21 mar 2007





















Pura Vázquez (Día Mundial da Poesía)

Hai menos dun ano que marchou e aproveitamos onte a celebración do Día Mundial da Poesía para relembrar a nosa poeta en Ourense. Fixémolo no Liceo con dous actos: unha mesa redonda con poetas e profesores arredor da súa vida e obra e unha tertulia con alumnos e alumnas de cinco institutos ourensáns, que recitaron poemas da autora de Se digo Ourense…, versos sentidos, auténticos, nacidos da súa forte personalidade creadora, afirmación constante da inefable verdade da poesía: “Ser unha ínfima parte. Un reverente/ latexo na lustral melancolía./ (...) Seguir sendo unha voz que canta e clama./ Arder na infinitude desta chama/ que ascende polos séculos e as rosas”. Creo que a ela lle gustaría este tipo de homenaxe, rodeada de voces mozas: ó cabo foi tamén mestra, moitas veces a súa voz encheu as aulas escolares e ós nenos dedicoulles varios dos seus libros. A poesía foi en Pura Vázquez un intenso latexar de amor á vida, a ela entregouse de cheo e sen repouso e así a lembraremos sempre: “Nos vrans do amor e as líricas lucencias/ alborecín coa música máis doce/ entre os violíns da pel transparecida. / E amo esta vida que en relembros morre./ Amo este relembrar que torna á vida”.l

Minicrónica do acto do Liceo

O recital poético da tarde foi un éxito. Máis de 25 alumnos (sobre todo mozas) leron poemas de Pura Vázquez, con moito xeito. Eu fixen unha semblanza introductoria da poeta. A súa irmá Dora, presente todo o tempo e emocionada, leu un texto de agradecemento. Todo o acto estivo cuberto cun Power Point con imaxes das poetas, sobre todo en actos do Liceo e ourensáns. Teresa devesa leu o poema "Hermana", dedicado por Dora a Pura, e Loli Conde, un texto do poeta Vítor Campio.

Ó cabo os compoñentes da sección (Teresa, Loli, eu mesmo, e ademais as profesoras Mercedes Álvarez e Uxía Méndez) fixemos unha lectura compartida do Manifesto en favor da poesía do poeta Fran Alonso (podedes velo no seu blog, Cabrafanada). Todo o mundo quedou moi satisfeito dun acto sinxelo, pero simbólico e emotivo (non durou máis de 70 minutos).

Dúas horas despois unha mesa redonda (con Teresa Devesa, Vítor Campio, Eduardo G. Ananín, Delfín Caseiro) detívose na obra da poeta ourensá. Campio falou da gran musicalidade e ritmo dos seus poemas e Delfín Caseiro estudou as obras de Pura para nenos e mozos e destacou, con datos contundentes, un feito que convén subliñar: Pura foi das primeiras poetas galegas en achegarse á poesía en galego na posguerra. No seu libro Peregrino de amor (Larache) e na sección Lira Galaica hai nove poemas en galegos, publicado no 1943. E dous anos antes, 1941, Pura xa publicara dous poemas en galego en La Región ("O castro" e "Os teus ollos"), só ós dous anos de rematar a guerra civil.

Andoliña Pan 21 de marzo (En comentario adxunto figura a relación de alumnos/as participantes. Na web do Liceo hai varias fotos deste acto).

8 comentarios:

Marcos Valcárcel López dijo...

POEMAS DE PURA VÁZQUEZ

Poemas en castelán
Ser y no ser
Lagoas
Se acuesta la ciudad cerca del río Lagoas
Romance de la pena sorda IES Celanova, UXÍA RODRÍGUEZ
Si yo fuese esa niña IES Celanova, ARANCHA ÁLVAREZ
Niño del Yaracuy IES Celanova, IRIA MÉNDEZ
Antonio Machado Doce Outubro, MELANIE ÁLVAREZ PAREDES
Ansia suprema Carballeira, FRANCISCA LOSADA
Camino sin regreso Carballeira DIEGO PUGA, VÍTOR MIRA
No estás solo (a Blas de Otero) Carballeira CRISTIÁN ALONSO
Angustia

Poemas en galego
Salto do Can se chama Lagoas
A frol do toxo Lagoas
Amante Lagoas
Canseira Doce outubro, MARÍA VILA LÓPEZ
Quero chegar a ti (n.14) Doce outubro, LORENA SALGADO COSTA
No amor humán achei espeso pole Carballeira PAULA CAMPOS e REBECA PADRÓN
Cando aquedada agardo e o sol se esconde Carballeira ALBA SILVA
Navegante da noite, ven Carballeira, LAURA BLANCO
Algunhas veces no meu ser a fondo Carballeira CATARINA FERNÁNDEZ
Quero chear alí onde o forte berro da raza xigante Carballeira, SANDRA CAMPOS
A cabeleira longa da chuviña
Rosa e malvís e merlo da soedade
Se digo Ourense
Rosalía de Castro
Te aguardo amor I. Blanco Amor, MIRIAM MARRA
A cidade das lembranzas I. Blanco Amor, DANIELA SAMPAYO
Se digo mar I.Blanco Amor, ESCARLATA RODRÍGUEZ RIVAS

ÚLTIMO POEMA. “Hermana”, de DORA VÁZQUEZ TERESA DEVESA

Moralla dijo...

Ola Marcos:
Paréceme precioso que lle dediquedes no Liceo, e a través de estudantes adolescentes, O Día Mundial da Poesía a Pura Vázquez, gran Poeta Ourensá.
Xunto con Rosalía, na miña opinión, Pura transmíteme emotividade e lirismo honestos. Non hai dúbida de que son a máxima representación da poesía femenina galega.
Noraboa.
Mágoa non poder estar. Mais pola semana estou en Santiago.Desculpas.
Un bico para ti, Dora, todos/as os membros do Liceo, Teresa, Loli, todos/as os participantes.
Yoli :-)

Anónimo dijo...

Foi unha magnífica poeta e unha mellor persoa. Por sorte quedan os seus versos e o recordo dun ser humano excepcional. Parabéns, Marcos, por traernos, unha vez máis, a Pura a este espazo de luces e memoria.

Moralla dijo...

Hoxe no Teatro Principal entereime pola prensa de que tamén fan unha homenaxe a CHUS PATO, estupendo. Agardo desfrute pois do día literario.
Mais todos/as deberiamos contribuír día a día ao crecemento da literatura como se fai a través deste blog ou a través de actos coma estes dous.
apertas

Moralla dijo...

Moitas grazas pola crónica xenerosa ofrecida do acto. apertas

Anónimo dijo...

... Non durou máis de 70 minutos".
Claro.Exacto. Velaí parte do éxito.
Non compren ladrillos senón bombóns para atraermos aos mozos. E ás mozas

Anónimo dijo...

Eu fun unha das alumnas que participei nista homenaxe, e sen dúbida algunha gustoume moito ler e escoitar poemas tan bos desta autora, practicamente descoñecida pra min ata o de agora.Os meus parabéns.
_Catarina_

Marcos Valcárcel López dijo...

Se me deixan, gustaríame saudar dende aquí a CATARINA, unha das miñas alumnas, das miñas máis excelentes alumnas, que ademais é, pola súa familia, orixinaria de Fisterra, onde teño tantos amigos. Dende aquí un saúdo e que o pasedes moi ben en Barcelona (e non deixedes de ver o Museo Picasso, que paga a pena).