16 abr 2007


Literatura de viaxes
(Nas
imaxes Julio Camba e Claudio Magris)
Atendendo varias suxerencias do post sobre Turismo (que está a punto de caer de páxina, con máis de 50 entradas), abrimos aquí un novo para proseguir o rico e gorentoso debate que alí se estaba a dar. Propóñolles, ademais, abrir unha nova xanela no tema abordando a Literatura de Viaxes. Que pensan ó respecto? Que libros estiman máis neste xénero? Que pensan da Literatura de Viaxes en galego?
E tócame abrir lume, así que alí vou. Así de memoria, en castelán, estimo eu moito os clásicos como o Viaje a la alcarria de Cela; toda literatura viaxeira de Julio Camba (Aventuras de una peseta; La rana viajera, e os seus grandes retratos de ingleses, franceses, italianos, alemáns, suízos, portugueses, ianquis, xudeus, etc.) e as entregas nesta liña do mestre Josep Pla (Un viaje frustrado, Cartas de Italia...).
E habería que facerlle un oco ós viaxeiros románticos e liberais, de Jorgito Borrow a Hemingway, pasando por Richard Ford, Aubrey Fritz Gerald Bell, Charles de Davillier, Nina Epton, etc., que todos eles pasaron tamén por Galicia e dela escribiron.
Da literatura viaxeira nas letras galegas, creo que o máis destacable son algunhas obras de Otero Pedrayo (Pelerinaxes; Por os vieiros da saudade), que pouco viaxou, e as polémicas viaxes de Risco (Mitteleuropa) e esa marabilla que é o Diario 1921 de Castelao. Aínda poderiamos engadir nomes como Plácido Castro e algúns máis. Ou o magnífico volume Galicia (Ed. Destino) de don Álvaro Cunqueiro. Nas letras recentes hai clásicos novos como Xavier Alcalá, Alfredo Conde ou Víctor Freixanes que entran nas letras viaxeiras, cando enmarcan as súas novelas en paisaxes arredadas, dende Sudamérica á Italia do Renacemento. En Caderno de Viaxe, Xerais quíxolle dar un pulo ó xénero, que non foi moito máis alá: escribían daquela Xavier Alcalá, Vicente Araguas, Fdez. Naval, Ramiro Fonte, Margarita Ledo, Manuel María, Martínez Oca e Suso de Toro.
Das letras contemporáneas, entre os meus preferidos estarían o Danubio, de Claudio Magris, e La costa de los mosquitos, de Paul Theroux. En coleccións de Bibliotecas Viaxeiras, teño libros como Boomerang. Viaje al corazón de Australia, de Xavier Moret (que me encantou no seu día) e outros que teño lidos a medias ou por anacos, como John Steinbeck, Viajes con Charley. En busca de América; Olivier Rolin, Sete ciudades (Evocaciones literarias de Buenos Aires, Trieste, Lisboa, Alejandría, Leningrado, Praga y Valparaíso); ou Joe Kane, El descenso del amazonas. La primera travesía completa por el río más salvaje del mundo.

30 comentarios:

Anónimo dijo...

A mín a relación de Antonio Pigafetta sobre a volta ao redor do mundo con Magallanes e Elcano é o que máis me atrae, sen esquecer os de Bruce Chatwin, sobre todo o da Patagonia que onte glosaba Savater en EL PAIS Semanal.
E vou soltar unha herexía, pero para mín a Viagem a Portugal de Saramago é o mellor libro del. Con moita diferencia.

Anónimo dijo...

Unha coñecida cita dí que as viaxes fasne gastando a goma dos zapatos máis que as gomas do coche e coido que Saramago gastou algo máis as do seu coche para elaborar o seu libro. Xa sei que será fácil non estar dacordo conmigo e que o autor fai literatura, non unha guía de viaxes. Aínda que a súa lectura e moi grata, cousa que non dubido, só lamento que a narración do que vai vendo sexa o que máis perto fica nun desprazamento por estrada sen case ter que baixar do coche. Son moitos os exemplos que ao longo do libro acreditan o que digo pero só me deterei nun por estar perto de nos. Cando Saramago recorre a "bacia" do Miño desfaise en parabéns para describir a capela da Orada en Melgaço (que fica ao lado mesmo da estrada) e sen embargo nada nos dí doutras capelas incluso máis interesantes na mesma rota coma Sanfins de Friestas, Paderne ou Longos Vales simplemente porque debía apartarse uns escasísimos kilómetros. No caso de Longos Vales emprega liñas en describir a sonoridade deste nome (certo que o ten) ao velo no letreiro na estrada e sen embargo nin se lle ocorre tirar dous kilometros na dirección do indicador para contarnos algo do fermoso conxunto que alí se atopa. Polo demáis é un libro recomendable.

