Do voto emigrante e dun país que desaparece...
En casa allea, encontramos hoxe dúas entregas que merecen ser aquí recollidas e supoño que comentadas. Por exemplo, o que opina en Galicia Hoxe Afonso Monxardín sobre O disputado voto do señor emigrante:
Os emigrantes debían ser os primeiros en se manifestaren contra o seu dereito a voto nas eleccións españolas. Porque cun dereito vén un deber. E non podemos obrigalos a ser partícipes das nosas liortas, nin a ser sabedores, polo miúdo, do que acontece nestas terras. E aínda é peor a división artificial que se produce alá. Galicia -e España- débense ocupar dos seus emigrantes en América por pura xustiza, non por un puñado de votos. Eles sacáronnos a fame, por activa, ao enviárennos cartos nos anos da posguerra, e por pasiva, ao restaren bocas dunha España famenta. Agora tócanos a nós. Así, a emigración -e a inmigración-, deben ser cuestións de Estado, afastadas no posible do debate político.
E esta reflexión de Xosé M. Sarille sobre a caída demográfica e a escasa atracción de poboación inmigrante por parte do noso país: Galicia é un barco sen luces, xogando o autor coa metáfora pimenteliana:
Segundo o organismo estatístico da UE, Galiza perderá trescentos mil habitantes nos próximos vinte anos. Ficará con dous millóns catrocentos mil, dos cales a terceira parte serán vellos con máis de sesenta e cinco anos. Esta noticia, recollida por EL CORREO GALLEGO e Galicia Hoxe, é extraordinariamente importante porque a poboación é unha riqueza básica, sen a cal non se pode construír ningún país que queira chamarse país, e xa non digo nación.
Galiza non ten capacidade para atraer inmigrantes, un factor fundamental para o desenvolvemento e a saúde social, e ademais perde peso demográfico no conxunto do Estado español. Talvez para esa data sexamos máis ricos que hoxe, por estarmos aínda máis subvencionados, pero teremos menos que dicir socialmente. Politicamente seremos un país residual e apenas teremos futuro.
PAISAXES CON MÚSICA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
Someday Soon (1977)
Firefall
Hace 1 semana
7 comentarios:
Farei eu xa un primeiro comentario: no remate do artigo de Sarille, que recomendo lean enteiro, faise unha comparación entre a clase política galega de hoxe e de hai uns anos, aquela máis curtopracista. E Sarille recolle eloxiosamente unha tese de Camilo Nogueira: debe ser a primeira vez, se non lembro mal, despois dos duros artigos que lle ten dedicado en "A Nosa Terra", ó meu ver inxustos con este personaxe político.
Tamén hai un eloxio de Fraga Iribarne. Eu creo que a Sarille iso de formar parte disa terceira parte de galegos non lle sentou moi ben.
Ó final Fraga vai ter razón... Hai que poñerse a facer pequenos.
Penso que ao Sarille tiñan que darlle un posto relevante na Xunta: resolvería nun tris o problema da lingua, o problema demográfico, o problema palestino-israelí, o problema...
Pode que Sarille optase nesta nova xeira gubernamental por xogar o papel, sempre distinguido, de anunciador de catástrofes que todo o mundo sabe que van ocorrer pero que ninguén se atreve a anunciar. É posible que medren -tampouco moito- os seus inimigos, pero os seus amigos, en calquera caso, vano seguir sendo. O único que se xoga é o placer inmenso de dicir o que pensa ou o que se lle ocorre. Como ademais non ten un pelo de parvo -nin de listo: en realidade non ten ningún pelo-, sempre leva parte de razón no que di, aínda que seguramente non toda. En todo caso, a min gústame sempre que haxa por aí un tocagüevos con fundamentos, que é unha cousa ben distinta do abundante e xa ben coñecido falabarato.
O futuro denunciado por Sarille é unha realidade presente e nalgúns casos pasada. Unha pequena visita ao exterior das franxas que comunican as capitais de provincia ou a que abrangue a costa occidental desde Ferrol ata Tui produce desalento. Non é que nos vindeiros anos perdamos 300.000 habitantes e que xa os estamos a perder agora mesmo. E con isa perda o desexado artellamento do país, aquela metáfora que chamabamos vertebración, que nunca dimos feito. Haberá que recompoñer o mapa. Contemos, Monxardín, pois, con Lanzarote.
Non sei, aínda que todos os datos poidan apuntar tendencias, non son moi proclive a prédicas apocalípticas. Levamos séculos pronosticando que o mundo se acaba e, mal que ben, este persiste. Reminiscencias acaso dun milenarismo latente?
Publicar un comentario