Sinatra e Sofía Loren
(Andoliña 7 marzo)
No ano 1957 Stanley Kramer rodou en España a película Orgullo y pasión, ambientada nas guerras napoleónicas: lembreino esoutro día na sección Cen Anos de Historia Cultural. A rodaxe dividiuse entre Santiago, Ávila, Cuenca, Segovia e máis lugares. Foi unha das grandes superproducións da época: ata Franco foi visitar os escenarios onde se ía rodar. Por certo, seica sae na película un mozo cebreireño de 23 anos, supoño que como extra, que co tempo habíase facer abondo popular neste país, un tal Adolfo Suárez. Xa ven.
Xuntou aquela rodaxe tres monstros do cine: Cary Grant, Frank Sinatra e Sofía Loren. Houbo leas de saias e máis cousas. Un amigo contoume esta anécdota que vén no libro Cary Grant, un toque de distinción, de Warren G. Harris: Sinatra fixo de bufón do grupo e quixo darlle leccións de inglés a Sofía Loren; de xeito que a actriz ía polo plató dicindo cousas como “foi caralludo” ou saudando co dito “que tal tes a pirola?”. A pobre da Sofía estaba fascinada pola voz melodiosa de Sinatra, vaia peixe, pero cando se decatou da tomadura de pelo do actor ofendeuse tanto que foi xunto del e, diante de toda a compañía de actores, chamoulle “abusón e repugnante fillo de p...”.
6 comentarios:
Velaí a simpática anécdota que esoutro día contou nun fío Arume dos Piñeiros reconvertida nunha Andoliña. E graciñas polo tema.
Para eso estamos. Faltaría máis. Moitas gracias a ti.
Supoño que Sinatra ensinarialle á Loren unha palabra algo máis contundente que pirola. Big cock talvez?
Ten razón, como case sempre, o amigo APC. O certo é que usei, do dicionario, a expresión máis neutra e eufemística porque me autocensurei. Sofía diría cando menos "carallo" ou "caralla", en galego, pero pensei que eran expresións un pouco heavys para un xornal. Quizais me pasei na miña autocensura e houbesen pasado estas formas sen problema, non sei...
De todas formas, seguro que Sofía (véxase a confianza) dirialle a Sinatra aquelo de "cazzo di merda", que seguro entendería.
Pois "maledetto figlio di putana" (ou a expresión do seu artigo, Arume, revertida ao napolitano) debía levar a súa potencia. Sobre todo proferida pola da foto de arriba.
Publicar un comentario