustración despótica, deixa claro cal é concepción democrática dalgúns...
Entre tango gurú, e tanto iluminado... a un xa lle entra algo de medo...
Así pensaban os da Nomenklatura...
Publicar un comentario