Anónimo dijo...

Concordando en todos os libros citados, noto en falta algúns autores fundamentais (citarei só unha obra de cada un, pero...):
Richard Burton, primeiro tradutor integral d'As mil e unha noites ao inglés,(Las fuentes el Nilo); Bruce Chatwin, (En la Patagonia) ou Javier Reverte (Vagabundo enÁfrica), obras todas elas moi recomendábeis literariamente.
Xabier

Marcos Valcárcel López dijo...

Por suposto que faltan moitos nomes, Xabier: diso se trata. De ir completando a relación neste fío de todos/as.

Basho dijo...

Para mim, o imprescindível absoluto dos últimos anos:

El pasajero de Montauban, de Javier Ridao (Círculo de Lectores/Galaxia Gutenberg).

Põe no seu lugar aos "clásicos" da literatura de viagens espanhola e, já que está em faena, a certos prejuiços da cultura espanhola.

Uma delícia desde o ponto de vista literário, ético e político. Uma maravilha que leio uma e outra vez.

Anónimo dijo...

Non son un gran lector de literatura de viaxes, desgrazadamente. E non por falta de interese, senón por prioridades.

Así pois, alén dalgúns títulos citados, aos que engadiría Gerald Brennan ou Paul Bowles, pouco podo aportar.

O que eu agradecería é que máis ca un listado, o que se fixeran sexan comentarios avaliativos sobre os libros lidos, na liña de Xabier e de Parzival. Se acaso o teñen a ben.

O comentario de Xabier non ten desperdicio, e a Parzival pediríalle que nos ilustrase máis, porque quedei moi intrigado.

Anónimo dijo...

O libro de Saramago é un chisco pedante. Non gosto moito del en xeral: esa identificación do viaxeiro co erudito contemplador de acenos en iconos de retablos de capelas de igrexas nos confíns do mundo non me gusta. O relato en terceira persoa co nome de "Viaxeiro" como protagonista tampouco non contribúe a unha apreciación persoal da viaxe e si á excesiva culturetización da experiencia. Se dixen que me parecía o mellor libro del, foi para relativizar a súa literatura, en xeral bastante pesante.
Eu creo que a marca das viaxes de Goethe por Italia vese en moitas páxinas de moitos libros desta natureza. A descripción de obxectos artísticos (esa cousa que chamamos ékfrasis), ben sexa un cadro, unha escultura ou un edificio enteiro ten que estar subordinada á experiencia persoal e nunca ao revés. Goethe tenta de conciliar ambos aspectos, non sempre de modo, ao meu xuízo, satisfactorio. Pero creo que os seus imitadores optan por invertir o proceso, de tal maneira que o viaxeiro é un alma entregada á contemplación artística sen folgos para ver máis alá ca un catálogo de bondades estéticas.
Eu prefiro as viaxes exentas de tales preocupacións. Ou alomenos que estas non determinen o rumbo das peripecias. Por iso, o libro de Chatwin é exemplar. Aínda que creo que o xénero de libro de viaxes venlle curto e entra no claro terreiro da literatura de ficción, coa viaxe coma excusa.

Anónimo dijo...

Pois ven que o viaxeiro potencial que lles escribe non le moito sobre o tema. Da serie do Círculo de Lectores sobre Literaturas Orientais, que teño enteira, entre outros volumes está agardando o titulado "Dos viajeros musulmanes", e xa lamento non poder dar conta dela en ocasión tan propicia.

Citarei dúas referencias que non saíron. Letras españolas: no corpus de literatura celiá -probablemente polo éxito do da Alcarria- adoita quedar escurecida a obra súa que eu máis gorento: "Del Miño al Bidasoa"; adoitaba percorrerlle algunhas páxinas en momento de lecer acougado finisemanal ou en vacación.

