5 mar 2007


María do Cebreiro (entrevista de Lupe Gómez, hoxe, en Galicia Hoxe)
(A entrevista completa. A foto é de Cris Tobío)

De que cor é a túa Compostela?
É amarela. A cor da pedra, do mofo, é amarela. Hai que rebelarse contra os tópicos, como o de que Galicia é chover, hai que reinvidicar imaxes diferentes. O amarelo-laranxa do sol. Gústanme os días de inverno, fríos, nos que podes pasear, non chove, ves as cousas con moita nitidez.

De que cor é Lisboa?
Lisboa é branca. Cheguei a Lisboa a finais de agosto, o verán estaba acabando, a luz era cegadora, xeraba uns reflexos que parecía que estabas nun soño, rodeada de luz. A miña experiencia en Lisboa foi preciosa, apaixonante.Barcelona é unha cidade distinta?A Barcelona ámoa. Son moi parecidas Lisboa e Barcelona. Teñen unha luz moi similar. Barcelona foi a miña primeira experiencia de vivir nunha cidade grande, entrar en contacto con xente distinta, abrirme á lingua e cultura catalás, con poetas como Gabriel Ferrater, que me apaixona.

Prefires unha Galicia urbana?
Hai unha especie de identidade en conflito. Temos que ser conscientes dese conflito e encaralo. Paréceme interesante que unha muller urbana como Margarita Ledo reinvidique a dignidade do rural. O que non me gusta é a manipulación do rural. Como un idilio, créase un paraíso perdido, minimízanse as sombras, defórmase a realidade.

Que son ‘Os hemisferios’?
Os hemisferios cerebrais, as diferenzas entre o esquerdo e o dereito, e están unidos, e teñen que convivir. Interésame moito a mente, o cerebro. Con esas circunvalacións que ten, o cerebro paréceme fermoso e amoroso. Tamén é calquera cousa que pode ser dividida, unha laranxa, unha esfera. O home e a muller. A diferenza entre xéneros.A muller escribe diferente?Somos diferentes, aínda que non queiramos. A sociedade imprime en nós esas diferenzas. Non creo na diferenza biolóxica, paréceme conservadora. Sería difícil que esas diferenzas de carácter social non callaran no que facemos, escribimos. Pero existen tamén as diferenzas de clase, a raza, a orixe rural ou urbana....

A poesía é emoción?
Joan Brossa dicía que o que lle interesaba era a poesía que estaba fóra dos libros de poemas. Hai poesía no cine, na vida, na música, en moitas situacións e lugares. Os poetas cazan, atrapan ese movemento que ás veces non sabemos como nomear. Ás veces encóntraste coa poesía, saúdala, senta contigo e queda xunto a ti.

María Mariño era radical?
Elude os camiños fáciles. A radicalidade é fuxir do lugar común, dos tópicos, do tradicional, das opinións categóricas que ten a xente sobre as cousas. Ela fai unha poesía diferente, non é nada compracente, e é radical. Fai poesía case terminal, e nesa revolución da lingua que fai hai un afán de achegarse aos límites da experiencia. Por iso é avanzada, moderna.

1 comentario:

Anónimo dijo...

"Non queres que o poema te coñeza", de María do Cebreiro, é unha verdadeira xoia poética que, ao meu ver, non recibíu aínda a consolidación que merece. Poucos poemarios están tan logrados estilística e discursivamente como pode apreciar o atento lector. Non entro a valorar, en cambio, a entrevista en si. Ora ben, a lírica de María é, con certeza, extraordinaria e fondamente emotiva en tódolos sentidos.
Mar de Fóra