31 mar 2007











Cartas do pasado

(1) Teño enriba da mesa seis ou sete libros de epistolarios de galeguistas dos anos 50, da Xeración Galaxia. Dende estas cartas podemos chegar a facernos unha idea abondo aproximada do que foron aqueles anos e do compromiso xeneroso daquelas xentes por salvar da barbarie a lingua e a identidade de noso. Cada día albiscaba unha nova sorpresa. Ramón Piñeiro escríbelle a Del Riego o 7 de outubro de 1949: “Mándoche dúas poesías para ese Suplemento de La Noche que estás a preparar. O autor é un rapaz de Outeiro de Rei que cumpliu 19 anos. Ten rematado un libro de versos, “Muiñeiro de brétemas”, que enviou ós de Benito Soto por mediación de Iglesia Alvariño”. Aquel rapaz de 19 anos era Manuel María. Semanas despois Piñeiro fala con entusiasmo de Uxío Novoneyra e doutras grandes voces da posguerra: o fío da identidade, por fortuna, non estaba roto.
(2) Estamos no 23 de marzo de 1956. Méndez Ferrín era aínda un rapaz de 18 anos, descoñecido. En 1957 publicaría o seu primeiro poemario, “Voce na néboa”, e iría a Madrid a estudar. Pero en marzo de 1956 Ramón Piñeiro manda unha carta a Fernández del Riego por medio de Méndez Ferrín: dille que o portador da carta é o poeta triunfante nos premios de poesía galega das Festas Minervais e que levou outro premio nun concurso de contos. “Foi a gran revelación literaria deste concurso universitario. Felizmente, é un escritor galego e non pretende ser outra cousa”. Piñeiro afirma rotundo que será “un dos anovadores da nosa prosa literaria, pois ten verdadeira vocación de escritor” e quere estudar Filoloxía Románica. Piñeiro recomenda con entusiasmo a nova descuberta e remata cun consello revelador para don Paco: “Pono en relación cos amigos de ahí”.

5 comentarios:

Raposo dijo...

Si, por sorte, non estaba roto.

paideleo dijo...

Resulta curioso e simpatica a vez, descubrir a historia e os seus mecanismos internos dende o futuro.

Anónimo dijo...

O heroico loitador por Bretaña apadriñado por Ulm Roam. Á final todo é unha cuestión de complexos de Edipo...

Xosé Manuel Carreira dijo...

En canto ao Ferrín político, sen ánimo de ser perverso, algún día alguén debería contarlle aos máis novos os motivos reais que levaron á escisión de Ferrín e a UPG.

En canto ao Ferrín escritor gústame moito pero é un pouco irregular. Ten libros bastante mellores ca outros. Os sempre louvados Retorno a Tagen Ata e Arnoia, Arnoia dúrmenme mentres que Antón e os inocentes, os relatos Arraianos ou Crónica de Nós parécenme obras mestras. En todo hai gustos, supoño.

Anónimo dijo...

don luis gayo de arenzana, hombre cabal; don gaspar arroyo, hombre cabal