Zeca Afonso: moi ben pola TVG
Na noitiña do mércores fomos todos á cama entoando para nós o Venham máis cinco e Verdes son os campos...: velaí o milagre da televisión. Moi ben pola TVG, pola gravación da gala de homenaxe ó Zeca Afonso, Sempre 25 abril, en Pontevedra. Non é doado axuntar tal cantidade de grandes figuras da música galega e portuguesa, ata 22 cantores e grupos: só contemplar nun mesmo espectáculo a Uxía Senlle e Dulce Pontes xa é un agasallo irrepetible.
Para os que rondamos os 50, o espectáculo, mesmo visto por televisión, foi tamén un doce remoer da memoria. Ensarillados na nosa saudade, vimos pasar diante nosa os ecos dunha parte notable da nosa mocidade: Xosé Afonso, Miro Casabella, Sergio Godinho, Fausto (este só nunha entrevista), etc. E descubrimos outros grandes artistas da música portuguesa máis recente que seguen o ronsel de tan egrexios mestres. Houbo tempo, por suposto, para a apelación ó combate: ese Franco asasino na voz de Antón Reixa e os vivas ó Poder Popular.
Zeca Afonso segue vivo na súa música para nós, sen dúbida. Pero que pensarán os mozos de hoxe, que non viviron aquelas vedrañas emocións, aquel alento ergueito que estaba na raíz das súas cantigas?
LA BELLEZA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
La belleza
Segundos fuera (1989)
*Luis Eduardo Aute*
Hace 1 semana
11 comentarios:
Sen dúbida o espectáculo musical (o musical) foi extraordinario e iso que eu non fun fan de Zeca. Pero só o espectáculo musical.
En "La Región" de hoxe o profesor José Paz fai un achegamento valioso á figura de Xosé Afonso e á súa discografía e, moi de paso, lembra os recitais do Zeca en Ourense, a principios dos 70 no Liceo e mediada esa década, creo, na Casa da Xuventude. Deste último por aló anda o cartel colgado, na propia Casa, e creo que se conservan fotos. Máis de trinta anos xa do tempo dos caraveis!!
UNHA CRÓNICA MÁIS DETALLADA DA GALA (no "Galicia Hoxe", hoxe):
chiscando un ollo
Sempre abril, sempre Zeca
BENEDICTO GARCÍA
En catro días, o equipo técnico da TVG convertía, con gran profesionalidade, o escenario do pazo de congresos de Pontevedra nun gran plató. Cables, vías, focos, decorado, etc. foron transformando aquel espazo.
E o día 13 gravábase alí un programa que, co título de Sempre Abril, será emitido polas televisións públicas de Portugal e Galicia o 25 de abril. Un espectáculo que trata de renderlle homenaxe, tributo, a Zeca Afonso.
Baixo a dirección de Suso Iglesias e realización de Manolo Abad, o programa, magnífico, recolle vídeos con declaracións e entrevistas con persoas próximas ó Zeca, tanto galegos como portugueses.
O guión, moi coidado, de Andrés Mahía, que andou un mes nesta empresa e descubriu esa personalidade xenial, para el descoñecida. A directora de programas, Ana Cermeño, desde as bambolinas, controlaba con delicadeza ata o último detalle. Un total de vinte e dous cantores e grupos, moitos acompañados por un grupo base de oito músicos, dirixido polo azoriano Paulo Borges interpretaron temas de José Afonso. A dirección artística, impecable, da propia Uxía. Por alí pasaron os Cantadores do Redondo, Vitorino, Luis Pastor, Faltriqueira, Xico de Cariño, Manecas Costa, Treixadura, Víctor Coyote, João Afonso, Uxía, Júlio Pereira, Zeca Medeiros, Dulce Pontes, Miro Casabella, Tito París, os irmáns Salomé, Antón Reixa, Janita Salomé, Sergio Godinho e Narf. Contaron cun público cómplice que axudou a un grande espectáculo.
Nas traseiras, animando a todos, un incansable Luis Pastor, que a todos facía cantar, producindo un "bo ambiente" entre todos, mentres no escenario se sucedían as actuacións enlazadas polas felices ocorrencias do presentador, Carlos Blanco.
En resumo, un espectáculo e un programa digno de lembrar. Preparade os gravadores...
Fun vendo o programa case completo e, malaventuradamente, non o din gravado. Musicalmente pareceume bo, con destaque para o Janita, Treixadura, Uxía, Dulce Pontes e João Afonso, alén dos moi especiais coros.
O presentador, no seu rexistro, bastante atinado e por veces brillante. Do traballo de realización televisiva non opino, fáltanme bagaxe e tempo. E canto a organización e perspectiva asumida, a falta de corrección, aparéntanme impecables, incluída xaora a presenza de Zélia Afonso.
Con franqueza: falta moita cousa desta nos medios; moito tomar en serio, na gobernación xeral, o tema portugués. Onte viuse como, nun ámbito que leva trinta anos de colaboración e coñecemento mutuos, o resultado é espectacular -nunca mellor expresado- en termos de mutuo beneficio. A ver se o imos espertando.
Foi unha gala extraordinaria. Lástima que, a final, venceume o sono atrasado e quedei a dúas velas. Con todo impresionoume, como de costume, Dulce Pontes. Qué grande artista! E tamén Uxía e Joao Afonso...
Parabéns á galega e aos produtores de tan alta obra de arte.
Non estivo nada mal a gala. Foi digna e correcta. A min Dulce Pontes -dona dunha gran voz- non me gustou moito pola súa tendencia á sobreactuación.
É curioso, AP-C: alguén moi cercano a min dicíame esta mañá: "Dulce Pontes debe ter algún problema" e aludía á posición da espalda.
Eu penso que a súa disposición corporal (espalda, acenos da boca, movementos do ollo, o de ir descalza, etc.) proceden sobre todo dun estudo deliberado conducente a optimizar os seus recursos vocais e a técnica de emisión. Dáme a impresión de que, de feito, ese famoso golfarón de voz é en parte debedor de tal exercicio; cousa que á súa moi admirada Mariza non lle é necesaria, porque envergadura e caixa hai as que se queiran.
Tocante a como pasa pola escena (unha levidade) e outros detalles, probablemente forman parte da súa visión e actitude ante a vida, considerada por Dulce Pontes -se non me engano- como algo profundamente transcendente. Non me aparenta mercadotecnia.
Amigo Modesto: perdeu vostede a estampa final con xente co puño en alto, algúns cos caraveis correspondientes, e a conselleira de cultura cantando polo baixo Grândola.
Un dos "problemas" que lle atopei ao acto é que moitas das versións estaban moi por debaixo das orixinais. Algo, polo demais, inevitable.
Concordo con A.P.C. A min Dulce Pontes tamén me parece amaneirada e afectada, na súa forma de cantar. Prefiro o fado máis áspero de Amalia.
E eu concordo con Duarte.
Publicar un comentario