Das letras galegas mencionarei un autor habitualmente ignorado, nunca sei eu por falta de aprecio literario ou prexuízo político: Lois Diéguez, habitual guieiro ou orientador de prosa, en tales casos, amena e suxestiva.

E, saíndo brevemente do marco indicado, citarei outro escritor esvaído e obra na que noveladamente se percorren espazos diversos da antigüidade mediterránica: Mika Waltari, "O etrusco". Desculpen a licenza.

Anónimo dijo...

Nunca me tirou a curiosidade por esas liñas, as viaxes para min son duas, a viaxe ao fin da noite de Celine, e a viaxe ao corazón das tebras de Conrad, e porque non o desaparecido, tamén coñecida como America de Francisco Graia. Ao que mais recurrin para viaxar por Galiza é a Otero, pero distráigome tanto pola súa prosa que o interés perdeme e non me importa, chegado un punto o lugar do que me está a falar, se non o seu dicir e o que sempre ausculta tras de toda apariencia superficial do espacio, porque os topos van mais fondo, cara as correntes subterraneas das verdaderas viaxes dos povos e e da xeoloxia, tan lenta, e tan pregnante, que está a imantar o sentido. Cando ergo a vista da guía e me decido a coñecer aquelo que el apunta, perdinme tantas veces, que so a uso para viaxar na casa.
Por outra parte, entendo a viaxe como un vaciamento, cando salgo, o interés polos monumentos durame pouco, satúrome de seguido, e collo camiño pola cinta sin fin da cidade ceibando os pensamentos polas ruas, perdido encontro a revelación nunha pequena praza, nunha fonte, nun escaparate, nunha gárgola, nun portal, nunha taña do alcantarillado,nunhas pedras, nunha inscripción, nunhos zapatos, no punto de fuxida duha longa rúa e os pensamentos extravíanse na experiencia e o obxecto recupera toda a forza reveladora, unha epifanía e anovado se torna o camiño de volta na viaxe que non cesará coa chegada ao punto de partida, a viaxe segue, quere abrirse camiño, precisa da novedade, do descubrimento, pero hai que deixar cousas atrás, vaciarse, por eso o desprendido viaxa mellor, e os egoistas, os que so fan viaxes de negocios, para negociar con outros ou consigo mesmos traen tantas fotos,videos, souvernirs e postales, porque verdadeirmaente non estiveron alí.
Jimy de Rairo

Anónimo dijo...

¡Xa estamos faltando! O señor anterior, con aire de superioridade, estános a chamar ás(aos) demais egoistas porque traemos fotos ou souvenirs das nosas viaxes. É que non se pode, así non se pode. De "guais" algúns nada, polo que se le.

Anónimo dijo...

O poema (ou reflexión) de Kavafis fixo moito daño.
Hai que recoñecelo.

Anónimo dijo...

Xa que o Arume me dá pé, permítome apegar a versión máis estimada, dun xubilado:

I

"Quan surts per fer el viatge cap a Itaca,
has de pregar que el camí sigui llarg,
ple d'aventures, ple de coneixences.

Has de pregar que el camí sigui llarg,
que siguin moltes les matinades
que entraràs en un port que els teus ulls ignoraven,
i vagis a ciutats per aprendre dels que saben.

Tingues sempre al cor la idea d'Itaca.
Has d'arribar-hi, és el teu destí,
però no forcis gens la travessia.

És preferible que duri molts anys,
que siguis vell quan fondegis l'illa,
ric de tot el que hauràs guanyat fent el camí,
sense esperar que et doni més riqueses.

Itaca t'ha donat el bell viatge,
sense ella no hauries sortit.

I si la trobes pobra, no és que Itaca
t'hagi enganyat. Savi, com bé t'has fet,
sabràs el que volen dir les Itaques.

II

Més lluny, heu d'anar més lluny
dels arbres caiguts que ara us empresonen,
i quan els haureu guanyat
tingueu ben present no aturar-vos.

Més lluny, sempre aneu més lluny,
més lluny de l'avui que ara us encadena.

I quan sereu deslliurats
torneu a començar els nous passos.

Més lluny, sempre molt més lluny,
més lluny del demà que ara ja s'acosta.

I quan creieu que arribeu, sapigueu trobar noves sendes.

