16 mar 2007


Rosalía de Castro e a Academia (X.L. Méndez Ferrín)
Faro de Vigo, 16 marzo ("Os camiños da vida")

Parece mentira pero con tanto como se escribiu sobre Rosalía de Castro aínda hoxe é o día no que non existe unha súa biografía que una a veracidade co contexto histórico e sociolóxico e o conxunto cunha indagación psicolóxico en profundidade. Hai datos eruditos rosalianos, microtextos, excursións sen dúbida beneméritas, pro nada semellante a unha obra biográfica que una tanto fragmento. E por riba, existe a mitificación.E ollen que non me estou a referir ao mito nacional de Rosalía de Castro en tanto que representación máxima das letras galegas. Esa existe por é regra e, coma todos os mitos nacionalistas galegos, fundaméntase na verdade por moito que lle doa a toda esa riquitropa que convirte a combate permanente ao nacionalismo nunha forma, incluso económica, de vida. Estou a falar das estorias e episodios da vida de Rosalía de Castro que os autores máis serios aceptan acríticamente e que repiten sen dubidar unha liña do catecismo os historiadores da literatura, así os bons coma os menos bons.Por exemplo: que Rosalía fose abandonada pola súa naiciña dona Tareixa (así dicía Carballo Calero nos seus días de esplendor erudito) e que se criase coa familia do seu pai no Castro de Ortoño é algo que non pasa de ruxe-ruxe e que non ten nin unha proba na cal sosterse de pé. Que ela fose filla dun crego de pouco pelo apelidado Martínez Viojo constitúe só unha novela familiar fraguada polos sobriños e sobriños netos daquel señor e da cal tamén non existen probas documentais. Menos mal que, non hai moito tempo, apareceu unha investigadora seria e á cal non lle amarga o traballo, Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, e esta púxose a revisar todo. Despois dos traballos, por certo moi ben escritos, desta persoa unha boa parte dos boatos ou lendas ou falsidades ou medias verdades referidos á vida de Rosalía de Castro está sendo abolida e un novo perfil biográfico da nosa autora está a tomar xa imaxe no bastidor no que Victoria borda ou brosla. En fin, que o século XXI está agora a coñecer unha diferente biografía de Rosalía de Castro que non tardará en cobrar forma da man de Ruiz de Ojeda ou da man doutro escritor ou escritora de categoría capaz de, cos novos datos e cos mitos destituídos, insuflarlle unha vida nova á terríbel dama e señora de todos.Hoxe é día grande porque, na Coruña, a Academia Galega vai recibir da Caixa de Galicia a casa que habitou naquela cidade o matrimonio formado por Rosalía e Murguía coido que entre 1871 e 1875. Non se trata dunha doazón, que sería estatutariamente imposíbel, pero na práctica a casa de Rosalía e Murguía na Coruña vai converterse na primeira e principal sede da Academia Galega. A Caixa de Galicia estalle a dar un exemplo e unha lección a todas as institucións galegas no día de hoxe. (Observen: ningunha autoridade e ningún particular pensou en que a Academia Galega podería dispoñer duns poucos metros cadrados na Cidade da Cultura de Compostela). Finalmente, a cesión á Academia da casa na que viviu Rosalía escandalizando a boa sociedade da Coruña coa súa inobservancia relixiosa (explícao moi ben X.L. Axeitos) constitúe tamén un valioso contributo á nova visión biográfica da autora que nos fai sentir orgullosos de pertencer a esta Nación.

8 comentarios:

Anónimo dijo...

O que máis me gustou do artigo foi esa mención a Caixa de Galicia. E, de paso, a indirecta a Anxela B..

Anónimo dijo...

uns requilitorios bombástico, parágrafos preñados de subordinadas e parentéticas, con moito bombo para a caixa amiga que rotula en castejano en galicia e en catalán en catalueña

Anónimo dijo...

Ferrín, coma sempre, exercendo de oráculo dende o seu fachendoso sectarismo. Non se lle nega a graza e mais a erudición. Pero tanto ditirambo á señora de Alonso Montero -non é para tanto a categoría investigadora de Dª Victoria, non é por nada-, e tanto resentimento por acó e acolá, fálannos ás claras de que Ferrín tampouco non é inocente. O de sempre: no país dos cegos, o virollo é rei.

Anónimo dijo...

¡Tanto rollo para pelotear unha vez máis ao seu amigo e tocaio José Luis Méndez, da "Caixa de Galicia"!
¡A ver se un día lle di algo sobre a Autoestrada do Atlántico ou sobre ENCE!

Anónimo dijo...

Que a nosa caixa amiga, que rotula en vernáculo en Cataluña pero non na súa terra, ceda unha casa á Academia non é grande mérito: para iso están as caixas.
O que a min me gustaría saber é a proporción dos seus beneficios que se inviste dentro e fóra de Galicia.

Marcos Valcárcel López dijo...

Sorpréndeme o tono airado de todos os comentarios a este artigo: non creo que citar aquí o labor de Caixa Galicia, xeneroso en calquera caso coa Academia, sexa abondo como para acusar a Ferrín de complicidade cos intereses económicos desa casa. Paréceme esaxerado.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

O meu non era airado, nin moito menos. Gustoume de verdade. Por iso suliñei tamén a crítica (in)directa á Xunta de Galicia. Sinto ter dado esa impresión.

Anónimo dijo...

Non é ton airado. Era un comentario pretendidamente churrisqueiro ao estilo de Méndez Ferrín e dúas críticas "construtivas" á caixa amiga.
Que Méndez louve o labor de Méndez é normal, aínda que ao principio despista un pouco. O primeiro Méndez é un académico da institución e o segundo Méndez ten que investir "n'algo" os cartiños que nos quitan polo outro lado, tal e como manda a lei.
Mentres non os gasten en facer un museo máis, ou unha orquestra chimpofónica máis, eu contento.