18 abr 2007

As mulleres na cultura galega
Andoliña 18 abril

Con este título comezou a semana pasada un ciclo da Sección de Literatura do Liceo ourensán que pretende, como é obvio, subliñar a presenza feminina na nosa cultura, tantas veces ocultada ou invisible, como se di agora. Abriu o lume Encarna Otero falando da tan singular Sofía Casanova, personaxe extraordinario por todo o que sabemos dela (hai traballos na rede de Lois Leira e da mesma Encarna), pero tamén polo moito que albiscamos que queda por coñecer: habería que estudar a fondo todos os seus libros e os papeis que se gardan en Madrid. E menos sabemos aínda de Felicia Auber, xornalista do século XIX que Rosa Aneiros rescatou dos arquivos: colaborou acotío na prensa cubana e en Galicia. Revista universal deste reino. Tiña a necesaria ousadía intelectual, mesmo discutindo a obra dos filósofos clásicos, para deixar unha forte pegada na nosa historia cultural.Grazas a estas autoras e a especialistas como Carmen Blanco, Dolores Vilavedra, Carme Vidal e Aurora Marco, entre moitas outras, comezamos a desvelar a verdadeira achega feminina destas mulleres esquecidas: velaí o magnífico Álbum de Mulleres da web do Consello da Cultura Galega. Neste campo, sospeito, seguirá habendo sorpresas.l

3 comentarios:

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

A Universidade de Vigo organiza desde hai algún tempo un posgrao de Estudios de xénero que seica ten un grande éxito. Levano Purificación Mayobre e Beatriz Suárez: http://webs.uvigo.es/pmayobre/pop/01.htm
Desde este ano trátase do único Programa Oficial de Postgrao de tipo humanístico da Xunta de Galicia. Os estudios, pois, sobre xénero, levados maioritariamente por mulleres, constitúen unha das señas de identidade da universidade galega, nomeadamente da viguesa (ou do Sur, como adoita dicir La Región).

Anónimo dijo...

Bo está recordar ao esquencidos, e entre eles a moitas mulleres que fixeron unha obra interesante.
Mais iso non nos debe impedir ver algo que xa comentei noutra ocasión neste foro, e que non tivo ningún eco: a relativamente escasa presencia de mulleres no "galeguismo" cultural e político. Un bo exemplo témolo neste foro, no que a presencia de mulleres paréceme, cando menos, mínima.
Noutra (?) orde de cousas, hai tempo lin unha estatística que aseguraba que os homes votaban nacionalismo nunha proporción moito máis alta que as mulleres.
Non é unha crítica, así que ninguén se dea por ofendido. En todo caso, é un tema para reflexionar. Se non se quere comentar, pois que lle imos facer?

Anónimo dijo...

Leo, lamentablemente, tarde estes comentarios. Pouco antes de que o fío decaia, unha apostila ao comentario do Swann: a ruptura da transmisión familiar da lingua ten as nais como axente fundamental; dino os estudos, aváloo eu mesmo e aínda se poden escoitar pais falándolles en galego aos fillos coa nai ao lado sen apear da outra.

Obviamente, hai explicacións que teñen que ver co papel idelóxico e social que o poder suxire, propaga e as mulleres aceptan. Non é razoable descoñecelo nin evitar analizalo. Abofé que non.