III

Bon viatge per als guerrers
que al seu poble són fidels,
afavoreixi el Déu dels vents
el velam del seu vaixell,
i malgrat llur vell combat
tinguin plaer dels cossos més amants.

Omplin xarxes de volguts estels
plens de ventures, plens de coneixences.

Bon viatge per als guerrers
si al seu poble són fidels,
el velam del seu vaixell
afavoreixi el Déu dels vents,
i malgrat llur vell combat
l'amor ompli el seu cos generós,
trobin els camins dels vells anhels,
plens de ventures, plens de coneixences."
(Lluís Llach).

Por certo, leo nunha web que na celebración da segunda Copa de Europa do Barça puxeron a canción, interpretada por unha tal Beth, no Estadi. Iso si que é "més que un club". Més que un país, gairebé.

Anónimo dijo...

Pero como se pode cantar esa canción cunha copa diante. Non quedaramos que o importante era o camiño e non a meta.
E iso que son un culé de pro, desde a máis irracional infancia.

Anónimo dijo...

De acordo con Arume.

bouzafria dijo...

Falando da irracional infancia: un dos primeiros libros que lin foi "La vuelta al mundo en 80 días" de Verne. Supoño que teoricamente poderíase encadrar no tema deste post.
(poderíame enrollar co dito antes sobre Kavafis, que o importante é mais o camiño que a meta, e que debaixo da novela xuvenil de aventuras está a evolución humana do personaxe de Phileas Fogg excusa mediante da viaxe)

Anónimo dijo...

Que non o tome a mal a señora Amelia, pero xa que imos de serenidade kavafiana, permítame, que sen animo de disgustar aos señores viaxeiros deixe este poema:

Dís: Irei a outra terra, cara outro mar,/
e unha cidade mellor con certeza encontrarei./
Poia Cada esforzo meu é aqui un fracaso/
e o meu corazón está sepultado/

Até cando este abismo cercará a miña alma/
Ondequeira que volvo os ollos vello só/
as escuras ruinas da miña vida e os días/
que aquí gastei, perdínou destruín/

Non acharas outra terra nin outro mar.
A cidade irá sermpre tras de ti. Nas mesmas ruelas/ perderaste.Nos mesmos arrabaldos chegará a vellez./
Baixo os mesmos teitos encanecerás./
Pois a cidade espérate sempre. Outra non percures./
Non hai barco nin camiño parati/
En todo o universo destruiches canto destruiches/
nesta estreita esquina da terra.
Jimy de Rairo

Anónimo dijo...

O que queiran vdes., pero pór no estadio a Kavafis/Llach é mostra de civilización ben estraña en tales escenarios. E como satisface acadar algunha meta.

Que achado! En efecto, Phileas Fogg e Passepartout sitúanse na máis recóndita memoria de viaxes lidas. Hai que ter peito, arriscar a metade da fortuna para chegar a tempo; Fogg nin se decataba do que vía, pero nós si.

Que episodio lles resulta máus suxestivo? A lea electoral de San Francisco, orixe do posterior duelo co coronel Proctor, é ben pavera.

Lereinos mañá, se persisten. Teñan boa noite.

Anónimo dijo...

É mellor non andarmos con esas cousas de músicas nos estadios. Onte para recibir os dous equipos galegos en Balaídos puxeron Paquito el chocolatero, pasoboble interpretado por King África. É, pois, o Celta, por iso, menos ca un clube? Somos menos civilizados?

Anónimo dijo...

É quen ten que recoñecer, amigo Jimmy, que ás veces ponse estupendo de máis.

Anónimo dijo...

Eu tampouco non son un grande degustador de literatura de viaxes, tamén por falla de tempo e por fixar prioridades (prefiro, p. ex., as biografías). Así e todo, gostaría de chamar a atención sobre un subxénero que moitas veces fica esquecido: o das boas guías de viaxes. Hainas (p. ex. algunhas da coleción El País/Aguilar, ou as alemás Dumont) que son verdadeiras alfaias, elaboradas por persoas cultas, sensíbeis e moi boas coñecedoras dos lugares que recomendan, tanto dos seus engados artísticos como de ambientes e paisaxes, de consellos gastronómicos e hosteleiros, pero tamén de rotas e camiños, todo iso salferido de pingas intelixentes de Historia, de literatura, de etnografía ou de anécdotas. Fixen unha viaxe por Sicilia hai tres anos cunha desas guías no peto, e foi unha experiencia marabillosa. Mágoa que agora non lembre o autor, pero prometo traelo a colación.

