22 mar. 2007


CLÍO NAS ONDAS
La Región 19 marzo 2007

Catedrático de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago, presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz (Xermade, Lugo, 1951) é hoxe un dos intelectuais de maior prestixio na contorna cultural e un dos historiadores máis respectados en toda España. Noutras ocasións témonos referido ós seus traballos historiográficos (o máis recente, a súa excelente “Historia de Galicia”, Galaxia, 2004). Pero hoxe falaremos dun seu libro que, cando menos en parte, soborda o seu campo profesional: “Clío nas ondas. De libros, persoas e sazóns” (tresCtres), que chega nestes días ás librerías.
“Clío nas ondas” recolle un total de 99 colaboracións que o historiador deixou nas ondas da Radio Galega entre abril do 2003 e xullo do 2005. Aínda que a perspectiva histórica está sempre latente, o historiador abre os seus campos de visión e reflexiona como un home preocupado polo seu mundo, polo tempo contemporáneo que lle tocou vivir: unha mirada tamén sobre o labor doutras reflexións intelectuais que marcaron as historias de Galicia e de España no último século. Hai pouco comentaba eu nestas páxinas “Años interesantes”, as memorias do historiador inglés Eric Hobsbawm: o traballo de Villares comparte unha común inquedanza co anglosaxón por explicar o mundo de hoxe, aínda que no caso galego non se trate dun libro de memorias.
Pluralidade. Como é lóxico, a actualidade marca o ritmo dos comentarios radiofónicos, nacidos da pluralidade e, ata certo punto, do azar: só ata certo punto porque o comentarista escolle a conciencia aqueles temas que lle interesan sobre o barullo asfixiante diso que chamamos “actualidade”. E resulta esclarecedor ver as perspectivas de escolla do historiador que deita na radio os seus comentarios: por suposto, a historia ten unha importancia primordial, pero ó carón do conxunto das ciencias sociais, da antropoloxía, a literatura, a política ou a comunicación. Quizais todo iso que se pode englobar na ampla etiqueta de Historia Cultural e que permite, a partir de perfís concretos, retratar un tempo con exactitude e intelixencia literaria.
Memorias. Por poñer algún exemplo, Villares amósase moi interesado nos libros de memorias: as do psiquiatra Castilla del Pino ou as de Constancia de la Mora e Maura, neta do político conservador, “de nena “pija” a comunista”, subliñando sempre aqueles aspectos destas biografías máis reveladores e singulares. Velaí tamén algunhas referencias intelectuais con peso de seu: Norberto Bobbio, o filósofo alemán Ernest Jünger, Claudio Magris e o soño da historia europea ou, en clave galega, Otero Pedrayo, Luís Seoane e Castelao, entre outros. En todas estas achegas hai riscos de interese e Villares sabe, con moi poucas liñas, focalizar a atención cara planos de extrema relevancia: na semblanza de Vázquez Montalbán, escrita dende a amizade, lémbrase o consello que o escritor catalán lles daba sempre ós estudiantet de xornalismo nas súas charlas: “antes de ler unha noticia, preguntádevos de quen é a propiedade do medio de comunicación que a dá”. En fin, achéguese o lector a “Clío nas ondas”: non se sentirá defraudado. (Na imaxe, un debuxo do artista Fiz Valcárcel, 1975. Que, ademais, é o meu irmán maior).

9 comentarios:

a.p-c. dijo...

Pois, daquela, haberá que lelo.

Anónimo dijo...

Pois si, haberá. Villares sempre é suxerente.

Moralla dijo...

Pois a min tamén me cautivou, e moito, o debuxo do teu irmán! tes que amosarnos máis de cando en vez!
Bicos

Anónimo dijo...

Pois abrirei esa caixa a percura do seu chispeante inxenio..
O cadro que ilustra o post, forma parte da memoria visual artistica dunha xeración en Ourense. Valcarcel, indudabelmente é un pintor con forza, apreciábase nas súas obras unha impronta sólida, unha espacialidade concisa e dura. Nese sentido distanciábase doutros pintores no intinerario visual da cidade, encontrabamos obras no Eirociño, no cortijo.... A min sempre me chamou a atención esa espacialidade, que semellaba apuntar ao escultórico ou arquitectónico, a forza no plano. O dibuxo a verdade xa o consideraba menos interesante.
Pois non estaría mal que seguise colgando mais imaxes, e de Xesus Vazquez tamén, un bo artista.
Jimy de Rairo

marcos valcarcel dijo...

Para Jimmy de Rairo: teño no meu arquivo un par de carpetas con moito material xenerado (catálogos, recortes, etc.) polo grupo de pintores ourensáns que se movían nos 70 primeiros arredor da Auriense: alí estaban Fiz Valcárcel, Perfecto Estévez, Xesús Vázquez, o seu irmán Xosé Luís Vázquez, ocasionalmente Baldomeiro Moreiras e Iñaqui Basallo, etc. Chamáronse inicialmente Grupo Galrexo e fixeron varios manifestos moi comprometidos (nunha liña nacionalista e social) e toda unha xeira de exposicións pola provincia ourensá e algunha fóra. Dediqueilles nunha ocasión unha páxina en La Región e en Galicia Hoxe: en calquera momento rescataremos ese material, se é de interese para algúns lectores/as (en todo caso é Historia de Ourense e dos seus artistas). Saúdos.
P.S.: consulto e matizo. Na primeira mostra da Auriense, 1975, autodenomináronse "Galicia: Estudio e Formas". Naquela mostra da Auriense estiveron Xesús Vázquez,ourensán; Laura L. Álvarez, de Lugo; Vázquez Diéguez, de Pontevedra; Antón Sobral, pontevedrés; Perfeuto A. Estévez, ourensán; Fiz Valcárcel, ourensán; Antón Patiño, de Vigo, e o escultor ourensán Iñaqui Vázquez Basallo.

Leituga 1 dijo...

Seguro que será un placer ler ese novo libro de Villares. Teño aínda moi fresca a súa nova "Historia de Galicia", que me parece un libro magnífico.

Anónimo dijo...

Interesante debe de ser a colección, Marcos. Curiosamente estes artistas compartiron un tempo e unhas ilusións, participaron da sinerxia do seu contacto dun xeito enriquecedor. Observar as súas obras, as súas obras de entón, xuntas, provocará interesantes reflexións e hai tempo xa dabondo polo medio para mirar dende unha profilactica distancia. Calquera observación, calquera reflexión calquera aventura analitica sobre eles enriquecerá o noso horizonte hoxe.

Anónimo dijo...

Esqueceuseme firmar
Jimy de Rairo
o artistiña

Anónimo dijo...

Nalgunhas das semblanzas fala máis de oídas que de lidas. Noutras o enxeño e a intución tapan a limitada erudición. Outras máis son boas.