5 mar 2007


TRABALLANDO, EN GALEGO
(La Región, 5 marzo)

O venres celebrouse no Liceo, convocado pola súa Sección de Literatura, un debate titulado “Experiencias concretas de galeguización na sociedade civil ourensá”. Tratábase de avaliar entre todos aquelas experiencias que dende hai anos apostan pola inserción profesional do galego, ás veces case sen axudas e sempre con moito esforzo persoal. Para iso convocamos a Antonio Piñeiro, técnico de cultura do Concello de Celanova e xornalista; Xavier Paz, libreiro e empresario; Manuel Suárez, médico; Francisco Nóvoa, empresario da Academia Postal; Xulio César Iglesias, xerente de Amencer; e Xosé Lois Brea, avogado.
Normalidade. Os amigos Piñeiro e Xavier Paz reivindicaron a normalidade no emprego do galego. Ese é o idioma habitual na maioría dos procesos que se desenvolven no Concello de Celanova, institución comprometida ademais nun papel normalizador da nosa cultura na vila de Curros e Celso Emilio. A mesma normalidade reclamaba Xavier Paz: “na miña librería falan en galego, portas para dentro, o 95 por cento dos clientes”. Como libreiro Paz nunca tivo problemas para desenvolver o seu labor cotián en galego, en todas as súas actividades, pero tamén advertiu: “outra cousa sería se falase como pai”. Manuel Suárez fixo unha emocionada defensa da lingua e do plus que significa para un médico actuar en galego (perdendo pacientes ás veces), pero tamén a recompensa de comunicación inmediata que se establece no ritual de relación médico versus paciente galego-falante.
A mocidade. No campo xuvenil, onde o galego perde falantes cada día, traballa dende hai a asociación xuvenil Amencer, dos centros Bosco de Galicia. A defensa do idioma e da nosa cultura é un dos seus eixes de actuación e o labor da asociación quere ser un contrapeso á desgaleguización que noutras parcelas sofre a mocidade. Tamén se botaron en falla actuacións específicas para a mocidade en espazos propios dela como o mundo do cine, televisión, videoxogos, etc. Pola súa banda Francisco Nóvoa defendeu o papel formativo en galego da Academia Postal: 142 libros de texto en galego publicados nestes anos e 163 profesores insertos nun plan interno de normalización que pretende en catro anos galeguizar todas as actividades da Academia.
A Xustiza. O máis pesimista, non sen razóns, foi Xosé Lois Brea, que partiu da súa experiencia na Audiencia Provincial. A realidade do galego na Xustiza é cero, isto é, non existe, limítase á obra dun par de avogados e á comprensión dalgún maxistrado (por certo sobre todo dun nacido en Ávila). Brea afirmou que mesmo existe belixerancia contra o galego na Xustiza e denunciou a desaparición no Pazo de Xustiza do Servizo de Normalización Lingüística e a escasa importancia do noso idioma na formación dos avogados (en Dereito estúdase de forma obrigatoria, inglés xurídico, moito menos útil que o alemán ou o francés para a profesión). Quizais a solución sexa, é ben certo, a que sostiñan Piñeiro e Paz ó comezar o debate: traballar en galego, con plena normalidade, ó servizo da sociedade. Sempre que nos deixen e, se non o fan, reclamar ante a autoridade todos os nosos dereitos lingüísticos como galegofalantes. Dereitos que son de lei. (Imaxe da pintora brasileira Tarsila do Amaral).

9 comentarios:

Anónimo dijo...

Manuel Suárez é ese médico que é do partido galeguista, ademais de ser de relixión protestante?

Pois se o é, que se deixe de patrañas, que eu o teño visto máis dunha vez dirixirse aos pacientes en perfecto castelán, ademais do resto do persoal sanitario.

Se non o é, pido desculpas.

Anónimo dijo...

Mágoa non poder escoitar estas experiencias ao vivo! Hai que ter cara presentar a Academia Postal como un modelo a prol do galego, terán 142 libros publicados en galego, mais as súas aulas en que idioma se dan? Pero se até o Estatuto de Galiza se dá en castelán con Junta de Galicia e consejeros incluídos

Marcos Valcárcel López dijo...

