30 abr 2007


O MEDO É LIBRE E A CONDICIÓN HUMANA

La Región 30 abril (Imaxe de G. de Chirico)

Somos uns bestas. Non se asuste, querido lector, non me refiro a vostede nin tampouco a min mesmo, claro. Pero se vostede pertence á categoría home, vostede tamén ten razóns para avergonzarse da subespecie natural na que o seu ADN o deixou predeterminado. E se vostede pensa en masculino, o menos que pode facer, coma min, é horrorizarse ó ler titulares coma este: “Cada 12 minutos detense un home por violencia de xénero” ou “Un de cada dez arrestos que se fan en España é por maltrato machista”. Non, non é para estar satisfeitos da condición masculina, aínda que eu non coñeza na miña contorna a elementos destas características. Cando menos moitos homes son seres capaces de facer un dano considerable ós seus supostos seres queridos e de impregnar de medo a aqueles que con eles deberían compartir a súa vida e os seus afectos. E o medo é libre: por iso non se entende a decisión dese xuíz de Valladolid que arquivou unha denuncia de maltrato presentada por unha profesora de instituto por descartar, dicía este orixinal xuíz, que unha persoa licenciada poida sufrir maltrato sen pedir axuda externa. Pouco sabe da condición humana este maxistrado. Recomendámoslle unha viaxe polas novelas europeas do século XIX: quizais recoñeza mellor a realidade dende as páxinas dun libro.
Videla e Massera. Foron perdoados polo presidente arxentino, o peronista Carlos Menem, en 1990. Dende aquela cada semana fóronse coñecendo novas atrocidades contra os dereitos humanos por parte do expresidente da xunta militar da ditadura e do seu xefe da Mariña. Videla está hoxe en arresto domiciliario, acusado polo roubo e entrega en adopción ilegal de nenos nacidos de mulleres embarazadas detidas, que logo eran asasinadas e feitas desaparecer. Unha páxina horrorosa da historia de Arxentina (e de Chile e da mesma España hai unhas cantas décadas). Agora a xustiza arxentina declara ilegal o indulto destes militares: os seus foron crimes contra a humanidade e como tales non prescriben. Ninguén pode devolverlle a vida ás vítimas, pero si, cando menos, a dignidade da súa propia memoria.
Homenaxes. Hai unhas semanas o Partido Popular facía unha interesante proposta, desas que só se lle ocorren ás forzas políticas cando están na oposición: prohibir as viaxes a América dos políticos nas previas ás eleccións. Porque as campañas electorais perturban as boas intencións. Pola mesma razón, quizais houbese que prohibir no mesmo período a celebración de homenaxes: ninguén dubida que personaxes como Celso Montero, Luís Taboada ou Antón Moreda merezan moitos recoñecementos, pero pode resultar sospeitoso que se promovan cando hai que pelexar por una foto de interese electoral.
A imaxe de España dende fóra. Sobre este tema falaron no Foro La Región unha xornalista inglesa, Elizabeth Nash, e outro alemán, Werner Herzog. “Ó falar, o español revela o seu xeito de ser e, sen darse conta, amosa o seu subconsciente”, dixo Herzog, subliñando que as linguas son moito máis que un sistema de comunicación. Proben a cambiar na frase o concepto “o español” por “o galego” e mediten despois se seguen estando de acordo coa citada frase.

5 comentarios:

Anónimo dijo...

A frase de Herzog, que seica é autor dun libro moi celebrado sobre España, vale para todas as linguas e para ningunha. Pode resultar unha obviedade coma un mundo ou unha falsidade de semellante tamaño. Ao non falar tamén revelamos o noso xeito de ser, e tamén ao bailar, ao chorar e ao facer calquera das accións propiamente humáns, mesmo á de parar quedo coma un morto.
E por suposto se revela o subconsciente será sempre sen darse de conta, porque se se dera de conta, entón é ben consciente. Ou eso a mín me parece. Sei moi pouco de sicoanálise: pero eso na escolástica chamabase tautoloxía.

torredebabel dijo...

Menos mal que fronte a estes casos que tan xustamente lembras, tamén temos ás mulleres que formaron a asociación Nai da Praza de Maio que sen armar, sen violencia, so coa forza da súa maternidade e os cueiros blancos dos seus fillos na cabeza foron quen (e son quen) de dar testemunia de dignidade dende fai 30 anos (hoxe).

Anónimo dijo...

Non sei moi ben o que quixo dicir o señor Herzog con esa afirmación. Tal como a interpreta -verosimilmente- o señor Arume, non é, en efecto, máis que unha banalidade obvia e mesmo tautolóxica. Pero pregúntome eu se, talvez, non se querería referir a esoutra vella polémica sobre se cada idioma leva canda si unha forma única de concibir a realidade, unha especie de "weltanschaung", como se dicía antes con máis frecuencia que agora...

Anónimo dijo...

A verdade é que a frase así, descontextualizada, é oca. "Cada un fala como é". Vale.
Eu non me teño por besta. Que haxa homes que o son, vale. E mulleres.
Os indices de violencia doméstica en España non están, en absoluto, entre os maiores de Europa, máis ben todo o contrario.
Consulten, por exemplo, as taboas nas páxinas do ministerio do ramo.
http://www.mtas.es/mujer/mujeres/cifras/tablas/WFEMICI.XLS

¿Teño que dicir que me resulta repulsiva a violencia doméstica? Non. Do mesmo xeito que non vou dicir que non colaborei coa policiía política en Polonia. Un pouco de presunción de humanidade.
Non obsesionemos á xente co tema tratando de buscar solucións definitivas a todo que non as hai.

Anónimo dijo...

Entonación viril de la lengua española