Anónimo dijo...

si, amigo APC, pero é porque ando a percura do xusto.
Jimy de Rairo

Anónimo dijo...

Efectivamente, ten razón Isildur. As guías aparentemente convencionais aportan visións da paisaxe ou do país moi interesantes. Alquén ten que escribilas e ese alguén ten que saber, e moito, do que escribe. Por exemplo, e perdón de novo pola insistencia italiana, as guías verdes do Touring club (de rexións, bisbarras ou cidades), que están en italiano na súa maior parte, non teñen parangón. Tamén hai que ter en conta neses casos para que tipo de turista/viaxeiro está feita cada guía. Agora non lembro o autor, pero hai un roteiro para camiñar polos montes de Vigo sensacional, do mellorciño.

Anónimo dijo...

Sobre música nos estadios -tema marxinal, se cadra fóra de sitio- só unha apostila ao dito. Nun capítulo de "Corrupción en Miami", a axente negra e escultural dixéralle ao da camisa floreada: "¿Sabes la diferencia entre tú y yo? Yo trato a mi cuerpo como un templo y tú como un parque de atracciones".

Son consciente do risco: ao do templo e o xogo pódenselle dar cen voltas; con todo, a min a frase gustoume -é de ver, haberá máis de dez anos que a oín- e aquí lles queda. Polo demais, o Celta é obviamente un clube ("just a club"?) e nós supoño que civilizados ou así; este é un vello reino europeo ou o que queda del.

E será mellor deixármolo, xaora.

Anónimo dijo...

Extraordinaria cita e orixininalísima a súa procedencia, amigo González.

Anónimo dijo...

A actual oferta de guías de viaxe é un bo referente de como foi avanzando este país tanto economicamente como culturalmente. Recordo o traballo que levei fai uns vinte anos para atopar unha guía de Viena. Ao final levara a que editaba El Pais nun formato libro nada propicio para portar na man polo que quedou sempre no hotel. Son moi demandadas desde fai uns anos as guías visuais (Acento e El Pais) quizá porque o turismo no fondo é un consumo de imaxes. Levan pouco texto e teñen o inconvinte de non ser manexables (e un pouco caras tamén). En Italia atopei unhas versións de peto baseadas nelas moi recomendables. No outro extremo nunca gustei das guias que só teñen texto como as de Lonely Planet. De tódolos xeitos ningunha guía no mundo é comparable as guias de Portugal que fai uns anos reeditou a Fundación Calouste Gulbenkian. Aínda que escritas nos anos 20 son verdadeiras enciclopedias sobre o pais veciño. Non están actualizadas pero non importa pois o esencial tampouco cambiou tanto. Xamáis vin proxecto semellante noutras linguas.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Visiten vostedes a páxina web do touring club. Mireina hoxe por acadar información e atopei en primeira Galicia cunha foto das Illas Cíes e: http://www.touringclub.it/

Anónimo dijo...

Non se poden esquecer libros coma ¨Año negro, Falcón gris¨ de Rebecca West sobre a antiga Iugoslavia, ou o ¨Diario de viaxe a Italia, por Suiza e Alemania¨de M. de Montagne, ¨Viaxes con Charley¨ de John Steinbeck, e outros que niste intre non me veñen á cachola...

Anónimo dijo...

Un excelente e atípico libro de viaxes, aínda que non sei se encaixará no canon, é "Caderno de Xapón", de Miguel Anxo Murado. E como é un libro moi bo e moi persoal, aquí loxicamente pasou bastante desapercibido.

Ana Bande dijo...

Onte estea meu mestre Kapuscinski coas súas "Viaxes con Herodoto"...

Anónimo dijo...

Concordo plenamente co Sr. Leituga con respecto o ¨Caderno de Xapón¨ do Miguel Anxo Murado moi bo libro na miña opinión xa que pasa un bo rato leendoo que pra min e a diferencia entre un ladrillo e un bo libro. Tamén coincido con Ana en Kapuscinski, eu recomendaria leelo todiño deste home...