Obviamente, non podo falar por eles nin testemuñar máis do que sei. Sei da práctica galeguista de M. Suárez no Instituto no que traballa, ademais da súa profesión de médico. Na mesma charla el dixo que falaba en castelán cando os pacientes así llo pedían, engadindo ás veces "a ver se na próxima cita xa falamos en galego". Do resto, debo fiarme da súa palabra e en galego é a súa práctica habitual en diferentes contextos (dende os artigos que publica na prensa e algunha conferencia que deu ata os programas que facía na TVG como pastor protestante).

Anónimo dijo...

Pois é o mesmo médico. Dicía que non veña "vendendo a moto" de que por falar galego perde pacientes. Non llo creo, non.
Téñoo visto, máis de unha, de dúas e de tres veces, nun centro médico privado falando en castelán tanto cos pacientes como co persoal laboral (enfermeiras, etc.). Mesmo a min se dirixiu en castelán cando lle fixen unha pregunta en galego sobre o servizo.
Naturalmente que está no seu dereito e que pode falar o que lle dea a gaña. Agora ben, que non veña fardando en público da súa militancia linguística e facéndose o mártir. Por aí si que non lle paso. Fartan xa estes galeguistas de salón que practican a dobre moral e unha hipocresía rampante no asunto linguístico. Evidentemente, vostede Marcos non ten a culpa do que fagan, faltaría máis. Pero quería deixar conta do meu testemuño.

Anónimo dijo...

Se as experiencias de galeguización son na práctica como o que relata o posteador anónimo non imos ben que digamos.

Anónimo dijo...

Gustaríame que algún día as mellores escolas e as mellores consultas médicas públicas fosen aquelas nas que se empregase o galego na fala e na escrita ao 100%. Por ex, coller os mellores mestres galego-falantes e crear unhas escolas dotadas de moitos medios: habería tortas para entrar. Xa vería algún se o galego é ou non útil.

Anónimo dijo...

Hai determinados sectores da sociedade da sociedade galega que estan acorazados contra o galego,os mais son: A Igrexa e a Xustiza. Da xustiza xa nin falo ("Por parte da Xustiza hai unha resistencia numantina, primeiro en Madrid, e segundo por contaxio tamén aquí en amplos sectores da xudicatura") mais da igrexa podería facer moito mais do que fai, posto que a súa forza esta no rural galego, ou polo menos estaba. Non esquezamos que si o catalán e o euskera estan o ben que están e polo apoio do clero as mesmas. Un exemplo: en Menorca vin nos horarios que caseque todalas misas eran en mallorquín salvo unha que era en castelán. Eiqui é ó reves, o raro é que se fagan en galego.

Anónimo dijo...

Por certo, eiqui o que non fai falla son ¨martires¨ como os que se citan no artigo. Ó que fai falla é xente que troque de lingua cando se lle fale en galego, é dicir, xente que se manexe nos dous idiomas. Cando se lle pregunta a alguén en galego, que poda contestar en galego. Esto é bilinguismo, o outro é diglosia. Non me veñan con historias, xente que cursa o 30% (en teoria) ou menos dos seus estudos en galego, e cando se lle pregunta en galego, non saben contestar en galego? ou son parvos? Outra cousa, espero co Xabier Paz asine tamén o Manifesto do E.

torredebabel dijo...

Pois qué se pode decir da diáspora enton? o galego morre cada día, con cada un dos velliños emigrados que van morrendo. Non se fala galego nos centros galegos, non se fala galego nos mitíns políticos dos que chegan aquí pidindo votos por Galicia, non se fala galego case en ningún lugar mentre non fai máis de 50/60 anos o galego se escoitaba polas rúas de Bos Aires. Cun pequenísimo grupo de mozas e mozos bonaerenses (todos universitarios, todos fillos e netos) tomamos o costume de chatear e falar -como sabemos, que non é moito nin moi ben- entre nós. Non é moito o que podemos facer, pero xa viñeron preguntarnos outros do noso tempo onde o aprendéramos, como estudialo.
Non é moito, dende logo, pero ben merece a pena!