12 mar. 2007


A miña crónica do acto do Liceo...
LEMBRANDO A CARLOS CASARES, La Región 12 marzo

No Liceo. O Liceo foi a súa segunda casa en Ourense, dixémolo moitas veces, pero é verdade, tal como subliñaba Martínez Pedrayo na tertulia do venres pasado. Remataba de xantar e baixaba cara o Liceo a gozar do faladoiro cos amigos. O Liceo débelle o sostén básico dos seus Encontros Literarios entre 1990 e 2002 e moitas citas culturais máis. No Liceo falou moitas veces do seu mundo cultural: ese mundo que, lembrouno tamén Pedrayo, tiña tres referencias ideolóxicas básicas: Olof Palme, Felipe González e Ramón Piñeiro.
A tertulia serviu para recuperar o Casares máis humano, tolerante, liberal, humanista, excelente conversador, capaz de atender durante horas ós detalles da nai de Julio Losada, como lembraba o seu amigo. Foi un gran curioso, como todo escritor. E de neno, un gran preguntón, lembrou o seu irmán Xavier: moitas veces cría as historias máis fantásticas que lle contaban, de aí quizais veña a súa ponla máis imaxinativa que aboiaba en relatos como “Os escuros soños de Clío”. Foi tamén un hipocondríaco ilustrado, lembrou o seu irmán médico, e levaba o mundo do xornalismo moi metido nos seus ósos: Xavier tivo a xenerosidade de cederme unha copia da primeira colaboración de Casares nos xornais: trátase dunha entrevista a don Constantino Limia,un limiao que foi tenente na guerra de Cuba e que coñeceu a Churchill, Lerroux e Primo de Rivera. Publicouse en LA REGIÓN en 1961, cando o futuro escritor tiña dezanove anos.
Despois, nunha sesión posterior, sesenta ourensáns leron os seus textos xornalísticos, tan vivos, tan cheos de matices e de ironía, expresión do seu xeito de ser e da súa propia bonhomía. O acto rematou cun poema inédito de Modesto Fraga dedicado a Casares e coa lectura, con toda a emoción que tan ben sabe comunicar Tereixa Devesa, do fermoso artigo que lle dedicou Manuel Rivas trala súa morte.

Blogomillo (...) . A Fundación traballa ademais coa Universidade de Vigo na organización dun Simposio dedicado ó escritor ourensán que terá lugar en decembro nesta nosa cidade: será unha ocasión magnífica para promover traballos académicos e de investigación sobre a vida e a ampla obra literaria e xornalística do autor de “Un país de palabras”.
(Foto: Na homenaxe que lle fixo o Clube Alexandre Bóveda, en 1994, Carlos Casares con Benito Losada, J.A. Outeiriño, Afonso Monxardín e o asinante destas liñas).

2 comentarios:

Anónimo dijo...

O poema lido era bastante malo.

Silvio Falcón dijo...

Creo que hai que felicitar a Marcos polo gran traballo que fixeches por recoñecer dende internet tamén a memoria de Carlos Casares.