Os nabis e os escultores españoles das vangardas
Este solto vai dirixido sobre todo ós lectores/as non ourensáns (e tamén os ourensáns se aínda non as viron) : porque vou recomendarlles dúas magníficas exposicións que temos en Ourense estes días e que quizais ata se animen a facernos unha visita na ponte para vir velas.
A primeira delas inaugurouse antonte e leva como título LOS NABIS. PROFETAS DE LA MODERNIDAD: está no local de Caixanova, en plena Praza Maior, e creo que xa estivo antes en Ourense. Ten pezas de Paul Gauguin (na foto, "A filla do patrón"), Emile Bernard, Edouard Vuillard, Paul Sérusier e Georges Lacombe, entre outros, procedentes todas de museos franceses.
E no Centro Simeón segue EL VOLUMEN APROPIADO, unha colectiva de escultores españoles do tempo das vangardas: Pablo Gargallo (na foto un seu debuxo: "Retrato dunha moza na praia", 1933); Pablo Serrano; Honorio García Condoy e Ramón Acín, este último militante republicano fusilado no inicio da guerra (deseñou un monumento a Galán e García Hernández en Jaca que non se chegou a facer, na mostra están os bocetos). Esta é unha mostra patrocinada por Ibercaja que tampouco ten desperdicio.
Nos dous casos editáronse dous catálogos excepcionais que tamén paga a pena gardar.
Os nabis.
Pan por Pan 2 maio
Dende hai uns días pódese ver, nos locais da Praza Maior da Fundación Caixa Galicia, unha exposicións imprescindible: Os Nabis. Profetas da Modernidade. Con ese nome se designa a un grupo de artistas franceses, que seguiu a pegada de Paul Gauguin nos doce últimos anos do século XIX: Paul Sérusier, Paul Ranson, Pierre Bonnard, Felix Vallotón, Xavier Roussel, Georges Lacombe e Edouard Vuillard. As súas pezas, como esas mulleres bretoas xogando coas augas bailantes de vizosa decoración modernista, falan dun mundo cheo de espiritualidade, crítico cos xeitos mecanicistas e materialistas da nova civilización urbana e industrial. Do tempo dos poetas simbolistas, os nabis reivindican o misterio e os soños, as lendas e as alegorías, a color como expresión dos estados da alma: a arte como nova relixión, unha arela que segue sendo válida para os artistas de hoxe.
4 comentarios:
Ai!AI! Marcos, Marcos! Así que agora adícaste a pousar de modelo para os artistas! Eu que pensaba que eras un home serio e formal!
:-)
Segundo ven no catálogo, suponse que este debuxo é un estudo para unha moza na praia: pero eu cando o vin tamén pensei que se trataba dun home visto de costas...
Amigo Valcárcel, ten que acercarse a Vigo a ver a exposición da Barrié sobre Historia de cen anos de cartaces. Vaille gustar moitísimo. É fascinante. Sae ademáis aquela estampa que puxo vostede dun rapaciño abrazado a unha bandeira roxa. Lembreime hoxe de vostede e quixen comunicarllo. Empreguei este post porque parecía o máis axeitado. Perdoen os demáis a inxerencia persoal.
Pois, si, amigo Arume, seguro que me interesa moitísimo a exposición da Historia dos cartaces. E tamén a de Tamara de Lempicka, que vostede xa comentou con xeito no seu blog. Haberá que ir por Vigo en datas próximas, logo...
Publicar un comentario