29 mar 2007


Riseiro (Bieito Iglesias en El Correo Gallego, 29 marzo)

(Sobre a imaxe, ía poñer unha foto de Rajoy, pero case seguro que os lectores/as agradecen máis esta nova icona de J.Opie, artista pop británico, e así tampouco os castigo...)

Non é difícil dar coas fontes ideolóxicas de don Mariano Rajoy. Somos case dun tempo, de maneira que coñezo as lecturas infantís que levedan no seu espírito adulto. Poñamos por caso este parágrafo que tivemos que engulir alá por 1964 xunto co leite en po doado polos americanos: "Es indispensable evitar las rivalidades regionales... sólo uniéndonos en apretado haz podremos lograr la prosperidad de España y el bienestar individual de cada español". Nótese que o patriotismo constitucional existía mesmo antes de haber constitución, como o demostra esta cita da Enciclopedia Álvarez, capítulo de Formación política (niños). Máis complicado resulta inquirir qué lecturas informan o pensamento do vigario de Rajoy na Terra (galega), aínda que me permito aventurar que Núñez Feijoo non coñece os entreforros d´A era do baleiro, por Gilles Lipovetsky. Este monsieur observa que vivimos nunha sociedade trouleira, dun humor lúdico, afastado da comicidade grotesca medieval e da sátira da idade clásica: "Cada vez máis, a publicidade, os programas de animación, os slogans e a moda adoptan un estilo humorístico. O cómico converteuse en imperativo social xeneralizado".
Don Alberto vén de proferir un discurso dirixido a encoraxar as hostes que lidarán nos comicios municipais e, levado dun demo xovial, opuxo a fiesta jolgorio propia (do PP) á morriña allea (de PSOE e BNG). Pois ben, socialistas e nacionalistas participan da rexouba típica do mundo occidental, como todo quisque, e por cima teñen máis motivos de contento que a maioría. O feito de estar a esquerda no presenteiro constitúe aquí unha excepción histórica, e cando pasas das catacumbas á moqueta dos escritorios moi amouchado hai que ser para non experimentar unha alegría de castañolas.
Tristeza dos novos gobernantes? Cando soa o himno galego, eles cantan polo baixo o repertorio de Palito Ortega: "Antes nunca estuve así enamorado (do poder), no sentí jamás esta sensación. La felicidad, ja, ja, ja, ja..." Aflitos andan os destetados dos ubres da Xunta. Choran, pero non haxa medo que teñen o embigo atado.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Pois......vaia como estamos, o EDITORIAL de hoxe de La Región, para darlle de comer aparte.

Anónimo dijo...

E logo que puña ese editorial de La Región?

(Estou out, porque non me entero de nada)

Anónimo dijo...

Esto de Bieito é un bucle melancólico. Bieito cita a Palito Ortega, fonte de inspiración daquela colección de contos La felicidad, ja, ja, de Bryce Echenique. Juaristi, Bieito, Palito, Bryce. Todo cobra sentido.